Libres e iguais

O PP ten asumido un discurso nado de determinados voceiros e organizacións sociais do españolismo (Cayetana Alvarez de Toledo, Arcadi Espada, Hablamos Español, Societat Civil Catalana…) que concibe España como unha única nación de cidadáns “libres e iguais” sen consideración ningunha á súa pertenza obxectiva ou referencia subxectiva a outras nacións (catalá, vasca, galega) ou a minorías secularmente discriminadas, como os inmigrantes ou o colectivo LGTBI. Xa que logo, esta construción teórica reflicte un único xeito de exercer a cidadanía sen ter en conta a identidade da persoa cidadá, o que anticipa xa o fracaso desta idea para integrar a sociedade.
Porque a identidade alicerza a cidadanía. Karl Dahrendorff, desde os parámetros do liberalismo progresista e da dimensión social da economía, advertiu da necesidade de que os Estados europeos modernos garantisen non só as liberdades individuais, senón as liberdades da persoa como integrante dunha comunidade cultural e a estrita neutralidade do Estado a respecto de todas elas. Velaí a súa teoría do “Estado nacional heteroxéneo”, perfectamente aplicábel canto á devandita neutralidade do Estado ao Estado plurinacional. E oposto, en calquera caso, ao Estado uninacional, unilingüe e alicerzado no unionismo centralista que propugna o españolismo.
Libres e iguais? As persoas que temos como lingua propia o galego, catalán ou euskera non somos iguais en dereitos a respecto dos que teñen por propia o castelán e non somos libres dabondo para vivirmos en galego, catalán ou euskera na nosa Terra. Porque a Constitución, refugando as solucións democráticas de Bélxica, Canadá, Suíza e Finlandía de oficializar todas as súas linguas, só recoñeceu a oficialidade en todo o territorio do Estado do castelán, minorizando o galego, catalán e euskera á mera oficialidade en cadanseu territorio autonómico. A xurisprudencia constitucional agravou esta definición impedindo que os Estatutos e leis autonómicas equiparasen cadansúas linguas oficiais co castelán canto á súa obriga xeral de coñecemento. Das resultas desta interpretación os empregados públicos da Administración de Xustiza e da Administración do Estado (incluídas a Axencia Tributaria estatal e máis a Seguridade Social) non teñen a obriga, agás excepcións, de coñecer máis lingua que o castelán. Por outra banda, a xurisprudencia contencioso-administrativa refugou en moitas ocasións lexislar obrigas de xeral coñecemento e uso das linguas distintas do castelán no consumo, empresa e contratistas e concesionarios das Administracións. Mesmo o dereito de falar galego, castelán ou euskera no exercicio da actividade laboral ou profesional está ben limitado ou subordinado na práctica, fronte á absoluta normalidade do castelanfalante cando opera en todos estes ámbitos.
Sermos libres e iguais? Só será posíbel garantindo que toda a cidadanía do Estado, tamén á que fala linguas distintas do castelán e refire outras identidades nacionais ou culturais, exerza igual en dereitos aos “españoles y mucho españoles”.

O erro de Rueda e do PPdeG

O presidente Rueda rexeitou, no nome do Goberno galego e do PPdeG que dirixe, a aprobación da reforma do Regulamento do Congreso estatal para recoñecer na devandita Cámara a oficialidade da nosa lingua propia. Deste xeito, os ‘populares’ galegos e o Goberno que exercen, amosan a súa oposición ao simbolismo do empoderamento dunha lingua constitucionalmente minorizada e, como vén de escribir o profesor Carlos Aymerich (UDC), á “…conquista dun novo espazo para o galego despois de moitos anos de retrocesos legais”.
Que o galego –presente nas nosas rúas, escolas e Universidades e normalizado nos nosos concellos, Administración autonómica e Parlamento– sexa normal tamén no Congreso conecta cunha ampla maioría da sociedade galega que apreza a nosa lingua e quere para ela novos espazos e máis uso, mesmo tratándose de persoas que, polas razóns que for, tenden máis a usar o castelán na súa vida cotiá. E conecta Alfonso Rueda coa malfadada foto do 3 de febreiro de 2009, na que amosou o seu apoio ao extremismo supremacista de Galicia Bilingüe (precedente da actual Hablamos Español), convocante dunha demostración alicerzada na mentira da suposta imposición do galego no ensino polo Goberno de coalición BNG-PSdeG que rexía na altura.
Velaí como Rueda e máis o PPdeG están a se afastar da centralidade e da transversalidade. Da capacidade de conexión coa maioría social que sexa quen de se converter nese 44, 46 ou 48 por cento dos votos que, dependendo da súa distribución global, poidan darlles esa maioría absoluta que requiren para gobernar logo das eleccións nacionais galegas de 2024.

Sementan conflito e división

Van xa 40 anos desde que o Parlamento deste País, por unanimidade, aprobou a Lei de Normalización Lingüística, que constitúe unha lei de desenvolvemento básico do Estatuto de Galicia, suprema norma institucional e parte do bloque da constitucionalidade, segundo reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional.
Esta lei dispón que o galego, como lingua propia de Galicia, é a nosa lingua oficial, sen prexuízo da oficialidade do castelán en todo o territorio do Estado disposta na Constitución. Tamén sinala que a toponimia de todas as vilas, cidades, territorios, concellos e entidades poboacionais de Galicia terán como única forma a galega e que, neste senso, a Xunta aprobará os nomes de todos eles. Estas son as denominacións oficiais a todos os efectos e toda a rotulación terá de concordar con elas.
A Lei é clara e foi aprobada por todos os representantes parlamentarios da cidadanía galega. Velaí que, neste contexto, as recomendacións da Academia da Lingua castelá (RAE) defendendo o uso de exónimos (traducións ao castelán) para nomear as vilas e cidades galegas, cando se usen en contextos non oficiais, constitúe unha conduta obxectivamente minorizante que descoñece o proprio ordenamento xurídico do Estado atribuíndolle á normativa galega un carácter provincial e á lingua galega un carácter subordinado.
Porque sería difícil entendermos a campaña deste verán da organización autonomeada Hablamos Español (que ten a súa orixe naquela Galicia Bilingüe de triste lembranza, que convocara aquela manifestación en Compostela de febreiro de 2009 baixo do falso leit motiv da imposición do galego) sen este apoio falsamente científico da RAE, que mesmo desatendeu os requirimentos de autoridade científica auténtica emitidos pola nosa Academia Galega (RAG).
Presentan esta campaña os seus voceiros e dirixentes como se Galicia fose un País no que se discrimina as persoas usuarias da lingua castelá, cando somos precisamente as persoas galegofalantes (entendendo aquelas que falamos sempre o de xeito cotián a lingua propia) as que sofrimos decote moi grandes inconveniencias, cando non a práctica imposibilidade, para vivirmos en galego. Galego que segue a ser lingua en absoluto minoritaria, mais si minorizada pola desigualdade xurídica que xera o deber constitucional de xeral coñecemento do castelán, que fornece de excepcións sen número o que debería ser unha obriga xeral de coñecemento para todos os empregados públicos e persoas que atenden os consumidores sen excepción ningunha.
A máis abastanza xerar controversia co nome legal e pacífico das nosas cidades e vilas supón xerar conflito e división na nosa sociedade a respecto dunha toponimia xeralmente aceptada.
Velaí que Hablamos Español estea a usar dos dereitos que lle outorga un sistema liberal e democrático no que, desde o seu supremacismo españolista, non acredita.

Un pacto nacional polo galego

A recente enquisa do servizo estatal de estatística a respecto do uso da nosa lingua no noso País (que reflicte que o castelán é xa máis usado decote e que case o 30% das pesoas de menos de 20 anos non entenden ou teñen unha comprensión cativa do galego) constata unha realidade que evolúe de xeito unidireccional nos últimos trinta anos no sentido da ruptura da cadea de transmisión lingüística de pais e nais a fill@s. Mais este proceso agravouse de xeito moi substancial nos últimos doce anos, desde a contrareforma educativa do goberno do PPdG e Núñez Feijóo (2010) que impediu de feito o uso do galego cono lingua vehicular para a educación infantil e para o ensino das matemáticas, física, química e bioloxía. En realidade estes doce anos agromaron un fenómeno que antes non existía, que é o feito de que xeracións supostamente educadas en galego non o usen e mesmo teñan problemas para a súa comprensión a xeito.
A meirande parte dos expertos consideran que hai solucións para o galego, mais estas pasan por unha mudanza radical nas políticas de promoción e tamén na legalidade vixente. Malia a eiva constitucional que impide a igualdade xurídica entre galego e castelán existe unha ampla marxe normativa para que o Dereito galego realmente protexa a nosa lingua. Cómpre un grande pacto social e político que aprobe unha nova Lei de Normalización Lingüística para os vindeiros 25-30 anos, desbotando o supremacismo extremista de Vox e Hablamos Español.
Na situación actual do galego a medida máis urxente é a implantación dun sistema de inmersión lingüística no ensino obrigatorio que garanta o uso do galego como lingua vehicular nun mínimo dos dous terzos do tempo de docencia, incluíndo nel o da docencia do portugués como elemento de conexión utilitaria co mundo da lusofonía. Nas escolas infantís a lingua vehicular habería ser o galego, complementada coa introdución tamén de contidos en castelán e inglés. Esencial neste eido sería que a CRTVG e a Xunta garantan recursos didácticos e contidos audiovisuais en galego para as crianzas e adolescentes.
No que atinxe ás Administracións Públicas cómpre garantir o uso cotián do galego perante calquera instancia xudicial e administrativa e calquera persoa na Galicia, agás exercicio expreso do dereito de opción lingüística por parte da persoa administrada. A opción de uso do galego habería ser sempre a activada por defecto e os contratistas e concesionarios de obras e servizos públicos haberían garantir os mesmos dereitos que as Administracións contratantes.
A empresa e a Administración de Xustiza, como ámbitos menos galeguizados, requirirían normativa adicional á actual e máis códigos de boas prácticas para garantir o dereito dos traballadores, xusticiábeis, usuarios e consumidores a vivirmos en galego en toda circunstancia, que hoxe en día non podemos exercitar.

Democracia fronte ao supremacismo

Vai facer agora 10 anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. Unha manifestación baseada na mentira de que o Goberno galego de coalición BNG-PSOE quería impor o galego, cando simplesmente determinaba un mínimo do 50 % de uso da nosa lingua a medio dun Decreto que de primeiras aprobou o PPdeG. Un PPdeG que despois refugou del para sumar moi poucos milleiros de votos que, porén, foron esenciais para acadaren os definitivos deputados nas circunscricións d´A Coruña e Pontevedra nas eleccións nacionais do 01.03.2009.
Rechamante foi a participación nesa manifestación da antecedente directa do nacionalismo extremista español de Vox e Cs (Rosa Díez, líder da UPD). Unha Rosa Díez que moi axiña faría desprezo da nacionalidade galega por mor da nosa capacidade para non nos definir, sen advertir que as persoas galegas non xogamos ás definicións cando non nos interesa o marco conceptual que se nos quere impor coas mesmas.
A organización daquela protesta, que dicía ser bilingüe, hoxe esixe falarmos español, na liña daquel franquista “Hable bien. Sea patriota” dos anos 50 do século pasado. E, logo de dez anos, algúns dos líderes dese nacionalismo español (Ortega Smith polos extremistas, Toni Cantó polos falsos liberais) menten conscientemente denunciando a falsísima discriminación, cando non risco de persecución do castelán na Galicia.
Estes ataques á nosa lingua, cultura e identidade non son ningunha brincadeira. Fronte ao carácter cívico e de afirmación do galeguismo, o nacionalismo español é ofensivo e supremacista e baséase no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”. Canda este extremismo político vogan os empresarios españois interesados na recentralización económica, para obter da nosa economía o rédito que lle habería de cumprir ás empresas galegas e voga ese freakismo cosmopailanista, moi minoritario, mais con voceiros abondo, presente nas nosas cidades e vilas.
Fronte a este supremacismo habemos opor as cualidades da democracia: a inclusión e cohesión social que só se dan nas sociedades xustas que partillan un mesmo sistema educativo, as liberdades que esixen non sermos discriminados no noso País por falarmos e vivirmos na nosa lingua e o sentidiño de non substituír o noso pola voracidade extractiva dos que queren empobrecer e someter este País.

A minoría supremacista

Hablamos español fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientábeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos, coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer as relacións interpersoais neste país atlántico.
Dirán moitos de vostedes que non paga a pena escribir a respecto desta xente. Que viven fóra da centralidade, son moi curta minoría e non representan case a ninguén. Isto é verdade, mais só se atendemos á realidade social de Galicia. Porque esta corrente, reducida e radicalizada, conecta con amplas capas da poboación nos territorios unilingües do Estado. Conecta con ese “mainstream” supremacista español que marca a axenda política da dereita española e na que se insiren os líderes de Cs e PP, Albert Rivera e Pablo Casado, canda os extremistas de Vox.
O discurso de Hablamos español é a negación da realidade. O problema na Galicia non o ten o omnipresente castelán, senón a nosa lingua propia, vetada en máis da metade do sistema educativo e moi minorizada nas Administracións do Estado e de Xustiza, na empresa, na publicidade e nos media. O discurso de Hablamos Español, como o do seu fundador Galicia Bilingüe, proxecta unha realidade deturpada onde o opresor transfórmase en oprimido.
Esta mensaxe non pretende ser maioritaria na sociedade galega, mais si cohesionar e alargar unha minoría moi influínte, que marque a axenda política, que impida de feito a oficialidade do galego, a vitalidade da nosa cultura, o desenvolvemento da nosa economía e a restauración da nosa autoestima. Quere dividir á sociedade galega e presentar aos que defenden os nosos dereitos e intereses como o que son eles, como sectarios, intolerantes e pouco empáticos. Queren pór o mundo ao revés e que as súas teses supremacistas pasen por ideas razoábeis.
Fronte a esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses, cómpre opór unha mensaxe en positivo, transversal, incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política.

Dereitos cidadáns, dereitos do galego

Coñecida de todos é o grave devalo e desprotección da lingua galega no noso País. Polo que cómpre pensarmos máis en solucións, canto menos parciais.
Un dos problemas fulcrais da lingua é a desigualdade xurídica a respecto do castelàn. É dicir, iso de que vostede e máis eu teñamos que coñecer o castelán e xuíces, médicos ou directores do Ikea poden dicir aquilo de que non entenden o galego. Esta desigualdade constitúe unha grave chata para garantir a plenitude dos dereitos lingúísticos, un xeito de promoción indirecta de iniciativas tan pouco democráticas como as de Galicia Bilingüe ou Hablamos español e require, xa que logo, dunha reforma constitucional e estatutaria “ad hoc”. É de xustiza.
Mentres, os usuarios do galego habemos revindicar, con sorriso e cordialidade, si, mais ferreñamente, os nosos dereitos lingúísticos como cidadáns, consumidores, profesionais e traballadores.
Como cidadáns e usuarios dos servizos públicos habemos esixir ser informados en galego nos concellos, no SERGAS, nas Axencias Tributarias e na Seguridade Social e denunciar mediática, xudicial e administrativamente calquera violación dos nosos dereitos lingüísticos. Esixir na escola pública -e concertada- galega e nas escolas infantís o uso do galego como lingua vehicular, coordinando accións de concienciación e reivindicación dende os níveis do barrio, na vila e na parroquia.
Como profesionais entender o importante para normalizarmos a lingua da nosa escolla. Hai semanas rexeitei o requirimento dunha avogada de fóra de Galicia a que traducise unha demanda ao castelán. E esta actitude foi avaliada positivamente polo conxunto dos profesionais da xustiza, mesmo cando moitos non usan o galego. No nível laboral cómpre garantir que os traballadores teñan dereito real a usar a súa lingua en toda circunstancia, lembrando que calquera sanción, discriminación ou despedimento por razón de escolla lingüística é nulo de pleno Dereito.
Como consumidores cómpre esixir o uso da nsoa lingua nos comercios, provedores de servizos, Bancos e empresas. E usar da soberanía do consumidor. Se Abanca ou R son merecentes dos nosos prácemes polo seu uso da lingua, o Santander ou Ikea haberían recebir o castigo do seu desleixo para coa mesma.
Bo sería asumir como obxectivo para todos o de usar a nosa lingua en todas as circunstancias da vida cotiá, agás na relación con outros países e territorios e cos turistas e viaxeiros. Mais xa sei que somos humanos. Fagan todas as excepcións que sexa mester, pero non esquezan tal obxectivo como regra xeral.

Supremacismo de ‘Hablamos Español’

Aquela ‘Galicia Bilingüe’ dos anos 2008, 2009 e 2010 guindou de todo a máscara e presentouse este sábado n’A Coruña a faciana descoberta como plataforma ‘Hablamos español’. Canda grupos parellos de Euskadi, Catalunya, Nafarroa, as Illes ou o País Valencià queren que no ensino non se use lingua distinta do castelán ao longo e largo de todo o Estado español. Vaites, vaites… O mundo ao revés. Cando case todos pensamos que o problema é unha lexislación galega discriminatoria coa lingua que limita substancialmente o uso do galego como lingua vehicular e impídeo de feito no ensino infantil das nosas cidades.
Dirán as lectoras “acouga, Xoán… Estas persoas profesan un extremismo freakie no lingüístico que non lles achega simpatías en Galicia. A nosa Terra é refractaria a estas cousas”. E eu terei que lles dar a razón no exame illado do asunto. Mais esta organización e esta campaña fan parte dunha ondada de supremacismo españolista que conecta coa axenda do partido dereitista de moda (Cs) e que basea a súa actuación en vellos lugares comúns da tradición autoritaria deste supremacismo. “Ao meu fillo non quero que lle ensinen en galego “. “En España só en español” ou “Non hai dereito a esixir o coñecemento de ningunha lingua distinta do castelán para traballar en ningures e menos na función pública”.
No fondo latexa un rexeitamento pola pluralidade lingüística e cultural do Estado (pola súa plurinacionalidade) e acubíllase un resentimento coa limitada recuperación nacional galega, catalá ou vasca da transición. O leitmotiv destas campañas é voltar “a lo que siempre fue España”. Falan dunha sociedade de cidadáns libres e iguais, mais a súa igualdade é a da ditadura que seguiu á rebelión da historia orwelliana: “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”. Os que pretenden que se fale só castelán no Estado serán eses cidadáns máis iguais.
Velaí que sexa preciso decatarnos do perigo destas manifestacións supremacistas para defender o galego como lingua vehicular no ensino. Único xeito de garantir unha educación pública inclusiva para todos. Unha educación na igualdade e nos valores de liberdade, universalidade e identidade, dende Galicia para Europa e o mundo todo.

Ciudadanos e a política local galega

As últimas enquisas a nível estatal reflicten que o PP e Ciudadanos (C’s) poderían quitar máis do 50% dos votos e unha ampla maioría absoluta. Cara ás vindeiras eleccións locais de maio de 2019 xuntos quitarían maioría absoluta nas capitais de provincia todas, mesmo tamén en Madrid, Palma e Valencia, agás nas galegas, nas vascas, nas catalás, en Pamplona e Santa Cruz de Tenerife.
Até de agora C’s obtivo moi malos resultados en Galicia, onde non entrou no Parlamento no 2016 nin nos concellos urbanos do noso País, agás con cadanseu concelleiro en Pontevedra, Ferrol e Lugo (16 na Galicia toda). Percébese como un partido de paracaidistas, sen arraigo territorial, nin discurso nin mensaxe galega, de non ser o rexeitamento ás obras para traermos o tren de alta velocidade ou a adopción do discurso de Galicia Bilingüe (hoxe recoñecidos monolingües integrados en Hablamos español) contra a nosa lingua e identidade.
C’s constitúe o novo nacionalismo supremacista español dende posicións de dereita dura. Fronte ao seu discurso territorial e social non poucos do PPdeG semellan moderados no social e no autonómico. Xa que logo, os hipotéticos gobernos de coalición locais PP-Cs en Galicia suporían unha grande regresión no identitario, no económico e no social, superando mesmo a involución dos pasados gobernos locais do PP.
Velaí a obriga do PSdeG de definir o que quere ser de maior. Gonzalo Caballero haberá proclamar se quere facer tripartitos do 155 ou opta por gobernos locais galeguistas e progresistas. Ten que dicilo claro e ten que dicilo xa. E as distintas mareas locais, canda o propio BNG, En Marea e o propio CXG haberían priorizar o tecido dun amplo espazo de consenso que sexa quen a frear este risco involutivo. Nalgúns concellos a pluralidade da oferta axudará a acadar gobernos de progreso. Noutros cumprirá acadar alianzas preelectorais.
C’s ameaza con ser un elemento claramente involutivo na política galega, nomeadamente na política local das súas principais cidades e vilas. As forzas galeguistas e progresistas precisan coordinarse para superar este risco e para evitar que o PSdeG asuma os postulados do tripartito do 155, como até de agora asumiu o PSOE.