É preciso o Grupo Galego

En Marea non se puido constituír como Grupo de seu no Congreso despois das eleccións estatais de decembro 2015 e xuño de 2016 por mor de cadansúa decisión manifestamente ilegal da Mesa da Cámara. Mais, fronte a decisións análogas que vetaron tamén o Grupo “A la Valenciana” (a coalición de Compromís con Podemos), os catro deputados valencianistas decidiron ficar como subgrupo no Grupo Mixto, nomeando voceiro a Joan Baldoví. Mentres En Marea decidía ficar no Grupo Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea.
Hoxe é xeralmente coñecida a existencia dun grupo valenciano no Congreso e moi recoñecido Baldoví. Mentres, o labor e identidade da representación de En Marea no Congreso son relativamente descoñecidas. Descoñecemento que se agrava coa falla dunha portavocía permanente.
Velaí que Anxo Quintana definise hai dous meses En Marea no nível estatal como un proxecto de xente moi válida e ben intencionada, malia que “pouco útil para Galicia” arestora. E que moitas das persoas vencelladas a En Marea recoñezan que foi un erro non asumir a “opción Compromís” para que Galicia tivese voz de seu no Congreso. Voz que se acadaría mesmo que só fose seguida polos dous deputados de Anova.
Esta falla de voz galega en Madrid ten a súa orixe na fórmula electoral de En Marea nas eleccións estatais. Partido galego independente nas eleccións galegas de setembro de 2016, o espazo político de En Marea concorreu ás estatais, pola contra, como coalición entre Anova, EU e Podemos. Unha fórmula concibida polas dúas forzas estatais coaligadas para frear os movementos de base que pulaban por unha Maré galega ao Congreso no verán e outono de 2015 e evitar, deste xeito, a participación da sociedade civil e dos independentes na fórmula electoral. Con estes antecedentes é normal que Luís Villares considere á coalición que agora propón Podemos para galegas e municipais como un claro retroceso.
Os neocentralistas de Ciudadanos están a definir a axenda política e isto alimentará a prevalencia da clave nacional e territorial. Por outra banda, a fórmula estatal de En Marea non serviu para defender os intereses galegos en Madrid. Para as seguintes eleccións cómpre acadar o Grupo Galego ampliando este espazo, que habería explorar a converxencia “á corsa” co BNG, Compromiso por Galicia e demáis forzas sen obediencia estatal.

A reforma electoral de Unidos Podemos esquece a singularidade galega

Artigo publicado en Luzes. A versión orixinal pode lerse aquí.

Hai unhas semanas, o grupo parlamentario no Congreso de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presentou unha proposta para reformar a Lei electoral co obxectivo de garantir unha meirande proporcionalidade, ao substituír o método D´Hondt pola fórmula Saint Laguë. Unha boa proposta en abstracto, por ser moito máis próxima á regra «unha persoa, un voto». E unha mala nova para o PP, que tira moitos réditos da distribución de escanos por provincia e da sobreprima ás maiorías.

A proposta presentouse sen un acordo previo co voceiro de En Marea

O grave problema, porén, é que o chamado grupo confederal non consultou esta reforma nin cos órganos de En Marea nin co seu voceiro de quenda, Miguel Anxo Fernán Vello, malia os indubidábeis efectos que a reforma tería no noso país. Porque esa meirande proporcionalidade reduciría o número de deputados que representan Galicia no Congreso.

É dicir, que Unidos Podemos non só faltou nas formas (adoptar a decisión de costas aos lexítimos representantes de En Marea), senón no fondo, ao definir unha reforma estatal global sen atender as especificidades da plurinacionalidade española e da singularidade galega. Velaí a dura protesta do coordinador de Anova, Antón Sánchez.

Os pecados orixinais: a coalición nas eleccións xerais e non se pasar as deputadas galegas ao Grupo Mixto

Este grave desacordo reflicte unha vez máis as dificultades de coordinación entre un proxecto nacional, como En Marea e outros inequivocamente españois, como son Podemos e EU. E pon de actualidade a propia e discutida xénese da candidatura ao Congreso nas eleccións xerais de decembro de 2015, reeditada nas seguintes eleccións de xuño de 2016.

Existiron no verán de 2015 dúas iniciativas de base cidadá a prol dun amplo entendemento cara ao proceso electoral das xerais. Mais este proceso foi impedido dende EU e Podemos, ao impor como única fórmula posíbel a coalición entre as dúas forzas e Anova, rexeitando deste xeito calquera participación de base e a consolidación dun partido instrumental naquela altura. Tampouco axudou nesta andaina a actitude illacionista da Executiva do BNG, mesmo ás custas do seu portavoz nacional de entón, Xavier Vence.

Logo de celebradas as eleccións había que cumprir a promesa feita á cidadanía e formar un Grupo Parlamentario especificamente galego, de En Marea. A Mesa do Congreso, nunha interpretación ilegal do Regulamento, non o permitiu. Os deputados de Compromís na coalición á valenciana (Compromís-Podemos-És el Moment) foron ao Grupo Mixto, onde formaron subgrupo e manteñen unha representación ben activa e operativa. Compárese a presenza nas institucións e medios estatais do voceiro valenciano, Joan Baldoví, e de calquera dos sucesivos voceiros e voceiras galegos. Mais a representación de En Marea integrou o grupo, disque confederal, que quixo Podemos.

Verdadeiramente foi un grave erro non adoptar dende En Marea a solución Compromís. Ben o saben xa Beiras, os órganos reitores de Anova e os deputados desta formación no Congreso.

O partido instrumental, Podemos e EU

A fins de xuño de 2016 constituiuse como partido instrumental En Marea e dende entón ratificou en todos os seus plenarios a súa vontade de plena independencia e de total galeguidade. Mais os órganos reitores de En Marea, democraticamente elixidos polos adherentes, seguen a non ser recoñecidos dende Podemos e EU, autores do plan para satelizar En Marea en Madrid a prol de Unidos Podemos.

En Marea, como opción política soberana e segunda forza política do País, enfronta unha grave eiva: a falla de voz de seu na capital do Estado. Cumpriría, pois, resolver esta situación antes da fin da lexislatura para poderlle demostrar á cidadanía, en último de contas, que si elixiu deputados galegos para defender os intereses deste país en Madrid, malia que fose por un curto espazo de tempo.

O exemplo de Compromís

Compromís é a terceira forza política do País Valencià, a moi pouca distancia do Partido Socialista, co que forma Goberno dende 2015, despois de 20 anos de maioría absoluta do PP. Quitou entón 19 sobre o total de 99 deputados nas Corts Valencianes. Resultado que lle valeu a presidencia destas Corts (que ocupa Enric Morera), a vicepresidencia da Generalitat (Mónica Oltra) e catro das oito consellerías do Govern. Canda estas autonómicas celebráronse as locais nas que quitou 722 concelleiros e 84 alcaldías, entre elas a da grande cidade de València (Joan Ribó).
A coalición naceu no 2010, fundada pola federación nacionalista Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Iniciativa del Poble Valencià (IPV, forza ecosocialista e valencianista que se escindiu da IU polo seu centralismo e suxeición ao PCE) e os verdes, hoxe integrantes da organización valenciana de Equo. A proposta nacía baixo os principios de valencianismo (organización soberana con decisión única no País Valencià), progresismo non dogmático e ecoloxismo, principios que constituían o mínimo común denominador dos coaligados. O nacionalismo valenciano superaba deste xeito o esencialismo, abríndose a sectores que funcionaban en clave federalista, malia que o principio de autoorganización se asumía tamén por estes sectores como irrenunciábel.
A fins do 2015 o Bloc dubidou en se integrar nunha coalición electoral con Podemos para as estatais, pero IPV e os adheridos non pertencentes a os partidos fundadores pularon por esta coalición, reeditada en xuño de 2016. Mais nas dúas ocasións, o rexeitamento da Mesa do Congreso á coalición valenciana determinou que os deputados de Podemos accedesen ao confederal Unidos Podemos-En Marea-En Comú Podem, mentres que os catro deputados de Compromìs se integraban no Grupo Mixto como subgrupo, atopando unha fórmula que posibilitou que o País Valencià fixese audíbel a voz que hoxe non se escoita (ou, polo menos non abondo) a respecto de Galicia.
O éxito electoral chegoulle a Compromís despois de cinco anos de traballo aquelado. É evidente que a crise do PP nas eleccións do 2015 serviulle de panca de lanzamento. Mais en grande parte o seu éxito débese ao seu estilo dialogante, e inclusivo, pendentes moito máis dos intereses da sociedade valenciana ca dos seus dogmatismos e diferenzas internas.

Xogaron con lume

O resultado electoral das estatais do 20-D deu unha combinación clara, atendendo ao -aparente- programa socialdemócrata do PSOE e á fasquía do seu electorado: tentar un Goberno de progreso con Podemos, IU-Unidad Popular, En Comú-Podem, Compromís-Podem e En Marea. Xuntar ao PNV (clave da maioría simple na segunda votación) e máis obter a ausencia de Esquerra e da Convergència refundada era só unha cuestión de negociación honesta e intensa.
Pedro Sánchez, quen inventou a moi enxeñosa xogada de atar en curto o seu Comité Federal -gobernado pola presidenta andaluza Susana Díaz e polo ex presidente Felipe González e demais portas xiratorias-, apelando ao plebiscito da súa afiliación, non foi quen de ver máis aló e quixo tranquilizar ao Ibex 35 pactando coa dereita aseada de Albert Rivera. O papeliño que PSOE e C’s asinaron era máis ca un canto ao sol. Era a barreira infranqueábel para que as outras forzas progresistas puidesen axudarlle no parto do Goberno de progreso.
Pablo Iglesias non podía, de ningún xeito, mercar ese produto. Mais nel estiveron de máis neste proceso acenos propios dunha inxustificada fachenda. Era evidente que tiña que ser Vicepresidente se saía ese goberno, non o era que amosase unha actitude autosuficiente que agora está a fanar a súa imaxe. Nin tampouco que considerase pouco menos ca subordinados aos que só son -e non por vida- socios na estratexia de rexeneración democrática e de visibilización dunha axenda social.
Das resultas deste despropósito -madrileño sainete-, Rajoy enfronta unhas máis ca probábeis eleccións no verán coa seguranza dun sólido chan electoral que lle pode dar, canda C´s, unha maioría non absoluta, mais si abonda. Porque Sánchez semella vai perder a súa oportunidade e o felipismo susanista imporá un goberno de Santa Alianza.
Pensando na Galicia, cómpre recuperarmos o plan B e mirar polo noso. Catalunya, Euskadi, Nafarroa, o País Valencià ou as Illes seguirán a se gobernar á marxe do diktat das eleccións estatais e cumprir cadanseu proxecto. A alternativa a Feijóo ha de se presentar sólida, plural e digna de confianza. E ollar menos cara ao home do chicho morado e máis cara ás experiencias municipalistas de cambio. Máis, tamén, cara á solvencia do galeguismo canto á gobernanza pragmática e proxecto de País.