Aproveitarmos esta oportunidade

A experiencia aprendeunos que o Estado español, goberne quen goberne, ten unha lóxica unitarizante que tende a negar a súa indubidábel plurinacionalidade e os dereitos e intereses de Galicia, canda os doutros países e territorios. Nos tempos de maioría absoluta popular e socialista avanzou a recentralización política e económica, coa rexión madrileña como principal beneficiaria (beneficio que, porén, non acadou boa parte da súa poboación). Mais nos tempos nos que PSOE e PP dependeron dos nacionalismos (1993, 1996, 2004) e, nomeadamente, da achega fulcral do nacionalismo galego (2007, 2008, 2019) afrouxa esta tendencia recentralizadora e son tempos para acadarmos certas compensacións. No 2008 Anxo Quintana (BNG) quitou un acordo polo 8% dos investimentos em infraestruturas nos orzamentos estatais, mentres no 2019 o BNG de Ana Pontón acadaba unha substancial redución das peaxes da AP 9 e o saneamento integral da ría do Burgo, na Coruña.
O president Artur Mas vén de dicir que as forzas soberanistas catalás, galegas e vascas (26/350 deputados) haberían coordinar as súas negociacións co PSOE e Sumar na xeira aberta logo das estatais do 23-X. Isto non quere dicir que as cinco forzas concorrentes (JxCat, ERC, EH-Bildu, PNV e BNG) vaian defender os mesmos obxectivos, senón que han saber partillar unha común intelixencia a respecto da oportunidade tamén común de reverter esta ferreña recentralización que vivimos desde o felipismo. Unha oportunidade que habería de se proxectar sobre o estrutural: i) ampliar competencias e blindalas, ii) garantir un financiamento autonómico abondo para os servizos públicos dos territorios todos, quitando estes recursos dos medios económicos que retén o Goberno do Estado, e iii) recoñecer institucionalmente a plurinacionalidade do Estado de xeito que as Administracións autonómica e local constituísen as únicas Administracións operantes no territorio e cara ao cidadán (“máis Galicia e menos España”).
Para o caso do noso País cómpre negociar unha axenda galega potente, estruturada en reivindicacións de infraestruturas (alta velocidade ferroviaria con Portugal, corredor ferroviario europeo de mercadorías, transferencia e progresiva gratuidade da AP 9 e da AP 53, transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral e extinción da débeda do porto exterior da Coruña), políticas enerxética e ambiental (recoñecer a tarifa eléctrica galega e vencellar o desenvolvemento das renovábeis ao beneficio das comunidades locais galegas e do País no seu conxunto), financiamento autonómico, dando pasos de autosuficiencia cara un sistema de cota semellante ao vasco e ao navarro que garanta que primeiro recademos e despois negociemos, ampliación e blindaxe do autogoberno e recoñecemento da igualdade xurídica real entre galego e castelán. Nas vindeiras semanas iremos debullando neste espazo esta posíbel axenda galega.
A febleza do Goberno central sempre é e sempre será a nosa vantaxe. Agora hai que agardar que o soberanismo galego xogue ben as súas limitadas cartas e tente multiplicar alxebraicamente a forza dos votos recibidos diante do extraordinario da actual conxuntura parlamentaria. Cómpre aproveitarmos esta oportunidade.

Inflación e Pacto de País

Nos últimos días os economistas galegos Marcelino Fernández Mallo e máis Xosé Antonio Pena Beiroa explicaron a xeito a gravidade da actual inflación e do seu impacto na Galicia (10,5%!), ben superior ao 9,8% do Estado español ou o 7,5% da media da eurozona. Como ideas máis singulares, Pena Beiroa considera que a inflación foi favorecida pola falla de libre concorrencia real por mor da concentración empresarial, nomeadamente bancaria e enerxética, mentres Fernández Mallo chama a atención sobre a necesidade de construirmos unha economía de proximidade forte, que non nos faga depender das variacións de prezos dos insumos nin da limitación da súa oferta internacional.
De pouco valerían determinadas medidas restritivas da oferta monetaria (que subirán os tipos de xuro e restrinxirán a oferta de crédito bancario), recoñecidas canto á súa necesidade polos devanditos economistas, se non pomos na axenda a necesidade da autonomía alimentaria e enerxética, pois que a actual inflación xorde de varios factores, entre eles da nosa dependencia internacional na alimentación humana e animal, no gas e do petróleo ou nos compoñentes electrónicos. Velaí que precisemos un programa cobizoso de reindustrialización e reagrarización, que poña o foco na produción industrial e alimentaria e na ruptura da dependencia da nosa produción cárnica e leiteira dos insumos foráneos.
Isto vai esixir investimentos importantes, que han motivar unha discriminación positiva canto aos tipos de xuro precisos para o seu financiamento, como tamén defenden os devanditos economistas galegos, canda o economista francés Thomas Piketty. E tamén reformas lexislativas moi potentes na ordenación do territorio para acadar esta reindustrialización e reagrarización. Medidas todas que esixen un pacto de País entre todas as forzas políticas e sociais galegas, precisamente para facer o que non fixo Núñez Feijóo nos seus trece anos de goberno, que deixaron Galicia máis pobre e dependente.
No que atinxe á enerxía eléctrica, Galicia xa produce de fontes renovábeis para todo o seu consumo e exporta case o 40% da súa produción. Non dependemos da electricidade doutros. Aquí o Pacto de País o que precisa é esixir no contexto estatal e europeo que se compense cunha tarifa eléctrica de noso que permita que as nosas familias e industrias paguen moito menos pola enerxía. Porque producila para outros xera para nós graves custos ambientais e impide ou dificulta diversificar a nosa economía.
Estou certo que Alfonso Rueda, Pedro Puy e Xosé Manuel Baltar saben da necesidade do que estou a escrebir. Van continuar polo carreiro dependendista de Núñez Feijóo ou asumirán a responsabilidade de facer posíbel un futuro para este País?

Reducirmos a dependencia

Se a actuación do Goberno do Estado diante da crise inflacionaria ben pode alcumarse de serodia, parcial e pouco matinada, a da Xunta ben pode alcumarse de inexistente, tanto en ideas como en actuacións concretas. Núñez Feijóo só acredita en baixar impostos de xeito permanente, o que agravaría permanentemente o actual infrafinanciamento dos servizos públicos sanitarios, sociais e educativos que fornece a Xunta de Galicia. E nunca nada dixo sobre as necesarias reformas do mercado eléctrico.
Na cuestión fiscal fallan tanto as esquerdas estatais presentes no Goberno do Estado (seareiras do mantemento da actual presión fiscal) como as dereitas estatais que non teñen proposta distinta da rebaixa fiscal permanente. Na Galicia foi o BNG o único que até de agora propuxo algo aquelado, coa rebaixa permanente do IVE da electricidade (ben de consumo de primeira necesidade e insumo esencial para a nosa economía) do 11% ao 4% e a temporal, referida á evolución dos prezos no curto prazo, dos Impostos especiais dos carburantes, mentres propón reformas que mingüen os efectos inxustamente inflacionistas do sistema marxinalista de formación de prezos do sistema eléctrico e reclama esa tarifa eléctrica galega, compensatoria dos custos da nosa produción, protexendo as persoas consumidoras e empresas galegas. Tarifa eléctrica que sempre rexeitou Núñez Feijóo, quizais pensando na oportunidade que agora se lle deu en Madrid, no canto de mirar polo noso.
O debate sobre a crise inflacionaria actual reflectiu o dependentismo que aniña nas esquerdas e dereitas estatais, como a crítica ás subvencións xerais ao prezo dos combustíbeis por “só favorecer aos colectivos con rendas altas”, que pode ser verdade nas áreas urbanas de Madrid ou Bilbao, ben fornecidas de transportes públicos, mais non nunha Galicia na que autónomos e traballadores dependen en grande medida do coche privado. Outravolta o dependentismo como eiva que lles impide a moitos facer as diagnoses acaídas para interpretarmos a realidade galega e propormos as solucións de futuro.
Un dos eixos fulcrais destas solucións de futuro son é o de reducir as dependencias de Galicia canto aos combustíbeis e insumos precisos para alimento do gando, así como na produción de alimentos, substancialmente reducida pola forestación de terras agrarias para eucalipto. Mais para desenvolver as políticas acaídas para rematar con estas dependencias, Galicia precisa de consensos amplos na definición de proxectos tractores, administración de recursos ben orientados e máis unha ampla reforma do ordenamento territorial. E, desde logo, precisa de menos dependencias mentais de esquemas que nin explican a nosa realidade nin son quen a nos dar solucións de futuro.

O urxente e o importante

O Goberno do Estado teimou no seu erro e botou once días sen sentar coa plataforma convocante do paro dos transportistas. Ao tempo fallou tamén en agardar ao cumio do Consello Europeo para anticipar medidas fiscais e subvencións que varios Estados europeos levaban desenvolvendo dende os días 16-18 de marzo. Das resultas destes erros existiron graves problemas de desabastecemento na distribución alimentaria e peores tensións no sistema produtivo, pola falla de recollida do leite e peixe e falla de fornecemento de pensos.
Pedro Sánchez e as súas ministras non foron quen a distinguir entre o urxente e o importante, entre o curtísimo e o curto-medio prazo. A baixada xeral do IVE da enerxía eléctrica e dos carburantes e dos impostos especiais destes non constitúe unha solución estrutural, mais si conxuntural, temporal. Porque a inelasticidade no consumo destes recursos permite deflactar uns meses a tarifa no impacto da inflación e manter un gravame semellante en termos reais. Dicir isto non é asumir as teses da dereita nin da extrema dereita, partidarias, pola contra, de baixos impostos estruturais e do infrafinanciamento dos servizos públicos.
Tamén é urxente unha subvención directa aos transportistas nun mínimo de 0,30 €/l. E máis as reformas lexislativas que impidan traballar a perdas que xuridicamente poden ser aprobadas a medio de Decreto-Lei.
Canto ás actuacións a respecto do consumo eléctrico o Goberno do Estado acadou do Consello Europeo un marco para rebaixar o seu prezo, atendendo á cualidade de “illa enerxética” da península ibérica. Abondo para a redución substancial dos prezos no moi curto prazo, sen ningunha clase de escusas. E que habería de pasar tanto polos límites á produción con gas como con instalacións abondo amortizadas como as centrais hidroeléctricas.
Na axenda do importante, do curto-medio prazo, fica para maio-xuño a necesaria reforma europea dun absurdo sistema marxinalista de tarifación eléctrica. E na beira do Estado regular as regras da representatividade real dos sectores empresariais e da garantía da libre concorrencia, que impida que os grandes operadores loxísticos, a grande distribución alimentaria, as grandes distribuidoras eléctricas e os grandes lobbies construtores-concesionais impoñan as suas desaqueladas condicións aos autónomos e pemes e ás persoas consumidoras.
Ollando cara a nós, a consideración da península como illa enerxética obriga a pór outravolta na axenda o problema dunha Galicia que exporta o 40% da electricidade que produce, suxeita a elevados custos ambientais e económicos e que, pola contra, non pode subvencionar o consumo das súas empresas e familias.

Galicia precisa da bilateralidade

Existen certos intereses comúns entre Galicia e as seis CC.AA. presentes no cumio autonómico compostelán do martes 23-N, nomeadamente que o sistema de financiamento autonómico avalíe a xeito o espallamento e máis o avellentamento da súa poboación. Mais, á vista dos dados que vén de publicar a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA), o financiamento público por habitante na Galicia (2.846 €/ano) é inferior ao de todos os territorios representados este día en Compostela, polo que partillar estratexia non semella bo camiño.
O noso País conta cun eixo atlántico de potente desenvolvemento humano e económico con vocación de se conectar co eixo Leixões/Porto-Lisboa-Setúnal. Este eixo, canda o corredor atlántico de mercadorías e a conexión deste cos portos galegos, estiveron á marxe do cumio autonómico compostelán, malia ser infraestruturas con impacto en todo o NO. Peninsular.
O economista Xosé Díaz calculou na liquidación do exercicio do 2019 un déficit fiscal de máis de 4.562 M€, pois recadamos 13.222 M€ e só nos devolveron 8.650 M€. Se tivésemos un sistema de cota ou cupo como o vasco ou navarro, onde recadásemos os tributos todos e lle pagáramos ao Estado a porcentaxe que nos cumprise por poboación para compensar os servizos estatais (sobre un 5,4%), recuperaríamos máis de 3.200 M€ deses 4562 M€.
Mais o problema do desenvolvemento galego non é só de fiscalidade, senón tamén de externalidades económicas. Producimos electricidade abonda para cobrirmos as nosas necesidades e exportar un 35% ao resto do Estado. Apandamos co custo ambiental e paisaxístico e mesmo de substitución económica e iso non se reflicte no prezo da enerxía. Pagamos igual ou máis que no Madrid consumidor e non produtor.
Canto ás obras públicas estatais, como o AVE, producen claras externalidades a prol de Madrid como sede das grandes empresas construtoras e das principais enxeñarías, como vén de explicar o economista Turnes Abelenda (Descentralización fiscal e desenvolvemento, 2021), mentres ao tempo substitúen outros investimentos estatais con máis incidencia na vertebración das actividades económicas galegas non turísticas, como o eixo atlántico, as redes ferroviarias de proximidade ou a conexión ferroviaria cos portos galegos.
Nin Galicia é, no seu conxunto, parte da España baleirada, nin gaña con políticas de subsidio que anestesien o seu desenvolvemento. Galicia precisa do seu autogoberno para acadarmos benestar e, xa que logo, de recadar os seus tributos e poder decidir sobre as súas prioridades de desenvolvemento económico. Con pouco máis do 5% do PIB e poboación estatais e con alicerces económicos que para o Estado son prescindíbeis, Galicia precisa da bilateralidade na súa relación co Estado.

O roubo da luz

A suba xeneralizada a nível do Estado do prezo da electricidade, por mor da nova tarifa no mercado regulado desde o 1 de xuño deste ano, o feito de producirmos na Galicia un 31% de enerxía superavitaria (descontando xa a queda enerxética das térmicas de Meirama-Cerceda (Naturgy) e As Pontes (Endesa)), que exportamos ao resto do sistema estatal sen nos aproveitar de beneficio ningún e maila enxurrada de proxectos eólicos que non compensan nin ao País, nin aos propietarios nin ás comunidades locais polos seus custos ambientais, paisaxísticos e económicos (a produción eólica degrada e ás veces imposibilita a produción agrogandeira na súa área de proximidade) xeraron na Galicia a respecto da electricidade a treboada perfecta.
Velaí que cumpra entender o veto do martes 14-S do PPdeG e do PSdeG á proposta do BNG no Parlamento de Galicia para unha tarifa eléctrica galega que posibilite rebaixar a luz ás nosas persoas consumidoras e empresas (resolvendo o problema gravísimo das nosas industrias electrointensivas) como proba dunha servidume absoluta aos intereses dos aparellos centrais de ambos os dous polos do bipartidismo unionista-dinástico, sinalados polas portas xiratorias de ducias de ex presidentes e ministros do Goberno do Estado que accederon a importantes cargos de administración, xestión ou consultoría das empresas do oligopolio eléctrico. Moito máis chocante se ollamos aos Presidentes castelán-leonés Alfonso F. Mañueco (PP) e aragonés Javier Lambán (PSOE) propor unha tarifa eléctrica que rebaixase a conta da luz para cadansúas rexións como territorios produtores. U-la dignidade política e o patriotismo de Alberto Núñez Feijóo e Gonzalo Caballero?
Mais con ser fulcral para o noso País rematar con esta usurpación económica (facernos producir enerxía asumindo graves custos ambientais e económicos e consumila ao mesmo prezo que os territorios consumidores como Madrid), son esenciais tamén mecanismos fundamentais de reforma do mercado eléctrico, como o control dos prezos das enerxías hidroeléctrica ou nuclear, crear un operador eléctrico público galego ou (como adoita afirmar o presidente de ACOUGA, Manuel Pérez Arias) potenciar a xeración aló onde se consome, para ir reducindo o custo da rede do transporte eléctrico, o input non fiscal máis importante.
As medidas fiscais (rebaixa do 5,1% ao 0,5% do imposto sobre a electricidade, do 21% ao 10% do IVE e a suspensión do imposto de xeración eléctrica) do Goberno do Estado non son abondas. Precisamos dunha reforma global que remate coa pobreza enerxética e permita que Galicia poida desfrutar dunha electricidade máis barata para as nosas familias e empresas.

Nós non somos desa parroquia

O despropósito da política e do xogo das elites extractivas do Estado xera un moi grande dano ao noso País, Galicia, e á nosa cidadanía. Moi poucas veces este xogo e este dano é tan evidente como nesta conxuntura, ás portas das eleccións rexionais madrileñas do 4-M e do espectáculo irresponsábel e neglixente que están a dar as forzas políticas españolas.
No eido da dereita Cs vaise converter en extraparlamentario, mentres o futuro Goberno vaise alicerzar nunha eventual maioría absoluta do extremismo de Vox e do PP de Díaz Ayuso, cun futuro programa de goberno supremacista español, xenófobo, antifeminista e protector dos intereses dos grandes oligopolios financeiros, de distribución eléctrica e do lobby construtor-concesional do Ibex 35.
No eido da esquerda PSOE e Unidas Podemos xogan ao regarte curto e ao estéril enfrontamento mediático coa dereita española, mercándolle mentres o seu discurso nacional, territorial e de liberdades democráticas, esfarelando deste xeito as oportunidades que se abriron coa maioría de ianvestidura de xaneiro de 2020. Até para cumprir o Estatuto de Euskadi e lle transferir os cárceres a Euskadi (pensen que entre PNV e EH Bildu Sánchez e Iglesias obtiveron 12 deputados) tiveron que demorar ano e medio.
Galicia e a cidadanía galega non teñen amigos nin inimigos. Teñen intereses. E estes son bastante contraditorios cos do conxunto do Estado español, pois que só achegamos un 5,5% do PIB e un 5,1% da poboación estatal e os sectores estratéxicos para Galicia son prescindíbeis para o Estado. Xa que logo, os nosos intereses protéxense, no político-institucional, desde a afirmación e ampliación do noso autogoberno e máis o recoñecemento do noso dereito a decidir. A nosa soberanía, se a prefiren como definición. No económico desde a defensa dos intereses da empresa galega (o que quere dicir que nos deixen producir e rematar na Terra os procesos produtivos, nomeadamente os agrogandeiros, mar-industria e enerxéticos), da nosa soberanía enerxética (o que quere dicir tarifa eléctrica propia, por ser nós os que fornecemos de electricidade a Madrid sen compensación ambiental ningunha) e da nosa xestión integral das infraestruturas aeroportuarias, portuarias e viarias. E, no psicolóxico, ollando cada vez menos a esa lamaceira capitalina de políticos estatais de falas e acenos macarras e máis cara aos eixos cantábrico e atlántico, cara Portugal e a lusofonía, Europa e o mundo todo. De certo que en todos estes ámbitos están xestionando regular ou bastante mal as necesidades presentes, mais teñen un sentidiño cívico que falta nos que mandan de verdade no Estado.
Fronte a unhas elites extractivas que despoboaron Castela e van camiño de despoboar o Estado, fronte ao lobby do palco do Bernabeu, fronte á leria nunca interrupta do duopolio televisivo e dos xornais de Madrid, nós temos que mirar polo noso. Porque nós non somos desa parroquia.

Precisamos marcos mentais propios

No primeiro semestre do 2020 a rebaixa do valor das mercadorías nos cinco portos galegos de interese xeral abaneou entre o case 7% de Vigo e o case 15% de Ferrol. Estes portos seguen a ser xestionados polo Estado, cun único réxime xurídico e tarifario que impide o desenvolvemento das potencialidades portuarias galegas, porque somos centrais xeograficamente e haberíamos ser o grande “hub” portuario entre a Canle de Panamá e o Leste americano cos portos europeos do Mar do Norte. Velaí que precisemos dun novo marco mental, que mire Galicia como central e non periférica. E dun novo marco institucional, que pase pola transferencia da competencia á Xunta e pola conexión ferroviaria co Eixo Atlántico con Portugal e co Corredor Europeo de Mercadorías.
Tamén precisamos un marco mental de noso no que atinxe ás comunicacións ferroviarias. Portugal vén de dicir que non lle interesa conectar por alta velocidade Lisboa con Madrid, senón que prioriza o eixo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-Coruña-Ferrol. Velaquí o futuro, canda a conexión co Corredor de Mercadorías cara Europa, aproveitando o porto seco de Monforte.
Precisamos tamén un novo marco mental para o turismo galego, que habería transformarse substancialmente para a revolución postcovid que ha vivir o sector. Unha revolución que require da transferencia dos aeroportos ao Poder Galego para evitarmos competencias entre ananos. Este novo marco mental habería definir unha oferta de turismo deportivo, monumental, gastronómico e ecolóxico, facendo Marca-País e aproveitando todos os recursos turísticos que o turismo-masa do Xacobeo non entende.
Precisamos tamén marcos mentais de noso na esixencia dun regulamento enerxético que nos compense tarifariamente pola nosa vitalidade produtora, permitindo atraermos nova industria e compensarmos ás comunidades locais prexudicadas polos custos ambientais e paisaxísticos xerados pola produción enerxética.
Precisamos dun novo relato fiscal, que entenda que somos superavitarios na nosa achega impositiva o Estado e que precisamos da capacidade de regularmos, recadarmos e xestionarmos os nosos tributos. E dun novo marco financeiro, que reinvista no noso País o excedente de aforro que producimos desde 2012 por mor da substancial liquidación do noso subsistema financeiro.
Precisamos, en último de contas, de marcos mentais que rachen coas actitudes dependentistas a respecto do Estado centralista. Tamén na reivindicación da lingua e cultura como centrais nunha Galicia moderna e dunha historia -a nosa real- propia, que nos fai merecentes dun lugar de noso no concerto das nacións europeas

No bo camiño

Ninguén pode afirmar que o acordo político para as estatais entre o BNG e Compromiso x Galicia (CXG) sexa a fórmula máxica para a competitividade electoral do soberanismo. En realidade, non é máis ca un pequeno paso adiante, que encarreira, mais non abonda para facer chegar por si propio á meta.
Este acordo ten dúas cualidades políticas que cómpre recoñecerlle ao BNG. Por unha banda é a primeira vez que o BNG pacta cun grupo fundado, nunha parte apreciábel, por persoas que racharon coa devandita fronte despois do Congreso de Amio no 2012. Pola outra, o soberanismo galego de esquerda recoñece como valor a cooperación co galeguismo de centro, progresista e europeísta, inspirado no ronsel do PNV.
Mágoa que non fose posíbel o grande acordo a tres con En Marea. CXG tentouno, como tentara a grande coalición nacional na primavera. Mais a nunca explicada introdución do elemento de confusión “Errejón/Más País” por En Marea rachou calquera aproximación realista a un BNG que ten de aprender a non exercer o monopolio da defensa do País e afacerse a cooperar con outros galeguistas e soberanistas. Sexa como for, En Marea foi quen de reaxir ao clarexar o panorama electoral coa súa renuncia a repetir candidatura de seu e ao manifestar, sen pedir o voto explicitamente para ninguén, que o recomendaba para os que mellor puidesen afirmar a axenda galega. O que, dende logo, desbota PSOE, UP e Más País.
Son, dende logo, decisións curtas e tímidas, mais importantes polo camiño que debullan e polo novo xorne que ogallá sinalen. Agora do que se trata é de transmitir que esta candidatura pode e sabe ser verdadeiramente unha candidatura transversal de País. A candidatura útil, fronte á inutilidade amosada pola esquerda española.
E a axenda está chea de prioridades urxentes e transcendentes. Compatibilizar a descarbonificación con solucións de transición e reindustralizadoras para Endesa As Pontes e Naturgy-Cerceda. O estatuto da enerxía electrointensiva que garanta o futuro da industria de Alcoa, Ferroatlántica e da industria toda deste País. A tarifa enerxética galega a prol desa industria e dos nosos consumidores nun País que exporta, sen beneficio ningún, o 40% da enerxía que produce. A conexión de alta velocidade A Coruña-Porto que vertebre a Eurorrexión de futuro. E a defensa do noso autogoberno como instrumento de benestar, cun financiamento baseado na recadación da Facenda Galega e unha ampliación competencial para facermos políticas de reindustrialización sostíbel.
Por primeira vez en moito tempo danse pasos cara á cooperación no soberanismo. Poderían ser máis decididos e intensos? De certo que si, pero polo de agora cómpre tirarlle proveito e utilidade ao que hai.

Alcoa e a recentralización económica

A decisión da multinacional Alcoa de pechar a súa factoría d’A Coruña adóptase pola grande sobrecapacidade produtiva na China (auténtico dumping desleal) e pola falla total de investimentos nos últimos anos na factoría coruñesa. Porén, certo é que a tarifa eléctrica que grava ás industrias e consumidores galegos constitúe un auténtico despoxo patrimonial propio de pretéritas estruturas coloniais, malia os remendos dunha poxa de ininterrompibilidade que fica lonxe das posibilidades de moitas outras industrias, como Megasa, que pagan cantidades astronómicas pola enerxía e non poden concorrer con vantaxe a esta caste de poxas.
Mais case ninguén relaciona este peche co bloqueo sofrido polo autogoberno económico do País. Porque o Estatuto de Galicia, no marco do sistema dunha economía mixta de mercado, atribuíulle ao Poder Galego a competencia exclusiva na xestión do sector público autonómico e máis a participación no goberno e administración das empresas públicas estatais operantes en Galicia que non fosen legalmente transferíbeis. Velaí o deseño constitucional dun sector público autonómico con vocación de abranguer ou, polo menos, participar no sector público estatal operante en Galicia.
Porén, os sucesivos gobernos estatais bloquearon este -e moitos outros- preceptos estatutarios. Cando a SEPI estatal lle vendeu INESPAL a Alcoa no 1998 por só 400 M USD, o Goberno galego de Fraga nin quixo nin puido oporse eficazmente a este malbaratamento patrimonial. Vendéronse moitas outras empresas no último goberno de Felipe González (1993-1996) e primeiro de Aznar (1996-2000), case sempre a prol dunha elite estatal extractiva, núcleo do capitalismo castizo de amiguetes ou do BOE que domina arestora os sectores regulados do IBEX 35.
A operación de recentralización económica completouse coa liquidación das Caixas e, de vez, das competencias estatutarias galegas sobre estas entidades fundacionais de base social e, xa que logo, de propiedade colectiva e non privada.
A desmontaxe dos sectores público e financeiro galegos ten empobrecido substancialmente o País no beneficio dese capitalismo estatal de amiguetes, ao tempo que reduciu moi substancialmente a compoñente social ou mixta dunha economía de mercado que está a se converter abertamente en sociedade de mercado.
O autogoberno é garantia de benestar e a recentralización é un camiño cara ao empobrecemento.