Murguía construtor da Nación

O vindeiro 1-F cúmprense cen anos do pasamento na Coruña de Manuel M. Murguia. Para entendermos o labor murguiano cómpre lembrar o fracaso da revolución galega de abril de 1846, que o mozo Murguía ollara nas rúas compostelás. Unha revolución democrática inserida na vaga das revolucións europeas desenvolvidas contra 1848 e non o adicional pronunciamento militar que a historiografía española nos conta. Entre 1850 e 1866 Modesto Lafuente escrebe a súa Historia General de España, que inventa unha inexistente nación española de 2.000 anos de antigüidade e agacha a existencia do Reino de Galicia como primeiro regnum de Europa e como potencia sobranceira no oeste da península ibérica (séculos XI-XIII), coprotagonista na construción europea a medio do camiño xacobeo. E no 1857 apróbase a lei Moyano, a primeira lei estatal que universaliza a instrución básica e que por primeira vez vai facer chegar ao conxunto da nosa cidadanía esa idea de España uninacional e monolítica no que Galicia nin existe nin xoga case rol ningún no contexto desa España única.
Europa progresaba mentres Galicia minguaba economicamente e non se albiscaba como suxeito político nin posuidora dunha cultura propia. E aí traballou arreo Murguía. Escrebe unha Historia de Galicia alicerzada na súa metodoloxía científica de arquiveiro que lle dá ao galeguismo as ferramentas para coñecer e reivindicar o pasado común que explica a Nación. Chama a atención sobre o substrato cultural común e as complexas e continuas relacións entre Galicia con Bretaña e as illas irlandesa e británica e publicita a vocación europea e atlántica amosada historicamente polas clases dirixentes galegas cando estas foron autónomas.
Constrúe un relato de Galicia como suxeito dende a historia, xeografía, economía ou Dereito, confrontando expresamente con proxectos subordinados e folklorizantes como o da Pardo Bazán. Sen el non se pode explicar o Rexurdimento literario que Rosalía, Curros e Pondal desenvolven desde a publicación dos Cantares Gallegos (1863) e que no tempo dos Xogos Florais de Tui (1891) constituía xa unha realidade vizosa que moi axiña comezaría ser coñecida por cada vez máis galegos, por moitos anos case ágrafos en galego e castelán.
Eses Xogos Florais sinalan o intre para priorizar o labor político sobre os alicerces do labor de recuperación cultural desenvolvido, tentando conciliar o galeguismo liberal-demócrata murguiano co galeguismo conservador-tradicionalista representado por Alfredo Brañas. Malia que non fosen quen de superar as súas tensións ideolóxicas para lle propor ao País un proxecto integrador e interclasista, o labor daría froito no 1916-1918, cando as Irmandades da Fala se autodefiniron desde o pluralismo como nacionalistas, naquel novembro de 1918 no que abrollaban as liberacións nacionais irlandesa e checa no contexto da doutrina de autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson.

O noso Día Nacional

Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas, o patriotismo non bate co universalismo. Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos.
Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria, é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais definirmos desde a vontade de sermos Nación no canto de facelo dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos, non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino en catro provincias en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921), ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).
Como vén de escrebir Manuel Veiga Taboada, cómpre distinguirmos moi nidiamente o Santiago adoptado como Día da Patria do Santiago obxecto de homenaxe polo Estado español na Ofrenda do 25 de xullo. O primeiro é ese Santiago Peregrino protagonista da construción do Reino de Galicia como Estado europeo entre os séculos IX e XIII, a fin dos camiños xacobeos no cabo da Europa. Un referente dunha Galicia de seu no contexto dunha universitas christiana europea, fronte á realidade dunha España nomeadamente musulmá até o século XIII. Mentres que o Santiago da Ofrenda é o Matamouros que a Coroa de Castela quixo promover, con pouco suceso, como referente das Españas fronte a xudeus, mouriscos, mozárabes e conversos. E moi axiña contra cataláns e portugueses.
O Santiago do Pórtico da Gloria é o Santiago que conecta coa realidade de Galicia como nación europea, que conecta mesmo coa actual realidade leiga e pluricultural da Europa, mentres o Santiago Matamouros da Ofrenda semella cada vez máis fóra de tempo.
Velaí que o Goberno do Estado habería ter a sensibilidade de non nos impor no ceo compostelán bandeiras moi queridas -si- para unha parte dos galegos, mais que non integran, como si integra a nosa, o conxunto da cidadanía. Ademais, hai días abondo para reivindicalas fóra do noso Día da Patria.

Xosé Ramón Barreiro, intelectual e patriota

Teño para min que amplos sectores da nosa Galicia aínda non avaliaron a modo o que supón o moi recente pasamento do seu fillo Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). Porque persoas desta clase non xorden a eito nun pequeno País como este noso.
Barreiro construíu a historiografía política da Galicia contemporánea e fixo xurdir, canda o profesor Ramón Villares, as dúas potentísimas escolas de Historia Contemporánea da USC, que xerarían grandes historiadores galegos de hoxe en día, como os profesores Fernández Prieto e Núñez Seixas.
X. R. Barreiro, como adoita dicir precisamente o profesor Fernández Prieto, contribuíu a construír científicamente o relato da Nación galega, conectando a xeración de Antolín Faraldo e dos mozos protogaleguistas da revolución de 1846 co labor de tecelán do grande Murguía e, ao seu través, desde 1916, coas Irmandades da Fala e logo despois co Partido Galeguista. Contou, entón, o noso Barreiro a evolución da tese democrática, que deseñou o galeguismo liberal e social de Murguía. Barreiro relatou con autoridade científica como o pulo democrático dos mártires (e tamén dos intelectuais que os animaban) de Carral (1846) constitúen o facho que se lles traslada, desde o banquete de Conxo de 1856 á xeración de Murguía para construíren o galeguismo democrático. Ademais, Barreiro trasládanos a imaxe dun Murguía construtor do relato nacional, só comparábel con Castelao no éxito cidadán da proxección popular deste relato.
Barreiro comprometeuse coa galeguización e modernización da Universidade galega, desde o seu temperám uso do galego nas aulas até o exercicio do seu Decanato na Facultade de Xeografía de Historia da Praza de Cervantes (1982-1986) e dunha Vicerreitoría da USC canda á Reitoría de Ramón Villares (1990-91), colaborando outravolta ambos os dous catedráticos galeguistas con bo suceso naquelas tarefas de gobernanza universitaria.
No 1986 escribiu Barreiro unha Historia da Cidade da Coruña que deu comezo a unha etapa máis alicerzada na súa residencia coruñesa. Nesta andaina sucedeu a D. Paco Fernández del Riego na presidencia da RAG (2001-2010), potenciando e desenvolvendo o ronsel do mariñao na recuperación dunha RAG que Domingo García Sabell agachara nos faiados da coruñesa rúa Tabernas. No decurso desta andaina fixo parte do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses vencellando de vez a historia da Coruña coa de Galicia e esfarelando certas aproximacións a unha historia da Coruña como cidade castelá na Galicia que algúns -moi poucos- historiadores quixeron desenvolver na época de Paco Vázquez cun certo apoio dalgún voceiro mediático coruñés.
Xosé Ramón Barreiro foi un intelectual comprometido. É dicir, un científico vencellado aos ideais da democracia e da cidadanía. E, foi, tamén, un patriota galego que nos amosou unha historia política contemporánea que nos fixo -e mantén- Nación.

A vixencia da Xeración Nós

Nesta fin de outubro cumpríronse cen anos da saída do primeiro número da revista Nós, dirixida por Vicente Risco, con Castelao de director artístico e Ramón Cabanillas, Antón Lousada, Otero Pedrayo e López Cuevillas de redactores. A revista quitou 144 exemplares, sendo o derradeiro o de xullo de 1936. A enxurrada militar e fascista do verán de 1936 impediu novas edicións.
Por que é tan relevante para o noso País a revista Nós? Porque construíu, definiu, unha identidade galega moderna e europea, sen ningunha caste de intermediarios que antes non se amosaba dese xeito. Velaí a razón porque Nós fixo un traballo non só cultural, senón ideolóxico e político.
Os precursores e os teóricos do Rexurdimento (Murguía, Vicetto) puxeran xa os alicerces para unha potente reivindicación nacional no político e no cultural. Mais Murguía adoitaba escrebir en castelán e foi Lugrís Freire quen deu o primeiro mitin en galego no 1907, en Carral. Algúns dos nosos petrucios galeguistas mesmo non entenderon o fracaso español en Cuba (1898) nin a oportunidade que se abría entón para a reivindicación do autogoberno, dos intereses económicos e da cultura galegas.
É a xeración Nós a primeira que aposta por Galicia como referente cara fóra. Os Precursores provincialistas e o Rexurdimento do século XIX reivindicaran ata entón a galeguidade e os intereses galegos cara dentro do Estado. A xeración Nós olla cara Europa e o mundo todo. Cara Portugal e á Europa atlántica e céltica dos Fisterras cos que os nosos antergos comerciaron durante séculos, nomeadamente Irlanda. Irlanda como pobo amigo e próximo, identificando as angueiras galegas (autogoberno, adquisición da terra polos labregos, dignificación da lingua propia) coas irlandesas. O poeta nacional irlandés W. B. Yeats é unha constante en moitos dos números de Nós. A primeira tradución dun fragmento do Ulises de James Joyce, feita por Otero Pedrayo, publícase en Nós no 1926, mentres no ermo cultural español da ditadura de Primo de Rivera ninguén principiara semellante traballo.
Modernidade, europeísmo, diálogo directo da cultura galega co Mundo… Velaí algunhas das principais achegas da Xeración Nós. Porque a segunda é a tolerancia. Nesta revista partilla unha tendencia político-social liberal e progresista con outra conservadora-tradicionalista, mais as dúas son quen a convivir e definir país e cultura de seu. Como tamén se deu esa tolerancia nas tendencias culturais, literarias ou científicas dos moitos colaboradores da revista ao longo de dezaseis anos.
Nós só foi posíbel por se xuntar persoeiros culturais da relevancia dos sinalados (Risco, L. Cuevillas e Otero Pedrayo, de orixe inadaptados, amplos coñecedores de culturas exóticas que converxen na atención á cultura do País), co traballo de cultura popular e de discurso político galeguista das Irmandades da Fala e de Castelao. Galicia deu moitas reviravoltas estes cen anos. Mais convirán vostedes comigo que o legado de Nós é ben actual.

Cen anos do nacionalismo galego

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. (*)

(*) Manifesto da I Asemblea Nacionalista de Lugo; 18.11.1918.

Cúmprense cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo, na que o galeguismo prenacionalista que operaba dende o Rexurdimento definiuse en diante como nacionalista por considerar Galicia como nación.
Esta Asemblea xuntou case cen entidades culturais e concellos, sobranceando entre elas as Irmandades da Fala constituídas, a máis antiga a d’A Coruña. E xuntaba tamén un galeguismo de clara raigame progresista e demócrata, herdeiro de Murguía ou Vicetto, canda sectores socialistas (Xaime Quintanilla) e un galeguismo conservador, herdeiro de Alfredo Brañas.
O Manifesto coincide co remate da guerra europea e amosa ser tributario da teoría da autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson e do impacto da rebelión nacional irlandesa (Easter Rising) de 1916. Os nacionalistas galegos acordan conquerir do “Goberno da Súa Maxestade” a autonomía integral de Galicia e mesmo presentar o seu caso perante a Liga de Nacións (daquela en constitución).
As propostas aprobadas amosan un grande coñecemento do País e unha grande modernidade, polo que continúan en certa parte moi vixentes. Velaí a igualdade entre home e muller, o sistema electoral proporcional, a cooficialidade do galego, a supresión das Deputacións, a autonomía local, un autogoberno amplísimo que monopolizaría a asistencia social, a educación e todas as funcións administrativas e máis a unión confederal ibérica de Galicia, Castela, Euskadi, Catalunya e Portugal.
Dende 1918 o galeguismo adquire a maioría de idade para ver Europa e o mundo por si propio, sen a intermediación española. Deste xeito vai formar a Tripla Alianza (1923) con vascos e cataláns frustrada pola Ditadura primoriverista e converxer no Partido Galeguista (1931), motor do Estatuto aprobado no referéndum de xuño de 1936 polo voto favorábel de case o 74% do censo.
As ideas de hoxe de grande parte da sociedade galega en canto á existencia dunha personalidade de noso, a lingua propia como valor, as vantaxes do autogoberno ou Galicia como medida de referencia conectan historicamente co xuntoiro de Lugo de 1918.

A arrincadeira.- Escocia cara ao segundo referéndum de independencia?
No referéndum de setembro de 2014 a cidadanía escocesa rexeitou a independencia cun 45,5% de votos fronte ao 54,5%. Un dos argumentos fulcrais para manter a unión foi a da pertenza europea, seica votar contra a independencia mantería Escocia na Europa. Mais no referéndum do Brexit de xuño de 2016 os escoceses votaron cun esmagador 62% a súa permanencia na UE.
Porén, malia esta votación, Escocia tería que abandoar a Unión Europea canda o Reino Unido, mentres seica Irlanda do Norte mantería en calquera caso unha vinculación alfandegaria. A first minister escocesa, a independentista Nicola Stugeon (SNP) denuncia arestora que só a independencia de Irlanda garante os dereitos do Ulster, que Europa só recoñece aos Estados soberanos, mentres constata a existencia de millóns de escoceses enganados polas falsidades do unionismo na campaña de setembro de 2014.
O Parlamento escocés podería convocar unha consulta non vencellante, mais seica o Goberno do Scottish National Party agardará á solución definitiva desta crise para acadar un pacto cara un segundo referéndum vinculante, diante da evidencia de que medraron nestes catro anos os seareitros da independencia, sen acadar aínda, porén, unha clara maioría absoluta.

Cen anos das Irmandades da Fala

Esta primavera cúmprense cen anos da fundación das Irmandades da Fala d’A Coruña, primeiro e de Santiago de Compostela, despois. A esta fundación axiña seguirían outras vinte e seis polo País adiante. As Irmandades nacen na I Guerra Mundial conectadas co agromar en Europa do rexurdimento das nacionalidades (velaí a rebelión de Páscoa en Irlanda) para reivindicar o galego como lingua de futuro e progreso. Por iso xuntaron axiña o máis dinámico e moderno da intelectualidade e sectores profesionais galegos, alicerzándose nunha ampla transversalidade, dende conservadores como Lousada Diéguez, Vicente Risco ou Cabeza de León até unha maioría progresista (Peña Novo, Villar Ponte).
Remataba a guerra mundial e mataba a gripe española millóns (entre eles o líder natural irmandiño, Lois Porteiro Garea), cando as Irmandades definiron por primeira vez o galeguismo como nacionalista, na Asemblea de Lugo de novembro do 1918. O galeguismo espállase e convértese en organización de masas ao arraizar no agrarismo. Mentres, os galeguistas sitúanse na vangarda cientìfica e fundan no 1923 o Seminario de Estudos Galegos. Tamén atenden á promoción deportiva, nomeadamente do fútbol. Son galeguistas os que fundan o Eiriña en Pontevedra ou bautizan a fusión do Vigo Sporting e do Fortuna (1922) co patriótico nome de Celta.
No mundo empresarial, son galeguistas os que fundan a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, dirixida por Alexandre Bóveda, o fundador do Banco Pastor (D. Ricardo Rodríguez Pastor) ou o director-copropietario do Balneario de Mondariz, D. Enrique Peinador Lines. Mentres, a Igrexa coñece do pulo galeguista do Arcebispo Lago ou dos pensadores da revista Logos. Máis serodio é o arraizamento do galeguismo na clase operaria, malia que as relacións entre o sindicalismo cenetista n’A Coruña e o galeguismo sempre foron cordiais e fluídas.
O avance de Galicia até 1936 foi moi importante, tanto no ámbito empresarial e financeiro como no campo social e político. Mais no verán dese ano trunfou o golpe da barbarie criminal, que atendería nomeadamente reprimir calquera manifestación de galeguidade e facer esquecer este próximo pasado, sen o que a Galicia de hoxe en día non sería comprensíbel.

Somos Nós

Na historia contempóranea de Galicia existiron exemplos abondo de movementos políticos de orixe cidadá ou veciñal. Velaí os casos das Irmandades da Fala ou o movemento agrario do primeiro terzo do século XX. Xa no século XXI, a plataforma “Nunca Máis” soubo mobilizar, dende o pulo cidadán, a persoas de todas as ideoloxías arredor da conciencia de defensa dun país ao que se lle estaba a mentir dende o Goberno do Estado.
Noutros países europeos as organizacións sociais Yes Scotland e a Assemblea Nacional Catalana souberon sensibilizar politicamente a sectores tradicionalmente alleos aos nacionalismos escocés e catalán. Isto non quere dicir que os partidos non sexan precisos. Mais, na Europa actual, na Galicia do 2015, xa non son abondo para monopolizar a participación política. Vén de se amosar na Coruña, co suceso electoral dunha Marea Atlántica de orixe moito máis social ca partidaria. Hai unha forza de cambio cívica que non colle no traxe das organizacións partidarias actuais e reivindica novos modos de expresión e participación.
Galicia ten só o 5,4% PIB e o 6% da poboación estatais e a súa economía alicérzase nunhas bases que para o Estado español son prescindíbeis. Velaí que o autogoberno sexa para Galicia fulcral en termos de garantía do benestar da cidadanía. As vindeiras eleccións xerais han traer unha nova recomposición de forzas que abrirá o debate da organización do Estado. Aí ten que estar Galicia, porque ninguén vai mirar por ela.
Neste contexto, a plataforma Somos Nós pode actuar transversalmente para facer que actúen xuntas politicamente persoas de variadas ideoloxías arredor deste obxectivo de afirmación nacional cívica como único camiño para o benestar. Considérense ou non galeguistas e falen na lingua que falen.

Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d’A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña esta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.
Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas: “hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituíra ao alcalde republicano Alfredo Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.
Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa cómpre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mor da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria
Dende a fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.
A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.
O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.
A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses” e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.
Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.
Velaí as esperanzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino. Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as clases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para A Coruña sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperasen, pero non monopolizasen.
Cómpre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como María Xosé Bravo ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.

O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculación coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais esta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

Novas canles de participación política

Os partidos políticos son instrumentos fundamentais para a participación cidadá na política. Mais non son os únicos. A tradición das iniciativas cívicas vén de lonxe no noso país, Galicia. Velaí as Irmandades da Fala (1916), que nunca se constituiu específicamente en partido ou o movemento agrario dirixido por Antón Alonso Ríos, nos últimos anos ben próximo ao Partido Galeguista, mais nunca confundido con el. A primeiros deste século Nunca Máis, dende unha iniciativa cidadá fondamente política, mais apartidista, supuxo un antes e un despois para a conciencia política da miña xeración.
Noutros países, esta caste de movementos políticos cidadáns acadou grande suceso, como na Chequia que se liberou da ditadura soviética ou coa plataforma Yes Scotland, que fixo chegar entre 2012 e 2014 a mensaxe soberanista escocesa moito máis aló dos marcos nacionalistas. Tamén coa Assemblea Nacional Catalana, iniciativa cidadá na que partillan afiliados de varios partidos e independentes e que lle marca a axenda política a Convergència e a ERC.
Velaí que non sexa acaído considerar Somos Nós como un instrumento para a unificación das diversas ponlas do galeguismo nin como outra opción partidaria. O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituír o que xa está, senón fornecer á sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia como suxeito político. Uns intereses sistematicamente esquecidos no esquema político actual por mor de representarmos só un 5% do PIB e un 6% da poboación e depender en grande medida duns alicerces económicos que non son os que definen a economía do Estado español. Ferramentas para afondar nunha visión do mundo dende Galicia, como clave para afondarmos no autogoberno e xerarmos benestar para a cidadanía.
Logo no galeguismo hai sitio para partidos, para axentes sociais e para este movemento cívico, como existe este espazo tamén en Catalunya ou en Escocia, países cos que partillamos sentimento de identidade e europeidade, malia distinguírmonos nun bo feixe de características e circunstancias.
O importante, en último de contas, non é o instrumento, senón o obxectivo. O importante é que o gato sexa quen a cazar ratos.