A responsabilidade do Estado na morte de Rosario Porto

A recente serie de Netflix, composta de cinco capítulos ficcionados, mais alicerzados na historia real do asasinato de Asunta e do xuízo no que foron condenados polo crime os seus pais, Rosario Porto e Adolfo Basterra, non conta o derradeiro capítulo da historia: a morte evitábel de Rosario Porto no cárcere de Ávila e máis a gravísima responsabilidade da Administración Penitenciaria española pola súa neglixencia nesta morte.
Rosario Porto faleceu en novembro de 2020, logo de botar presa sete anos e dous meses nos cárceres galegos de Teixeiro e A Lama e, despois, Ávila. Tiña un historial médico psiquiátrico de moitos anos, con varios tentamentos de suicidio cando morreu, algún deles, seica, antes do falecemento da súa filla. Despois da súa condena houbo outros dous tentamentos. Un primeiro que motivou o seu traslado penitenciario de Teixeiro á Lama e un segundo que determinou o seu definitivo traslado ao cárcere de Brieba-Ávila. Por certo, nos tempos nos que principiaba o illamento pandémico.
As regulamentacións penitenciarías consideran esta clase de sucesos como causas do traslado da persoa interna. Inflúe tamén nestas decisións, é certo, a suposta falla de aptitude da contorna do Centro de reclusión onde sucedeu un feito semellante. Con certa razón xenérica o sistema penitenciario considera que cómpre buscar outra contorna para o desenvolvemento da persoa afectada. Mais…
Mais Rosario Porto foi condenada polo asasinato da súa filla a 18 anos de prisión, porén nunca ao seu desterro de Galicia, nin ao seu afastamento das únicas persoas que miraban por ela: a amiga da familia que hoxe é a súa herdeira, o seu avogado Gutiérrez Aranguren, a súa psicóloga e a súa psiquiatra. O Estado español, a medio da súa Administración Penitenciaria, decidiu afastar da súa contorna, do seu cada vez máis pequeno mundo, a Rosario Porto. Nos intres da súa peor vulnerabilidade: o tempo da pandemia. E impediu teimudamente que estas últimas persoas, quer a amiga, quer os competentes profesionais comprometidos, estivesen canda ela. Seica na súa cela había no intre menos axeitado un cinto ou outro elemento de semellante efectividade para aquela idea que vivía no maxín de Porto desde tanto tempo atrás. E Rosario morreu.
Na pena de 18 anos de cárcere de Rosario Porto non ía incluído negarlle dereitos fundamentais como non se confesar culpábel, cumprir condena fóra da súa Terra e contorna vital ou dispor do acaído tratamento médico. Cando imos ser conscientes que as persoas que pagan a súa condena seguen a ter todos os dereitos que non lle foron expresamente limitados ou suspendidos por esa mesma condena?
Toda morte ou lesión sufrida por calquera persoa interna nun cárcere é, de primeiras e mentres non se poida demostrar o contrario, da total responsabilidade do Estado.

Minorizan a nosa lingua

A desigualdade xurídica do galego a respecto do castelán xorde da propia Constitución española. Non tanto do seu artigo 3 -que dispón a obrigatoriedade do coñecemento do castelán- senón da interpretación que lle foi dando o Tribunal Constitucional, que declarou en maio de 1986 inconstitucional a obriga de coñecer o galego da nosa lei de normalización lingüística e declarou inconstitucional en xuño de 2010 o carácter de lingua de uso preferente do catalán nas Administracións operantes na Catalunya.
Velaí os alicerces xurídicos que perpetuan o galego como lingua minorizada (para nada minoritaria). A Xunta e os concellos non teñen posibilidade legal de impor a obriga do coñecemento da lingua aos xuíces, notarios, rexistradores, funcionarios do Estado…Velaí a importancia das accións de discriminación positiva, canda a futura resolución desta anomalía constitucional.
Neste contexto, o Goberno do Estado está a piques de aprobar un proxecto de lei de comunicación audiovisual que non garante mínimos para o galego, euskera nin catalán na programación da cota mínima do 30% dedicada a obras audiovisuais europeas nas plataformas de contidos de TV (Netflix, HBO ou Amazon Prime). O anteproxecto reserva o 50% desa cota a obras en castelán ou en calquera lingua cooficial do Estado, mais non blinda mínimos para estas. Como tampouco reserva mínimos para o galego no 50% do 5% da facturación que as produtoras que ingresan maís de 50 M€ han reservar para obras europeas.
A gravidade desta decisión (provisional e reversíbel no Congreso se as forzas soberanistas que sosteñen o Goberno do Estado saben xogar as súas cartas e vencellan este debate ao dos Orzamentos de 2022) non atinxe só á exclusión do galego na grella da TV presente e futura, senón á potencia económica do noso audiovisual. Garantir mínimos en galego é potenciar a nosa creación, facer que as plataformas contraten as nosas producións, traballar a prol do “galician noir” e mesmo das nosas localizacións para as rodaxes. Corrixindo deste xeito a intencionalidade recentralizadora do anteproxecto de Nadia Calviño. No lingúistico e no económico.
Calviño defendeu no Congreso que o anteproxecto é axeitado, porque o castelán é a lingua que nos une e, xa que logo, fixar mínimos para o galego “prexudicaría as potencialidades da industria audiovisual española”. Ese mesmo día, desde a mesma ideoloxía recentralizadora no económico e no cultural, Aznar negaba a plurinacionalidade do Estado e máis a utilidade nel dun goberno multinível.
Tiña razón o grande Josep Pla. O máis semellante a un español de dereitas é un español de esquerdas.

De Xela Arias ao algoritmo de Internet

Malia que cumpra facermos Día das Letras aos 365 do ano, esta data sempre é boa para facermos balance e tentar albiscarmos un futuro. Un futuro dubidoso, marcado pola omnipresenza mediática do castelán, pola ruptura da transmisión xeracional e mesmo polas chatas de coñecemento da lingua por parte dun importante sector da xente nova educada en castelán, como veñen de reflectir os estudos da Real Academia Galega.
Fronte a esta situación cómpre usar das ferramentas usadas con bo suceso noutros países do mundo. Na educación inmersión lingüística para garantirmos un coñecemento abondo da nosa lingua para todo o alumnado. Na función pública a obrigatoriedade de acreditar un nivel de coñecemento activo abondo, tamén para fornecermos as vacantes na Administración de Xustiza e na Xeral do Estado. Na actividade económica garantirmos os dereitos lingüísticos das persoas traballadoras, consumidoras e usuarias a empregarmos o galego. Na esfera do público a máxima esixencia normalizadora, mesmo a contratistas e concesionarios e no privado a máxima amabilidade e flexibilidade, porque o peor galego é o que non se fala. E todos estes vectores dotados dun orzamento abondo, no marco dun pacto de País pola lingua que transversalice tamén o achegamento cultural e económico á lusofonía e o coñecemento acaído do padrón portugués.
Mais, con todo, o galego hoxe en día precisa doutras ferramentas fundamentais, que pasan pola súa aptitude de contar o que ocorre hoxe, de ser instrumento para que a cidadanía do século XXI faga a súa vida, como foi quen de contar a nosa vida durante os séculos que fomos nomeadamente unha sociedade agraria. E velaí a necesidade de conectar xeracionalmente coa Galicia urbana e de existir nos contidos audiovisuais e nos buscadores de internet.

Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) reflicte moi ben na súa obra e mesmo nas súas opinións e xeito de vivir e estar no mundo esta conexión xeracional. Arias constrúe un futuro para a lingua como lingua de prestixio desde o seu traballo editorial e tradución ao galego de obras senlleiras como o Drácula de Bram Stoker, O derradeiro dos mohicanos de James F. Cooper ou Dublineses de James Joyce. Como autora faise vangarda fusionando os poemas coa fotografía de Xulio Gil (Tigres coma cabalos, 1990) ou coa música de Fernando Abreu (Vencerse é cousa de se tratar). Mais a súa vangarda non é só estilística, senón que conecta coas angueiras da súa xeración, ás persoas que éramos novos a fins dos 80 e nos 90, facendo presente a droga que esnaquizou xeracións anteriores e o desemprego industrial que marcou a historia contemporánea de Vigo. Máis tarde (Darío a diario, 1996) Arias trata a maternidade (pouco presente na literatura galega até entón) desde valores de autonomía persoal propios do seu humanismo feminista.
Porque Xela Arias, muller, moderna, independente, rebelde, pluridimensional… recoñecíase nacionalista e feminista, como lle manifestou a Manolo Rivas na súa mítica entrevista dun domingo de marzo de 1990 en La Voz de Galicia: “…Deixarei de ser nacionalista cando as nacións oprimidas non o sexan e cando as mulleres discriminadas non o estean”.
Xela Arias morreu moi nova (como moi novos morreron Manoel Antonio, Lois Pereiro, Luísa Villalta e Begoña Caamaño) en novembro de 2003, case un ano despois do afundimento do Prestige, poucas semanas despois de publicar o seu derradeiro libro de Poemas Intempériome e de contribuír xenerosamente no amplo movemento Nunca Máis, que marcou de vez a súa xeración na Galicia.

A necesidade da Canle Xabarín
Se Xela Arias conectou o galego coas angueiras xeracionais da xente nova dos 80 e 90 o fenómeno Xabarín foi fulcral para entendermos como un programa da TVG puido integrar nun relato en galego a milleiros de rapaces e rapazas da seguinte xeración, os millenials, aínda nomeada na Galicia xeración Xabarín. O proxecto de Suso Iglesias, ademais, serviu para seguir a visibilizar grupos musicais dos 80 (Siniestro Total, Aerolíneas Federales) canda novos grupos de pop, nomeadamente a xeración bravú na que salientaron Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto.
Mais o grande suceso do Xabarín foi a súa estrutura de club (que chegou ter 130.000 socios), que Suso Iglesias inspirou no Cartoon Network e na moi boa dobraxe das mellores teleseries xaponesas, que normalizaron e prestixiaron o galego na xeración dos millenials. Ademais de algo moi europeo e pouco frecuente no Estado español: tratar as crianzas como seres intelixentes que son.
O galego hoxe está ausente dos contidos televisivos para o público infantil e xuvenil. E se as nosas crianzas e rapazada non ven e escoitan contidos en galego agravarase aínda máis a percepción da nosa lingua como lingua estranxeira. Reservar espazos infantís e xuvenís por lei na grella da TVE e mesmo das privadas (suxeitas ás regras de Dereito Público de calquera concesión) e potenciar a franxa correspondente na TVG son decisión acaídas, mais para nada son abondo e mesmo tampouco as máis importantes. Porque onde cómpre levar o novo Xabarín, segundo o ronsel da proposta unánime que vén de aprobar o Parlamento de Galicia, é ás plataformas televisivas (Netflix, HBO…) que vehiculizan a meirande parte do consumo televisivo actual, onde TV series galegas e en galego xa saben o que é o éxito, como O sabor das margaridas.
Nos vindeiros anos integrar nas plataformas televisivas unha programación infantil e xuvenil moderna e digna será un dos principais obxectivos para a normalización da lingua.

Integrar o galego nos buscadores de Internet
En termos comparativos sempre houbo importante presenza do galego en Internet, mesmo máis que na actualidade, onde segue a ser importante, tendo en conta as feblezas do noso modelo normalizador. Mais o verdadeiro problema, como publicaba hai uns meses o Blogue Reizentolo, é que o algoritmo de Google non nos recoñece.
Google Ads non permite enfocar os anuncios das empresas ás persoas que usan na web o galego, mais tampouco lels permite mesmo escribir os seus anuncios en galego. Se o tentan o sistema espétalles “idioma no disponible”. Tamén Alexa discrimina negativamente a nosa lingua. Recoñece textos en castelán e en portugués, non en galego.
Hai moitas persoas que opinan que poderíamos resolver esta cuestión redixindo os contidos cara ao portugués. Semella unha solución non moi acaída, mais si podería constituír un comezo cara a unha solución operativa se Google Ads admitise o galego como variante lingüística autónoma vencellada co portugués brasileiro e co portugués europeo, como fai co francés québécois.
De calquera xeito, visibilizar o galego nos buscadores de Internet é unha cuestión de País, como tamén é unha cuestión de País traducir todas as aplicacións precisas para navegar por internet e accedermos ás redes sociais. Proxecto que habería constituír unha das prioridades nas TIC a desenvolver polos proxectos galegos Next Generation. Para iso compren todas as ferramentas; xudiciais, de relacións públicas, promoción económica…
Neste Día das Letras 2021, ás ferramentas de normalización no ensino, na actividade económica, nas Administracións Públicas ou na publicidade haberíamoslle engadir, coas luces longas que amosaron Xela Arias e o Xabarín Club, as da conexión no estilo e na mensaxe coas novas xeracións, os contidos audiovisuais infantís e xuvenís nas canles e plataformas televisivas e máis a presenza do galego nos buscadores de Internet.