A nosa seguridade

Un mando policial que desenvolveu até hai moi pouco tarefas de coordinación da seguranza pública nun Corpo de Policía autonómico referíame hai poucos meses que as necesidades da seguridade cidadá estaban a evoluír substancialmente tanto no cuantitativo como no cualitativo e que a planificación e resposta a estas necesidades tiñan de se radicar na proximidade. Para este experto cada país, cada territorio, habería prever e avaliar as súas necesidades. E, por suposto, non entendía como Galicia abortara o desenvolvemento da súa Policía despois de creala por lei no 2007.
Un policía nacional con destino na sala do 091 na Coruña denunciaba hai poucos días nun xornal galego a moi curta dotación policial na Coruña e, en xeral, na Galicia toda. “A Dirección Xeral da Policía non ten en conta a Galicia”, afirmaba. Seica precísanse na cidade 100 policías máis e só se van dotar unhas 20 prazas. Con 12900 delictos no 2022 a cidade herculina rexistra un 21,18% máis que Vitoria-Gasteiz, capital de Euskadi (atendida de xeito integral en todas as súas necesidades pola Ertzaintza), que porén, ten 9.000 habitantes máis.
No profesional, esta desatención tradúcese na case imposibilidade de que os funcionarios policiais galegos poidan desenvolver a sua carreira profesional no seu país durante bastantes anos. A mesma inxustiza profesional que sofren os funcionarios da Unidade adscrita á Xunta, privados da estabilidade que lles daría a integración na Policía de Galicia que determinou a Lei que creou o Corpo e segue incumprida.
Tamén o noso tránsito rodado e a seguridade pública no rural e rururbano teñen necesidades que non están a ser cubertas, malia a moi acaída competencia profesional dos funcionarios da Garda Civil en Galicia, por certo galegos na súa meirande parte. Mais a estrutura centralista e militar opera no tránsito un modelo recadatorio, no que Galicia é un teto no que chuchar. Segundo dados de 2015 e 2016 a Garda Civil de Tráfico impón 170.000 multas máis no noso País a respecto da media estatal, pois impón 147 multas por cada 1.000 habitantes na Galicia e só 85 multas/1000 habitantes nos outros 13 territorios do Estado onde operou neses anos. Como acaidamente vén de escribir o antigo deputado estatal do BNG Francisco Rodríguez, esa estrutura centralista e militar non é allea a que os casos de corrupción precisamente abrollen no ámbito dos seus altos cargos militares. É evidente que a probada calidade técnica e profesional dos gardas civís galegos gañaría en eficacia e eficiencia de se integrar nunha Policía civil e democrática, baixo mando da Xunta de Galicia.
Pois logo xa é hora de atender desde nós propios a nosa seguranza. É hora de incorporarmos á axenda do galeguismo político a prioridade da seguridade pública. É hora de facer realidade a Policía galega.

Cómpre a Policía Galega

Os gobernos navarro e do Estado veñen de acordar o traspaso dos medios e servizos públicos de tráfico e seguranza viaria á Comunidade Foral dende o vindeiro 1 de xullo. Nafarroa será o terceiro territorio autónomo do Estado, logo de Euskadi e Catalunya, que asuma esta competencia.
O noso Parlamento aprobou por unanimidade no 2008 unha proposición de lei suxerida polo vicepresidente Anxo Quintana (BNG) que foi rexeitada polo Congreso estatal no 2010 por mor da traizón á vontade unánime da Galicia dun bipartidismo dinástico que se abstivo (PP) ou votou en contra (PSOE). Por certo, daquel Núñez Feijóo aprobara esta iniciativa.
En abril de 2021 o BNG reproduciu no noso Parlamento a proposición de lei unanimemente aprobada no 2008 acadando o voto favorábel do PSdeG e a abstención do PP. Mais moi axiña os populares amosaron a súa suxeición á axenda de centralismo supremacista e acordaron vetar esta iniciativa.
Os gobernos do PP de Núñez Feijóo e o actual do substituto Rueda Valenzuela levan dende abril de 2009 incumprindo a Lei de Policía de Galicia de 2007, que creou o Corpo da nosa Policía Autonómica e dispuxo a inmediata incorporación ao mesmo dos fiuncionarios da Unidade da Policía Nacional adscrita. A parálise desta incorporación, ao longo de case 16 anos, ten prexudicado a carreira profesional de centos de funcionarios policiais. O mesmo que a carreira profesional de todas as persoas funcionarias da Garda Civil de Tráfico na Galicia que gostarían de aproveitar a pasarela predeseñada no 2008 na Galicia e nidiamente definida no 2023 na Navarra para poder desenvolver unha función policial no seo dun Corpo civil e democrático, exento de estruturas, cargos, acenos, erros e costumes militares.
Velaí a falla de convicción democrática do PPdeG ao se aquelar a unha axenda centralista e militarista de Vox, cando o que cumpriría é executar o mandato democrático de 2008 e 2021 do Parlamento deste País. Estruturando a Policía de Galicia desde un modelo de seguranza pública democrático, alicerzado na garantía dos dereitos humanos. que, ao tempo, fose quen de previr e cortar eses gromos de nova delincuencia no noso urbano, rururbano e rural dos que os altos cargos dos dous corpos policiais estatais semellan non se decatar.
Ou, no caso do tráfico e seguranza viaria, garantirmos un modelo de prevención dos accidentes e aprendizaxe do manexo seguro de toda caste de vehículos, semellante ao acadado xa polos Mossos e a Ertzaintza (e verán como axiña pola Policía Foral navarra) contra o modelo centralista español que castiga Galicia coa meirande taxa de multas de todo o Estado e basea a xestión pública do tránsito na recadación.

Gobernarmos o tráfico

Na enésima edición do campionato de olladas cara o dedo no canto de ollarmos cara á lúa, salientou o pacto do Goberno do Estado con EH-Bildu para transferir as competencias de tráfico e seguranza viaria á Deputación Foral de Nafarroa, sen que case ningúen lembrase que este acordo fora obtido xa no 2018 polo traballo do PNV e da anterior presidenta nacionalista do Goberno navarro, Uxue Barkos.
Tamén semellan esquecer moitos que o PPdeG, dirixido por Núñez Feijóo, votara a prol, na primavera de 2009, da proposición de lei que o Parlamento galego aprobara por unanimidade -por proposta de Anxo Quintana (BNG)- reclamando a transferencia destas competencias a Galicia e á súa Policía autonómica. Entón existía consenso para favorecer o traspaso dos funcionarios militares da Garda Civil de Tráfico na Galicia (case todos galegos) ao Corpo civil da Policía autonómica. Unha solución abertamente apoiada polas organizacións máis representativas en Galicia da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
A traizón de socialistas (que votaron en contra) e populares (que se abstiveron) ao compromiso de país pactado impediu en setembro de 2010 a aprobación desta lei. Mais arestora a transferencia destas funcións segue a ser unha necesidade, canda a transferencia da AP-9, prometida no pacto de lexislatura de Pedro Sánchez (xaneiro de 2020) e aínda incumprida. Velaí o espallamento da nosa poboación, a alta densidade da nosa rede viaria e máis a grande dependencia do coche da nosa cidadanía, carentes como estamos de servizos ferroviarios de proximidade. Tamén a cínica política de recadación que seguen na Galicia os dirixentes políticos e altos mandos militares (non os funcionarios) da Garda Civil de Tráfico. Pois que, con dados de 2015 e 2016, a media de multas impostas neste país por cada 1.000 habitantes foi de 147 fronte ás 85 impostas nos outros 13 territorios nos que opera a Garda Civil de Tráfico. É dicir, impóñennos 170.000 multas máis. Eis a necesidade de mudarmos dun sistema de recadación a un de prevención, formación e protección, como os que teñen Catalunya e Euskadi, onde cadansúa polícía autonómica xestiona o tránsito de vehículos e onde melloraron substancialmente no número e, sobre todo, na gravidade dos seus accidentes.
Na primavera de 2021 o Parlamento galego aprobou outravolta, coa abstención do PP a reclamación destas competencias ao Goberno do Estado. Algúns voceiros sindicais da Garda Civil formularon dúbidas. Mais constituirá parte substancial da proposta unha “pasarela” que permita a integración dos funcionarios da Garda Civil de Tráfico na Galicia na Policía autonómica galega, nunhas condicións laborais ben máis acaídas para os funcionarios que as actuais que sofren.

Precisamos da nosa Policía (2)

Dicíamos na primeira xeira desta análise que, no tempo da aprobación da lei de Policía de Galicia (2007) e da proposición de lei orgánica para a transferencia das competencias de tránsito e seguridade viaria a Galicia (2008) eran maioría os funcionarios da Garda Civil de Tráfico (GCT) no noso territorio (e moitos galegos de orixe con destinos fóra do País) que desexaban integrarse nunha nova Policía, civil e galega, para cumprir o seu traballo nas nosas estradas. Na altura a Unión de Gardas Civís de Galicia (UGCG) criticaba, ao tempo, a arbitrariedade dos mandos militares da GCT na Galicia ao executaren un sistema puramente recadatorio no exercicio da policía de tránsito que, ademais, resultaba discriminatorio salarialmente para os axentes que non propuñan sancións en grao abondo para os criterios da superioridade.
Velaí que, na altura, o modelo proposto polo vicepresidente Anxo Quintana no goberno de coalición para o exercicio das competencias de tránsito fose moderno, democrático e acaído ás necesidades de Galicia, xa que atendía tamén á nosa amplísima rede de estradas secundarias, priorizaba a formación no manexo do vehículo a “quitar o carnet” e proxectaba botar os alicerces para que os axentes da GCT, ao se transferir á Policía autonómica, puidesen exercer con plena profesionalidade e sen presións militares as súas moi competentes capacidades.
No 2021 segue a ser evidente a necesidade dunha política de Tránsito galega, lonxe da xestión militarizada das multas, que gravan desaqueladamente en termos comparativos á nosa Galicia. Lonxe da burocracia de pólizas e exames das Xefaturas galegas de Tráfico e concorde coa acaída dispoñibilidade do sector galego da formación viaria, nas nosas autoescolas.
Mais non só a Policía Administrativa habería ser a tarefa da Policía de Galicia, que tamén ha ser, no seu tempo, unha policía integral, tamén no eido da seguranza pública. Tempo que podería ser máis cedo que tarde, porque (como dicíamos noutronte) xa temos a Policía de Galicia creada por lei, temos por lei regulada unha coordinación de policías locais con vocación de se integrar na nosa futura xestión da seguranza pública galega e temos operante unha moi boa Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada que pode fornecer moi aqueladamente as necesidades de selección e formación das Policías de Galicia.
Porque a nosa Policía ha ser unha Policía civil e democrática, unha Policía do século XXI. Garantista, dialogante, rigorosamente proporcionada no uso da forza e sempre atenta á cidadanía a quen serve e quen lle paga.
Unha Policía da escola da Estrada, non da de Ávila nin da de Valdemoro.

Precisamos da nosa Policía (1)

A recente admisión para trámite polo Parlamento da iniciativa lexislativa do BNG para lle transladar ás Cortes do Estado a solicitude de transferencia das competencias de tránsito e seguranza viaria vén de nos lembrar que o mesmo Parlamento aprobou en maio de 2007, a Lei 8/2007, de Policía de Galicia, que constitúe Dereito vixente e que dispuña unha integración inmediata da Unidade Adscrita da Policía Nacional a Galicia (500 prazas das que menos de 400 están cubertas, por mor da neglixencia da Xunta e do Goberno do Estado) que non executou Núñez Feijoo ao longo de doce anos de goberno, en claro incumprimento da lei e frustración da carreira profesional da policía que serve na Unidade Adscrita, dependentes orgnicamente do Goberno do Estado e funcionalmente da Xunta e, xa que logo, sometidos á indefinición normativa e ao absurdo da dependencia de discrecionais comisións de servizos, cando non á perda de dereitos laborais.
O recente protagonismo da Xunta como Autoridade Sanitaria común amosou a necesidade dunha Policía Administrativa que garanta o cumprimento das ordes e resolucións da Administración Galega nos seus eidos competenciais (saúde pública, ambiente natural, medio rural, urbanismo, xogo, violencia machista, ordenación do territorio,protección de menores e incapacitados…). E amosou as graves limitacións de medios humanos da actual Unidade Adscrita para server as necesidades integrais do Goberno galego, como peches perimetrais complexos.
Galicia ten tres níveis de Poder: estatal, autonómico e local. Xa que logo haberíamos ter tres policías: estatal, autonómica e local, como teñen en Catalunya, Euskadi, Navarra e Canarias e nos sistemas federais e plurais todos (Reino Unido, Alemaña, Suíza, USA, Canadá, México, Arxentina ou Australia). O outro, o de agora, é unha auténtica disfuncionalidade.
A lei de 2007 enxergaba tamén que a Policía de Galicia asumise as competencias en tránsito e seguranza viaria e, xa que logo, por iniciativa do vicepresidente Anxo Quintana, PSOE, PP e BNG aprobaron por unanimidade no 2008, sendo presidente do PPdeG Núñez Feijóo, unha proposición de lei orgánica para transferir estas competencias a Galicia, que as forzas estatais traizoaron coa súa abstención (PP) ou voto en contra (PSOE) no Congreso en setembro de 2010.
Existía daquela o consenso de facilitar o traspaso das persoas que servisen en Galicia na Garda Civil de Tráfico (GCT) á Policía de Galicia, mesmo de abrir a porta a que centos de persoas galegas con destinos policiais fóra do País puidesen optar ás prazas da Policía autonómica. Naquel entón, organizacións representativas da GCT na Galicia amosaban o seu total apoio á integración na Policía autonómica, pois que o traspaso favorecería as condicións salariais e de servizo dos funcionarios policiais de tráfico, malia que advertían tamén que os mandos militares da Garda Civil seica non estaban tan dacordo.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

Gobernarmos as estradas

Hai dúas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas mans da DXT estatal.
A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.
No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quen de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida por ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.
Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razóns de economía e operatividade, todos os kms de estradas que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.
Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civís, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policía galega fan posíbel a xestión galega das estradas.
Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuasen na defensa dos intereses galegos e non desenvolvesen a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.