Libres e iguais

O PP ten asumido un discurso nado de determinados voceiros e organizacións sociais do españolismo (Cayetana Alvarez de Toledo, Arcadi Espada, Hablamos Español, Societat Civil Catalana…) que concibe España como unha única nación de cidadáns “libres e iguais” sen consideración ningunha á súa pertenza obxectiva ou referencia subxectiva a outras nacións (catalá, vasca, galega) ou a minorías secularmente discriminadas, como os inmigrantes ou o colectivo LGTBI. Xa que logo, esta construción teórica reflicte un único xeito de exercer a cidadanía sen ter en conta a identidade da persoa cidadá, o que anticipa xa o fracaso desta idea para integrar a sociedade.
Porque a identidade alicerza a cidadanía. Karl Dahrendorff, desde os parámetros do liberalismo progresista e da dimensión social da economía, advertiu da necesidade de que os Estados europeos modernos garantisen non só as liberdades individuais, senón as liberdades da persoa como integrante dunha comunidade cultural e a estrita neutralidade do Estado a respecto de todas elas. Velaí a súa teoría do “Estado nacional heteroxéneo”, perfectamente aplicábel canto á devandita neutralidade do Estado ao Estado plurinacional. E oposto, en calquera caso, ao Estado uninacional, unilingüe e alicerzado no unionismo centralista que propugna o españolismo.
Libres e iguais? As persoas que temos como lingua propia o galego, catalán ou euskera non somos iguais en dereitos a respecto dos que teñen por propia o castelán e non somos libres dabondo para vivirmos en galego, catalán ou euskera na nosa Terra. Porque a Constitución, refugando as solucións democráticas de Bélxica, Canadá, Suíza e Finlandía de oficializar todas as súas linguas, só recoñeceu a oficialidade en todo o territorio do Estado do castelán, minorizando o galego, catalán e euskera á mera oficialidade en cadanseu territorio autonómico. A xurisprudencia constitucional agravou esta definición impedindo que os Estatutos e leis autonómicas equiparasen cadansúas linguas oficiais co castelán canto á súa obriga xeral de coñecemento. Das resultas desta interpretación os empregados públicos da Administración de Xustiza e da Administración do Estado (incluídas a Axencia Tributaria estatal e máis a Seguridade Social) non teñen a obriga, agás excepcións, de coñecer máis lingua que o castelán. Por outra banda, a xurisprudencia contencioso-administrativa refugou en moitas ocasións lexislar obrigas de xeral coñecemento e uso das linguas distintas do castelán no consumo, empresa e contratistas e concesionarios das Administracións. Mesmo o dereito de falar galego, castelán ou euskera no exercicio da actividade laboral ou profesional está ben limitado ou subordinado na práctica, fronte á absoluta normalidade do castelanfalante cando opera en todos estes ámbitos.
Sermos libres e iguais? Só será posíbel garantindo que toda a cidadanía do Estado, tamén á que fala linguas distintas do castelán e refire outras identidades nacionais ou culturais, exerza igual en dereitos aos “españoles y mucho españoles”.

A Constitución minoriza a nosa lingua

O réxime xurídico-lingüistico constitucional no Estado español alicérzase na oficialidade do castelán en todo o seu territorio e na minorización das outras línguas, que só poderán ser oficiais en cadanseu ámbito autonómico consonte co seu Estatuto. Para máis, a xurisprudencia constitucional (até de agora; cómpre mudar isto no próximo futuro) impide que por vía estatutaria se poidan equiparar xuridicamente galego, catalán e euskera ao castelán, único do que se pode esixir con carácter xeral a obriga do seu coñecemento.
Este réxime constitucional é totalmente oposto ao dos Estados plurais e/ou federais. Na Finlandia son oficiais en todo o territorio finés e sueco (falado só polo 5% da poboación) e este é o único idioma oficial nas illas Aland. Na Suíza son oficiais no conxunto da federación o italiano, o alemán e o francés, mentres o romanche (falado por só 60.000 persoas, o 0,8%) é cooficial canda o alemán e o italiano no cantón dos Grisóns e oficial no territorio todo canto as relacións da Administración federal suíza cos falantes desta língua. Os cantóns son libres de elixir a súa lingua oficial e todos escolleron o monolingüismo, agás os bilingües Bern, Fribourg e Valais, canda os trilingües Grisóns.
Na Bélxica son oficiais no conxunto do territorio francés, neerlandés e alemán, este falado só por uns poucos milleiros de persoas, En Flandres é só oficial o neerlandés e na Valonia só o francés, mentres na área de Bruxelas rexe o bilingüismo oficial francés-neerlandés. Canto ao Canadá o francés é oficial en todo o territorio desde 1867, malia que só sexa oficial na provincia autónoma de Quebec, onde o inglés non desfruta desa oficialidade.
Velaí este grande desequilibrio, que atenta contra as regras da democracia liberal, porque mentres un utente do castelán pode vivir na súa lingua en todo o territorio do Estado os utentes do galego non podemos vivir en galego no noso País, suxeito a un réxime de cooficialidade no que o galego ocupa un lugar secundarizado.
Para onde ir? Que facer? A presente crise de Estado puxo no foco esta desigualdade xurídica do galego, castelán e euskera cara a súa oficialidade no Congreso e na Unión Europea, mais estes positivos (e aínda non acadados) avances non abondan. O galego precisa dunha lei orgánica estatal que garanta o seu uso oficial nas relacións da nosa cidadanía con calquera institución e órgano da Administración Xeral do Estado, da Administración de Xustiza e das Administracións estatais tributaria e de seguridade social. Unha lei que tamén promova o estudo e coñecemento das linguas oficiais distintas do castelán fóra de cadanseus territorios como ferramenta acaída para superar o actual desleixo e descoñecemento da cidadanía española a respecto da nosa lingua.
O galego segue a estar minorizado no noso propio País e a base deste problema está na propia Constitución española.

A normalidade democrática das coalicións de goberno

Unha das características da falla de madurez e calidade da democracia no Estado español é a falla de entendemento a respecto das coalicións de goberno. En concreto, no noso País, sempre sobranceou a teima do antigo presidente Núñez Feijóo contra as solucións coaligadas de goberno, alcumándoas como “unións de perdedores”. Diríase que polo feito de obter un voto máis, un concelleiro máis, un deputado máis, a forza máis votada adquire a lexitimidade precisa para formar goberno.
E non hai tal. O noso sistema, no Parlamento de Galicia, nas Cortes do Estado e nos concellos é un sistema proporcional (fortemente corrixido pola inxusta lei D´Hondt e polos mínimos do 5% de voto), onde non se escolle directamente un alcalde ou un presidente, senón un conxunto de concelleiros ou deputados que despois votarán por un alcalde ou presidente que formará un goberno. Velaí que, diante da ausencia dunha maioría absoluta, as persoas eleitas non teñan outra que pescudar todas as posibilidades para que ese goberno se dea. Poderán optar por deixar gobernar en minoría á forza máis votada ou por pactar unha maioría alternativa se dúas ou máis forzas suman os seus esforzos arredor dun programa de goberno que xere unha síntese integradora dos propios programas dos partidos que dan orixe a esa maioría.
Velaí a praxe cotiá da meirande parte das democracias europeas… Suecia, Dinamarca, Finlandia, Italia, os Países Baixos, Bélxica, Escocia, o goberno federal alemán e os gobernos dos länder alemáns… O menos común na Europa democrática son os gobernos dun único partido.
En realidade o problema do PP é que na Galicia non ten socio de goberno posíbel, porque a nosa cidadanía tivo o bo criterio até agora de afastar Vox das nosas Institucións. Entón, cada vez que hai eleccións locais o PP adoece de ciúmes diante do entendemento (sempre mellorábel, sempre perfectíbel) de nacionalistas e socialistas que afasta o PP (canda as maiorías locais de Narón e Oleiros e a enxurrada de Abel Caballero en Vigo) de nove dos dez principais gobernos locais da Galicia.
Porén, hai liñas vermellas tamén para as coalicións de goberno. As que pactan partillalo con organizacións contrarias aos valores liberais e democráticos, aos valores da igualdade entre sexos e da memoria democrática. Neste senso, as futuras coalicións de goberno local e autonómico entre o PP e Vox carecen da precisa lexitimidade democrática, porque Vox arela substituír estes valores liberais e democráticos polo seu extremismo machista, xenófobo e galegófobo, pola desigualdade e pola inequidade social.

Favor libertatis

O Código Penal -CP- de 1995 suprimiu a redención de penas polo traballo. Desde entón foron continuas as reformas do CP e da lexislación penitenciaria agravatorias das penas canto á súa duración e e execución. No 2016 estudos moi asisados reflectían un índice de delincuencia inferior nun 27 % á media europea, moi por baixo de Estados tan seguros como Suecia, Dinamarca ou Finlandia. Mais a taxa de encarceramento era a segunda máis alta da Europa (133/100.000 persoas). As penas no Estado español duran un 900% máis ca na Dinamarca e máis do duplo da media da Unión Europea. As penas cumpridas en réxime aberto ou de semiliberdade son só do 17%, cando na media europea atinxen o 27%. Outravolta a Marca España.
A fins de marzo deste 2020 a comisaria de Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, diante dos gravísimos riscos da pandemia, reclamaba a liberdade das persoas presas idosas, de pouco risco social e as que cumprisen delictos non violentos. Na Administración penitenciaria dependente do Goberno do Estado non se cumpriu este pedimento. Pola contra, a supresión das visitas e dos permisos penitenciarios agravou as condicións de vida das persoas presas.
A mesma Administración penitenciaria do Estado, moitas veces coa colaboración da orde xurisdicional penal e penitencial, deturpan a finalidade constitucional rehabilitadora das penas. A lexislación penitencial sinala que os permisos penitenciarios han ser outorgados desde o cumprimento do 1/4 da pena, mais son algúns os Tribunais (como a Audiencia de Lugo) que non outorgan estes permisos, malia o cumprimento dos esixentes requisitos legais e concorreren acordos favorábeis unánimes das Xuntas de Tratamento dos cárceres, mesmo até a metade do cumprimento da pena. Moitas son as penas que se cumpren até o derradeiro día en réxime ordinario, sen ningún beneficio penitencial.
A pena limita a liberdade da persoa, mais non pode gravar a súa contorna familiar e persoal. As persoas vencelladas á ETA (inoperativa desde hai nove anos e hoxe fóra da loita violenta), ao movemento independentista galego e máis todas as declaradas culpábeis de calquera delicto haberían cumprir a pena canda a súa familia e residencia. O espallamento das persoas presas é unha ferramenta represiva allea a un réxime penitencial democrático.
Logo está a cuestión das persoas presas políticas vencelladas ao soberanismo catalán. O seu caso non ten nada a ver na súa xénese cos casos aquí desenvolvidos. Mais cómpre falar deles. É absolutamente urxente por razóns humanitarias, políticas e xurídicas rematar coa vergoña do seu encarceramento (que atinxe máis de dous anos e medio nalgúns casos). Botando man do despenalizamento total ou parcial do delicto de sedición, ausente da meirande parte dos sistemas penais europeos. Ou decidindo un indulto total ou parcial “ad hoc”. Fose como for. Porque a súa situación hoxe en día constitúe un escándalo democrático.