A reacción do Deep State

As demostracións convocadas polo PP o domingo último insírense no lexítimo exercicio das liberdades constitucionais, mentres que os actos de violencia exercida ao remate dalgunha das mesmas -e toda a semana pasada en Madrid- constitúen feitos suxeitos ao Dereito Penal que han ser sancionados coa proporcionalidade que sempre demanda a aplicación da Lei.
Outro xuízo ha merecer a ofensiva do chamado deep state contra os lexítimos pactos acadados polo PSOE coas distintas forzas soberanistas que na vindeira cuarta, 16 de novembro, apoiarán co voto dos seus representantes no Congreso a investidura de Sánchez. No pacto con JuntsxCat non se anuncia ningún procedemento de impugnación de sentenzas ou resolucións anteriores nin moito menos a revisión das mesmas polo Congreso. Só se sinala que a amnistía haberá abranguer tamén condutas vencelladas co chamado procès de xeito indirecto nas que existise evidente desproporcionalidade na reacción xudicial. Velaí a imputación por terrorismo do president Puigdemont e da secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ou a acusación por malversación do ex director de gabinete de Puigdemont, J. L. Alay por viaxar na representación da Generalitat ao referendum de autodeterminación da Nova Caledonia. Non se cuestiona a independencia do Poder Xudicial que, en troques, si sofre por ter caducado o mandato dos membros do seu goberno hai xa cinco anos.
Polo mesmo, que os Inspectores de Facenda, Traballo e Seguridade Social asuman unha actitude insubmisa contra decisións legais do Poder constituído como a transferencia a Catalunya ou, eventualmente, Galicia, das competencias de recadación fiscal e/ou dos servizos da inspección de traballo ou a Euskadi da xestión da Seguridade Social (sen afectar á caixa única), fican fóra do ámbito de actuación das súas asociacións profesionais para se inserir de cheo na política partidista.
Por outra banda, calquera apelación a unha actuación política concreta que bloquee o exercicio democrático da investidura dirixida ao xefe do estado ou ás forzas armadas ha de se considerar como unha apelación á subversión da orde constitucional impedindo o normal funcionamento do Congreso para decidir a súa función esencial de expresar ou non a confianza para investir ao Presidente do Goberno do Estado.
Canto a Galicia, a moi discreta presenza cidadá nas demostracións deste domingo (sobre todo en comparanza coas de Madrid e outras cidades) amosa que este País non gosta dos rebumbios nin da polarización extremista. Ningún dos acordos asinados vai prexudicar o autogoberno e o benestar da cidadanía galega. A redución da débeda da Xunta e das peaxes das AP-9 e AP-53, a equiparación nacional co autogoberno de Catalunya ou Euskadi, as melloras ferroviarias ou a creación do tren de proximidade nas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra son avances substanciais obtidos polo BNG que nunca antes acadara o PPdeG.
E Rueda sábeo.

As claves do acordo de investidura BNG-PSOE

Teño escrito que o PSOE vai moi rápido para asinar os pactos e moi amodiño para cumprilos. En realidade está no seu ADN xustificar os seus trasacordos no cabal cumprimento do asinado, nomeadamente cando pacta co soberanismo galego, mais tamen co catalán ou vasco.
Porén, desta volta paira algo distinto no ambiente. A crise da investidura coincide coa proximidade das eleccións nacionais galegas. E semella que Sánchez e Gómez Besteiro apostan pola alternativa dual BNG-PSdeG para substituír a dereita no Goberno galego despois de 14 anos de deterioración relativa e perda de oportunidades de Galicia. Tamén é certo que o BNG enfrontou a negociación con intelixencia, consciente da prescindibilidade da súa representación parlamentaria estatal, mais tamén tanto da proximidade crítica do proceso electoral galego como da apertura do debate territorial, mesmo da posíbel mutación estrutural do Estado, como propuxo o lehendekari Urkullu.
Deixaremos para as vindeiras semans a análise deste principio de acordo (aínda non definitivo) canto ás melloras viarias e ferroviarias, sociais e de rendas e nas políticas de igualdade e promoción do galego. Hoxe enxergaremos tres cláusulas xerais do pacto, fulcrais canto á ampliación do autogoberno e mellora do financiamento.
A primeira é equiparar Galicia, como nacionalidade recoñecida canda Euskadi e Catalunya, con calquera recoñecemento dun novo status a calquera destas dúas nacións. Cando só achegamos o 5,5% do PIB e o 5,2% da poboación estatais e os nosos alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado xogarmos en rexional no canto de facelo na liga das nacións é suicida para os intereses galegos.
A segunda é a disposición para transferir nesta lexisltura todos os medios e servizos referidos ás competencias do Estatuto e demais materias onde o Parlamento de Galicia teña chegado a un acordo unánime. Neste senso, se Rueda quere, haberá Comisión Mixta de Transferencias antes da fin de 2023. A listaxe competencial é longa e substantiva: i) o ordenamento do litoral, ii) o traspaso da AP-9 e da AP-53 por decorrer integramente no territorio galego e existir vixente un acordo parlamentario unánime, iii) o ordenamento do sector pesqueiro, a inspección de traballo, as competencias executivas en salvamento marítimo, iv) a inspección da Seguridade Social e máis a xestión do seu réxime económico no territorio galego. Tamén a xestión de bolsas e axudas ao estudo e maila xestión dos museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal (traspasos de servizos pactados xa polo vicepresidente Anxo Quintana (BNG) en 2008 que nin Feijóo nin Rueda quixeron asumir).
A terceira é financeira e moi potente. Calquera redución da débeda catalá ou de calquera outro territorio do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA) requirirá de medidas análogas de compensación equivalente para o noso país, tendo en conta que dos 12.333 M€ da débeda pública galega só 2.759 se lle adebedan ao Fondo estatal, pois Feijóo preferiu pagar xuros aos bancos no canto de se financiar ao 0% co FLA.
Ademais, o acordo só compromete ao BNG para a investidura de Sánchez. Nin os Orzamentos nin a propia lexislatura.

A axenda galega: ampliarmos o autogoberno

Falabamos a semana última do financiamento do autogoberno galego como primeiro capítulo da axenda galega que cómpre levar ás negociacións previas á investidura. Hoxe é a quenda da propia ampliación das competencias públicas que alicerzan esse autogoberno.
O Estatuto de Galicia (EAG) recoñece a titularidade galega a respecto dalgunhas das competencias que non son efectivas pola falla do traspaso dos medios e servizos cos que o Goberno do Estado as xestiona.Velaí i) o ordenamento do litoral (artigo 27.3 EAG), ii) o traspaso da AP-9 e da AP-53 por decorrer integramente no territorio galego (artigo 27.8 EAG in fine), iii) as liñas de alta tensión (LAT) Mesón do Vento-As Pontes e As Pontes-San Cibrao (artigo 27.13 EAG in fine), o ordenamento do sector pesqueiro (artigo 28.5 EAG), a inspección de traballo (derivada doi artigo 29.1 EAG), competencias de execución en salvamento marítimo (artigo 29.3 EAG). inspección da Seguridade Social (artigo 33.2 EAG in fine) ou a xestión do seu réxime económico no territorio galego (artigo 33.2 EAG). Tamén a xestión de bolsas e axudas ao estudo e a xestión dos museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal (traspasos de servizos pactados xa polo vicepresidente Anxo Quintana en decembro de 2008 e que Feijóo e Rueda nunca quixeron asumir nestes case 15 anos).
Por outra banda, precisamos dunha lei orgánica potente (promovida polo BNG e demais forzas soberanistas) para acadarmos a transferencia das competencias nos eidos do tráfico, da seguridade viaria, da policía de seguranza pública e das competencias do goberno e réxime local, a xeito de transformación estrutural do Estado para recoñecermos as competencias que todos os Estados federais e plurinacionais lles atribúen ás súas autonomías subestatais.
Mais as nosas competencias autonómicas coñeceron desde o ingreso nas Comunidades Europeas no 1986 un proceso de redución e homologación que ha ser freado de vez co gallo desta inusual oportunidade. Un proceso recentralizador sempre potenciado por eses árbitros caseiros que son os Tribunais Constitucional e Supremo que agora cómpre ser, primeiro denunciado, logo remitido, en último de contas desfeito.
Tamén cómpre blindarmos a nosa lingua propia como preferente no uso público e civil e máis como vehicular en toda caste de ensinos. A medio dunha lei orgánica de linguas oficiais, cos mesmos devanditos promoventes, ampliaremos as estreitas marxes da cooficialidade do artigo 3 da Constitución para equiparar de vez xuridicamente o estatuto xurídico-constitucional do galego e do castelán. Lexislando a obrigatoriedade de uso e coñecemento do galego para todos os empregados públicos na Galicia
Haberemos ter tempo abondo neste impasse político para analisarmos estas e outras cuestións.

Que nos adebeda o Goberno do Estado?

Artigo publicado na versión en papel da revista Luzes número 116, en 2023. Pode descargarse en formato .pdf aquí: Artigo Luzes número 116, ou verse a continuación: