Unha coalición instrumental

O bipartidismo dinástico PP-PSOE decidiu, desde as primeiras eleccións ao Parlamento Europeo no 1987, un sistema en colexio electoral único no que gañan representantes os mellores cocientes electorais. Este 2024 son 61, mais desde 2004 até 2019 foron sempre 54. Choca este sistema co doutros Estados compostos, como Bélxica e Italia, onde a circunscrición é territorial ou o sistema británico mentres pertenceu á EU, que escollía os seus deputados por circunscricións nacionais (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte). A aposta do unionismo estaba moi clariña: que os partidos soberanistas e autonomistas non quitasen representación. A redución a 54 do número de deputados elixidos polo Estado desde 2004 fixo máis precisa a necesidade de artellar coalicións técnicas, coalicións instrumentais, para acadar o obxectivo de ter representación na Cámara que adopta, normalmente en réxime de codecisión co Consello Europeo que integra os Xefes de Estado e de Goberno dos Estados todos da EU, lexislación que é absolutamente fulcral na regulación da nosa vida social, económica e política.
Velaí que desde as eleccións de 2004 o BNG concorrese sempre en coalición técnica con partidos cataláns, vascos e doutros territorios do Estado. E desde entón, nestes 20 anos, este sistema permitiu que o soberanismo galego contase sempre con representación. Desde 2009 foi a candidata Ana Miranda, desenvolvendo ininterrompidamente, quer a función de eurodeputada, quer a dirección dunha oficina parlamentaria en Bruxelas que desenvolvería a axenda galega dos eurodeputados de quenda da coalición instrumental.
Das resultas desta acaída estratexia o soberanismo galego puido desenvolver unha estratexia de representación de país a prol dos nosos sectores produtivos agro-gandeiros, do noso complexo mar-industria ou dunha investigación neutral da Axencia Ferroviaria Europea a respecto do gravísimo accidente do Alvia en Compostela (24.07.2013) que permitiu a reapertura da causa xudicial. Tamén, entre outras moitas iniciativas, a defensa das persoas consumidoras afectadas polas preferentes, cláusulas abusivas das hipotecas ou residentes en vivendas do banco malo (SAREB). Un labor moi considerábel e máis se atendemos a que foi desenvolvida por unha única representante.
Esta clase de coalicións non comprometeu nunca a independencia da representación galega. Velaí que o eurodeputado de EH Bildu pertenza ao grupo das esquerdas europeas e a do BNG, en troques, ao grupo que xunta os verdes coa Alianza Libre Europea, canda partidos soberanistas de Flandres, Sardeña, Corsica, Catalunya, Euskadi e outros moitos territorios, así como co Scottish National Party que goberna Escocia e cos galeses do Plaid Cymru cando o Reino Unido facía parte da EU. O programa electoral é absolutamente independente, canda a candidatura que chega aos colexios electorais, que só amosa as persoas candidatas galegas. A xestión como eurodeputada da candidata só depende dos órganos do BNG, sen que os socios instrumentais interveñan na mesma. E este esquema repítese con cada representante nacional porque a coalición é unicamente técnico-instrumental.
Velaí que manifestacións como as do presidente en funcións Rueda e doutros voceiros do PPde G acusando o soberanismo galego de estar máis preto do terrorismo que da cidadanía galega constitúen desaqueladas “boutades” que só tentan agachar a falla de interese e aptitude do PP e da Xunta para defender na UE os intereses galegos en comparanza co potente labor de representación e defensa dos intereses deste País que desenvolveron aló, primeiro Camilo Nogueira e, dende hai case vinte anos, Ana Miranda. Porque a representación do BNG na UE funcionou moito máis en clave de país que partidaria.

A democracia iliberal ameaza a Unión Europea

Desde 1945 o consenso social europeo foi o propio dunha democracia liberal e atendeu ao propósito dunha sociedade garantista e plural, mais cohesionada arredor da economía social de mercado, a liberdade individual e máis a garantía do Estado do Benestar.
Na Grande Depresión (2008-2014) as forzas da dereita ultraconservadora europea de base chauvinista reinterpretaron o seu concepto de democracia nun sentido iliberal. Deste xeito, o primeiro ministro húngaro Viktor Orban refugaba no 2014 dos valores liberais e defendía unha democracia maioritaria non pluralista, baseada nuns supostos valores comúns da nación húngara. Chamou tamén a atención Orban a respecto da suposta falla de eficacia da democracia liberal europea fronte a sistemas autoritarios como o chinés, o turco ou o ruso.
Arestora a extrema dereita xa goberna na Italia, Polonia, Hungría e noutros lugares da Europa e o debate sobre a limitación das liberdades a prol da seguridade do Estado e dos intereses públicos xa enchoupa a nosa axenda política. Mais o centro-dereita liberal, o centro-esquerda socialdemócrata e mesmo a esquerda máis ortodoxa adoitan mercar dos ultraconservadores o seu marco mental.
Velaí como no Estado español as pescudas a respecto da espionaxe do software israelí Pegasus, que atinxiu 59 cidadáns catalás e 4 vascos (todos profesionais ou líderes sociais e políticos no lexítimo exercicio dos seus dereitos e tarefas, entre eles, por certo, varios avogados no exercicio do seu dereito-obriga de defensa) foron anestesiadas pola acción recíproca do PSOE, PP, Cs e Vox e a pasividade de Unidas Podemos e Comuns.
Arestora estamos a vivir na Unión Europea (UE) unha reasignación dos conceptos “seguridade nacional”, “interese público” ou “persecución dos delictos” para xustificar restricións nos nosos dereitos e liberdades fundamentais, nomeadamente o dereito á nosa privacidade, que inclúe o dereito ao segredo nas nosas comunicacións. Neste senso, a proposta de Directiva da Comisión Europea, que propuña prohibir softwares de espionaxe nos dispositivos electrónicos das persoas xornalistas vén de ser substancialmente reformado no Consello Europeo (CE), integrado polos 27 Xefes de Goberno dos Estados Membros (EM) da UE. Francia propuxo e ningún outro EM rexeitou que os propios EM puidesen usar desta software espía por razóns de “seguridade nacional”, “interese público” e “persecución dos 32 delictos incluídos na euroorde”. Cumpriralle, logo, ao PE, en canto que colexislador canda o CE, frear esta agresión aos nosos valores liberais, recuperando o texto proposto hai ben poucos días pola Comisión Europea.
O certo é que xa están ás portas, tanto nos procesos electorais locais, territoriais e estatais dos EM, canto nas europeas de 2024. E, alén diso, na asunción acrítica polos partidos liberais, democristiáns, socialdemócratas, verdes e esquerdistas europeos da maximización dos valores de democracia maioritaria e de seguridade do Estado fronte ás pluralidades territoriais e nacionais, ás minorias identitarias e idelóxicas e ás liberdades individuais e colectivas.

Unha agresión sionista a Galicia

A eurodeputada Ana Miranda (BNG-Alianza Libre Europea) foi expulsada do territorio israelí o martes 21-F despois de aterrar en Tel Aviv facendo parte da delegación oficial de relacións coa Palestina do Parlamento Europeo, sendo posuidora dunha autorización expresa do Ministerio xudeu de Exteriores, canda as demais persoas da delegación europea. Porén, o Ministerio do Interior xudeu anulou ilegalmente o acordado polo seu proprio Goberno e impediu o seu ingreso en Israel, deportándoa cara á Unión Europea (UE).
O Goberno sionista israelí ratificou deste xeito o seu xorne autoritario e a súa falla de respecto polas máis elementais regras do Estado de Dereito e da convivencia diplomática que xorde do Dereito Internacional Público. Porque a expulsión de Ana Miranda non é só unha agresión ao noso País, á Galicia, senón ao conxunto da Unión Europea. Velaí as protestas da propia presidenta do Europarlamento.
A UE (principal cooperante internacional da Autoridade Nacional Palestina) habería asumir un rol moito máis activo na condena e mesmo illamento internacional do goberno Netanyahu, que integra o seu sionista Likud con outros partidos de extrema dereita, tamén sionistas e/ou ultraortodoxos. Un Goberno que atenta decote contra os dereitos humanos da poboación palestina e mesmo comeza a limitar os dereitos da cidadania árabe israelí, mentres tramita unha reforma lexislativa que sometería aos Tribunais de Xustiza ao Executivo e penaría coa pena de morte os ataques palestinos ás forzas israelís.
Netanyahu sempre foi aliado de Trump e fixo o posíbel por desfacer o pacto antinuclear asinado co Irán polo presidente Obama mentres impón unha ferreña neutralidade no conflito ucraíno xerado pola agresión do réxime autoritario de Vladimir Putin. Que é o outro vello amigo do líder sionista.
O incidente, en chave de País, lembra que o Parlamento Europeo é un factor de equilibrio corrector dunha Europa dos Estados que sofre de non poucos déficits democráticos. Malia todo, a actual arquitectura institucional dalle á Eurocámara un moi importante papel de codecisión a respecto da Comisión Europea e do Consello Europeo que habería de se desenvolver en termos de contrabalanceo aos intereses das multinacionais para acadarmos mais protección ás pemes, ás minorías e ás persoas consumidoras e unha mellor defensa dos valores da igualdade, protección ambiental e pluralidade territorial e nacional.
Precisamente eses teñen sido os vectores do traballo que ten desenvolvido decote Ana Miranda ao longo dos seus máis de vinte anos traballando para o noso País no Parlamento Europeo. Desde o seu traballo a prol dos intereses da nosa pesca, gandería ou sector naval, da conexión ferroviaria con Portugal e do corredor atlántico ferroviario ao seu rol fulcral na investigación pola Axencia Ferroviaria Europea do accidente do Alvia en Compostela no 2013, que contribuíu que se estea a desenvolver un xuízo minimamente xusto.

O urxente e o importante

O Goberno do Estado teimou no seu erro e botou once días sen sentar coa plataforma convocante do paro dos transportistas. Ao tempo fallou tamén en agardar ao cumio do Consello Europeo para anticipar medidas fiscais e subvencións que varios Estados europeos levaban desenvolvendo dende os días 16-18 de marzo. Das resultas destes erros existiron graves problemas de desabastecemento na distribución alimentaria e peores tensións no sistema produtivo, pola falla de recollida do leite e peixe e falla de fornecemento de pensos.
Pedro Sánchez e as súas ministras non foron quen a distinguir entre o urxente e o importante, entre o curtísimo e o curto-medio prazo. A baixada xeral do IVE da enerxía eléctrica e dos carburantes e dos impostos especiais destes non constitúe unha solución estrutural, mais si conxuntural, temporal. Porque a inelasticidade no consumo destes recursos permite deflactar uns meses a tarifa no impacto da inflación e manter un gravame semellante en termos reais. Dicir isto non é asumir as teses da dereita nin da extrema dereita, partidarias, pola contra, de baixos impostos estruturais e do infrafinanciamento dos servizos públicos.
Tamén é urxente unha subvención directa aos transportistas nun mínimo de 0,30 €/l. E máis as reformas lexislativas que impidan traballar a perdas que xuridicamente poden ser aprobadas a medio de Decreto-Lei.
Canto ás actuacións a respecto do consumo eléctrico o Goberno do Estado acadou do Consello Europeo un marco para rebaixar o seu prezo, atendendo á cualidade de “illa enerxética” da península ibérica. Abondo para a redución substancial dos prezos no moi curto prazo, sen ningunha clase de escusas. E que habería de pasar tanto polos límites á produción con gas como con instalacións abondo amortizadas como as centrais hidroeléctricas.
Na axenda do importante, do curto-medio prazo, fica para maio-xuño a necesaria reforma europea dun absurdo sistema marxinalista de tarifación eléctrica. E na beira do Estado regular as regras da representatividade real dos sectores empresariais e da garantía da libre concorrencia, que impida que os grandes operadores loxísticos, a grande distribución alimentaria, as grandes distribuidoras eléctricas e os grandes lobbies construtores-concesionais impoñan as suas desaqueladas condicións aos autónomos e pemes e ás persoas consumidoras.
Ollando cara a nós, a consideración da península como illa enerxética obriga a pór outravolta na axenda o problema dunha Galicia que exporta o 40% da electricidade que produce, suxeita a elevados custos ambientais e económicos e que, pola contra, non pode subvencionar o consumo das súas empresas e familias.

Os problemas dos Fondos europeos Next Generation

O 21 de xullo último, o Consello Europeo aprobou os fondos Next Generation, que achegarán á reconstrución económica da Unión Europea (UE) 750.000 M€, dos que 390.000 M€ serán achegas e 360.000 M€ préstamos. Agás 77.500 M€ de subvencións aos programas REACT-EU e outros sociais e estruturais todas as demais subvencións -312.500 M€- e o 100% dos préstamos -750.000 M€- encádranse na RRF (Programa de recuperación e resiliencia).
A decisión constitúe un fito na historia dos programas de cohesión económica da UE, pois será pagado con fondos obtidos dunha emisión de bonos directos da UE. Xúntase, ademais, cos programas de préstamo de até 540.000 M€ aprobados pola UE en abril 2020 para gastos de sanidade (240.000 M€), préstamos do Banco Europeo de Investimentos -BEI- para as pemes (200.000 M€) e os 100.000 M€ para despesas na protección ao desemprego.
Mais todos estes fondos e programas teñen varios problemas graves. No ámbito europeo, cómpre sinalar que os programas de abril son vía préstamo e que 360.000 M€ (uns 67.000 M€ no caso do Estado español) dos Next Generation tamén, o que incrementa substancialmente o endebedamento en gastos que só reducen a feble estrutura do Estado canto aos servizos sociais, sanitarios e de emprego.
Alén diso, a decisión definitiva sobre os fondos Next Generation ha de se consensuar entre a Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo, o que adiará substancialmente a chegada dos mesmos até a fin do 2021. Para máis, as subvencións non se aboarán mentres non se xustifique ao 100% o investimento do Estado Membro beneficiado e máis a súa suxeición á condicionalidade. Unha condicionalidade ben interesante no que atinxe á promoción de reindustrialización, da xeración masiva de enerxía verde e máis da dixitalización e enforzamento das Administracións Públicas, mais que imporá tamén gravames canto á redución das pensións ou da cobertura do desemprego.
As Administracións estatal e autonómica galega, pola súa banda, teñen chatas importantes canto á súa capacidade para aprobar programas e chequear a súa execución para acadar as subvencións Next Generation. Lembremos que a Xunta non foi quen máis que de gastar o 38% do 322 M€ asignados ao noso País polo FSE (2014-2020) e só o 37% dos 913 M€ asignados polo FEDER no devandito periodo.
Nin a UE nin o Estado español garanten a territorialización dos fondos. Pola contra, prímanse nomeadamente a poboación e o inverso do PIB por habitante. De calquera xeito, a Galicia cumpriríanlle un mínimo de 8400 M€ por poboación entre préstamos e achegas, algo máis de 7.000 M€ só no RRF. Moito diñeiro, a contía do orzamento da Xunta neste 2020. Malia todo, esta sería unha cantidade abertamente insuficiente se temos en conta a febleza dos nosos servizos sociais e sanitarios e das nosas estruturas económicas. Velaí a esixencia do BNG de que os fondos cheguen ao noso País na contía mínima do 9% dos 140.000 M€ que virán ao Estado. É dicir, 12.600 M€.
Porén, o problema fundamental é a falla tanto desta garantía efectiva de territorialización como de que as grandes empresas do Ibex 35 (nomeadamente Repsol e as grandes distribuidoras eléctricas) non monopolicen, fronte ao fulcral tecido de pemes e á obrigada distribución territorial, este reparto dos fondos, valéndose da súa privilexiada relación co Xefe do Estado, co Goberno do Estado e coa oposición.

A Europa das persoas

A desafección cidadá a respecto do proxecto europeo xorde dun sistema institucional afastado e incomprensíbel. Nin os xuristas comprendemos unha andamiaxe institucional moi complexa, onde o Parlamento vai gañando competencias, pero non é a base única de lexitimidade nin de poder institucional, onde a Comisión Europea non é aínda un auténtico goberno e onde os estados reteñen as funcións esenciais, nomeadamente no que atinxe ao pulo da transformación constitucional da Unión Europea. Estados que desenvolven un xogo duplo, porque sempre aproveitan para lle botar as culpas á Unión das decisións impopulares que adoptan eles propios no Consello Europeo.
Outro factor de desafección é un Banco Central Europeo (BCE) independente de toda supervisión democrática. Un Banco Central non pode ser un departamento administrativo calquera, precisa dun certo “status” que garanta a súa autonomía e actuación profesional. Mais non pode asumir o rol de dirección da política monetaria europea sen se vencellar ao benestar das persoas. Porque, nesta crise, a súa absoluta e incomprensíbel independencia e máis a obsesión constitucionalizada polo control da inflación xeraron as condicións dunha treboada perfecta. E cando Draghi actuou con seriedade na defensa do euro para garantir a liquidez do sistema, atopámonos con que o BCE non podía financiar territorios nin Estados como Banco de derradeiro recurso, senón que tiña que facelo a medio duns bancos que aproveitaban esa barra libre de liquidez para axustar cadanseus balances recibindo diñeiro público ao 0,50% e prestándollelo aos Estados ao 3,50 por cento, mentres as empresas agoniaban pola falla de circulante.
Se os cidadáns non entenden un sistema político europeo que dista aínda de ser democrático e se a politica monetaria do BCE xerou tanto malestar social non é estraña esa desafección. Mais só dende dentro é posíbel transformar a Unión Europea, a medio dun conxunto de reformas institucionais e políticas que recuperen a democracia e a proximidade. A medio de reformas que constrúan a Europa das persoas.

Cataluña y Escocia seguirían perteneciendo a la UE aún siendo independientes

Los primeros ministros británico y español, Cameron y Rajoy, se han hartado de amenazar a los escoceses y catalanes, respectivamente, con la automática expulsión de la Unión Europea en la hipótesis de que decidieran su independencia. En dicho empeño han obtenido cierta complicidad en el Presidente del Consejo Europeo, Van Rompuy y en el Presidente de la Comisión Europea, Durâo Barroso, mientras que la Vicepresidenta de la Comisión, Viviane Reding, también integrada en la derecha europea, se ha mostrado mucho más respetuosa con la eventual autodeterminación de catalanes o escoceses.
Es cierto que la segregación de Escocia del territorio del Reino Unido o de Cataluña del Reino de España determinaría el efecto de su exclusión de la Unión. Pero en absoluto lo es que ambos países (o cualquier otro que ejerza su autodeterminación en este sentido en el futuro) tuviera que integrarse necesariamente a través del largo y complejo proceso del artículo 49 del Tratado de la Unión Europea. Graham Avery, experto del European Policy Center, lo ha manifestado en un informe encargado por el Comité de Política Exterior de la Cámara de los Comunes. Para el experto británico, el procedimiento adecuado sería el simplificado del artículo 48 del Tratado de la Unión, que sirvió para admitir a los antiguos ciudadanos de la Alemania oriental en octubre de 1990. Un procedimiento simplificado que podría resolver, en el caso escocés, su integración en la Unión en los 18 meses previstos entre la celebración de un eventual referéndum favorable a la independencia hasta la efectividad de la misma. Esto es, se trataría de que Escocia pasara sin solución de continuidad, desde su pertenencia a la Unión como parte del Reino Unido hasta su pertenencia a la Unión como Estado independiente.
Graham Avery incluso duda de que se pueda excluir a los ciudadanos escoceses o catalanes de los derechos de una europeidad ininterrumpida de 40 años en el primer caso o de 28 en el segundo. Porque la Unión no es una mera asociación de Estados, sino una estructura institucional de base confederal que comporta derechos individuales para sus ciudadanos. Se ha ido construyendo una ciudadanía europea junto a la ciudadanía del propio Estado miembro. Y jurídicamente resulta muy poco claro que catalanes y escoceses puedan ser excluidos de esta ciudadanía al acceder sus países a la independencia.
Este argumento jurídico, junto con la evidencia de las ventajas para Europa de la continuidad territorial escocesa o catalana (se trata de países que aportan economías diversificadas con ciudadanías de alta formación laboral y buen nivel cultural) hace dudar absolutamente del escenario catastrofista que Durão Barroso, Cameron o Rajoy plantean. Literalmente para atemorizar a los ciudadanos catalanes y escoceses con las eventuales consecuencias de sus procesos de autodeterminación.
Es posible que los escoceses rechacen su independencia el próximo 18 de septiembre. Y también es posible que los catalanes no puedan decidir el próximo 9 de noviembre. Pero lo que resulta muy poco probable es que una decisión a favor de su independencia pudiese condenar a cualquiera de estos dos países a una prolongada espera a las puertas de una Unión a la que sus ciudadanos pertenecen por derecho propio y que forma parte de su sistema institucional y de valores.

Máis e mellor Europa

Os graves recortes que ven de sofrer Galicia a respecto da recepción de fondos europeos para o periodo 2014-2020 reflicten a insuficiencia absoluta da política orzamentaria da Unión, que inviste menos do 1% do PIB europeo, fronte a níveis do 5-6% da Facenda federal USA. Na Eurozona unificouse a política monetaria, mais vivimos aínda na relativa diverxencia de políticas fiscais e na absoluta irrelevancia das políticas orzamentarias e de reequilibrio que poidan construir un mercado transparente e aquelado dotando aos países menos desenvolvidos dos instrumentos precisos para poder competir.
A diagnose agrávase polo déficit democrático das Institucións europeas, que distribúen o Poder dun xeito demasiado complexo, pouco eficiente e orfo de transparencia e lexitimidade democrática.
A Unión só pode adoptar dous camiños de futuro: retraer o seu proxecto para formarmos unha mera unión alfandegaria ou camiñar cara á unidade política. E este segundo camiño esixe unha auténtica cidadanía europea, que o Parlamento europeo sexa titular único da potestade lexislativa, un Presidente e Goberno europeos e que as institucións de base estatal, como os Consellos Europeo e de Ministros reduzan progresivamente a súa relevancia.
É certo que Galicia sofre de xeito singular as resultas desta Europa que mira máis cara aos “lobbies” ca ás persoas. Mais a grande responsabilidade destes prexuízos hai que anotalos no “debe” da intermediación do Estado español. A negociación de ingreso desarmou os nosos sectores estratéxicos, preferindo as producións mediterráneas. Despois desnaturalizáronse axudas agrarias, dirixíndose aos ineficientes latifundios, e Fondos estruturais (6000 M€ no novo aeroporto de Madrid). Prohibiuse a construción naval civil en Navantia-Fene para salvar os estaleiros andaluces. E durante estes anos España bloqueou coa súa apatía e euroescepticismo a participación das institucións e sociedade galegas na toma de decisións da Unión Europea e nos seus “lobbies”.
Velaí que ao mellor o problema non sexa Europa, senón o xeito no que España fai participar a Galicia no teatro europeo.