Un Goberno sen pulo

A mensaxe da fin de ano do Presidente Rueda reflectiu moi a xeito esa falla de pulo, proxecto e mesmo de concepto que son características do seu Goberno desde que asumiu o cargo no maio último.
Probabelmente enchoupado no seguidismo a respecto da radicalizada polarización do PP estatal de Feijóo e, logo do evidente fracaso amosado na crise pandémica polas receitas da dereita neocon, Rueda semella non saber onde están os problemas, as prioridades e -sobre todo- os recursos deste País. Non existe un só proxecto de goberno que non sexa a continuidade co Xacobeo na súa actual fasquía, sen a máis pequena análise a respecto da súa fala de sostibilidade e do seu dano a medio prazo a respecto da promoción turística que precisa este País. Segue sen existir unha política industrial e o Presidente non foi quen de vertebrar, canda o tecido empresarial galego, proxectos Next Generation (alén do moi pouco definido de Altri para Palas de Rei) que teñan boa capacidade de tracción da nosa economía, que xa reflectiu no 3T de 2022 un crecemento menor (4,4%) que o estatal (6,8%). A inoperancia da Xunta agrava para Galicia as resultas da xestión centrípeta e centralizada deses fondos europeos polo Goberno do Estado.
A sanidade pública galega, nomeadamente a atención primaria, recolle as resultas de trece anos de desmontaxe do PP, que tensionou e chegou a mancar o seu esencial capital humano. Por outra banda, nun País cun peso cada vez máis grande da terceira idade, non existe máis plan sociosanitario que seguir a privatizar este servizo ás multinacionais e garantirlles negocio en troques da falla de esixencia dos parámetros de calidade mínimos na atención, alimentación e coidados das persoas usuarias. Canto á educación e ás nosas Universidades nada sabemos a respecto da análise da situación e solucións que propón este Goberno.
Mais o peor de todo é esa permanente actitude provincial e provinciana de quen (en estrita continuidade coa longa xestión de Feijóo) semella ter demitido das súas responsabilidades a respecto dos nosos problemas e intereses, agachado como está no coro do intérprete da rúa Xénova. Existe falla de proxecto, pulo e liderado, e isto recoñécese en privado por persoeiros de variadas ponlas do PP galego, conscientes de que os vindeiros meses poden ser os últimos da longa estadía dos populares na Xunta.
Velaí a necesidade e a urxencia de que Ana Pontón desde o BNG encha este baleiro con propostas e proxectos que xunten as luces longas da visión de futuro coa inmediata aplicabilidade de medidas que non poden agardar.

O efecto sede de Inditex

Na historia e no presente na Galicia do Grupo Inditex coexisten as luces coas tebras. Relatos de elusión fiscal (aplicando a legalidade vixente, non evadindo impostos) ou inviabilización empresarial de moitos dos primeiros provedores. É moi probábel que o suceso de Inditex conlevase como custo o afundimento de moitas textís galegas con outros modelos de negocio. Co efecto engadido de moitas traxedias persoais e de que hoxe sexa moi complexo atopar deseñadores para as poucas textís galegas sobrevivintes. De certo que toda esta é unha historia que habería ser xeralmente contada e coñecida.
Mais dende hai doce ou catorce anos Inditex mudou e quere contar coas solucións, produtos e aplicacións tecnolóxicas que demanda o progreso do Grupo. Primeiro foi no ámbito da loxística. Hoxe con ferramentas para a expansión da venda “on line”, que xa supón máis do 40% das vendas de Zara e do 12% do Grupo no seu conxunto. Velaí que Inditex desenvolva un proceso de contratación de tecnólogos superiores (nomeadamente un núcleo duro de xefes de proxecto) e promova un abano de subcontratistas quer de concretos produtos ou aplicacións, quer de servizos máis xerais. Falamos de milleiros de empregos nos vindeiros anos, a meirande parte con tendencia a se establecer en Galicia por mor do efecto-sede.
Cómpre, pois, que os nosos políticos, os nosos xestores universitarios e os nosos axentes sociais potencien este efecto-sede, percurando fornecer esta demanda de titulados dende as nosas Escolas de Informática n’A Coruña e Ourense, Enxeñeiros de Telecomunicación en Vigo e Físicas e Matemáticas de Compostela. Promovendo políticas de captación cara ao retorno do noso talento emigrado, como fai o Colexio galego de Enxeñeiros de Telecomunicación. Ou dotando por parte da Xunta dunha unidade de contidos aos ciclos formativos da FP galega no eido da programación, hoxe ausente.
Alén das pasadas sombras da relación de Inditex coa sociedade galega, hoxe en día temos a oportunidade do efecto-sede para potenciar Galicia co emprego da mellor calidade no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Cómpre sermos proactivos e aproveitar o vento á popa mentres siga a soprar.

As grandes oportunidades da Lusofonía

A aprobación da iniciativa lexislativa Paz Andrade foi o primeiro chanzo para a aproximación real da Galicia ás lusofonías, mais non será abondo se este proceso segue a ser tan absurdamente lento nun mundo no que as remudas avanzan a grande velocidade. A nosa comunidade lingüística con Portugal na Europa, Brasil na América, Angola, Mozambique, São Tomé e Príncipe, Guiné-Bissau e Cabo Verde na África e Timor Leste na Asia constitúe unha fonte de oportunidades, nomeadamente no eido empresarial, mais tamén no cultural e no político. Para alén, no segundo círculo da lusofonía achegámonos á China a medio de Macau e á India a medio de Goa.
Ben é certo que para facer parte da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP) cómpre ser un Estado soberano e nós non o somos. Mais a realidade especial de Galicia (un territorio semiautónomo pertencente ao Estado español que, porén constitúe o berce do corpus lingüístico galego-portugués) podería xerar un status de seu como observador, nunha eventual reforma consensuada das súas normas internas. Por unha banda, contribuiría ao difícil equilibrio entre a exmetrópoli -o Portugal europeo- e o xigante brasileiro. Por outra banda, a presenza de Galicia na CPLP abriría amplas posibilidades para que o Estado español puidese constituír un segundo aliado na UE dos países lusófonos. Todo serían posibilidades de beneficio, tanto para Galicia e o Estado como para os países da CPLP. Se houber gobernantes intelixentes en Compostela e Madrid este camiño xa estaría percorrido, polo menos en parte.
Achegármonos á CPLP, achegármonos ás lusofonías, ha ser un obxectivo de País. E por iso cómpre que todos os partidos, sindicatos e organizacións empresariais, as tres Universidades, o Consello da Cultura, a RAG e todas as Institucións do País promovan e acorden un Plan Estratéxico “ad hoc”, difundido na sociedade e que remate coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia (canda as iniciativas lexislativas que haxa que promover perante o Congreso estatal).
O achegamento á lusofonía, canda a posta en valor da rede institucional da Galicia exterior, haberían ser os eixos fundamentais da nosa acción exterior extraeuropea. Para estarmos no mundo e valorizar a nosa cultura e personalidade, mais nomeadamente por mor dos nosos intereses económicos.