A Xunta contra o galego

O Presidente Feijóo e o conselleiro Vázquez veñen de desaproveitar unha excelente oportunidade para restaurar o consenso lingüístico optando polo continuismo na súa política de exclusión do galego no ensino infantil e de minorización nas demáis fases do ensino obrigatorio.
Máis aínda, ao recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas do TSXG que declararon ilegais a consulta sobre a lingua de preferencia aos país e nais do ensino infantil e máis o dereito dos alunos a usar da lingua da súa escolla nas materias que se han impartir en galego, a Xunta minusvalora o Tribunal Superior de Xustiza como última instancia xudicial na aplicación do Dereito galego e convida ao Tribunal Supremo para que interprete de xeito restritivo o “status” que á lingua galega lle recoñecen o noso Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
Deste xeito, o Goberno galego, que deriva a súa lexitimidade da cualidade nacional que emana do noso Estatuto de Autonomía (e que reside nos caracteres da nosa diferenza, entre eles a lingua) recorre de xeito insólito perante o Tribunal Supremo para tentar acadar unha sentenza que limite esa mesma cualidade nacional, ao limitar o rol do galego como lingua oficial no ensino. E, no mesmo lote, cuestiona o papel do TSXG como instancia que esgota os recursos nas cuestións de Dereito galego, entre elas o estatuto da nosa lingua. O mundo do revés.
O peor é que esta actitude, ao principiar a segunda lexislatura do PP con maioría absoluta, remata por voar todas as pontes posíbeis para restablecermos o pacto social en materia lingüística. Porque sitúa ao PP, de xeito permanente e dificilmente revogábel, fronte aos sectores da cidadanía galega que aspiran á plena igualdade real do galego e o castelán e que tentan que os mozos e mozas galegos non rematen o ensino obrigatorio funcionalmente analfabetos na súa lingua nacional.

A ARRINCADEIRA: Constitúese formalmente CxG.
No seu Congreso Constituínte Compromiso por Galicia (CXG) definiuse ante todo como partido nacional e galeguista e ubicouse no amplo espectro do centro-esquerda, integrando as sensibilidades socialdemócrata, liberal progresista e ecosocialista e refugando reducionismos á dereita e á esquerda. Agora ven para esta forza en construción o máis difícil: demostrar a súa capacidade de ser un instrumento útil para a economía e benestar da cidadanía galega.

A mala administración

Un dos programas de maior audiencia na TV estatal puxo este día o foco nas duplicidades administrativas e destrago de recursos que xeraba o mantemento dunha Administración do Estado ineficiente e hipertrofiada. Por mor da desconfianza histórica de Felipe González, Aznar, ZP e Rajoy aos gobernos autonómicos mantéñense Ministerios como Sanidade, Educación ou Cultura e Deporte, que teñen case todas as súas competencias transferidas.
Canda a unha AENA que é a axencia aeroportuaria máis centralizada e ineficiente do mundo occidental, no canto de transferir os aeroportos galegos á Xunta e garantir a súa xestión autónoma e aberta á participación da sociedade civil da súa contorna territorial.
Hoxe en día, na época de Internet e das novas teconoxías, os Delegados, Subdelegados do Goberno e toda a Administración periférica estatal sobran. Como as Deputacións na Galicia, que constitúen un esquema centralista e decimonónico que se mantivo só a xeito de contrapoder. Ou as grandes axencias estatais, que amorean 32.000 millóns de euros de débeda agachada e que non teñen papel nun Estado autonómico de fasquía federal.
España é plurinacional e, xa que logo, só se pode organizar en rede, por medio dun conxunto de técnicas federais (nomeadamente no eido fiscal e financeiro) e confederais (nos asuntos de lingua, cultura, Dereito civil e réxime local, onde Galicia habería ter dereito de veto, canda os restantes países con lingua e Dereito civil propios). Neste contexto, suprimir o actual Senado que gasta 55 millóns de euros para irmos a unha segunda Cámara territorial elixida polos Parlamentos autonómicos (cun só senador por Comunidade Autónoma e outro máis, por exemplo, por millón de habitantes) e que custase a quinta parte sería acaido para artellar este esquema plurinacional en rede.
Coas duplicidades actuais non podemos seguir. E son o Estado e as Deputacións os que han sufrir os meirandes recortes, porque os Gobernos autonómicos  xestionan os servizos públicos esenciais.

A ARRINCADEIRA: FEIJOO REPITE GOBERNO
O feito de que Feijoo  reproduza case na súa totalidade o seu Goberno amosa un grao de suficiencia moi preocupante. Nomeadamente o mantemento de Jesús Vázquez, que agravou a guerra lingüística, é un mal síntoma de que Feijoo instalouse no peor continuísmo.

Gallardonazo contra a xustiza

Todos sabemos que Ruiz–Gallardón está a facer méritos diante do PP para se homologar co radicalismo de dereita que hoxe en día constitúe tendencia no partido de goberno. E velaí o anteproxecto de lei de revisión de taxas xudiciais que aprobou o Goberno do Estado o 30 de marzo. Todos os cidadáns pagaremos unhas elevadas taxas por preito, agás na xurisdición penal e na primeira instancia laboral (é dicir, os traballadores pagarán para poder recorrer en suplicación as sentenzas dos Xulgados do Social). Só zafarán os beneficiarios da xustiza gratuíta, é dicir, as familias que ingresen menos de 14.900 €/ano.
Gallardón mentiulle aos representantes da avogacía española, ao lles prometer que non habería taxas na primeira instancia. E continuou co seu plan de repagamento (a xustiza, como a sanidade, financiámola vía impostos) amosando o xorne deste Goberno, que confunde a maioría absoluta co cheque en branco para vulnerar os dereitos das persoas. O dereito á educación, a saúde e, agora, o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva.
Serán as Administracións Públicas, as organizacións máis abastadas e as persoas máis ricas as que se beneficien deste gallardonazo, que condena ás maiorías sociais a unha xustiza cara e desigual. Unha xustiza para ricos que coadxuvará, cos recortes sociais, educativos e sanitarios, a impór un modelo baseado na  desigualdade e na exclusión social. Velaí a altura moral coa que o Consello da Avogacía Galega (presidido por Antonio Platas) e decanos como Evaristo Nogueira defenderon o dereito dos cidadáns ao acceso á xustiza en condicións de igualdade, que é a primeira obriga que temos os avogados.

A ARRINCADEIRA
Os últimos días trouxeron dúas boas novas para a autoestima dos galegos. Antón Reixa gañou as eleccións ao SGAE cun programa para abrir as xanelas da institución e achegala á realidade plural territorial despois do nepotismo de Teddy Bautista. E o sector audiovisual galego, canda o acto de entrega dos premios Mestre Mateo, coincidiu na común diagnose da gravísima situación do sector e a apelación a prol do futuro dunha actividade estratéxica para a nosa economía e cultura, da que viven 3000 traballadores e que ten de seguir a crear contidos que nos representen e sexan exportábeis. Mágoa que o Conselleiro Vázquez, presente no acto, nin perciba nin queira percibir.