Cómpre subir os tipos de xuro?

Neste mes de agosto tiven a ocasión de partillar co profesor Miguel Anxo Bastos (USC) dous faladoiros da actualidade na Radio Galega conducidos pola xornalista Silvia Pereira. E nas dúas ocasións, canda outros temas de actualidade, xurdiu o das medidas antiinflacionarias. Bastos confía nas medidas clásicas de restrición da liquidez e suba dos tipos de xuro, xa desenvolvidas en xullo polo Banco Central Europeo (BCE) e antes pola Reserva Federal dos USA e os Bancos Centrais suízo e xaponés. Eu, sen negar que existan xa algúns elementos de inflación na demanda post-covid, sigo a pensar que a actual inflación xorde nomeadamente dos graves desaxustes da oferta xerados pola queda produtiva da pandemia.
Semella que esta miña percepción, que contraría en parte opinións tan alicerzadas como a do profesor Bastos, conecta coa recentísima opinión (24-A) do antigo economista-xefe do Banco Mundial, o profesor Joseph Stiglitz. Cando hai quen desconta xa para o vindeiro setembro unha suba de 0,5 pontos do tipo de xuro do BCE (a lle engadir á suba doutro tanto neste último xullo), Stiglitz advirte que pode ser peor o remedio que a doenza. Advirte que, en realidade, sofrimos unha inflación xerada sobranceiramente polas restricións da oferta de alimentos, compoñentes electrónicos e enerxía, polo que subir os tipos de xuro non atende á raíz do problema e mesmo pode agravalo. As restricións de acceso ao financiamento dificultarían a implementación dos investimentos precisos para resolver eses estrangulamentos da oferta.
No caso do noso País, Galicia, as restricións crediticias dificultarían o proceso de reindustrialización e reagrarización que precisa a nosa economía e mesmo os investimentos en dixitalización, enerxía e habitabilidade que constitúen obxectivos fulcrais dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Co que podemos enfrontar a treboada perfecta dunha inflación sen corrixir (malia a case segura queda substancial do consumo) á que se lle engadiría unha recesión no PIB que xere desemprego, redución da recadación fiscal e, xa que logo, necesidade ulterior de transferencias para pagar máis prestacións e subsidios sociais e máis xuros da débeda pública.
Cómpre, pois, esixir prudencia dos dirixentes do BCE (que non respostan politicamente diante do Parlamento Europeo) e lembrar, como ten dito o economista galego Marcelino Fernández Mallo, a necesidade cando menos de manter canles privilexiadas de financiamento para eses proxectos estratéxicos de reindustralización, infraestruturas, dixitalización e reagrarización. Porque unha segunda edición do austericidio de 2010-2013 xeraría uns custos non aturábeis para as clases medias e traballadoras.

Enerxía, alimentos e loxística

A grande suba do custo da enerxía e combustíbeis e máis a incapacidade da oferta industrial para satisfacer a demanda post covid-19 obriga á planificación pública a un grande esforzo cara á reindustrialización e reagrarización europea. Os dados amosan unha ruptura das cadeas globais de subministración e a necesidade de que estas sexan máis curtas e resilientes, o que de seguro se vai traducir nun incremento sostido dos custos. Velaí a necesidade de que o noso País, Galicia, mellore a súa autonomía enerxética, alimentaria e loxística para se adaptar nas mellores circunstancias á fonda remuda da economía internacional que comezamos a albiscar.
As enerxías renovábeis achegan case o 90% das necesidades enerxéticas de Galicia, que exporta máis dun terzo da súa produción enerxética global sen obter ningunha contraprestación. Os case sete millóns de madrileños non producen enerxía e viven da que nós e algún outro territorio producimos. O sistema eléctrico español baséase no caro e ineficiente transporte. Neste contexto, os esforzos do Goberno, forzas políticas e sociedade civil galega haberían orientarse a políticas globais de descentralización do consumo e achegamento do consumo á produción, ao tempo que esixir un pacto de Estado que lle garanta a Galicia retornos axeitados ao seu esforzo económico e ambiental de producir enerxía.
Da autonomía alimentaria estamos moi lonxe. Como nos aprende o economista galego Marcelino Fernández Mallo, só destinamos o 3,9% da nosa superficie á produción de alimentos fronte ao 25,6% estatal. Adicamos un 23,5% á produción animal (prados, pastos e forraxe) e case o 40% a eucalipto e matogueira. Mais, agás supostos territoriais localizados ou casos evidentes de mala xestión, seguimos dispondo de auga abonda, polo menos comparativamente con outros países. É urxente, pois, un pacto de País para deseucaliptizar esas superficies substraídas aos usos agrarios, para desenvolver políticas de reagrarización que incrementen substancialmente a nosa produción de cereais, froitas, verduras, legumes, vides e oliveiras. O que lle vai dar pulo, como explica Fernández Mallo, a un substancial incremento das industrias agroalimentarias.
E tamén é evidente a necesidade de orientar as nosas estruturas portuarias, ferrroviarias e de refino petroleiro e regasificación para o beneficio das empresas galegas, no canto de servir aos intereses das grandes empresas españolas.
Estes tres retos esixen amplos acordos de País para definir potentes e sostidas políticas de noso e moito máis autogoberno. Precisamos máis soberanía para rachar a especialización postcolonial que as elites españolas nos impoñen no prexuízo do noso propio desenvolvemento económico e do benestar da nosa cidadanía.

A alternativa fronte ao continuísmo

A anécdota do pleno parlamentario da investidura do novo presidente deste noso país púxoa o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, proclamando presidente da Xunta ao eleito Rueda, cando esa cualidade xuridicamentee aínda precisaba do seu nomeamento polo Xefe do Estado. Máis aló dun posíbel lapsus linguae a expresión reflicte o interiorizado que temos que o proceso de elección do Presidente da Xunta é un asunto que só lle compete á cidadanía galega.
Mais o interese real deste pleno parlamentario estivo no confrontamento entre o discurso continuísta, de apelación á estabilidade e a unha suposta previsibilidade do novo presidente Rueda, fronte á alternativa de goberno que reflectiu a voceira do BNG, Ana Pontón. A líder soberanista tivo a habilidade de xerar un auténtico debate político sobre os dous únicos proxectos de gobernanza viábeis existentes hoxe en día na Galicia. Para iso houbo mudar o guión comunmente aceptado para esta clase de debates, priorizando a propia alternativa fronte á crítica ao programa do candidato. Velaí a incomodidade amosada por Rueda, que ficou moi escurecido no seu protagonismo, malia o grande favorecemento que o Regulamento do Parlamento de Galicia lle outorga ao candidato no debate de investidura, no que pode falar cando lle peta e sen límite de tempo.
Xa que logo, os termos do debate ficaron claros: Rueda apela ao continuísmo e a esa suposta estabilidade que Núñez Feijóo cre exportábel ao conxunto do Estado. Pontón apela á transformación e a unha remuda substancial das fórmulas de gobernanza, mais dun xeito empático e tranquilo, sen rupturas.
Velaí que este confrontamento garante centos de milleiros de seareiros para cada un dos dous relatos. As persoas que pensen que a xestión nestes trece anos foi boa ou, cando menos, discreta e aceptábel, e non priorizan como obxectivos a reindustralización, a reagrarización, o reforzamento dos servizos públicos sanitarios, sociais e educativos, estarán co PP de Rueda. E os que aposten pola alternativa con Pontón e coas demais forzas que poden sumar canda ela e o BNG.
Ninguén pode saber o resultado práctico para este país dun Goberno presidido por unha soberanista. É certo. Mais o que si sabemos son as resultas do programa de máis do mesmo de Rueda: empobrecemento, emigración das persoas novas, avellentamento, despoboación. Menos autogoberno e menos benestar. Menos futuro e menos ilusión.
Pontón pode facelo no 2024 se non se aparta do camiño que tracexou até agora e segue a priorizar a amabilidade, a transversalidade, a integración, a comprensión da súa mensaxe por case todas as persoas e máis a representación e acollemento dos intereses das grandes maiorías sociais.

Fondos europeos e rescate da hostalería e da cultura

Na gobernanza económica que esixe para Galicia a pandemia salienta o obxectivo do fomento da reindustrialización, viabilización e resiliencia definido nos fondos europeos Next Generation EU (140.000M€ para o Estado dos 750.000M€ acordados pola Unión Europea) e o mantememento do tecido produtivo de pemes, nomeadamente da hostalería e actividades culturais, que son as que sofren especialmente as restricións sanitarias (canda determinado comercio de proximidade non esencial).
Este sábado 30-X diversas organizacións sindicais, ecoloxistas e sociais manifestáronse na Galicia contra a distribución destes fondos europeos, por canto estarían a se monopolizar polas grandes empresas do Ibex 35, nomeadamente as de distribución eléctrica, petróleo, gas e grande produción forestal, de xeito que obxectivos europeos de primeiras ben aquelados como a reindustrialización verde ou o potenciamento da produción eléctrica a medio de fontes renovábeis, estarían a perigar gravemente ao pormos o raposo ao coidado das pitas. É dicir, ao destinarmos a meirande parte destes fondos europeos ás mesmas grandes empresas do Ibex 35 que son os máximos responsábeis dos danos e riscos ambientais e da precarización do emprego.
Pedro Sánchez vén de salvar o Decreto-Lei que regula a xestión destes fondos europeos pola abstención de Vox e a aprobación dos nacionalistas vascos do PNV e EH-Bildu, conformes cunha xenerosa cota para a avanzada industria vasca que autoxestionarán eles propios. Mais Galicia recibirá só o 4,4% dos fondos territorializados, menos do 70% do que nos cumpriría pola nosa poboación e diferenza co PIB per cápita estatal. Mais non só é o Goberno do Estado quen está a xestionar de xeito escuro estes fondos, porque tamén a Xunta atenta contra as normas democráticas de transparencia. Nun e noutro caso agachan a incapacidade de xestión e a súa vontade de que sexan as grandes empresas as que monopolicen dos destinos dos fondos, esquecendo que son as pemes a chave do emprego e os sectores autóctonos de vantaxes comparativas os que poden de verdade mudar a estrutura produtiva deste País.
No outro ámbito fulcral, no da destrución do actual tecido produtivo, a Xunta rexeitou unir esforzos coas Deputacións e os principais concellos da Galicia para rescatar ao sector hostaleiro, que ten sofrido canda o sector cultural a peor vaga destrutiva da pandemia. Amosaron Feijóo e Rueda a súa falla de compromiso cun sector inxustamente estigmatizado, absurdamente fragmentado canto axentes representativos e que precisa, canda as nosas actividades culturais, un plan moi potente que semella non virá polo de agora.
Precisamos liderados políticos, mais tamén sociais e sectoriais, que mobilicen as forzas vivas galegas para esixir unha gobernanza económica transparente, social e democrática, en Compostela, Madrid e Bruxelas.

Ensinanzas provisionais da pandemia

1. Os esenciais.
Moitas das persoas que están a fornecer os servizos esenciais (sanitarios, dependencia e maiores, sociais, seguranza, mantemento e limpeza, produción e distribución alimentaria…) foron cualificadas no próximo pasado como xente doadamente substituíbel que non achegaban valor e, xa que logo, non xustificarían a actualización do salario mínimo. Agora constitúen parte substancial da nosa capacidade de resposta social. No 1945 as clases medias e traballadoras de USA, Reino Unido ou Francia acadaron un “new deal”, un novo pacto social. A tensión social será, de seguro, unha constante no próximo futuro, para determinarmos de que xeito se distribúen os custos da reconstrución.

2. A saúde é o primeiro.
A máis prezada conquista do Estado do Benestar é a saúde pública, universal, gratuíta e de calidade. As retalladas austericidas degradaron desde 2008, de xeito moi substancial, a capacidade de resposta das sanidades europeas, nomeadamente, para o que nos importa, da sanidade galega. Para pandemias futuras cumprirán reservas estratéxicas de recursos para emerxencias sanitarias. E, sobre todo, máis respecto e máis diñeiro para o persoal sanitario.

3. Xestión de proximidade e gobernanza en rede vs centralismo radial.
Alemaña e Suíza están a atender a emerxencia desde a coordinación en rede, consensuando as actuacións na escala federal.
O Goberno do Estado non se decatou das vantaxes comparativas do Estado plural e descentralizado e quixo impor un Mando Único e unha emerxente militarización cando as solucións eficaces son as de proximidade e a gobernanza máis resiliente é a horizontal en rede. Velaí a deficiente recentralización da merca de material sanitario, mesmo con requisas contraproducentes. Os Ministerios até descoñecen onde están as infraestruturas e recursos esenciais dos territorios.

4. Investigación, innovación, tecnoloxía!
Estamos a pagar as retalladas da Grande Depresión no I+D+i. Galicia inviste só o 0,87% do seu PIB en I+D+i. A investigación e a innovación non se poden inventar en quince días. Só se recolle cun traballo de semente e desenvolvemento continuado, avaliado e eficaz.
A pandemia actual amosa a importancia das tecnoloxías para manter conectada unha sociedade, estender o teletraballo e garantir o fornecemento de enerxía. Como di o empresario galego Ferreira Dapía: “tecnoloxizarse ou morrer”.

5. Reindustrialización de proximidade e autonomía alimentaria.
Non podemos depender nas nosas actividade esenciais de liñas de fornecemento lonxincuas e de poucos territorios-factoría. Temos níveis de formación, enxeñería e tecnoloxías abondo como para tentar un grande salto reindustrializador. Cómpre apostar pola máxima conectividade física e de telecomunicacións e a enerxía máis barata posíbel para este repto.
Non é viábel nin económico depender de producións alimentarias esóxenas. A autonomía alimentaria garantirá a calidade e regular fornecemento dos mercados e inxectará no tecido produtivo, nomeadamente no galego, os beneficios da economía circular, que inviste aquí o que aquí xera.

Unión Europea: unha crise de sobrevivencia

A Unión Europea (UE) enfronta a peor crise sanitaria e, en moi poucas semanas, económica dende a fin da Segunda Guerra Mundial. E fronte a este repto excepcional amosa falla de capacidade de ollar lonxe, de liderado e de comprensión da excepcionalidade. Velaí que abrollase, até de agora, unha resposta lenta, torpe e desartellada.
Malia todo, algúns dos erros iniciais foron resoltos. O Banco Central Europeo (BCE) decidiu un programa de merca de activos públicos e privados por 750.000 M€, que mobilizaría 1.100.000 M€. Revogouse a desaquelada prohibición alemá de exportación aos outros Estados da Unión de material sanitario. E suspendéronse os límites do déficit a cumprir polos Estados. Unha suspensión que o Goberno do Estado non trasladou aínda ás Administracións autonómicas e locais para que estas resolvan as súas necesidades sanitarias, sociais e de compensación e reactivamento económico.
Mais a UE vive na división a respecto de medidas urxentes fronte á crise sanitaria que sofrimos, como a mutualización da débeda pública (eurobonos) e mesmo do seguro de desemprego. Medidas que compensarían a falla de resposta dos Estados no eido da política monetaria, reservada ao BCE e ás facilidades comerciais da industria alemá. Mais a fenda entre as Institucións comúns (Parlamento e Comisión europeas) e os Estados da Europa meridional, Eslovenia, Irlanda e Luxemburgo fronte a Alemaña, Austria e os Países Baixos é moi grande.
Tamén é relevante a fenda entre Estados grandes (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) e medianos e pequenos canto á necesaria integración de todas as diplomacias e exército europeos en ferramentas públicas comúns.
Estes días de pandemia amosan tamén tres reptos fundamentais da nosa Europa. Son: i) a reindustrialización, ii) a aposta tecnolóxica e máis a iii) autonomía alimentaria.
Canto á reindustrialización semella evidente que non podemos estar pendentes de complexas cadeas de distribución a respecto de producións industriais para as que somos (quizais só polo de agora) perfectamente eficientes en capacidades humanas e técnicas.
No que atinxe á intensificación tecnolóxica europea repenico a opinión recentísimamente publicada polo economista galego Marcelino Fernández Mallo. A Internet das cousas, os big data e a intelixencia artificial, os blockchain, haberían multiplicar as posibilidades da telemedicina, mesmo en poucos meses. Unha telemedicina que está a ficar á marxe desta crise sanitaria europea.
Para rematar, cómpre posibilitar a autonomía alimentaria. Europa precisa do pulo á produción e consumo alimentario de proximidade para garantir a subministración local de alimentos, afortalar a economía local e non depender de fráxiles equilibrios loxísticos.
Ou a UE reaxe ou de vagariño deixará de existir, como deixou de existir o Imperio romano.