O fracaso de Feijoo

Escribo na mañá deste derradeiro domingo de setembro, no que o PP organiza un acto de masas en Madrid preventivo contra unha candidatura á presidencia do Goberno do Estado que non existe aínda e contra unha proposición de lei de amnistía que tampouco naceu á vida política nin mesmo ten sido concordada por unha maioría parlamentaria. Un acto que de seguro vai xuntar milleiros de persoas, mais en calquera caso un número moi inferior aos actos de avenidas ateigadas que organizou o PP de Rajoy contra o novo Estatut de Catalunya (2006) e contra as leis do aborto e do matrimonio homosexual propostas por ZP no tempo dos seus mandatos (2004-2011). E, desde logo, aos millóns de persoas que, votando as candidaturas das esquerdas estatais e dos soberanismos galego, catalán e vasco, rexeitaron nidiamente o 23-X a opción bipartita PP-Vox e a súa enxurrada de propostas reaccionarias.
O chocante desta situación é que o líder do PP estatal que convoca o acto vai presentar este martes 26 a súa candidatura á investidura. Que alugue autobuses para xuntar en Madrid aos seus convencidos no canto de tentar acadar os apoios parlamentarios precisos non fai máis que amosar o seu fracaso. Porque no mes decorrido desde que o Xefe do Estado, a medio dunha moi cuestionábel decisión, propuxo a súa candidatura non acadou un só voto máis dos que tiña. Feijoo só pode agardar unha milagre a xeito de votación transfuguista ou a repetición electoral. Se sae investido Sánchez a súa remoción ha ser cousa de semanas ou, como moito, duns poucos meses.
En realidade, o exótico acto de hoxe xa amosa esta probábel interinidade, porque a súa convocatoria non lle pertence, senón que lle foi imposta por Aznar e Díaz Ayuso. A liña máis extremista do PP desenvolve xa unha estratexia de impugnación institucional, coa inestimábel colaboración de Felipe González e Alfonso Guerra. Os seus obxectivos por orde cronolóxica son: i) presionar un tamayazo transfuguista, ii) evitar coa presión da rúa e dos despachos do deep state que o Xefe do Estado nomee candidato a Sánchez para repetir eleccións o vindeiro xaneiro e, de non se convocar estas polo apoio parlamentario a Sánchez, iii) considerar ilexítimo ese Goberno desde o minuto un.
De calquera xeito, a propia realidade do acto de hoxe e desa estratexia de impugnación institucional son as mellores probas do fracaso de Feijoo.

A axenda galega: as infraestruturas ferroviarias

Cómpre continuarmos a debullar a fenda de oportunidade que a conxuntura política actual xerou a prol da axenda galega. Falamos xa de financiamento autonómico e de autogoberno e agora correspóndelle a quenda ás infraestruturas ferroviarias. Velaí as prioridades:
1.- A conexión galega co Corredor europeo atlántico de mercadorías.
Ten dito Ana Pontón (BNG), xefa galega da oposición, que “quen non estea nas redes europeas de transporte será un cero á esquerda”. Porque en verdade quen non estea conectado á rede transeuropea de transportes, que integra nove corredores para o transporte de mercadorías e persoas, non existirá. É dicir, os portos da Coruña, Ferrol ou Vigo non existirán na Europa, malia o esforzo investidor das últimas décadas, se non acadamos este fulcral obxectivo conectando con León a medio do hub de Monforte de Lemos. A UE esixe o largo de vía europeo e máis o sistema europeo de seguranza ERTMS (que tería evitado o accidente de Compostela no 2013). Galicia pode contar aquí coa alianza con Euskadi, Aquitania, Bretaña, Asturies e Cantabria nunha aposta esencial polo noso futuro.
2.- A alta velocidade con Portugal.
Portugal desbota a conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid e prioriza a liña Lisboa-Porto-Braga-Valença-Galicia, que quere rematar cara o 2030. Até de agora Pedro Sánchez, sen desbotar frontalmente esta opción, defendía, canda o Madrid económico e demais elementos do deep state, a conexión Lisboa-Madrid. O Estado español ten de facer moi pouco nestes seis ou sete anos. Só 25 kms da saída sur de Vigo e 2,5 kms da parte que lle cómpre da nova ponte sobre o Miño. Arestora seica xa se está a redactar polos seus adxudicatarios o estudo informativo da devandita saída sur.
O espazo urbano entre Ferrolterra-Ortegal e Sétubal, con máis de dez millóns de habitantes, é dos tres máis poboados do Estado, canda o mediterráneo e o da rexión de Madrid. A integración deste espazo a medio da alta velocidade e a conexión dos portos da súa longa costa racharán o seu actual carácter semiperiférico no contexto europeo.
3.- Eixo Ourense-Monforte-Lugo.
A conexión ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo é moi importante para garantir a vertebración da Galicia interior tanto no que atinxe ás persoas viaxeiras canto ás mercadorías. Constitúe, ademais, unha infraestrutura complementaria e totalmente compatíbel co corredor europeo atlántico.
4.- Conexión A Coruña-Betanzos-Ferrol e liña Ferrol-Ribadeo
A área urbana de Ferrol precisa da súa conexión á alta velocidade que remata na Coruña e o seu porto da súa integración co Corredor atlántico europeo. Canto á conexión ferroviaria da costa norte (Ferrol-Ribadeo, actualmente incomunicada de feito pola catástrofe do servizo de FEVE) constitúe unha aposta de futuro esixida polo dinamismo da economía destas bisbarras e a súa vocación transcantábrica.

Aquí se parte el bacalao

Nos últimos días vivimos acontecementos, quer extraordinarios, quer demostradores da lóxica territorial do Estado e da aberta desconfianza, cando non ferreña oposición ás persoas que nos definimos nacionais galegos, vascos, cataláns ou valencianos e ás forzas políticas que con máis ou menos suceso ou acerto asumen o noso dereito á diferenza e os nosos intereses sociais e económicos, que son absolutamente fulcrais na axenda política actual. Moito máis na Galicia, onde non hai un problema de confrontamento entre clases sociais, senón un nidio problema de minorización nacional e, xa que logo, de dependencia política e económica.
Comezamos o relato na nosa Galicia, onde a EU de Mugardos, seica ben achegada a Yolanda Díaz, candidata ás estatais pola coalición multipartita da que é referente, permitiu cos seus votos a alcaldía do PP, impedindo a investidura da persoa candidata do BNG. Nada que non fixesen tamén os do PSdeG en Viana do Bolo e nalgún outro concello. En último de contas para as esquerdas e progres españois e os seus repenicantes galegos os soberanistas galegos son xente diferente. Non son da casa e din que falan de cousas raras.
Seguimos coas aliadas da política ferrolá. A que foi alcaldesa de Barcelona até o sábado, Ada Colau, votou polo candidato socialista, Jaume Collboní, para impedir o goberno do antigo alcalde Xavier Trias (JuntsxCat e outros), que foi o máís votado e tiña chegado a un acordo de goberno coa ERC de Ernest Maragall. O Maragall que no 2019 foi tamén o candidato máis votado, malia que a Colau acadase a alcaldía apoiándose no voto das concellerías do ex primeiro ministro francés Valls, nucleada arredor de Cs. Repítese a historia porque, xa saben, mentres algúns ollan para o dedo no canto de ollar para a lúa, para o deep state (“aquí se parte el bacalao y que nadie lo dispute porque todo va dabute“, que cantou Glutamato Ye-Ye hai algún tempo) o importante é ese grande negocio que chaman a unidade de España. E, por certo, non descansan nesa angueira nin sábados nin domingos.
Nesta andaina o PP puido xustificar apoiar ao socialista Collboní por mor de que os Comuns da Colau votaran tamén por el, mais renunciando ao goberno local. Porén, non hai tal. O novo alcalde do PSC manterá íntegra a estrutura de goberno da antiga alcaldesa, mentres en Barcelona corre o ruxerruxe de que haberá goberno local PSC-Comuns en setembro. “España, lo único importante”.
E temos o do País Valencià. Onde o mesmo PP que apoiou ao PSOE en Vitoria-Gasteiz ou Barcelona escrebe ao ditado de Vox e promete no futuro goberno de coalición entre ambas as dúas forzas suprimir as políticas de memoria histórica, igualdade e promoción da lingua propia. Pode Núñez Feijóo nun tal contexo defender o seu xorne moderado e centrista?
Algúns falarán da xeometría variábel. Mais teño para min que para eses do deep state que adoitan cortar o bacallau o que realmente lles preocupa é que teñamos axenda, intereses e marco mental de noso.

A ONU condena o Estado español

O Comité de Dereitos Humanos da ONU vén de condenar o Estado español por violar o dereito á participación política do president Carles Puigdemont recoñecido no artigo 25 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que interpreta, consonte coa Constitución española, o contido do mesmo dereito recoñecido no artigo 23.2 da nosa Carta Magna. Segundo o devandito Comité, a suspensión automática de Puigdemont como deputado ao Parlament de Catalunya (eleito nas eleccións do 19-D de 2017) ao ser procesado polo delicto de rebelión em xullo de 2018, malia estar prevista no artigo 384 bis da Lei de Axuizamento Criminal (LACRIM), atentou contra os seus dereitios fundamentais pola súa falla de razonabilidade, obxectividade e proporcionalidade.
A decisión da ONU é plenamente vencellante para o Estado español (como se fose unha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos), que haberá publicitar a mesma e adoptar as medidas de reparación que cumpran nos vindeiros seis meses. Como xa foi disolto aquel Parlament semella que o único xeito de reparación é a propia modificación do artigo 384 bis da devandita LACRIM, que arestora suspende automaticamente no cargo ou función pública á persoa para a que se decrete procesamento e prisión provisional por delictos de rebelión, terrorismo ou vencellados con banda armada. Precisamente a ONU constatou a fasquía pacífica da conduta do president e, xa que logo, a falla absoluta de encaixe da mesma no obxecto preventivo desta norma, imposta pola maioría absoluta do PSOE “ad hoc” no 1987 para que os presos de ETA aínda non condenados con carácter definitivo non puidesen ser deputados nin concelleiros.
Esta decisión é totalmente aplicábel aos demais deputados do Parlament, do Europarlamento e do Congreso a respecto dos que se acordou a súa suspensión polo seu procesamento e prisión provisional acordados polo Tribunal Supremo no xuízo do procès. Acusación por rebelión que en último de contas foi mudada na condena a un delicto hoxe inexistente e entón alleo ao acervo xurídico europeo (a sedición), mais que serviu daquela para impedir antes da sentenza a actuación político-representativa dos principais dirixentes independentistas.
A decisión coincide co rexeitamento da xustiza suíza a colaborar coa xustiza española na pescuda das condutas de protesta do chamado tsunami democrático que ocupou o aeroporto barcelonés e as rúas de Catalunya en outubro de 2019, despois de se coñecer a sentenza condenatoria do Tribunal Supremo aos presos políticos do procès. Velaí que estas dúas novas nos advirtan de determinadas prácticas iliberais da democracia española, que a limitan substancialmente na súa calidade. Prácticas relacionadas con ideoloxías extremistas como a do Fidesz húngaro de Viktor Orban, en canto asumen a promulgación de normativa de excepción e/ou a aplicación discriminatoria da legalidade para castigar determinados colectivos que son considerados alleos ou perigosos a respecto da unidade do Estado e defender deste xeito o que é para o deep state o único importante: manter á forza a España unitarizada.

Os prexuízos do centralismo

Calquera observador imparcial da realidade histórica e actual do Estado español conviría na súa pluralidade, cando non heteroxeneidade, tanto no que atinxe á súa xeografía, psicoloxía colectiva, clima e alicerces económicos como no que se refire á súa fasquía pluricultural e plurilingüística. Velaí a súa esencial plurinacionalidade.
Mais as elites funcionariais e mediáticas do Estado, canda os sectores empresariais bancario, de distribución eléctrica e construtor-concesional que dependen do Poder estatal como cliente e regulador, constitúen un Deep State que quere unha España á forza unitarizada. Esa España que turra no económico por un macroMadrid cara aos dez millóns de habitantes sen máis poderes económicos que os vencellados a esa capitalidade artificial, que aposta no político e administrativo por unha ferreña recentralización e que rexeita a máis mínima reivindicación a prol dunha cooficialidade real do galego, euskera e catalán e nega os dereitos lingüísticos dos que adoitamos falalos.
Un destes prexuízos do centralismo españolista é o rexeitamento a todo recoñecemento do autogoberno. Para o Madrid político e para o Deep State calquera recoñecemento ou cesión competencial a prol dun Poder autonómico atenta contra a unidade do Estado. E chegan ao absurdo de considerar o incumprimento da legalidade constitucional e estatutaria como exemplo de patriotismo constitucional español. Os constitucionalistas serían os que incumpren a distribución competencial acordada pola Constitución e Estatutos porque o que importa só é a unidade de España.
Euskadi asumiu as competencias de prisións coa aprobación do seu Estatuto no 1979 e non conseguiu o seu traspaso efectivo até fins de 2021. Galicia asumiu as competencias de ordenamento do litoral, xestión do salvamento marítimo, estradas interiores ou ordenamento pesqueiro coa aprobación do seu Estatuto no 1981 e o Estado segue a reter ilegalmente a xestión dos servizos e medios adscritos a estas competencias.
Nesta clase de cuestións existe unha ampla converxencia na actitude das esquerdas e das dereitas españolas. Se Rajoy conxelou consensuadamente con Núñez Feijóo calquera ampliación efectiva do autogoberno galego entre 2011 e 2018, Pedro Sánchez é quen rexeita agora os traspasos que efectivicen as competencias galegas sobre o litoral e a AP-9. Sen esquecermos Unidas Podemos, abertamente contrario á cogobernanza sanitaria durante a pandemia e promotor de leis que invaden abertamente as competencias autonómicas de consumo ou, recentemente, de vivenda. As esquerdas españolas teñen pendente como autocrítica a de considerar por que asumen acriticamente o marco de interpretación do Estado secularmente imposto pola dereita española.
Cómpre esixir, pois, o esencial dun Estado de Dereito. Que se cumpra a lei e se respecte o autogoberno. Mais mentres os partidos políticos e as elites españolas non asuman que a plurinacionalidade é positiva e constitúe o único xeito de entendermos España, será difícil atopármonos cómodos nun espazo de convivencia baseado na exclusión da diferenza.

Supremacistas

Desde o aznarato (1996-2004) abrollou no Madrid político e mediático un fenómeno supremacista de amplas e plurais manifestacións repenicadas en menor medida nas nacións e territorios do Estado. Fenómeno supremacista que conecta coa ideoloxía dominante da España franquista e, máis atrás na historia, conecta co mainstream españolista de raigame castelá que estruturou dende a chegada dos Borbóns e aínda máis dende a xeralización da educación (Lei Moyano, 1851) a linguaxe dominante na identificación e comprensión da España como Estado e tentou definir desde aquela o que tiñamos que pensar e sentir.
Segundo esta corrente que arestora dá a batalla cultural non debe haber máis lingua española de uso xeral na Galicia que o castelán. O galego, como moito, ha ser unha curiosidade etnográfica ou folklórica que non pode ser esixido para os aspirantes á docencia e emprego público. A galeguidade non constituiría identidade nin cidadanía de seu, senón simple adxectivación xeográfica. A liberdade e igualdade das persoas no Estado español seica dependería de sermos unha única nación española cunha única lingua e unha única cultura. Velaí o seu xorne iliberal, ao xeito dos fundamentalismos chauvinistas ruso, polaco ou húngaro arestora gobernantes.
Este supremacismo tenta dominar os contidos da historiografía e educación, no ronsel dunha España supostamente existente como nación de seu desde hai 500, cando non desde hai 2000 anos.Velaí o ferreño rexeitamento á realidade histórica do Reino de Galicia como “regnum” máis antigo da Europa (século V), teimando en salientar un reino astur e despois asturleonés que non existiu senón como periferia do grande reino de Galicia dos reis Afonso VII, Afonso VIII e Fernando que explica o camiño de Santiago, as vilas marítimas de Baiona, Noia, Betanzos, A Coruña ou Viveiro e a Catedral compostelá co seu marabilloso Pórtico da Gloria.
Mais as arelas deste supremacismo son, sobre todo, económicas. Porque a negación de Galicia como país de noso permítelles impornos roles subsidiarios -cando non coloniais- no que atinxe a actividades empresariais que outros non queren por xerar custos ambientais e prexudicar actividades empresariais ben máis rendíbeis para as veciñanzas afectadas. Velaí a actual enxurrada de autorizacións de parques eólicos e a eucaliptización do País da man dunha ENCE ancorada polo deep state na ría de Pontevedra. Porque desde a perspectiva dunha España única na que Galicia non ten existencia política nin autogoberno real somos só un 5,5% do PIB e un 5,1% da poboación, polo que son prescindíbeis para esa España alicerces da nosa economía como a construción naval, sector mar-industria ou agrogandería, mentres infraestruturas para nós fulcrais como o AVE a Portugal ou o corredor europeo de mercadorías non encaixan na radialidade das comunicacións que deriva desta ideoloxía supremacista.
O supremacismo non só ameaza a nosa identidade. Ameaza o noso benestar.

Somos cidadanía de segunda?

España es Madrid y Madrid es España”, Díaz Ayuso dixit. A chave territorial do supremacismo castelán, hoxe en día convertido no supremacismo dun Madrid que xa papou Castela enteira e vai camiño de papar a península ibérica toda, estrutura a propia fasquía dos valores imperantes nunha política e nunha sociedade, afastándoos dos propios da democracia liberal. Polonia e Hungría, cando non Rusia ou China, non están tan lonxe.
A comezar polos dereitos fundamentais da persoa como é o voto. Son -somos- neste País e no Estado todo millóns os que votan por forzas non estatais. BNG, PNV, Junts, ERC, EH Bildu, CUP e Compromís quitan o 11% dos votos e 38 sobre os 350 deputados no Congreso estatal. E seica todas estas son opcións ilexítimas, que non poden sumar para constituír unha maioría, quer de investidura, quer de lexislatura, quer de goberno. Semella que só 312 das 350 contan para investir, lexislar e gobernar. Seica as persoas que os votan non teñen dereito a formar maiorías de goberno.
A seguir pola lingua. Sabido é que vivir en galego é imposíbel na Galicia, mais tamén vivir en euskera ou catalán noutros lugares do Estado. Semella que todo o que non sexa castelán omnipresente e obrigatorio (o noso sempre é voluntario e subordinado) é de xente revolta ou de mal vivir. Ou, polo menos, de rariños e repunantiños.
Mentres, deféndese desde o Deep State a ilegal infiltración de policías en organizacións sociais e cidadás e a espionaxe Pegasus a respecto de avogados e políticos. Continúa a implacábel aplicación do Dereito penal do inimigo aos soberanistas cataláns, co Supremo interpretando que existe unha malversación agravada, cando non existiu ese arrequecemento persoal ou a prol de terceiro que o Dereito Internacional e o anovado Código Penal español esixen para esa malversación agravada. Desde o outono de 2018 é continua a interpretación retorta dos Dereitos Penal e Procesual para perseguir persoas qu con máis ou menos acerto só fixeron política allea a todo acto de violencia ou intimidación.
Na Galicia, mentres, sofrimos nidias manifestacións de tratamento colonial (hai e houbo colonias europeas, lembren a Irlanda británica do século XIX, arestora independente e primeiro país europeo en crecemento económico) no mantemento de estruturas extractivas como a fábrica de ENCE, a enxurrada eólica ou unha peaxe obrigatoria na nosa fulcral vía de conexión intraterritorial do País, a AP-9, cando as cidades castelás e andaluzas están unidas entre si por autovías de balde.
Cando o democrático sería o illamento social e político da extrema dereita de Vox (clara ameaza para os nosos dereitos políticos, culturais e sociais) as grandes media madrileñas, o Deep State e as forzas políticas estatais normalizan e branquean a devandita extrema dereita e deslexitiman os que son diferentes na súa referencia nacional. Como se fosen -fósemos- cidadanía de segunda.

Unha foto que conecta coa maioría

A visita da líder do BNG, Ana Pontón, ás instalacións centrais de Inditex en Arteixo sementou lóxica preocupación no PP galego, encaixado nese perfil baixo definido despois da marcha de Núñez Feijóo. Neste senso, foi ben expresiva a reacción do vicepresidente Conde, na súa liña da comunicación pouco xeitosa á que nos ten afeitos. Pola contra, a iniciativa da líder soberanista só recibiu críticas moi illadas dende o ámbito dos seus seareiros. Ficou, logo, ben amosado que a execución dunha política transversal pode conectar coa maioría social sen xerar graves tensións nas bases nacionalistas.
Visitar Inditex e avaliar positivamente o seu liderado empresarial desde Galicia non quere dicir esquecer momentos da historia da multinacional nos que o seu crecemento se construíu, en parte, sobre o lombo de centos de traballadoras de cooperativas que ficaron fóra da estrutura empresarial despois do proceso de deslocalización da produción ou os efectos negativos sobre ducias de pemes do téxtil galegas -e algunhas empresas máis grandes- ás que o modelo da multinacional botou fóra do mercado. Tampouco supón deixar de incidir, desde Galicia e desde as institucións estatais e europeas, na necesidade de que se evite usar mecanismos legais de elusión (non evasión) fiscal, que xeran redución da recadación fiscal nos ámbitos territoriais onde se desenvolven as principais actividades de dirección, xestión, produción e vendas.
Inditex pertence ao Ibex 35 do mercado español de valores, mais non pertence aos sectores regulados (banca, construción e concesións públicas e distribución eléctrica) que dependen do BOE (ou, máis ben, o definen). Non pertence ao deep state, senón dos mercados, e non dos financeiros, senón dos de bens físicos. Nin Amancio Ortega nin ninguén da multinacional falou nunca contra o aumento do SMI ou contra a renda mínima vital, nin tampouco contra o autogoberno da Galicia ou contra a plurinacionalidade do Estado, como adoito fixeron outros persoeiros do mundo empresarial español.
Ana Pontón, como moi probábel futura presidenta deste País, ten a obriga de coñecer Inditex e de percurar que esta siga a liderar as actividades da multinacional desde Galicia, relocalizando na medida do posíbel a súa actividade produtiva e desenvolvendo a dixitalización de xeito que contribúa -como xa o está a facer- ao grande salto adiante das empresas tecnolóxicas (TIC) galegas. De xeito, tamén que se aproveite primeiro e desenvolva, despois, o grande potencial das facultades e escolas tecnolóxicas galegas (Físicas e Matemáticas na USC, Teleco na Uvigo e Informática na UDC).
Pensan vostedes que o lehendakari Urkullu ou a first minister Sturgeon ían dubidar en manter as mellores relacións de cooperación coa multinacional galega se tivese a súa sede en Euskadi ou Escocia?

Portugal xa decidiu

O primeiro ministro portugués, António Costa (PS), vén de presentar a alta velocidade ferroviaria que unirá Lisboa co Porto, Braga e Valença do Minho, proxecto que se vai desenvolver entre 2026 e 2030. Deste xeito Portugal prioriza a súa conexión atlántica co noso País por riba da súa conexión con Madrid, que é o proxecto polo que optou o Goberno do Estado de Pedro Sánchez no cumio luso-español de outubro de 2020.
Portugal xa decidiu elixir a complementariedade económica e cultural coa Galicia para potenciar ese grande eixo Ferrol-Sétubal, que calquera observador dende a altura pode albiscar como unha das principais concentracións humanas non só da península ibérica, senón do propio oeste europeo. Ten moi claro que iso é o que lle cómpre e non potenciar a radialidade española a prol do hipertrofiado Madrid, porque non quere que Portugal se convirta no burato negro no que se converteu a Meseta castelá nin outros territorios da periferia española.
Semella que nesta andaina tanto o goberno como todas as forzas políticas e axentes sociais, sindicais e empresariais do noso País concordamos co proxecto dos nosos irmáns portugueses. Mais temos de ser conscientes da frialdade e mesmo oposición do Madrid político, empresarial, mediático, profesional e vencellado ao deep state que inclúe aos grandes corpos funcionariais do Estado.
Galicia terá que desenvolver unha grande campaña de información, unha ampla operación de lobby (tamén perante unha Comisión Europea que aposta por e financia aqueladamente esta caste de proxectos de integración interestatal) e unha potente, teimuda e sostida mobilización cidadá que esixa a programación e execución da saída sur de Vigo e dos menos de 30 kms que o Estado ha garantir para a conexión galego-portuguesa da alta velocidade ferroviaria.
Unha simple rolda de chamadas entre persoas con responsabilidades empresariais e políticas en Madrid e o enxergamento dos comentarios nas redes sociais achéganos a idea de que este proxecto non gosta ao centralismo madrileño, a esa España uninacional e radial que defenden, si, Abascal, Aznar e Díaz Ayuso, mais tamén Villar Mir ou Florentino Pérez. Velaí a importancia de amosar proactividade e unidade de País. Porque os proxectos comúns á Galicia toda (como adoita dicir Anxo Quintana) son case sempre imparábeis.

Onde vai o PSOE?

O tópico das dúas almas do PSOE ten unha evidente raigame histórica.. A división do partido en tres correntes (institucionalista de Besteiro, reformista de Prieto e revolucionaria de Largo Caballero) motivou a falla dunha actuación unitaria tanto antes da guerra civil como despois dela, ficando na irrelevancia até a potentísima aposta da Internacional Socialista á facción de Felipe González (1972-1977).
Hoxe en día a división do PSOE en dúas correntes con poucos nexos en común é evidente. Esta división atende a cuestións territoriais. Na Andalucía, Castela A Mancha e Estremadura mantén o ferreño discurso da España uninacional (velaí a transferencia parcial de voto socialista na Andalucía a prol do PP o 19-.X), mentres que na Galicia, Euskadi, Navarra, as Illes ou o País Valencià as bases e cadros socialistas son máis comprensivos coa plurinacionalidade. Mais esta divisoria refírese tamén á actitude política diante das liberdades ou as decisións sobre que sectores sociais han pagar as crises.
Adóitase dicir que Pedro Sánchez pertence á alma progresista e aberta do PSOE, mais a meirande parte da súa xestión no Goberno do Estado desmente esta teoría. O PSOE vota canda o PP para garantir os privilexios do duopolio televisivo (Atresmedia e Mediaset) e canda o PP, Cs e Vox contra o uso do galego no Congreso ou contra as investigacións da espionaxe ilegal do CNI a cidadáns cataláns e vascos e da conduta do anterior Xefe do Estado. Mentres, o PSOE conxela “sine die” a derrogación da lei “mordaza” e dos delictos de sedición, inxurias e calunias ao Xefe do Estado (descoñecidos nos sistemas xurídicos europeos) e o diálogo no que inxenuamente acreditaron os soberanistas de ERC, mantendo na súa integridade as solucións represivas de Rajoy fronte a Catalunya.
Velaí que o PSOE teña un gravísimo problema a respecto, non só das vindeiras eleccións estatais (onde millóns poden transitar cara á abstención), senón mesmo cara ao futuro. E para resolver ese problema haberían adoptar unha decisión fundamental: se queren perpetuar para sempre o bipartidismo dinástico no contexto da Monarquía e do dominio real do deep state ou queren construír unha ferramenta útil de transformación tranquila para as clases medias e traballadoras, desde os parámetros da socialdemocracia e da pluralidade territorial. Non podes repenicar a campá se estás na misa.
Na Galicia esta divisoria agrávase co práctico esgazamento do PSdeG en dous sectores irreconciliábeis, que amosan nula capacidade de integración recíproca, ademais da evidente falla dun proxecto para Galicia.
Neste contexto, só a vocación municipalista do PSdeG sería quen de facerlle safar nalgúns concellos na proba de lume das locais de maio de 2023.