Inimigos das nosas liberdades

Nas rexionais de Castela e León, o domingo 13-F, Vox sobardou o 18% de votos, acadando máis do 20% nas súas principais cidades (Valladolid e Burgos). O fenómeno agravouse substancialmente días despois, coa implosión do PP por mor das denuncias de grave corrupción de Casado e García Egea contra Díaz Ayuso, que coincidiron coa actitude refractaria daqueles e favorábel desta a unha coalición de goberno do PP cos extremistas. Electomanía vén de publicar unha enquisa desenvolvida entre os días 14-F e 18-F que lle dá o primeiro posto ao PSOE e o segundo a Vox (quen seica lle daría o sorpasso ao PP) nunhas vindeiras eleccións estatais.
Non partillo esa espallada idea de que Vox sexa un partido fascista. É un partido de extrema dereita que amorea xente hoxe en día xa bastante diversa, mais coincidente nunha corrente central de franquismo sociolóxico. Porque tentan (canda un sector maioritario do PP madrileño, representado por Aguirre e Díaz Ayuso) liquidar os avances democráticos do réxime de 1978 -desde unha mutación constitucional pilotada polo Deep State– para voltar a unha sociedade española agresiva coa personalidade nacional galega (e contra calquera plurinacionalidade e pluriculturalidade), coa igualdade de xénero e coa integración das persoas inmigrantes. Porque tentan voltar a un Estado español que exclúa as persoas que exercemos unha identidade nacional incompatíbel coa deles, canda ás persoas feministas, ecoloxistas ou simplesmente progresistas.
A ideoloxía e a praxe política de Vox é unha ameaza para Galicia e para a economía e a sociedade galegas. Porque representan unha fracción das elites españolas que i) refugan de Europa como comunidade de dereito e liberdades e espazo de políticas sociais e económicas comúns, e ii) queren destruír calquera política autonómica e local que fomente a economía galega e xere oportunidades para as nosas empresas, mesmo impedindo as normativas europeas e galegas que favorezan a contratación de compañías locais para as obras e servizos públicos que precisan as Administracións Públicas.
Velaí que Galicia, onde Vox é aínda anecdótico, teña que desenvolver unha acción política e social coordenada para construír un valado contra esta clase de política antidemocrática que quere liquidar tamén o noso autogoberno. Un autogoberno que, malia as súas gravísimas feblezas, podería constituír unha potente ferramenta de defensa da nosa economía.
A extrema dereita franquista é inimiga dos intereses da empresa, economía e sociedade galegas, así como do noso autogoberno e mesmo existencia como País. E, tamén, constitúe unha fronte de millóns de persoas que non saben nin queren vivir en democracia e arelan destruír as nosas liberdades. As que nos pertencen como persoas e como cidadanía galega e europea.