Agocharon a nosa historia

Cara mediados do século XIX, suprimidos o Reino de Galicia e o Principado de Catalunya no 1833 a medio de cadansúas divisións tetraprovinciais e suprimidos os foros navarros e vascos (1840) despois da guerra carlista, consolidada Isabel II como raíña, bótanse os alicerces dun Estado centralista que reivindica a organización política dunha única Nación. Promúlgase en 1851 a primeira lei de educación (a Lei Moyano) e comeza a desenvolverse unha historiografía que tenta explicar España como realidade unitaria con 2.000 anos de historia, agochando a substancial pluralidade política, lingüística e cultural que definiu a historia da península ibérica.
Deste xeito, priorízase o reino visigodo como precedente do actual Estado, subordinando o reino suevo de Galicia, primeira entidade política ou “regnum” da Europa postromana (409). Considérase a chegada dos musulmáns como unha invasión árabeafricana que cómpre reverter a medio dunha longa Reconquista, agochando que na meirande parte dos case oito séculos de presenza musulmá na península ibérica existiu boa convivencia entre xudeus, cristiáns e musulmáns e alianzas entre Estados cristiáns e musulmáns. E avalíanse como positivos e moi españois fenómenos de imposición militar e expansionista como a doma e castración do reino de Galicia (1479-1486) desenvolvida pola raíña de Castela, Isabel a Católica, e a supresión manu militari das liberdades dos reinos de Valencia (1707), Aragón (1711), Mallorca (1716), do Principado de Catalunya (1714) e do reino de Navarra e dos territorios históricos vascos (1840).
O primeiros destes historiadores casteláns foi Modesto Lafuente coa súa Historia general de España (1850) na que inventou un reino de Asturies despois transladado a León dende o absurdo da tradución do termo árabe “Jalikiah” (Galicia) das crónicas musulmanas por León, descoñecendo que Paulo Orosio a respecto da provincia romana de Gallaecia e o bispo Isidoro de Sevilla a respecto do reino suevo de Galicia afirmaban que Asturies e Cantabria eran parte da Gallaecia. Constrúese, entón, un relato asturleonés para agachar a realidade da potencia do reino de Galicia construtor da identidade europea a medio do Camiño xacobeo.
Non fomos os galegos os únicos prexudicados por este roubo da memoria. Porque esta historiografía española defendeu tamén un rol subordinado de Catalunya a respecto de Aragón, esquecendo que a Coroa catalá-aragonesa era unha confederación de catro territorios na que sobranceaba o Principado catalán, que foi o que se abriu ao Mediterráneo conquistando Sicilia, Sardeña e Nápoles. E a mesma historiografía agachou sempre que o reino de Pamplona fundado por Eneko Aritza era un reino vascón que falaba euskera e que se espallaba entre os ríos Garona e Ebro.
Agocharon a nosa historia. E aínda tentan agochala.

Aprendermos a historia de Galicia

A lexislación estatal distribúe as competencias para a fixación do currículum educativo ao 50% entre a Adminsistración do Estado e cadansúa Administración autonómica nos países con lingua propia. No exercicio desta competencia, o Goberno do Estado vén de fixar os contidos mínimos a estudar na historia española, cinguíndose exclusivamente á historia contemporánea, desde a aprobación da Constitución de Cádiz, priorizando deste xeito un relato de España como nación única e omitindo periodos históricos como o medieval ou o da Idade Moderna, que deixan moito máis patente a evolución da península ibérica como ámbito territorial dunha convivencia plurinacional.
Xa que logo, o lóxico sería que Galicia aproveitase as súas competencias para desenvolver estes mínimos curriculares inserindo o estudo da historia propia. Unha historia agachada pola historiografía española e descoñecida por unha grande maioría da nosa cidadanía.
Mais a Xunta non está por traballar na lóxica devandita. E velaí como o conselleiro de Educación demite da súa responsabilidade, promovendo contidos adicionais aos mínimos estatais precisamente dos períodos omitidos da historia española, no canto de pór os vimbios para aprendermos no bacharelato a historia de Galicia.
Sen o coñecemento do noso substrato celta, da romanización, das achegas sueva e britoa, ou da irrelevancia da invasión árabe, non se entende o xurdimento do reino de Galicia no século IX. Sen explicarmos o reino de Galicia non se entende o fenómeno xacobeo nin a prosperidade do noso país nos séculos XII e XIII, da que xorden a Catedral compostelá e o seu Pórtico da Gloria e máis a fundación de vilas e cidades portuarias como Baiona, Noia, Viveiro ou A Coruña. Sen explicarmos a trascendencia da separación de Portugal e da unión persoal do reino de Galicia e León co de Castela en 1230 non se entende a tendencia proportuguesa e anticastelá da meirande parte da aristocracia e do pobo galegos nos séculos XIV e XV, nin a represión dos Reis Católicos pola aposta galega pola lexítima raíña Xoana no canto da non lexítima Isabel.
Sen coñecermos a trascendencia da introdución dos cultivos da pataca e do millo e a funcionalidade do foro non podemos entender a prosperidade da agricultura galega nin a súa puxante demografía no século XVIII. Sen entender os efectos do centralismo e o fracaso da nosa revolución democrática de 1846 non podemos coñecer o porqué do noso empobrecemento e da emigración. Sen coñecer o labor do Partido Galeguista non entenderemos o plebiscito do Estatuto de 1936, de onde xorde, constitucionalmente, o noso recoñecemento como nacionalidade e, xa que logo, a legalidade autonómica que fai que Román Rodríguez sexa conselleiro.

Que non rouben a nosa Historia

A pluralidade das Españas medievais foi teimudamente combatida dende a doma e castración de Galicia pola Raíña Católica e, nomeadamente, dende a recepción do centralismo borbónico de raigame francesa. Velaí unha historiografía española deturpada, que nega as realidades nacionais históricas: a galega, a euskalduna na súa dualidade navarro-biscaíña e a catalá.
Cinguíndonos ao noso, na provincia romana da Gallaecia abrollou no 411 o primeiro reino europeo baixo a dinastía sueva. Este reino chegou ocupar a metade da Península Ibérica, mais foi derrotado pols visigodos no 585. Porén, mantivo a súa autonomía até a invasión arábigobereber do 711 e constituíu o alicerce do grande reino de Galicia, o reino cristián occidental. Para os historiadores e navegantes europeos e musulmáns entre os séculos IX e XII a Península Ibérica dividíase entre a cristiá Gallaecia e a moura Spania.
Nos 1128-1137 o condado de Portugal separouse e, ao longo destes mesmos anos, Asturies e León foron emerxendo como realidades diferentes da vella Galicia, que viviría a súa idade de ouro no século XII e na primeira metade do XIII, cos seus grandes reis Fernando II (o rei do Pórtico da Gloria, que reinou nos 1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), fundador d`A Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Noia, e que abriu a catedral compostelá, faro da Europa toda, no 1211.
No 1230 o reino de Galicia pasou ao fillo do Afonso VIII, Fernando III, e Galicia esmoreceu, malia que se mantivo independente de feito até a doma e castración isabelina (1479-1490) e tentou varias veces (1296, 1345, 1479) a independencia total cunha nova dinastía real, tentando, quer a reunificación con Portugal, quer o achegamento á sempre próxima Britania.
No 1479-1486 a Raíña Católica esmagou a resistencia do País e someteuno brutalmente. Da fin do XV-primeiros do XVI até 1833 o Reino de Galicia constituiría unha provincia da Coroa castelá, de definida personalidade e con limitada autonomía. Despois, o Borbón dividiu Galicia nas catro provincias, como Murguía dicía que fixeran os romanos coa túnica de Xesús Cristo.
Pois xa ven. Esta historia real foinos agachada no colexio e segue a selo na sinaléctica da Catedral compostelá, que agocha a presenza nos seus muros dos restos dos Reis de Galicia.
Hai quen fala dende Madrid de evitar o adoutrinamento no estudo da Historia. Adoutrinamento foi o que sofrimos coa negación da nosa Historia moitas xeracións de estudantes na nosa Galicia.