A nosa historia, a nosa memoria

Nos últimos tempos asistimos a un revisionismo histórico desenvolvido de xeito sobranceiro, malia que non exclusivo, por persoas, entidades e correntes de pensamento vencelladas á extrema dereita. Este revisionismo diríxese basicamente a reivindicar: i) a multisecularidade da nación española que seica dataría da época romana e atoparía a expresión da súa unidade no Reino visigodo, ii) a negación da singularidade nacional galega, pois que Galicia na Idade Media sería unha simple parte do Reino asturleonés e iii) a Coroa de Castela seica desenvolveu un grande labor de evanxelización e civilización na América Latina, resgatando as súas poboacións da disfuncionalidade, do atraso e da barbarie dos dirixentes das civilizacións precolombinas.
Seica son as mesmas persoas que rexeitan como adoutrinamento as conclusións científicas a respecto da nosa historia, como rexeitan tamén as que contan a historia catalá, vasca ou canaria. Ou a de Corsica, Catalunya Nord ou Bretaña a respecto da República francesa e as de Gales, Irlanda e Escocia a respecto do Reino Unido. No noso caso, a historia apréndenos que Gallaecia se constituíu no século III como provincia romana con tres conventos, lucense (a Galicia actual), bracarense (norte de Portugal) e asturicense (Asturies e León actuais), que Gallaecia constituíu, desde a unión sueva e galego-romana o primeiro “regnum” da Europa e que o Reino de Galicia foi sempre, até 1230, a parte sobranceira do Estado cristián occidental, sendo Compostela o seu centro político e cultural, a Catedral e o Pórtico da Gloria as súas manifestacións artísticas senlleiras, o camiño xacobeo a súa epopea e as cidades costeiras fundadas polos reis de Galicia Fernando II e Afonso VIII (A Coruña, Noia, Baiona e Betanzos) a expresión da súa independencia política, apostando estratexicamente polas conexións atlánticas e europeas. As que salientan a “doma e castración do Reino de Galicia” dos Reis Católicos, que contou o licenciado Zurita, como labor unificador e pacificador, no canto de salientar a súa represión colonizante que subordinou e tentou anular a nosa lingua, cultura, Dereito e institucións.
Son as entidades e correntes que agachan que a Xunta Superior do Reino de Galicia constituíra un goberno provisional independente entre 1808-1809, armando exército e achegando embaixada a Londres, e que a revolución de 1846 non foi un pronunciamento, senón un movemento galeguista, liberal e demócrata. Que a perda para a Coroa española de Cuba (1898) para Galicia constituíu unha grande oportunidade de repatriación de capitais que se investiron na súa industrialización, desenvolvida con grande suceso no primeiro terzo do século XX, de xeito que Galicia era no 1936 un país con grandes perspectivas de prosperidade e desenvolvemento, que foron tronzadas polo franquismo.
Son as que agachan que hoxe Galicia sexa un país de alta e non compensada recadación fiscal estatal, malia o empobrecemento xerado pola dependencia política inducida e pola espoliación da nosa enerxía e recursos naturais. E, en último de contas, son as que agachan tamén que a nosa memoria do 1936 e seguintes non é de guerra, senón de asañada e sanguenta represión o espolio patrimonial, aínda non reparado, de milleiros.

Murguía construtor da Nación

O vindeiro 1-F cúmprense cen anos do pasamento na Coruña de Manuel M. Murguia. Para entendermos o labor murguiano cómpre lembrar o fracaso da revolución galega de abril de 1846, que o mozo Murguía ollara nas rúas compostelás. Unha revolución democrática inserida na vaga das revolucións europeas desenvolvidas contra 1848 e non o adicional pronunciamento militar que a historiografía española nos conta. Entre 1850 e 1866 Modesto Lafuente escrebe a súa Historia General de España, que inventa unha inexistente nación española de 2.000 anos de antigüidade e agacha a existencia do Reino de Galicia como primeiro regnum de Europa e como potencia sobranceira no oeste da península ibérica (séculos XI-XIII), coprotagonista na construción europea a medio do camiño xacobeo. E no 1857 apróbase a lei Moyano, a primeira lei estatal que universaliza a instrución básica e que por primeira vez vai facer chegar ao conxunto da nosa cidadanía esa idea de España uninacional e monolítica no que Galicia nin existe nin xoga case rol ningún no contexto desa España única.
Europa progresaba mentres Galicia minguaba economicamente e non se albiscaba como suxeito político nin posuidora dunha cultura propia. E aí traballou arreo Murguía. Escrebe unha Historia de Galicia alicerzada na súa metodoloxía científica de arquiveiro que lle dá ao galeguismo as ferramentas para coñecer e reivindicar o pasado común que explica a Nación. Chama a atención sobre o substrato cultural común e as complexas e continuas relacións entre Galicia con Bretaña e as illas irlandesa e británica e publicita a vocación europea e atlántica amosada historicamente polas clases dirixentes galegas cando estas foron autónomas.
Constrúe un relato de Galicia como suxeito dende a historia, xeografía, economía ou Dereito, confrontando expresamente con proxectos subordinados e folklorizantes como o da Pardo Bazán. Sen el non se pode explicar o Rexurdimento literario que Rosalía, Curros e Pondal desenvolven desde a publicación dos Cantares Gallegos (1863) e que no tempo dos Xogos Florais de Tui (1891) constituía xa unha realidade vizosa que moi axiña comezaría ser coñecida por cada vez máis galegos, por moitos anos case ágrafos en galego e castelán.
Eses Xogos Florais sinalan o intre para priorizar o labor político sobre os alicerces do labor de recuperación cultural desenvolvido, tentando conciliar o galeguismo liberal-demócrata murguiano co galeguismo conservador-tradicionalista representado por Alfredo Brañas. Malia que non fosen quen de superar as súas tensións ideolóxicas para lle propor ao País un proxecto integrador e interclasista, o labor daría froito no 1916-1918, cando as Irmandades da Fala se autodefiniron desde o pluralismo como nacionalistas, naquel novembro de 1918 no que abrollaban as liberacións nacionais irlandesa e checa no contexto da doutrina de autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson.

Un Goberno sen pulo

A mensaxe da fin de ano do Presidente Rueda reflectiu moi a xeito esa falla de pulo, proxecto e mesmo de concepto que son características do seu Goberno desde que asumiu o cargo no maio último.
Probabelmente enchoupado no seguidismo a respecto da radicalizada polarización do PP estatal de Feijóo e, logo do evidente fracaso amosado na crise pandémica polas receitas da dereita neocon, Rueda semella non saber onde están os problemas, as prioridades e -sobre todo- os recursos deste País. Non existe un só proxecto de goberno que non sexa a continuidade co Xacobeo na súa actual fasquía, sen a máis pequena análise a respecto da súa fala de sostibilidade e do seu dano a medio prazo a respecto da promoción turística que precisa este País. Segue sen existir unha política industrial e o Presidente non foi quen de vertebrar, canda o tecido empresarial galego, proxectos Next Generation (alén do moi pouco definido de Altri para Palas de Rei) que teñan boa capacidade de tracción da nosa economía, que xa reflectiu no 3T de 2022 un crecemento menor (4,4%) que o estatal (6,8%). A inoperancia da Xunta agrava para Galicia as resultas da xestión centrípeta e centralizada deses fondos europeos polo Goberno do Estado.
A sanidade pública galega, nomeadamente a atención primaria, recolle as resultas de trece anos de desmontaxe do PP, que tensionou e chegou a mancar o seu esencial capital humano. Por outra banda, nun País cun peso cada vez máis grande da terceira idade, non existe máis plan sociosanitario que seguir a privatizar este servizo ás multinacionais e garantirlles negocio en troques da falla de esixencia dos parámetros de calidade mínimos na atención, alimentación e coidados das persoas usuarias. Canto á educación e ás nosas Universidades nada sabemos a respecto da análise da situación e solucións que propón este Goberno.
Mais o peor de todo é esa permanente actitude provincial e provinciana de quen (en estrita continuidade coa longa xestión de Feijóo) semella ter demitido das súas responsabilidades a respecto dos nosos problemas e intereses, agachado como está no coro do intérprete da rúa Xénova. Existe falla de proxecto, pulo e liderado, e isto recoñécese en privado por persoeiros de variadas ponlas do PP galego, conscientes de que os vindeiros meses poden ser os últimos da longa estadía dos populares na Xunta.
Velaí a necesidade e a urxencia de que Ana Pontón desde o BNG encha este baleiro con propostas e proxectos que xunten as luces longas da visión de futuro coa inmediata aplicabilidade de medidas que non poden agardar.

Normalizarmos o normal

O grande suceso de público dos recentes concertos das Tanxugueiras en Vigo (Castrelos, 30-X, máis de 40.000 persoas) e A Coruña (praia de Riazor, 12-A, arredor das 80.000 persoas) constitúen unha emenda á totalidade á política cultural da Xunta (nomeadamente dos promotores do Xacobeo) e á de moitos gobernos locais, adoito pendentes só da contratación de artistas foráneas no prexuÍzo das galegas. Indubidabelmente, o éxito do trío galego alicérzase na súa forza expresiva, na súa calidade técnica e artística e nunha feliz conxunción de modernidade e tradición. Mais este éxito non se pode explicar sen o traballo colectivo de máis de corenta anos de ducias de artistas e creadores galegos que desenvolveron -e seguen aínda a desenvolver- con extremas dificultades o seu traballo mentres o concelleiro de Festas ou o xerente do Xacobeo de quenda contrataban espectáculos cativos de serie C nun vergoñento espectáculo de cosmopailanismo. Semella que a veciñanza galega resposta ben á súa música e á súa cultura e as fronteiras mentais están inseridas nos miolos de moitos dos seus políticos.
Son as mesmas fronteiras e limitacións mentais que determinan o uso case exclusivo do castelán do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como fixera noutrora o alcalde coruñés Francisco Vázquez. Que levaron á vicepresidenta do Goberno do Estado, Nadia Calviño, a usar case en exclusiva o castelán diante de 400 persoeiros como pregoeira do Día de Galicia de Vigo no mesmo Castrelos no que días antes 40.000 persoas celebraban en galego coas Tanxugueiras. Que lle dan pulo ao afastamento dos nosos creadores e artistas da axenda pública das festas de Ourense, Vigo e doutras cidades e vilas.
Teño escrito que o principal problema do galego é a súa desigualdade xurídica co castelán en dereitos. Velaí a importancia de acenos como do cidadán que obtivo xudicialmente a obrigatoriedade de que a Axencia Tributaria estatal se relacionase con el en galego ou da persoa que obtivo, non sen discusións, dunha doutora do SERGAS en Bueu un informe en galego que de primeiras ía ser redactado en castelán. Mais precisamos tamén que os referentes sociais e empresariais, os nosos políticos, científicos e deportistas usen o galego en público e reivindiquen a nosa lingua e cultura na súa praxe cotiá.
Porque o pretexto de que a cidadanía non quere contidos e espectáculos en galego xa non se sostén. Négano as enquisas e amósao a realidade. Cómpre, logo, normalizarmos o normal.

Aprendermos a historia de Galicia

A lexislación estatal distribúe as competencias para a fixación do currículum educativo ao 50% entre a Adminsistración do Estado e cadansúa Administración autonómica nos países con lingua propia. No exercicio desta competencia, o Goberno do Estado vén de fixar os contidos mínimos a estudar na historia española, cinguíndose exclusivamente á historia contemporánea, desde a aprobación da Constitución de Cádiz, priorizando deste xeito un relato de España como nación única e omitindo periodos históricos como o medieval ou o da Idade Moderna, que deixan moito máis patente a evolución da península ibérica como ámbito territorial dunha convivencia plurinacional.
Xa que logo, o lóxico sería que Galicia aproveitase as súas competencias para desenvolver estes mínimos curriculares inserindo o estudo da historia propia. Unha historia agachada pola historiografía española e descoñecida por unha grande maioría da nosa cidadanía.
Mais a Xunta non está por traballar na lóxica devandita. E velaí como o conselleiro de Educación demite da súa responsabilidade, promovendo contidos adicionais aos mínimos estatais precisamente dos períodos omitidos da historia española, no canto de pór os vimbios para aprendermos no bacharelato a historia de Galicia.
Sen o coñecemento do noso substrato celta, da romanización, das achegas sueva e britoa, ou da irrelevancia da invasión árabe, non se entende o xurdimento do reino de Galicia no século IX. Sen explicarmos o reino de Galicia non se entende o fenómeno xacobeo nin a prosperidade do noso país nos séculos XII e XIII, da que xorden a Catedral compostelá e o seu Pórtico da Gloria e máis a fundación de vilas e cidades portuarias como Baiona, Noia, Viveiro ou A Coruña. Sen explicarmos a trascendencia da separación de Portugal e da unión persoal do reino de Galicia e León co de Castela en 1230 non se entende a tendencia proportuguesa e anticastelá da meirande parte da aristocracia e do pobo galegos nos séculos XIV e XV, nin a represión dos Reis Católicos pola aposta galega pola lexítima raíña Xoana no canto da non lexítima Isabel.
Sen coñecermos a trascendencia da introdución dos cultivos da pataca e do millo e a funcionalidade do foro non podemos entender a prosperidade da agricultura galega nin a súa puxante demografía no século XVIII. Sen entender os efectos do centralismo e o fracaso da nosa revolución democrática de 1846 non podemos coñecer o porqué do noso empobrecemento e da emigración. Sen coñecer o labor do Partido Galeguista non entenderemos o plebiscito do Estatuto de 1936, de onde xorde, constitucionalmente, o noso recoñecemento como nacionalidade e, xa que logo, a legalidade autonómica que fai que Román Rodríguez sexa conselleiro.

Precisamos marcos mentais propios

No primeiro semestre do 2020 a rebaixa do valor das mercadorías nos cinco portos galegos de interese xeral abaneou entre o case 7% de Vigo e o case 15% de Ferrol. Estes portos seguen a ser xestionados polo Estado, cun único réxime xurídico e tarifario que impide o desenvolvemento das potencialidades portuarias galegas, porque somos centrais xeograficamente e haberíamos ser o grande “hub” portuario entre a Canle de Panamá e o Leste americano cos portos europeos do Mar do Norte. Velaí que precisemos dun novo marco mental, que mire Galicia como central e non periférica. E dun novo marco institucional, que pase pola transferencia da competencia á Xunta e pola conexión ferroviaria co Eixo Atlántico con Portugal e co Corredor Europeo de Mercadorías.
Tamén precisamos un marco mental de noso no que atinxe ás comunicacións ferroviarias. Portugal vén de dicir que non lle interesa conectar por alta velocidade Lisboa con Madrid, senón que prioriza o eixo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-Coruña-Ferrol. Velaquí o futuro, canda a conexión co Corredor de Mercadorías cara Europa, aproveitando o porto seco de Monforte.
Precisamos tamén un novo marco mental para o turismo galego, que habería transformarse substancialmente para a revolución postcovid que ha vivir o sector. Unha revolución que require da transferencia dos aeroportos ao Poder Galego para evitarmos competencias entre ananos. Este novo marco mental habería definir unha oferta de turismo deportivo, monumental, gastronómico e ecolóxico, facendo Marca-País e aproveitando todos os recursos turísticos que o turismo-masa do Xacobeo non entende.
Precisamos tamén marcos mentais de noso na esixencia dun regulamento enerxético que nos compense tarifariamente pola nosa vitalidade produtora, permitindo atraermos nova industria e compensarmos ás comunidades locais prexudicadas polos custos ambientais e paisaxísticos xerados pola produción enerxética.
Precisamos dun novo relato fiscal, que entenda que somos superavitarios na nosa achega impositiva o Estado e que precisamos da capacidade de regularmos, recadarmos e xestionarmos os nosos tributos. E dun novo marco financeiro, que reinvista no noso País o excedente de aforro que producimos desde 2012 por mor da substancial liquidación do noso subsistema financeiro.
Precisamos, en último de contas, de marcos mentais que rachen coas actitudes dependentistas a respecto do Estado centralista. Tamén na reivindicación da lingua e cultura como centrais nunha Galicia moderna e dunha historia -a nosa real- propia, que nos fai merecentes dun lugar de noso no concerto das nacións europeas