O afogo do audiovisual galego

O audiovisual galego entregou os seus premios Mestre Mateo nun ambiente marcado pola crítica de Mabel Rivera e do presidente da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos e da incerteza sobre cando volverán ter traballo na Galicia os que o perderon e canto lles durara aos que o manteñen. Para os que adoitamos comparecer a estes xuntoiros non foi inadvertida a cantidade de ausentes e as historias que outros contaban a respecto da súa situación. Profesionais emigrados ou que malviven con traballos espallados. Galicia perdeu nos últimos dous anos mais de dous mil empregos nas súas industrias audiovisuais e culturais.
Dende a Lei galega do Audiovisual (1999) desenvolveuse discretamente este novo sector. Formáronse centos de profesionais xeralmente recoñecidos. Os cartos públicos investidos retornaron á sociedade multiplicados. Creouse o cerne dunha nova industria. A Axencia Galega do Audiovisual da conselleira nacionalista Ánxela Bugallo xerou ducias de novos creadores e proxectos de emprendemento.
As políticas suicidas de austeridade, combinadas co incremento do IVE do 8 ao 21% están a liquidar o sector na Galicia, canda a edición e as artes escénicas e musicais. Mais pasma a capacidade de reinvención da meirande parte do sector, que segue a xerar produtos de calidade e novas linguaxes a pesares deste proceso de destrución.

A ARRINCADEIRA: Galicia Caníbal
Publicouse hai días que a produtora de Antón Reixa recibiu da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) 140.000 euros poucas semanas antes do cesamento do anterior xerente Juan Carlos Fasero e da súa fichaxe como delegado pola SGAE que preside Reixa. Mais o respecto aos feitos acaecidos esixe coñecermos a información completa. Filmanova investiu en Galicia Caníbal por riba do 1M€, empregando máis de 60 artistas e profesionais (23 deles riba da escena e 40 na equipa técnica e de marketing) dende abril a novembro do 2012. A subvención outorgouse de xeito regrado e automático, nunha porcentaxe sobre o custo investido e xustificado. Na contía concedida influiu tamén a falla de concorrencia, ao non existir solicitudes de subvención elixíbeis desta dimensión no 2012, por mor da crise. Por outra banda, Fasero era xa o candidato do SGAE ao cargo de delegado en Galicia no 2010, moito antes da elección de Reixa.

Gallardonazo contra a xustiza

Todos sabemos que Ruiz–Gallardón está a facer méritos diante do PP para se homologar co radicalismo de dereita que hoxe en día constitúe tendencia no partido de goberno. E velaí o anteproxecto de lei de revisión de taxas xudiciais que aprobou o Goberno do Estado o 30 de marzo. Todos os cidadáns pagaremos unhas elevadas taxas por preito, agás na xurisdición penal e na primeira instancia laboral (é dicir, os traballadores pagarán para poder recorrer en suplicación as sentenzas dos Xulgados do Social). Só zafarán os beneficiarios da xustiza gratuíta, é dicir, as familias que ingresen menos de 14.900 €/ano.
Gallardón mentiulle aos representantes da avogacía española, ao lles prometer que non habería taxas na primeira instancia. E continuou co seu plan de repagamento (a xustiza, como a sanidade, financiámola vía impostos) amosando o xorne deste Goberno, que confunde a maioría absoluta co cheque en branco para vulnerar os dereitos das persoas. O dereito á educación, a saúde e, agora, o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva.
Serán as Administracións Públicas, as organizacións máis abastadas e as persoas máis ricas as que se beneficien deste gallardonazo, que condena ás maiorías sociais a unha xustiza cara e desigual. Unha xustiza para ricos que coadxuvará, cos recortes sociais, educativos e sanitarios, a impór un modelo baseado na  desigualdade e na exclusión social. Velaí a altura moral coa que o Consello da Avogacía Galega (presidido por Antonio Platas) e decanos como Evaristo Nogueira defenderon o dereito dos cidadáns ao acceso á xustiza en condicións de igualdade, que é a primeira obriga que temos os avogados.

A ARRINCADEIRA
Os últimos días trouxeron dúas boas novas para a autoestima dos galegos. Antón Reixa gañou as eleccións ao SGAE cun programa para abrir as xanelas da institución e achegala á realidade plural territorial despois do nepotismo de Teddy Bautista. E o sector audiovisual galego, canda o acto de entrega dos premios Mestre Mateo, coincidiu na común diagnose da gravísima situación do sector e a apelación a prol do futuro dunha actividade estratéxica para a nosa economía e cultura, da que viven 3000 traballadores e que ten de seguir a crear contidos que nos representen e sexan exportábeis. Mágoa que o Conselleiro Vázquez, presente no acto, nin perciba nin queira percibir.