A axenda galega: ampliarmos o autogoberno

Falabamos a semana última do financiamento do autogoberno galego como primeiro capítulo da axenda galega que cómpre levar ás negociacións previas á investidura. Hoxe é a quenda da propia ampliación das competencias públicas que alicerzan esse autogoberno.
O Estatuto de Galicia (EAG) recoñece a titularidade galega a respecto dalgunhas das competencias que non son efectivas pola falla do traspaso dos medios e servizos cos que o Goberno do Estado as xestiona.Velaí i) o ordenamento do litoral (artigo 27.3 EAG), ii) o traspaso da AP-9 e da AP-53 por decorrer integramente no territorio galego (artigo 27.8 EAG in fine), iii) as liñas de alta tensión (LAT) Mesón do Vento-As Pontes e As Pontes-San Cibrao (artigo 27.13 EAG in fine), o ordenamento do sector pesqueiro (artigo 28.5 EAG), a inspección de traballo (derivada doi artigo 29.1 EAG), competencias de execución en salvamento marítimo (artigo 29.3 EAG). inspección da Seguridade Social (artigo 33.2 EAG in fine) ou a xestión do seu réxime económico no territorio galego (artigo 33.2 EAG). Tamén a xestión de bolsas e axudas ao estudo e a xestión dos museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal (traspasos de servizos pactados xa polo vicepresidente Anxo Quintana en decembro de 2008 e que Feijóo e Rueda nunca quixeron asumir nestes case 15 anos).
Por outra banda, precisamos dunha lei orgánica potente (promovida polo BNG e demais forzas soberanistas) para acadarmos a transferencia das competencias nos eidos do tráfico, da seguridade viaria, da policía de seguranza pública e das competencias do goberno e réxime local, a xeito de transformación estrutural do Estado para recoñecermos as competencias que todos os Estados federais e plurinacionais lles atribúen ás súas autonomías subestatais.
Mais as nosas competencias autonómicas coñeceron desde o ingreso nas Comunidades Europeas no 1986 un proceso de redución e homologación que ha ser freado de vez co gallo desta inusual oportunidade. Un proceso recentralizador sempre potenciado por eses árbitros caseiros que son os Tribunais Constitucional e Supremo que agora cómpre ser, primeiro denunciado, logo remitido, en último de contas desfeito.
Tamén cómpre blindarmos a nosa lingua propia como preferente no uso público e civil e máis como vehicular en toda caste de ensinos. A medio dunha lei orgánica de linguas oficiais, cos mesmos devanditos promoventes, ampliaremos as estreitas marxes da cooficialidade do artigo 3 da Constitución para equiparar de vez xuridicamente o estatuto xurídico-constitucional do galego e do castelán. Lexislando a obrigatoriedade de uso e coñecemento do galego para todos os empregados públicos na Galicia
Haberemos ter tempo abondo neste impasse político para analisarmos estas e outras cuestións.

Ampliarmos o Estatuto de Galicia

Existe un acordo unánime entre as tres forzas do Parlamento de Galicia (PSdeG, BNG e PPdeG) para esixir do Poder Central a transferencia das competencias na xestión do litoral. Galicia sofre dunha lexislación de costas e dunha praxe administrativa totalmente desaqueladas a respecto das nosas necesidades. Galicia ten moitos núcleos de poboación e actividades produtivas no dominio público marítimo-terrestre e a esquerda española, que só coñece o modelo mediterráneo, non entende a importancia destas nosas especificades.
Porén, Pedro Sánchez vén de rexeitar as febles reivindicacións que lle expresou Alfonso Rueda neste senso na súa recente xuntanza. Segundo o madrileño, Galicia ten de reformar o seu Estatuto para se atribuír estas competencias, como fixeron Catalunya, Andalucía ou, moi recentemente, as illas Canarias. Mais o certo é que o Estado podería transferir estas competencias a medio dunha lei orgánica ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución, que autoriza empregar esta ferramenta no caso de competencias susceptíbeis, pola súa propia natureza, desta transferencia. Así se fixo no seu día para ampliar os teitos competenciais do País Valencià e das propias Canarias ou para lle atribuír a Galicia competencia en policía de espectáculos.
Galicia precisa dun Estatuto de Nación que nos garanta un amplo teito competencial blindado, un financiamento abondo e acaído e un status xurídico de igualdade entre o galego e o castelán. Mais o PPdeG non partilla este obxectivo. Por outra banda, a evolución do sistema xurídico-politico español amosou a súa faciana máis recentralizadora coa implícita mutación do dereito das nacionalidades á autonomía, que o Tribunal Constitucional considerou limitado de vez pola posibilidade do Poder Central de cesar Gobernos e disolver Parlamentos a medio do artigo 155 da Constitución.
Mais o mellor ás veces dificulta acadarmos o menos malo. Cómpre facermos da necesidade virtude e propor un acordo de País para ampliarmos o Estatuto de Galicia nas cuestións que poderían xerar a unanimidade parlamentaria. Estas cuestións serían de ampliación competencial (xestión do litoral, salvamento marítimo, réxime local, tráfico e seguridade viaria, as autoestradas AP-9 e AP-53, os ferrocarrís de proximidade e media distancia, mantemento da rede estatal de estradas…) e de regulación estatutaria tanto de institucións como o Valedor do Pobo, os Consellos de Contas, Consultivo e Económico-Social como dos principios comúns ás Administracións autonómica e locais: legalidade, eficacia, economía, eficiencia, boa fe, confianza recíproca. Cumpriría tamén incorporarmos os dereitos sociais e económicos de terceira xeración: saúde, protección social e ambiental, igualdade…
Saberá o PPdeG estar á altura deste repto?