A nosa historia, a nosa memoria

Nos últimos tempos asistimos a un revisionismo histórico desenvolvido de xeito sobranceiro, malia que non exclusivo, por persoas, entidades e correntes de pensamento vencelladas á extrema dereita. Este revisionismo diríxese basicamente a reivindicar: i) a multisecularidade da nación española que seica dataría da época romana e atoparía a expresión da súa unidade no Reino visigodo, ii) a negación da singularidade nacional galega, pois que Galicia na Idade Media sería unha simple parte do Reino asturleonés e iii) a Coroa de Castela seica desenvolveu un grande labor de evanxelización e civilización na América Latina, resgatando as súas poboacións da disfuncionalidade, do atraso e da barbarie dos dirixentes das civilizacións precolombinas.
Seica son as mesmas persoas que rexeitan como adoutrinamento as conclusións científicas a respecto da nosa historia, como rexeitan tamén as que contan a historia catalá, vasca ou canaria. Ou a de Corsica, Catalunya Nord ou Bretaña a respecto da República francesa e as de Gales, Irlanda e Escocia a respecto do Reino Unido. No noso caso, a historia apréndenos que Gallaecia se constituíu no século III como provincia romana con tres conventos, lucense (a Galicia actual), bracarense (norte de Portugal) e asturicense (Asturies e León actuais), que Gallaecia constituíu, desde a unión sueva e galego-romana o primeiro “regnum” da Europa e que o Reino de Galicia foi sempre, até 1230, a parte sobranceira do Estado cristián occidental, sendo Compostela o seu centro político e cultural, a Catedral e o Pórtico da Gloria as súas manifestacións artísticas senlleiras, o camiño xacobeo a súa epopea e as cidades costeiras fundadas polos reis de Galicia Fernando II e Afonso VIII (A Coruña, Noia, Baiona e Betanzos) a expresión da súa independencia política, apostando estratexicamente polas conexións atlánticas e europeas. As que salientan a “doma e castración do Reino de Galicia” dos Reis Católicos, que contou o licenciado Zurita, como labor unificador e pacificador, no canto de salientar a súa represión colonizante que subordinou e tentou anular a nosa lingua, cultura, Dereito e institucións.
Son as entidades e correntes que agachan que a Xunta Superior do Reino de Galicia constituíra un goberno provisional independente entre 1808-1809, armando exército e achegando embaixada a Londres, e que a revolución de 1846 non foi un pronunciamento, senón un movemento galeguista, liberal e demócrata. Que a perda para a Coroa española de Cuba (1898) para Galicia constituíu unha grande oportunidade de repatriación de capitais que se investiron na súa industrialización, desenvolvida con grande suceso no primeiro terzo do século XX, de xeito que Galicia era no 1936 un país con grandes perspectivas de prosperidade e desenvolvemento, que foron tronzadas polo franquismo.
Son as que agachan que hoxe Galicia sexa un país de alta e non compensada recadación fiscal estatal, malia o empobrecemento xerado pola dependencia política inducida e pola espoliación da nosa enerxía e recursos naturais. E, en último de contas, son as que agachan tamén que a nosa memoria do 1936 e seguintes non é de guerra, senón de asañada e sanguenta represión o espolio patrimonial, aínda non reparado, de milleiros.

Bandeiras dos nosos pais

Galicia viviu, no tempo que vai dende a guerra de Cuba do 1898 á guerra civil do 1936, un tempo de acelerado desenvolvemento económico nalgúns sectores, en grande parte xerado pola repatriación de capitais de Cuba e polas achegas dos nosos emigrantes en América, que activou un grande progreso social e cultural. Velaí que os galegos e galegas nados entre 1925 e 1940, aproximadamente, estaban chamados a protagonizar a continuidade deste proceso de desenvolvemento, incorporando o noso país ao concerto da Europa moderna.
Mais a guerra, que estas xeracións non fixeron, mais si sofreron, mancou este proceso. No 1940 volveu a fame. E aqueles nenos máis privilexiados da postguerra -coma os meus pais- que non coñeceron esta fame física viviron as privacións económicas, as frieiras e as limitacións á súa educación e desenvolvemento como persoas. Nas cidades galegas as mulleres da xeración das nosas nais perderon aqueles progresos na igualdade que acadaran as nosas avoas. Ás privacións económicas engadíase a represión política e a vixilancia sobre as condutas cotiás. Aquel país que medraba nos 30 retrocedera medio século por volta de 1953.
Malia estas privacións, os nosos pais traballaron na longa noite de pedra máis aló do límite das súas forzas para que os seus fillos tivesemos a oportunidade que a guerra lles negara. O plan de estabilización do 1959 forzou a ducias de milleiros outravolta á emigración. As crianzas ficaron no País cos seus avós e moitos deles, nenos sen pais nos 70, souberon responderlles ao sacrificio e hoxe protagonizan a Universidade, a empresa ou a sanidade. Outros pais tiveron de enfrontar, despois da transición, o andazo da droga e da sida nos seus fillos. E moitos destes, compañeiros nosos, morreron por centos antes dos seus pais.
As xeracións dos nosos pais e nais tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia. E que cumpría evitar, como for, un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude. Velaí que hoxe semelle acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais. Malia que só fose para aprender delas no próximo futuro.