Inimigos das nosas liberdades

Nas rexionais de Castela e León, o domingo 13-F, Vox sobardou o 18% de votos, acadando máis do 20% nas súas principais cidades (Valladolid e Burgos). O fenómeno agravouse substancialmente días despois, coa implosión do PP por mor das denuncias de grave corrupción de Casado e García Egea contra Díaz Ayuso, que coincidiron coa actitude refractaria daqueles e favorábel desta a unha coalición de goberno do PP cos extremistas. Electomanía vén de publicar unha enquisa desenvolvida entre os días 14-F e 18-F que lle dá o primeiro posto ao PSOE e o segundo a Vox (quen seica lle daría o sorpasso ao PP) nunhas vindeiras eleccións estatais.
Non partillo esa espallada idea de que Vox sexa un partido fascista. É un partido de extrema dereita que amorea xente hoxe en día xa bastante diversa, mais coincidente nunha corrente central de franquismo sociolóxico. Porque tentan (canda un sector maioritario do PP madrileño, representado por Aguirre e Díaz Ayuso) liquidar os avances democráticos do réxime de 1978 -desde unha mutación constitucional pilotada polo Deep State– para voltar a unha sociedade española agresiva coa personalidade nacional galega (e contra calquera plurinacionalidade e pluriculturalidade), coa igualdade de xénero e coa integración das persoas inmigrantes. Porque tentan voltar a un Estado español que exclúa as persoas que exercemos unha identidade nacional incompatíbel coa deles, canda ás persoas feministas, ecoloxistas ou simplesmente progresistas.
A ideoloxía e a praxe política de Vox é unha ameaza para Galicia e para a economía e a sociedade galegas. Porque representan unha fracción das elites españolas que i) refugan de Europa como comunidade de dereito e liberdades e espazo de políticas sociais e económicas comúns, e ii) queren destruír calquera política autonómica e local que fomente a economía galega e xere oportunidades para as nosas empresas, mesmo impedindo as normativas europeas e galegas que favorezan a contratación de compañías locais para as obras e servizos públicos que precisan as Administracións Públicas.
Velaí que Galicia, onde Vox é aínda anecdótico, teña que desenvolver unha acción política e social coordenada para construír un valado contra esta clase de política antidemocrática que quere liquidar tamén o noso autogoberno. Un autogoberno que, malia as súas gravísimas feblezas, podería constituír unha potente ferramenta de defensa da nosa economía.
A extrema dereita franquista é inimiga dos intereses da empresa, economía e sociedade galegas, así como do noso autogoberno e mesmo existencia como País. E, tamén, constitúe unha fronte de millóns de persoas que non saben nin queren vivir en democracia e arelan destruír as nosas liberdades. As que nos pertencen como persoas e como cidadanía galega e europea.

Pensarmos no País

O cadro actual é unha Galicia sen pulo político, sen liderado social nin económico, que perde sen dar batallas fulcrais (transferencia da AP-9, corredor atlántico europeo de mercadorías…), mal xestionado por un Goberno provincial e provinciano, dependentista, ineficaz e ineficiente. Unha Galicia nun Estado que vén de derrogar tacitamente a garantía constitucional do autogoberno das nacionalidades e desenvolve un intenso proceso de recentralización política e económica e de recorte de liberdades públicas, amosando unha vez máis que no Estado español non hai democracia nin liberdade posíbeis sen garantir o autogoberno das nacionalidades. Cómpre non se trabucar, a clave dunha politica de benestar e de defensa das liberdades é nacional. Só dende unha perspectiva galega e dende un autogoberno xuridicamente blindado e financiado a xeito é posíbel mirar polos intereses da maioría social. Estánnolo demostrando non só os escoceses do SNP, os vascos do PNV ou a alianza entre autonomistas e independentistas en Córsega, senón tamén, no País Valencià e as Illes, Compromís e Més por Mallorca, que son quen de alargar o espazo soberanista coa defensa dun financiamento axeitado, do corredor ferroviario mediterráneo ou con perspectivas transversais ambientalista e de xénero.
Cómpre construirmos a coalición nacional, a Unidade Galega, mais cómpre evitarmos as eivas e defectos históricos do galeguismo político… elitismo, partidismo, falar para un país que non existe, pensar só nos iniciados, trabucarmos as fins últimas e os obxectivos a curto… A Unidade Galega precisa de moita sociedade civil, da pequena e mediana empresa, do feminismo, do ecoloxismo, dunha ampla base transversal e interclasista e dun programa de mínimo común denominador.
E a Unidade Galega precisa dunha vocación de goberno, precisa ser útil. A maioría social galega pide boa xestión, non continuísta, senón transformadora. Os sectores que poden votar esa grande opción galega e progresista (só de primeiras, máis do 30% do electorado que non vota PP, PSOE nin Cs) son os máis afectados pola mala xestión e os primeiros que poden dar as costas a unha política que non sexa útil.
É a hora, pois, da política. De arrumbarmos partidismos e fulanismos e pensarmos a serio no País.