Xulgar dende a España profunda

A medida cautelar adoptada por unha xuíza de Marbella privando da custodia dunha cativa dun ano á súa nai, unha cidadá galega, causou grande anoxo no noso País, pois que se alicerzaba parcialmente en que a nosa compatriota marchara coa crianza a Torea, no concello de Muros, supostamente na “Galicia profunda”, deixando a cidade andaluza onde até entón vivía. Porén, cómpre recoñecer (aínda que non veña ao caso do que estamos a escrebir) que existían uns outros motivos na decisión xudicial, algúns moi discutíbeis e quizais algún outro digno de certa consideración. En calquera caso é moi grave que esta maxistrada, como cualificada funcionaria investida dun importante poder, amose a súa ignorancia, desleixo, supremacismo e desprezo en doses tan elevadas.
Amosou a súa ignorancia ao descoñecer que Torea-Muros está a 10 minutos dos bos colexios e Institutos de Muros, comercio de proximidade, centros de saúde e áreas comerciais de Muros, 20 dos de Noia, 40 de dous campus da terceira Universidade en calidade do Estado (a USC), e dos moi ben dotados hospitais do CHUS e a 45 do aeroporto internacional compostelán Rosalía de Castro.
Manifestou o seu evidente desleixo pola pluralidade de camiños vitais dentro dunha sociedade moderna e evoluída ao desprezar a potente rede familiar e amizades de apoio á nai nun habitat como o do rural galego, así como as vantaxes ambientais, culturais e educativas da vida no rural.
Expresou o seu supremacismo a respecto non só da cidadanía galega, nomeadamente da Galicia rural, senón a respecto das nais -e pais- que escollen, nuns intres vitais tan concretos e especiais como a crianza dunha filla nos seus primeiros meses un réxime de dedicación preferente ao menor, que subordine os proxectos profesionais a épocas posteriores e multiplique o tempo de atención á cativa durante os primeiros anos da súa vida. Proxecto moito máis viábel a carón dos coidados e axuda material da familia e amizades e nunha contorna cunha vida máis económica e sinxela.
E ditaminou o seu desprezo -un desprezo impropio dun alto funcionario dun Estado democrático- por un obxectivo fundamental europeo, como é dignificar a vida no rural e fixar poboación no territorio non urbano, para acadar un meirande equilibrio enerxético e un desenvolvemento económico sostíbel.
Son estas actitudes que os servidores públicos (e con moitos máis motivos as persoas que ocupan a maxistratura) han evitar e para iso, canda os estudos xurídicos, compre abrirse ao coñecemento doutros países, realidades e maneiras de vivirmos a vida. Doutro xeito seguirán a xulgar, seguirán a xulgarmos, dende a España profunda.

Xosé Ramón Barreiro, intelectual e patriota

Teño para min que amplos sectores da nosa Galicia aínda non avaliaron a modo o que supón o moi recente pasamento do seu fillo Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). Porque persoas desta clase non xorden a eito nun pequeno País como este noso.
Barreiro construíu a historiografía política da Galicia contemporánea e fixo xurdir, canda o profesor Ramón Villares, as dúas potentísimas escolas de Historia Contemporánea da USC, que xerarían grandes historiadores galegos de hoxe en día, como os profesores Fernández Prieto e Núñez Seixas.
X. R. Barreiro, como adoita dicir precisamente o profesor Fernández Prieto, contribuíu a construír científicamente o relato da Nación galega, conectando a xeración de Antolín Faraldo e dos mozos protogaleguistas da revolución de 1846 co labor de tecelán do grande Murguía e, ao seu través, desde 1916, coas Irmandades da Fala e logo despois co Partido Galeguista. Contou, entón, o noso Barreiro a evolución da tese democrática, que deseñou o galeguismo liberal e social de Murguía. Barreiro relatou con autoridade científica como o pulo democrático dos mártires (e tamén dos intelectuais que os animaban) de Carral (1846) constitúen o facho que se lles traslada, desde o banquete de Conxo de 1856 á xeración de Murguía para construíren o galeguismo democrático. Ademais, Barreiro trasládanos a imaxe dun Murguía construtor do relato nacional, só comparábel con Castelao no éxito cidadán da proxección popular deste relato.
Barreiro comprometeuse coa galeguización e modernización da Universidade galega, desde o seu temperám uso do galego nas aulas até o exercicio do seu Decanato na Facultade de Xeografía de Historia da Praza de Cervantes (1982-1986) e dunha Vicerreitoría da USC canda á Reitoría de Ramón Villares (1990-91), colaborando outravolta ambos os dous catedráticos galeguistas con bo suceso naquelas tarefas de gobernanza universitaria.
No 1986 escribiu Barreiro unha Historia da Cidade da Coruña que deu comezo a unha etapa máis alicerzada na súa residencia coruñesa. Nesta andaina sucedeu a D. Paco Fernández del Riego na presidencia da RAG (2001-2010), potenciando e desenvolvendo o ronsel do mariñao na recuperación dunha RAG que Domingo García Sabell agachara nos faiados da coruñesa rúa Tabernas. No decurso desta andaina fixo parte do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses vencellando de vez a historia da Coruña coa de Galicia e esfarelando certas aproximacións a unha historia da Coruña como cidade castelá na Galicia que algúns -moi poucos- historiadores quixeron desenvolver na época de Paco Vázquez cun certo apoio dalgún voceiro mediático coruñés.
Xosé Ramón Barreiro foi un intelectual comprometido. É dicir, un científico vencellado aos ideais da democracia e da cidadanía. E, foi, tamén, un patriota galego que nos amosou unha historia política contemporánea que nos fixo -e mantén- Nación.

O pazo é noso

A demanda xudicial reivindicando a propiedade pública do Pazo de Meirás que vén de presentar nos Xulgados d’A Coruña a Avogacía do Estado abre o camiño cara á devolución do Pazo á cidadanía galega, descendente daqueles nosos bisavós e avoas que o pagaron, quer co obrigatorio desconto dun día de soldo, quer coa doazón “voluntaria”, obrigada polas ameazas e presións propias daqueles tempos de morte e represión.
A Avogacía do Estado vén de demostrar de vez que o título rexistral da familia do vello ditador (unha compravenda do 1941 á que foi propietaria do pazo até 1938, Manuela Esteban Collantes) é nulo de pleno dereito por simulación. Porque o pazo xa non era dela. Porque o vendera perante Notario en agosto de 1938 á Xunta Pro-Pazo, que llelo ofreceu ao xeneral en decembro dese ano, aceptándoo de seguido o ditador.
Nulo o seu título de adquisición, a propiedade dos Franco é ilegal. Porque a entrega gratuíta do Pazo ao Xefe de Estado “de facto”, seguiu co destino do Pazo a fins públicos: Consellos de Ministros, audiencias oficiais, mantemento do Pazo con fondos públicos… así dende decembro de 1938 até novembro de 1975. A demanda está ben alicerzada. O bo suceso xudicial é moi probábel.
Cómpre recoñecer o acerto do Parlamento de Galicia, que aprobou unanimemente requirir esta reivindicación patrimonial do Estado. Da pasada vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín (BNG), e dos seus expertos historiadores e xuristas, dirixidos polos profesores da USC Emilio Grandío e Xabier Ferreira. Dos expertos da Xunta que dirixiu o tamén profesor da USC X. M. Núñez Seixas. Da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Do investigador sadense Carlos Babío. Dos trece activistas do BNG actualmente investigados pola simbólica ocupación do Pazo, un feito que non constituíu delicto ningún e si emitiu unha potente mensaxe política. Da avogada xeral do Estado, Chelo Castro, e do avogado-xefe do Estado en Galicia, Javier Suárez, que dirixen a equipa que descobriu a descoñecida escritura notarial de 1938 que agora alicerza a demanda e redactou esta. Todos eles van facer posíbel que Galicia recupere o que lle pertence.
Recuperado o Pazo para o patrimonio público cumpriría que o Estado llelo cedese dominicalmente á Xunta. Entón, o Pazo xa sería noso, facéndose xustiza coas persoas galegas que foron desposuídas dos seus cartos e das súas terras circundantes do Pazo en Meirás.