Fartas da burocracia en Galicia

A piques de entrar no 2020 a burocracia afoga a Administración autonómica e sobrancea en non poucas Administracións locais, sen que zafasen, neste senso, os gobernos locais dos alcaldes Caballero (Vigo), Ferreiro (A Coruña) nin o de Noriega (Compostela).
É verdade que o podium da ineficacia e da ineficiencia acádao por dereito propio a Administración que dirixe dende hai case once anos o presidente Núñez Feijóo, sobranceando a Administración de fomento industrial e empresarial, que dirixe o Conselleiro Conde. No 2018, de 89 M€ orzamentados para investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) só demos investidos 21,9 M€ (menos do 25%). Relátanme casos de empresarios agardando pola cancelación de avais do IGAPE sen vixencia dende hai dous anos que, porén, lles recorta capacidade de endebedamento bancario. A outros, cumprindo obxectivamente os requisitos para obter axudas suxeitas a programas estábeis, díselles que a achega pode demorar tamén dous anos.
A Xunta dispón dunha rede de case douscentos axentes de desenvolvemento local cos que non sabe que facer. Haberíamos ser o país europeo onde máis doado fose crear unha empresa e somos campións europeos da burocracia ineficiente, mentres a poucos quilómetros Portugal amósase como referente industrial e tecnolóxico, malia os seus déficits formativos.
Que dicir dos servizos sociais? Na primavera de 2018 12.000 persoas galegas agardaban polas axudas da dependencia e 17.000 pola avaliación do seu grao de discapacidade. O trámite municipal e a decisión autonómica atrasa a concesión da renda social de integración (RISGA) na cidade de Vigo unha media de 106 días, cando os seus solicitantes son persoas en situación de extrema urxencia vital, sen ningunha caste de ingresos regulares para facer fronte á súa supervivencia. Persoas en situación de total vulnerabilidade sofren trámites longos, cando as novas tecnoloxías permiten resolver a concesión de axudas sociais dando unha única vez, a medio do cruzamento de dados (logo da atinxente autorización persoal) entre as Administracións.
Velaí, por certo, unha das vantaxes da renda básica universal: substitúe un conxunto de axudas e pagas de grande custo en xestión por unha renda de concesión incondicionada permitíndolle destinar os recursos materiais e persoais ocupados nestas xestións á detección temperá de toda caste de realidades ou riscos de exclusión social.

Que non rouben a nosa Historia

A pluralidade das Españas medievais foi teimudamente combatida dende a doma e castración de Galicia pola Raíña Católica e, nomeadamente, dende a recepción do centralismo borbónico de raigame francesa. Velaí unha historiografía española deturpada, que nega as realidades nacionais históricas: a galega, a euskalduna na súa dualidade navarro-biscaíña e a catalá.
Cinguíndonos ao noso, na provincia romana da Gallaecia abrollou no 411 o primeiro reino europeo baixo a dinastía sueva. Este reino chegou ocupar a metade da Península Ibérica, mais foi derrotado pols visigodos no 585. Porén, mantivo a súa autonomía até a invasión arábigobereber do 711 e constituíu o alicerce do grande reino de Galicia, o reino cristián occidental. Para os historiadores e navegantes europeos e musulmáns entre os séculos IX e XII a Península Ibérica dividíase entre a cristiá Gallaecia e a moura Spania.
Nos 1128-1137 o condado de Portugal separouse e, ao longo destes mesmos anos, Asturies e León foron emerxendo como realidades diferentes da vella Galicia, que viviría a súa idade de ouro no século XII e na primeira metade do XIII, cos seus grandes reis Fernando II (o rei do Pórtico da Gloria, que reinou nos 1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), fundador d`A Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Noia, e que abriu a catedral compostelá, faro da Europa toda, no 1211.
No 1230 o reino de Galicia pasou ao fillo do Afonso VIII, Fernando III, e Galicia esmoreceu, malia que se mantivo independente de feito até a doma e castración isabelina (1479-1490) e tentou varias veces (1296, 1345, 1479) a independencia total cunha nova dinastía real, tentando, quer a reunificación con Portugal, quer o achegamento á sempre próxima Britania.
No 1479-1486 a Raíña Católica esmagou a resistencia do País e someteuno brutalmente. Da fin do XV-primeiros do XVI até 1833 o Reino de Galicia constituiría unha provincia da Coroa castelá, de definida personalidade e con limitada autonomía. Despois, o Borbón dividiu Galicia nas catro provincias, como Murguía dicía que fixeran os romanos coa túnica de Xesús Cristo.
Pois xa ven. Esta historia real foinos agachada no colexio e segue a selo na sinaléctica da Catedral compostelá, que agocha a presenza nos seus muros dos restos dos Reis de Galicia.
Hai quen fala dende Madrid de evitar o adoutrinamento no estudo da Historia. Adoutrinamento foi o que sofrimos coa negación da nosa Historia moitas xeracións de estudantes na nosa Galicia.