A fin do galeguismo no PP

Hai algo máis de mes e medio o alcalde de Ferrol, os presidentes das Deputacións de Ourense e Pontevedra e o voceiro do PPdeG no Parlamento refugaban asinar a carta aos Estados Membros da Unión Europea subscrita polos demais voceiros e presidentes das Deputacións galegas, alcaldes das principais cidades do País, reitores das tres Universidades galegas e representantes legais dos sindicatos todos e das principais institucións culturais reclamando a aprobación na UE do galego como lingua oficial. De certo tivo de ser un día triste para todas as persoas que, como Xesús Palmou, o antigo voceiro Pedro Puy ou o conselleiro Román Rodríguez, acreditan na Galicia como país de noso e no PPdeG como solución política ás nosas realidades xurdida dese mesmo país.
Malia que a liquidación do galeguismo no PPdeG comeza co acoso e derrubo de Xosé Cuíña e a súa substitución na Xunta por Núñez Feijóo (2003) e segue coa elección deste como sucesor de Manuel Fraga (2006), a apelación ao galeguismo e ao autonomismo continuou durante os gobernos de Feijóo, malia que desnaturalizada polas súas políticas dirixidas a reducir a presenza da nosa lingua na escola e na sociedade e, tamén, a reducir o noso autogoberno. Nos quince anos de gobernos de Feijóo e Rueda non se acadou ningún traspaso novo de medios e servizos. Sinxelamente porque non se quixeron acadar.
Porén, arestora o PPdeG non ten instrumento ningún mesmo nin para amortecer esa liña dura centralista e refractaria á nosa lingua e ao noso autogoberno que asumiu Núñez Feijóo ao ditado de Díaz Ayuso e de Santiago Abascal, que é quen lle está a impor ao PP a súa axenda trumpista e extremista. Velaí esa precampaña na que tentan exportar o ruído e a polarización da política madrileña, afastando o foco dos nosos problemas e solucións.
É evidente, pois, o seguidismo de Rueda e da organización do PPdeG (incluída a domesticada organización ourensá) a respecto das necesidades do liderado persoal de Núñez Feijóo. Outravolta escolle o até de agora presidente a imaxe coa líder españolista Rosa Díaz da manifestación contra a lingua galega (febreiro de 2009) no canto da súa obriga estatutaria de defender o país e a súa lingua propia.
Que o PPdeG decidise porse en contra da oficialidade do galego no Congreso e na UE non ten xa volta nin permite trasacordo. Se algunha vez existiu unha dereita galega, un PP galego, hoxe en día xa non existe tal.

Efectos políticos do Nunca Máis

Este novembro estanse a cumprir os vinte anos da crise ecolóxica e política xerada polo varado e posterior afundimento do petroleiro Prestige. Unha crise nomeadamente sinalada pola incompetencia técnica do Goberno do Estado e pola súa comunicación falsa e mentireira. Naquela segunda metade de novembro e nos primeiros de decembro de 2002 centos de milleiros decatáronse que a costa galega, máis tamén a propia cidadanía galega, ficaban á intemperie (na moi aquelada expresión de Suso de Toro).
Esta mesma análise chegou ao cerne do Goberno galego. Fronte á submisión ao falso relato do Goberno de Madrid do conselleiro de Mar Henrique López Veiga, o conselleiro Xosé Cuíña convenceu ao presidente Manuel Fraga para asumir unha xestión autónoma da crise, desde a evidencia da ineficacia e incompetencia estatais. Fraga decidiu entón nomear Cuíña como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente. Mais a contorna de José María Aznar, consciente de que esta decisión definía de vez o PPdeG como un partido que decidiría desde a Galicia, filtrou informacións que acusaban ao político de Lalín de se aproveitar da crise para vender material desde unha das empresas participadas polo seu grupo. A acusación era falsa, pois tres auditorías certificaron que a venda facíase a prezo de custo, mentres a familia Cuíña doaba contedores por valor de case 100.000 €. Mais abondou para botar fóra do Goberno galego a Cuíña e orientar a sucesión de Manuel Fraga cara á solución centralista do birrete de Romay Beccaría e Núñez Feijóo.
A crise foi determinante para a derrota electoral do PPdeG fronte ao PSdeG e BNG nas nacionais da primavera de 2005, que deron na formación do Goberno de coalición que rexeu Galicia até a primavera de 2009. E serviu tamén para afondar na conciencia ecolóxica e de País de moi amplos sectores da cidadanía galega. O conxunto da sociedade galega sentiu os danos da Costa da Morte e o risco para a riqueza da ría de Arousa como cuestións comúns. A demostración en Compostela do 1-D de 2002 amosou un consenso na diagnose e nalgunhas das solucións, moi ben resumido naquel memorábel discurso do Obradoiro do noso Manolo Rivas: afastar o corredor atlántico usado polos petroleiros, defender a Terra e xubilar aos políticos mentiráns do momento.
Visto desde a perspectiva dos galegos e galegas da miña xeración (até entón ben máis pendentes dos obxectivos persoais a respecto das xeracións nadas nos anos 50 e primeiros dos 60, máis comprometidas no social e político), a crise do Prestige supuxo tamén para non poucas persoas unha clara repolitización e un meirande achegamento -desde a praxe moito máis que desde a doutrina- á liña de mensaxe e á cosmovisión do galeguismo político

Hai partido

As enquisas electorais galegas publicadas no postconfinamento concordan en lle prognosticar ao PP de Feijóo unha cómoda maioría absoluta, que era moito máis dubidosa en febreiro, antes da emerxencia sanitaria. Porén, os dados dos que dispomos non son tan nidios nin unívocos. A radiografía electoral galega das eleccións estatais, europeas e locais de 2019 reflicten unha maioría de case dez pontos porcentuais entre os votos ás forzas de centro-esquerda a respecto dos obtidos polo PP, Cs e Vox. Mesmo na recente enquisa do CIS a suma de voto directo e proximidade do BNG, PSdeG e Galicia en Común sobarda á do PP, Cs e Vox. Está tamén a dúbida da participación nesta crise pandémica e, moi nomeadamente, a moi relativa fiabilidade das enquisas diante dunha porcentaxe de indecisos que sobarda o 30%. Fica case toda a campaña por diante, comezando polo debate do luns 29-X na CRTVG, que pode ser fulcral para confirmar se hai partido.
A enquisa do CIS reflicte dados moi importantes cara ao traballo futuro do galeguismo político, do soberanismo, nucleado arestora arredor do BNG. O 30% da cidadanía galega estaría por un Estado autonómico no que Galicia acadase máis poder (22,6%), até mesmo a posibilidade da súa independencia (7,4%). A maioría (40,7%) está polo actual Estado autonómico e só un 21,6% por un Estado autonómico con menos competencias para Galicia ou por un Estado unitario. Coas correccións que se tiran dos que nin saben nin respostan, un terzo da cidadanía galega está por máis autogoberno e case un 45% está por manter o limitado autogoberno actual. Un campo de traballo amplo, xa que logo, para o galeguismo.
Tendo en conta a enxurrada de mensaxes e propostas recentralizadoras dos últimos dez anos hai país abondo para que agrome o traballo político do soberanismo galego. Velaí que cumpra conectar autogoberno e máis e mellor autogoberno con máis benestar e calidade de vida. Que cumpra mallar na idea de que os elementos do binomio autogoberno-benestar medran en relación directa o un co outro.

Un proxecto de País, un proxecto social

Falta no galeguismo político un proxecto de país que, ao tempo, constitúa un proxecto para as maiorías sociais, como si existía no Partido Galeguista no 1932-1936 e no BNG nos 1997-2009. Ou, na actualidade, no PNV, no escocés SNP ou no galés Plaid Cymru.
PNV, SNP e Plaid Cymru propoñen arestora proxectos claramente nacionais e soberanistas, mais fondamente inclusivos (migrantes de calquera etnia, nacionais retornados), ben alicerzados nos valores do desenvolvemento sostíbel e na igualdade. Propoñen proxectos sociais onde o precariado e as persoas máis vulnerábeis están no foco dos servizos sociais sen deixar de apoiar o emprendemento empresarial e o incremento da prosperidade. Países autocentrados economicamente e socialmente xustos.
A cidadanía galega vive os seus problemas desde o recorte dos servizos públicos, as fragmentacións e localismos fomentados dende os Poderes e desde a atribución de culpabilidades aos que son febles ou diferentes. No noso País temos moitos problemas graves, dende a consunción demográfica, a irrelevancia económica, a emigración da nosa mocidade máis cualificada ou a perda da nosa lingua e cultura. É evidente que só desde un galeguismo político, transversal e de forte contido social se lle pode dar resposta a estes problemas. Mais o que hai hoxe, despois de dez anos de queda e implosión galeguista, non pode -aínda- nin construír nación, nin facer a xustiza social, nin ser gañador.
A boa nova é que estes parámetros serían subscritos polas maiorías sociais galegas, por máis dun 30% da cidadanía, se o galeguismo político fose quen de dar coa linguaxe para ofrecer este duplo proxecto nacional e social. Promotor do desenvolvemento económico, nomeadamente industrial, mais desde a sostibilidade ecolóxica. Afirmante da soberanía nacional galega aproveitando as sinerxias estatais, europeas, lusófonas e iberoamericanas. Construtor dunha sociedade de servizos sociais avanzada que arrumbe coa pobreza e co precariado, ao tempo que agasalle o emprendemento empresarial que saiba xogar na normativa ambiental, fiscal e social propia dun país europeo avanzado.
O galeguismo político é o único sector ideolóxico que pode conxugar estes principios nacional e social e ofrecermos un proxecto para a Galicia do futuro. Mais para chegar aló compre integrar aínda moitas sensibilidades e moitos sectores. Cómpre moita intelixencia e moita xenerosidade.

Máis Galicia

As eleccións estatais determinaron un rol relevante, mais non determinante, para o proxecto da España plurinacional e rexeneracionista de Unidos Podemos e das confluencias nas que participaban Podemos, IU e Equo, entre elas En Marea. A decepción para os morados foi evidente, malia que en último de contas amosaron que a nova política está aí e, de primeiras, para ficar, de non ser que sigan coa perrencha dos últimos días.
Galicia non é nin a primeira nin será a derradeira vez que sofre ese dilema de contribuír a unha remuda estatal en sentido democrático e progresista. Mais o tempo político para esta contribución xa pasou. É impensábel unha fonda remuda en sentido progresista e plurinacional da Constitución e mesmo das axendas da gobernanza e lexislativa impostas polo bipartidismo dinástico nos últimos trinta e cinco anos.
Mais si é posíbel (complexa pero factíbel) unha fonda remuda lexislativa e da gobernanza na Galicia, que pode adherir a outras nacionalidades e territorios (Catalunya, Euskadi, Nafarroa, Illes Balears, País Valencià) gobernados por coalicións de cambio, quer soberanistas, quer de coalición entre soberanistas e progresistas españois. A recente escolla de Xaquín F. Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG fai albiscar unha posíbel liña socialista en clave galega, fronte á casposidade españoleira do PSOE andaluz de Susana Díaz ou do PSOE estremeño de Guillermo F. Vara. A meirande parte dos activistas e simpatizantes de En Marea, por outra banda, semellan asumir que Galicia é distinta, conta con intereses de seu moi marcados e ha construír o seu espazo propio. Nomeadamente os dos ámbitos dos distintos municipalismos.
Cómpre, pois, traballar con xenerosidade e intelixencia para artellar unha fórmula de unidade nacional que sexa quen de integrar os distintos galeguismos e municipalismos, ao tempo que siga tendendo a man ás organizacións e persoas non galeguistas que acrediten que Galicia é un país de seu con personalidade e intereses moi diferentes e, xa que logo, que precisa solucións políticas propias e independentes.
Dirán vostedes, pero isto todo non se falou xa o verán pasado e non saiu ben? Certo, mais a dinámica política, nomeadamente os erros de En Marea e o BNG, levounos a unha situación bastante semellante.
Se non vai desta é posíbel que non chegue a tempo.

Intelixencia e sentido de País

Malia que non sexan moi comparábeis os procesos electorais estatais do 26 de xuño e do 20-D coas autonómicas do vindeiro outono, os 68.000 votos perdidos por En Marea e os máis de 20.000 que perdeu o BNG constitúen o pau de palleiro para soerguer a alternativa plural ao PP para gobernar a Xunta. Ou, dito doutro xeito, sen recuperar estes case 90.000 votos é difícil que Núñez Feijóo non acade maioría abonda para gobernar. En Marea sufriu un desgaste non usual nun ciclo tan curto. Parte do voto galeguista retraeuse diante do claro predominio do vector español durante a campaña, reforzando o efecto dos fracasos en formar grupo parlamentario e amosar a utilidade para Galicia da súa representación en Madrid. Tamén pagaron a falla de participación das distintas Mareas municipalistas e máis a ausencia de primarias, ao evidenciarse que moita xente non só quere o cambio, senón participar na súa construción. Para máis, a mera comparanza dos resultados de Compostela e A Coruña cos de Vigo (onde En Marea mantén un 30,3%), sinala que o desgaste pola percepción cidadá da xestión dos gobernos locais (non necesariamente polos resultados obxectivos da xestión) multiplica estes efectos aló onde forzas municipalistas que apoian En Marea gobernan. Pola súa banda, o BNG sufriu o síndrome do voto inútil, malia a incapacidade de En Marea para captar estes 20.000 votos, que van todos á abstención, canda os perdidos polos mareantes. E nin uns nin outros amosaron autocrítica en doses abondas, aínda que, polo menos, non ofrecesen o tristeiro espectáculo de Podemos, que encaixou o seu relativo fracaso apelando a paveras teorías da conspiración que falan de pucheirazo, insultando á intelixencia dos votantes do PP ou ameazando con purgas aos disidentes. Así e todo, hai tempo para reaxir cara ás autonómicas, se se aplica a intelixencia e o sentido de País. Intelixencia para integrar con xenerosidade o mellor coñecemento e os galeguismos e municipalismos todos, canda o progresismo estatal se asume a plena independencia do suxeito político galego e da súa axenda. E sentido de País para ofrecer unha alternativa plural e un programa de goberno de mínimo comùn denominador, comprensíbel, transformador e realista.

Cen anos das Irmandades da Fala

Esta primavera cúmprense cen anos da fundación das Irmandades da Fala d’A Coruña, primeiro e de Santiago de Compostela, despois. A esta fundación axiña seguirían outras vinte e seis polo País adiante. As Irmandades nacen na I Guerra Mundial conectadas co agromar en Europa do rexurdimento das nacionalidades (velaí a rebelión de Páscoa en Irlanda) para reivindicar o galego como lingua de futuro e progreso. Por iso xuntaron axiña o máis dinámico e moderno da intelectualidade e sectores profesionais galegos, alicerzándose nunha ampla transversalidade, dende conservadores como Lousada Diéguez, Vicente Risco ou Cabeza de León até unha maioría progresista (Peña Novo, Villar Ponte).
Remataba a guerra mundial e mataba a gripe española millóns (entre eles o líder natural irmandiño, Lois Porteiro Garea), cando as Irmandades definiron por primeira vez o galeguismo como nacionalista, na Asemblea de Lugo de novembro do 1918. O galeguismo espállase e convértese en organización de masas ao arraizar no agrarismo. Mentres, os galeguistas sitúanse na vangarda cientìfica e fundan no 1923 o Seminario de Estudos Galegos. Tamén atenden á promoción deportiva, nomeadamente do fútbol. Son galeguistas os que fundan o Eiriña en Pontevedra ou bautizan a fusión do Vigo Sporting e do Fortuna (1922) co patriótico nome de Celta.
No mundo empresarial, son galeguistas os que fundan a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, dirixida por Alexandre Bóveda, o fundador do Banco Pastor (D. Ricardo Rodríguez Pastor) ou o director-copropietario do Balneario de Mondariz, D. Enrique Peinador Lines. Mentres, a Igrexa coñece do pulo galeguista do Arcebispo Lago ou dos pensadores da revista Logos. Máis serodio é o arraizamento do galeguismo na clase operaria, malia que as relacións entre o sindicalismo cenetista n’A Coruña e o galeguismo sempre foron cordiais e fluídas.
O avance de Galicia até 1936 foi moi importante, tanto no ámbito empresarial e financeiro como no campo social e político. Mais no verán dese ano trunfou o golpe da barbarie criminal, que atendería nomeadamente reprimir calquera manifestación de galeguidade e facer esquecer este próximo pasado, sen o que a Galicia de hoxe en día non sería comprensíbel.

Un proxecto galego autónomo?

En realidade, o que está a suceder no ámbito político de En Marea resposta á pura lóxica. Porque é posíbel, certamente, artellar unha alternativa en clave galega baixo o paraugas da confluencia de galeguistas, municipalistas e progresistas estatais, mais para iso cómpre recoñecer Galicia como o centro de decisión e referencia. Se mudamos esa referencia, ampliándoa cara ao Estado español, por exemplo, os conflitos axiña xorden. E xurdiron.
É realista e moi positivo que dous proxectos independentes, un galego e outro estatal, converxan, colaboren e se asocien en cuestións tan relevantes como arrincarmos a corrupción, construirmos a transparencia democrática, rexenerarmos o sistema político ou facilitar unha economía co centro nas persoas. Colaboren na gobernanza para transformar Galicia e o estado, dende o mutuo respecto, mais o que non é de recibo é que o proxecto estatal de Podemos-IU, certamente orixinal e suxestivo, entenda Galicia a xeito de sucursal ou polo menos de realidade subordinada, como en último de contas a entenden o PSOE, o PP ou C´s.
E non é de recibo porque Galicia conta cuns alicerces económicos absolutamente prescindíbeis no contexto do Estado. É dicir, os sectores e actividades que para nós son fundamentais, o que para Galicia son as cousas de comer, para a cidadanía española son abertamente prescindíbeis. Para máis, Galicia só achega o 5% do PIB do Estado e o 5,6% da súa poboación. E estes feitos irrebatíbeis non se resolven só con máis calidade democrática a nível do Estado nin tampouco cunha outra política fiscal ou social, malia que certamente poidan axudar.
Galicia obtivo na historia bos réditos da colaboración entre galeguistas e progresistas españois, como ocorreu no ano 1936 cando o Partido Galeguista obtivo da colaboración coa estatal Izquierda Republicana o Estatuto de Autonomía. Pero o límite á colaboración entre galeguistas e progresistas españois é o respecto real á nosa identidade nacional e, máis concreta, precisa e exactamente, o respecto e salvagarda dos nosos intereses económicos. Uns intereses económicos que, por moitas voltas que lle deamos, funcionan en clave territorial e non en clave de loita de clases.

Xogaron con lume

O resultado electoral das estatais do 20-D deu unha combinación clara, atendendo ao -aparente- programa socialdemócrata do PSOE e á fasquía do seu electorado: tentar un Goberno de progreso con Podemos, IU-Unidad Popular, En Comú-Podem, Compromís-Podem e En Marea. Xuntar ao PNV (clave da maioría simple na segunda votación) e máis obter a ausencia de Esquerra e da Convergència refundada era só unha cuestión de negociación honesta e intensa.
Pedro Sánchez, quen inventou a moi enxeñosa xogada de atar en curto o seu Comité Federal -gobernado pola presidenta andaluza Susana Díaz e polo ex presidente Felipe González e demais portas xiratorias-, apelando ao plebiscito da súa afiliación, non foi quen de ver máis aló e quixo tranquilizar ao Ibex 35 pactando coa dereita aseada de Albert Rivera. O papeliño que PSOE e C’s asinaron era máis ca un canto ao sol. Era a barreira infranqueábel para que as outras forzas progresistas puidesen axudarlle no parto do Goberno de progreso.
Pablo Iglesias non podía, de ningún xeito, mercar ese produto. Mais nel estiveron de máis neste proceso acenos propios dunha inxustificada fachenda. Era evidente que tiña que ser Vicepresidente se saía ese goberno, non o era que amosase unha actitude autosuficiente que agora está a fanar a súa imaxe. Nin tampouco que considerase pouco menos ca subordinados aos que só son -e non por vida- socios na estratexia de rexeneración democrática e de visibilización dunha axenda social.
Das resultas deste despropósito -madrileño sainete-, Rajoy enfronta unhas máis ca probábeis eleccións no verán coa seguranza dun sólido chan electoral que lle pode dar, canda C´s, unha maioría non absoluta, mais si abonda. Porque Sánchez semella vai perder a súa oportunidade e o felipismo susanista imporá un goberno de Santa Alianza.
Pensando na Galicia, cómpre recuperarmos o plan B e mirar polo noso. Catalunya, Euskadi, Nafarroa, o País Valencià ou as Illes seguirán a se gobernar á marxe do diktat das eleccións estatais e cumprir cadanseu proxecto. A alternativa a Feijóo ha de se presentar sólida, plural e digna de confianza. E ollar menos cara ao home do chicho morado e máis cara ás experiencias municipalistas de cambio. Máis, tamén, cara á solvencia do galeguismo canto á gobernanza pragmática e proxecto de País.

Traballar máis e falar menos

O goberno do PP de Núñez Feijóo na Xunta foi ineficaz, cando non tendeu á inacción, malia contar un relato abertamente propagandístico que lle bota sempre a culpa aos outros, dende o bipartito até a Podemos. Ao PP góstalle falar, mesmo manexan ás veces a xeito as claves discursivas. Mais non gosta do traballo. En grande parte porque non lle ven utilidade. Non acreditan na xente deste País e prefiren quedar ben co capitalismo de amiguetes de Madrid.
Mais hoxe é probábel que unha alternativa plural retire Feijóo de Presidente. O que podería reverter a deriva de sete anos de dereita española para construír unha política de crecemento e reindustrialización, desenvolver a investigación e innovación ou vertebrar o territorio. Todo para crear máis e mellor emprego e conseguir que a xente nova que marchou volte. Para xerar un futuro que hoxe non se albisca. Mais as alternativas tampouco se constrúen só coa palabra, con ser esta importante.
Cómpre atraer o mellor coñecemento das necesidades dos galegos. O que supón contar, ao tempo, con xente nova de ideas novas e con xente de experiencia e práctica contrastada.
A alternativa que eventualmente asuma o poder galego no 2016 non pode fallar. É bastante previsíbel que, canda os votos, se confíe tamén un depósito de ilusión. Cómpre non traizoalo.
Non sería admisíbel enlamarse no “falar moito, facer pouco” do PP sen contar coas súas armas comunicativas e de achegamento social. E hai riscos nese senso. Non se trata de xestionar dun xeito continuista, senón de desenvolver unha xestión transformadora consonte cun proxecto de País. Mais o día a día ten que funcionar a xeito, si ou si. As primeiras persoas en se decatar das insuficiencias xestoras dos gobernos do cambio son precisamente as que os votaron.
Precisamente, o galeguismo político, en toda a súa pluralidade, é quen conta coa meirande parte deste coñecemento, desta experiencia e mesmo desta xente anovadora. Non por ser os galeguistas máis listos ca os outros, senón por dedicar as súas angueiras ao estudo dos problemas e solucións do País como centro de referencia. E por contar cun proxecto de País.
Esta realidade permite enfrontar as dúbidas e inquedanzas expostas con certa confianza.