Estradas e autoestradas estatais na axenda galega

En semanas anteriores debullamos a análise do pacto de investidura BNG-PSOE no atinxente á mellora do autogoberno e do financiamento autonómico e da axenda ferroviaria galega. Hoxe é a quenda da rede viaria estatal. O pacto de investidura acordou, canto ás autoestradas estatais, estender a actual redución da peaxe do 20% ao 50% para usuarios recorrentes (20 ou máis viaxes ao mes), equiparando os descontos vixente e futuro da AP-9 coa autoestrada central galega AP-53 (Compostela-Lalín-Alto de San Domingos). E incluíndo os vehículos pesados, tendo en conta a dependencia do transporte por estrada das mercadorias galegas.
A Autoestrada do Atlántico (AP-9), asemade, habería ser transferida, segundo este pacto de investidura, á Xunta de Galicia durante esta lexislatura, pois que non só se comprometeron as recoñecidas no vixente Estatuto, senón as que foron obxecto do acordo consensuado do noso Parlamento, que aprobou por unanimidade tres proposicións de leis orgánicas para transferir a AP-9, que decaeron polas sucesivas disolucións dos Congresos elixidos no 2016 e 2019. Arestora estase a tramitar a cuarta, que habería ser a definitiva. A cidadanía galega non entendería máis atrasos nin vetos implícitos nunha vía que constitúe a nosa “rúa maior”, mentres casteláns e andaluces transitan de balde por autovía entre as súas capitais.
O pacto de investidura acordou tamén un Plano plurianual 2024-28 de actuacións na rede viaria estatal no noso País para incluír nos sucesivos Orzamentos: i) rematar no 2024 a fulcral autovía Compostela-Lugo, ii) rematar o viaduto do Castro na A-6 sentido Madrid no 2023 e o outro viaduto, sentido Lugo-A Coruña, no 2024, iii) resolver a medio de actuacións concretas os chamados “pontos negros” da rede viaria estatal toda (N-VI, N-550, N-541 no sector de Cerdedo-Cotobade…), iv) mellorar a N-VI e a seguranza viaria na N-550 e v) planificar o segundo treito do paseo entre Marín e Pontevedra e planificar e principiar a execución da variante da Estrada.
O cativo estado da rede viaria estatal na Galicia e as desaqueladas recadacións dunha AP-9 que habería ter rematado este ano 2023 o período de exacción das peaxes proxecta a idea da importancia destes acordos políticos, mais tamén amosa a inconveniencia de vencellar aos Orzamentos Xerais do Estado e, en último de contas, ás decisións do Goberno do Estado o mantemento da rede viaria estatal na Galicia. A nosa economía precisa que a Administración galega teña a competencia e os recursos para xestionar a rede viaria toda para evitarmos perigos como o da N-541 ou funís que atrasan a vida cotiá de milleiros de persoas como o de Perillo-Oleiros na N-VI. Velaí a necesidade de negociar, nesta mesma lexislatura e seguindo o ronsel da transferencia ás Deputacións Forais vascas no 2018 e 2019, a transferencia do mantemento da rede viaria estatal na Galicia.

Que Galicia xestione as infraestruturas todas

O Estado español é unha catástrofe en termos de xestión das infraestruturas viarias galegas. Catástrofe acelerada desde que no Estado non haxa xa quen lle escreba. No Goberno do Estado en Madrid, desde hai un lote de anos, hai só altos cargos e subdirectores xerais. Nada de ordenadores, elementos ofimáticos nin persoas técnicas. Só xerentes de empresas amigas no horizonte.
Velaí a grave inconveniencia de que infraestruturas fulcrais para este País como as autoestradas estatais AP-9 e AP-53 e as estradas estatais todas no seu percurso por Galicia (N-541 entre Ourense e Pontevedra, a N-120 desde Valdeorras a Vigo ou a N-VI entre Pedrafita e A Coruña, entre bastantes outras) sigan a ser xestionadas pola incompetencia do Ministerio estatal de Fomento. As Deputacións forais e máis o Goberno vasco decatáronse desta gravísima eiva estatal e xa acadaron hai tempo a transferencia das vías estatais nos treitos que decorren polo seu territorio, como en parte acadou tamén a Generalitat de Catalunya.
A incompetencia dos medios e servizos estatais canto ás estradas estatais fica ben nidia diante do desastre da N-541 ou o bloqueo á mobilidade da Coruña dunha N-VI a mantenta inoperante desde Perillo-Oleiros durante 20 anos.
Nos ferrocarrís constatamos a necesidade de nos transferir as liñas Ferrol-Ribadeo, Lugo-Ourense, Ferrol-A Coruña e A Coruña-Ourense, A Coruña-Vigo e Vigo-Ourense para podermos planificar a xeito a rede ferroviaria propia deste País e, no seu caso, o tren de proximidade que o Estado español nos negou durante 60 anos. Malia todo, é evidente que a transferencia non poderá ser efectiva se non se nos achegan os medios económicos precisos para xestionar esta rede, que a España administrativa mantén na máis dolosa inacción. O Estado español, entón, non é confiábel para xestionar os nosos camiños de ferro.
Precisamos tamén do inmediato traspaso dos nosos tres aeroportos de interese xeral (Alvedro-A Coruña, Compostela-Rosalía de Castro e Vigo-Peinador) e dos portos de interese xeral da Coruña, Ferrol, Marín, Vilagarcia e Vigo para nos desenvolver e sermos competitivos. A actual xestión aeroportuaria de AENA e portuaria de Puertos del Estado segue a eivar o desenvolvemento destas fulcrais infraestruturas. Das resultas disto o Goberno deste país nin pode nin poderá usar destas ferramentas aeroportuarias e portuarias como pancas do desenvolvemento sostíbel da Galicia do futuro.