Liberdade e saúde pública

A situación actual de pandemia require de medidas sanitarias extraordinarias que atinxen as nosas liberdades. Mais, por grave que for a situación, a Europa democrática non pode -non debe- resolver esta caste de cuestións ao xeito de réximes autoritarios como as Repúblicas Islámica de Irán ou Popular Chinesa. Non, a Europa democrática ha resolver o binomio liberdade-saúde pública dende o seu acervo xurídico común: os dereitos humanos e liberdades fundamentais da Convención Europea de 1950, que interpreta o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) de Strasbourg.
O TEDH leva construíndo moitos anos (nomeadamente desde 1998, que é un Tribunal permanente) unha doutrina positiva e comunitaria dos dereitos humanos, fronte á doutrina negativa e individualista dos USA. Para o TEDH non han ser protexidos nin os abusos de dereito nin os actos contrarios á convivencia cidadá, entendida esta como a casa común construída sobre os valores dos dereitos humanos e liberdades fundamentais. Esta mesma doutrina está na Constitución do Estado e no Estatuto de Galicia. Un exercicio de liberdade individual para vivir en democracia comunitaria, un exercicio de civismo democrático para mantermos as liberdades.
Por outra banda, a respecto das posíbeis intervencións das Autoridades sanitarias (adoito apoiadas nas Policías administrativas e de seguranza) cómpre construír un conxunto de limitacións xerais non casuísticas. Porque a marxe de proba de cargo en calquera procedemento penal ou administrativo sancionado (que data de 1986!!) é excesiva e invade substancialmente os dereitos á intimidade corporal, á integridade física e á liberdade de movementos. Cómpre unha reforma legal urxente que garanta o control xudicial contencioso-administrativo (a medio do réxime de autorizacións que hoxe se usa para a entrada non autorizada nos domicilios das persoas físicas e xurídicas), a audiencia ao afectado sempre que for posíbel, e os principios de proporcionalidade, non discriminación, alicerzamento científico e análise do risco (Salamero Teixidó, 2016).
Este alicerzamento comunitario-democrático, estes principios xerais de control da acción sanitaria e este control xudicial haberían tamén rexer a incorporación masiva das ferramentas da telemedicina e dos big data para monitorizar a poboación por razóns de saúde pública. Cedermos os nosos dados vai ser fulcral para poder combater a Covid-19. Mais o noso sistema xurídico demoliberal ha construír con moito coidado esta cesión, para que non permita máis finalidades públicas que a sanitaria.
Como xa sucede cos dados cedidos ás Axencias Estatísticas Públicas desde hai máis de 30 anos, os dados acadados polo efecto desta caste de políticas sanitarias non han poder ser usados para proba de cargo en calquera procedemento penal ou administrativo sancionador. Nin para ningunha outra fin, por benéfica que for.

Unión Europea: unha crise de sobrevivencia

A Unión Europea (UE) enfronta a peor crise sanitaria e, en moi poucas semanas, económica dende a fin da Segunda Guerra Mundial. E fronte a este repto excepcional amosa falla de capacidade de ollar lonxe, de liderado e de comprensión da excepcionalidade. Velaí que abrollase, até de agora, unha resposta lenta, torpe e desartellada.
Malia todo, algúns dos erros iniciais foron resoltos. O Banco Central Europeo (BCE) decidiu un programa de merca de activos públicos e privados por 750.000 M€, que mobilizaría 1.100.000 M€. Revogouse a desaquelada prohibición alemá de exportación aos outros Estados da Unión de material sanitario. E suspendéronse os límites do déficit a cumprir polos Estados. Unha suspensión que o Goberno do Estado non trasladou aínda ás Administracións autonómicas e locais para que estas resolvan as súas necesidades sanitarias, sociais e de compensación e reactivamento económico.
Mais a UE vive na división a respecto de medidas urxentes fronte á crise sanitaria que sofrimos, como a mutualización da débeda pública (eurobonos) e mesmo do seguro de desemprego. Medidas que compensarían a falla de resposta dos Estados no eido da política monetaria, reservada ao BCE e ás facilidades comerciais da industria alemá. Mais a fenda entre as Institucións comúns (Parlamento e Comisión europeas) e os Estados da Europa meridional, Eslovenia, Irlanda e Luxemburgo fronte a Alemaña, Austria e os Países Baixos é moi grande.
Tamén é relevante a fenda entre Estados grandes (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) e medianos e pequenos canto á necesaria integración de todas as diplomacias e exército europeos en ferramentas públicas comúns.
Estes días de pandemia amosan tamén tres reptos fundamentais da nosa Europa. Son: i) a reindustrialización, ii) a aposta tecnolóxica e máis a iii) autonomía alimentaria.
Canto á reindustrialización semella evidente que non podemos estar pendentes de complexas cadeas de distribución a respecto de producións industriais para as que somos (quizais só polo de agora) perfectamente eficientes en capacidades humanas e técnicas.
No que atinxe á intensificación tecnolóxica europea repenico a opinión recentísimamente publicada polo economista galego Marcelino Fernández Mallo. A Internet das cousas, os big data e a intelixencia artificial, os blockchain, haberían multiplicar as posibilidades da telemedicina, mesmo en poucos meses. Unha telemedicina que está a ficar á marxe desta crise sanitaria europea.
Para rematar, cómpre posibilitar a autonomía alimentaria. Europa precisa do pulo á produción e consumo alimentario de proximidade para garantir a subministración local de alimentos, afortalar a economía local e non depender de fráxiles equilibrios loxísticos.
Ou a UE reaxe ou de vagariño deixará de existir, como deixou de existir o Imperio romano.