A nosa seguridade

Un mando policial que desenvolveu até hai moi pouco tarefas de coordinación da seguranza pública nun Corpo de Policía autonómico referíame hai poucos meses que as necesidades da seguridade cidadá estaban a evoluír substancialmente tanto no cuantitativo como no cualitativo e que a planificación e resposta a estas necesidades tiñan de se radicar na proximidade. Para este experto cada país, cada territorio, habería prever e avaliar as súas necesidades. E, por suposto, non entendía como Galicia abortara o desenvolvemento da súa Policía despois de creala por lei no 2007.
Un policía nacional con destino na sala do 091 na Coruña denunciaba hai poucos días nun xornal galego a moi curta dotación policial na Coruña e, en xeral, na Galicia toda. “A Dirección Xeral da Policía non ten en conta a Galicia”, afirmaba. Seica precísanse na cidade 100 policías máis e só se van dotar unhas 20 prazas. Con 12900 delictos no 2022 a cidade herculina rexistra un 21,18% máis que Vitoria-Gasteiz, capital de Euskadi (atendida de xeito integral en todas as súas necesidades pola Ertzaintza), que porén, ten 9.000 habitantes máis.
No profesional, esta desatención tradúcese na case imposibilidade de que os funcionarios policiais galegos poidan desenvolver a sua carreira profesional no seu país durante bastantes anos. A mesma inxustiza profesional que sofren os funcionarios da Unidade adscrita á Xunta, privados da estabilidade que lles daría a integración na Policía de Galicia que determinou a Lei que creou o Corpo e segue incumprida.
Tamén o noso tránsito rodado e a seguridade pública no rural e rururbano teñen necesidades que non están a ser cubertas, malia a moi acaída competencia profesional dos funcionarios da Garda Civil en Galicia, por certo galegos na súa meirande parte. Mais a estrutura centralista e militar opera no tránsito un modelo recadatorio, no que Galicia é un teto no que chuchar. Segundo dados de 2015 e 2016 a Garda Civil de Tráfico impón 170.000 multas máis no noso País a respecto da media estatal, pois impón 147 multas por cada 1.000 habitantes na Galicia e só 85 multas/1000 habitantes nos outros 13 territorios do Estado onde operou neses anos. Como acaidamente vén de escribir o antigo deputado estatal do BNG Francisco Rodríguez, esa estrutura centralista e militar non é allea a que os casos de corrupción precisamente abrollen no ámbito dos seus altos cargos militares. É evidente que a probada calidade técnica e profesional dos gardas civís galegos gañaría en eficacia e eficiencia de se integrar nunha Policía civil e democrática, baixo mando da Xunta de Galicia.
Pois logo xa é hora de atender desde nós propios a nosa seguranza. É hora de incorporarmos á axenda do galeguismo político a prioridade da seguridade pública. É hora de facer realidade a Policía galega.

Deficitarios en dereitos humanos

Celebramos este venres 10-D o Día Internacional dos Dereitos Humanos nun intre no que os tres anos e medio de Goberno Sánchez non achegou avance ningún na normativa do Estado ao respecto.
Ollemos primeiro cara ao Código Penal (CP) español. Existen nel, arestora, delictos que xa non existen nos CP da Europa democrática, do que Rajoy chamaba países serios, mais non copiaba deles. A sedición que fixo primeiro vulnerar os dereitos fundamentais dos presos políticos cataláns e despois botalos ao cárcere é un delicto contra a orde pública que non conta con correspondencia ningunha na Europa democrática. Canto ás inxurias á Coroa permiten prender persoas que só desenvolven unha crítica política, contra da doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que é a nosa máxima autoridade xudicial neste eido.
En setembro denunciamos a inactividade do PSOE e da UP para derrogar a “lei mordaza” e darlle á vixente Lei de Seguridade Cidadá (LSC) unha organicidade democrática. Agora presentaron unha iniciativa que nos fará voltar á lexislación de 2015 só nalgunhas das cuestións obxecto de debate, sen lle dar ese enfoque orgánico e global aos problemas da LSC.
Unha democracia avanzada ten que defender os dereitos das persoas, mesmo a expresión dunha opinión colectiva de discrepancia radical, proa a quen lle proa, sempre que se desenvolva por medios pacíficos. Nesas cicunstancias, a policía non pode reaccionar se non hai danos ou riscos graves para as persoas, os servizos públicos ou o patrimonio público e privado e, mesmo nesas circunstancias, medíndose moito dentro dos criterios da proporcionalidade.
Quen, logo dunha reforma desta caste, agreda fisicamente ás forzas policiais habería pagar polos seus actos, mesmo cunha penalidade agravada, mais non tan gravosa como as dos vixentes e desproporcionados (en termos europeos) delictos de atentado, resistencia ou desobediencia do CP vixente.
Por outra banda, cando as ordes xurisdicional penal ou contencioso-administrativa xulguen procesos no eido da seguranza cidadá os relatorios dos policías e outras Autoridades ou axentes da Autoridade, haberían ser avaliados de xeito conxunto co resto das probas, sen lles dar ningunha caste de presunción, senón considerándoas manifestacións de funcionarios neutrais e especializados que, porén, haberán de enfrontar as regras xerais de análise da proba, mais que non poderán prexulgar de xeito ningún o resultado do proceso.
Esta reforma parcial da CP e da LSC só precisa dunha lei orgánica que as modifique, para o que abonda coa maioría da investidura de 2019. Se non o fan o PSOE e a UP é que non queren ou non son quen a facelo.

Autogoberno fronte á recentralización

O Parlamento do país vén de aprobar por unanimidade unha resolución proposta polo BNG para lle reclamar ao Estado a convocatoria da Comisión mixta de transferencias que aprobe o traspaso a Galicia dos medios e servizos precisos para completar o teito competencial do Estatuto.
Calquera persoa canadiana, suíza ou australiana ficaría pampa se lle contasen que o Parlamento dun país reclame (36 anos despois!) que se cumpra o Estatuto, que fai parte esencial da normativa constitucional do Estado. E máis pampa ficaría se lle contasen que Núñez Feijóo leva gobernando dez anos sen que reclamase as competencias estatutarias pendentes de transferir. Máis aínda cando o pasado vicepresidente Anxo Quintana entregoulle en abril de 2009 practicamente pechados os traspasos dos museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados pola Xunta), inspección de traballo e bolsas e axudas ao estudo, así como a creación dun órgano paritario na Comisión Bilateral Xunta-Estado para controlar dende Galicia a efectiva execución dos investimentos consignados nos Orzamentos estatais.
Mais na política cómpre sermos pragmáticos. E, cando o PP de Casado pide recentralizar as competencias de sanidade, educación, xustiza e seguridade cidadá, seguindo o ronsel da extrema dereita española, que o PPdeG defenda o limitado autogoberno acadado no Estatuto ten unha importancia fulcral. De certo que Núñez Feijóo tivo en conta a heteroxeneidade da súa base electoral e as enquisas que todos os anos demostran que as propostas pola supresión das autonomías ou pola recentralización amputadora do autogoberno son absolutamente minoritarias na Galicia.
Desculparán os meus lectores cotiáns que repita os argumentos, mais cómpre mallar nesta verdade fáctica: este país achega menos do 6% do PIB e poboación estatais e depende de alicerces económicos que son para España prescindíbeis, polo que a única ferramenta que garante o noso benestar é o autogoberno. Velaí que este acordo parlamentario habería constituír un fito referencial para desenvolver unha e outra vez unha pedagoxía social e cívica que demostre e comunique que para Galicia, para as nosas familias, veciños e amizades, as propostas recentralizadoras do tripartito da Santa Alianza da dereita extrema só achegarán máis dependencia, máis emigración, máis desigualdade, menos benestar, menos liberdade e máis pobreza.