Rescatarmos a hostalaría galega

Desde o sábado 7-N a Xunta pechou a hostalaría toda por un mínimo dun mes en 60 concellos, que acadan por xunto máis do 60% da poboación deste País. Esta restrición xúntase coa sofrida na primavera, coas grandes restricións de capacidade do verán e outono e cos investimentos en protección e seguranza aos que foron obrigadas as empresas hostaleiras.
O Goberno Feijóo enfronta esta realidade con esmolas, pondo só riba da mesa entre 14 e 17 M€ para fornecer de axudas entre 2.000 € e 7.000 €. Para que se fagan unha idea, a Deputación da Coruña pon riba da mesa 3 M€ e a Rexión de Murcia, con pouco máis da metade da poboación galega, 38 M€. Francia e Alemaña achegan como axuda entre o 70-75% da diferenza entre o facturado no 2019 e neste 2020. Outravolta Feijóo (tamén Sánchez e Iglesias, que veñen de rescatar Air Europa sen se preocupar das pemes hostaleiras) evade a súa responsabilidade política de líder deste País e amosa respostas propias dun presidente de Deputación, que non chegan a nada.
A hostalaría galega precisa dun Plan global de rescate potente, liderado pola Xunta de Galicia coa participación das organizacións representativas do sector e as Deputacións e concellos, esixindo simultaneamente do Goberno do Estado as medidas fiscais e financeiras que cumpran para acadar un todo coordinado.
Velaí as medidas fulcrais que habería ter este Plan:
a. Prórroga por un mínimo de 16-24 meses do prazo de carencia para a amortización dos préstamos ICO e IGAPE. Programa de reestruturación do pagamento de xuros en función da perda do negocio.
b. Normativa temporal que estableza reducións substanciais do prezo dos arrendamentos dos locais pechados ou atinxidos por redución de capacidade, segundo o ronsel do Decreto-Lei 34/2020 da Generalitat catalá, que rebaixou o 50% destes. Esta normativa completaríase cun grande pacto cos concellos e Deputacións (FEGAMP) para aquelar conxuntamente todos os recursos de fomento e para reducir temporal e substancialmente os pagamentos por IBI aos propietarios.
c. Destino conxunto dos recursos aquelados pola Xunta, concellos e Deputacións para axudas directas vencelladas proporcionalmente ás perdas do periodo 15 marzo-7 novembro 2020.
d. Programa de xubilacións anticipadas das persoas autónomas da hostalaría que cumpran determinada idade e periodo de cotización, como vector dunha reestruturación do sector aos níveis e requisitos da demanda posteriores á crise pandémica.
e. Acadar do Goberno do Estado moratoria xeral do pagamento de tributos estatais sen xuros nin recargas.
Estas medidas non haberían de se cinguir aos negocios pechados por se situar nos 60 concellos confinados, senón a todos os de Galicia que puidesen xustificar unha redución substancial de marxes do negocio vencelladas á crise pandémica. E, desde logo, non escusan unha intervención do Goberno do Estado no eido fiscal e financiero que, polo de agora, está moi lonxe de se albiscar no horizonte.

“Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”, entrevista en Diario de Ferrol

Entrevista en Diario de Ferrol, publicada o 28 de maio de 2020. A versión orixinal pode verse aquí.

“Xoán Antón Pérez-Lema cre que os empregados da banca non foron debidamente formados para tramitar estas solicitudes e informar aos clientes.
Os datos indican que só se está aprobando o 20% das moratorias solicitadas…
Os requisitos son enleados: hai que estar en desemprego ou ser autónomo cunha baixa de facturación de máis do 40%, que sexa vivenda habitual –para persoas consumidoras– e mais os requisitos de vulnerabilidade: ingresos de até tres Iprem –agora é 543 euros–, máis incrementos por fillos menores, persoas maiores, dependentes, etc. Ademais, a cota hipotecaria xunto cos gastos en subministracións básicas (electricidade, auga…) serán do 35% dos ingresos e que a cota medre un 30% sobre a súa participación nos gastos da unidade familiar. É dicir, nun contexto de confinamento, con millóns de persoas con baixa formación dixital e baixa comunicabilidade –Quen ten megas a todo filispín na wifi? Quen ten datos ilimitados?–, o Goberno do Estado optou por un sistema enleado. De todos os xeitos, cómpre dicir que o banco non pode rexeitar a solicitude se cumpres os requisitos. E se o fai, existe un procedemento xudicial sumario que se pode facer valer.
– Diario de Ferrol (DF): As condicións que recolle o real decreto son demasiado esixentes?
– Xoán Antón Pérez Lema (XAPL): Son condicións confusas e non doadas de interpretar para a xente do común. Velaí a necesidade de acudir ás asociacións de consumidores (en Acouga temos o email acouga@acouga.net para resolver estas cuestións) ou aos despachos da avogacía para coñecer ben os dereitos. Hai que dicir que, fóra das condicións de desemprego, rebaixa dos ingresos de autónomos, empadroamento e convivintes na unidade familiar, o resto dos requisitos poden ser excepcionados cunha declaración responsábel que di sinxelamente que nós mesmos aseguramos cumprilos. Ollo, no mes posterior a rematarmos o estado de alarma haberá que xustificar documentalmente o manifestado nesta declaración responsábel. Penso que o persoal das oficinas nin coñece ben os dereitos dos seus clientes neste eido nin recibe formación das entidades. A grave limitación dos contactos presenciais cos empregados bancarios tampouco axuda, nomeadamente a xente maior e os sectores sociais con menos formación dixital e medios para operar en internet. Mais cómpre dicir tamén que saír a facer esta caste de xestións á túa oficina bancaria está permitido pola lexislación que regula o estado de alarma.
– DF: Cre que a banca está a ser proactiva nesta crise?
– XAPL: Proactividade, dende logo, non. O que contrasta coa que se ve a respecto dos préstamos ICO ou Igape para pemes e autónomos. Quizais é por falla de formación dos empregados comerciais. Ditouse unha enxurrada lexislativa e isto require unha actualización diaria, como facemos os avogados. Se as entidades non forman os seus empregados comerciais, estes non poden asesorar os clientes. Velaí que aconselle a todas as persoas que podan ser titulares de novos dereitos derivados da lexislación excepcional promulgada nas últimas semanas contra as consecuencias económicas da Covid-19 –prórroga de cotas hipotecarias e alugueiros, prestación para empregadas de fogar e contratos temporais, Igape para pemes e autónomos, suspensión de pagamento de subministración eléctrica e de telecomunicacións, etc– porse en contacto con Acouga ou cun despacho de avogacía para obter a información precisa. Porque, sen información, non seremos quen nin de coñecer nin de exercer os nosos dereitos como consumidores.”

Análise crítica das medidas económicas (e III)

Nesta terceira xeira analisamos as medidas para autónomos e pemes.

A) Medidas para autónomos canto ás cotas de hipotecas e axudas por fin de actividade.
Permítese aos autónomos (quer persoas físicas, quer societarios) aprazar até tres meses de cotas do financiamento con garantía hipotecaria sobre o local onde desenvolva a actividade. Mais suxéitase esta opción a requisitos de complexo trámite: cesamento de actividade por mor da alerta sanitaria ou perda de vendas nun 75%, ingresos/unidade familiar dun máximo de 1.612 €/mes (increméntabeis por menores, maiores ou dependentes ao cargo) e outros. Ao tempo, axudarase aos mesmos autónomos que cesasen na súa actividade pola mesma alerta ou diminuísen a súa facturación nun 75% a respecto do semestre ou campaña anteriores, na contía do 70% da base de cotización, durante o tempo que dure o estado de “alarma”.
Falla esta normativa na complexidade de redacción, dúbidas interpretativas e xestión burocrática dunhas axudas que requiren extrema celeridade no seu outorgamento. E que esta medida non abranga, tamén, ás mutualidades de avogados, procuradores, arquitectos e arquitectos técnicos, alternativas ao réxime de autónomos.

B) Aprazamento de cotas tributarias e da SS.
Os autónomos e pemes poderán aprazar até seis meses as cotas tributarias (mesmo retencións do IRPF dos traballadores) e de SS dun trimestre. Tres meses sen xuros e os restantes ao 0,5%/ano (SS) e 1,875%/ano (tributos).
É unha medida moi cativeira. Cumpriría suspender a obriga de declarar o IVE 1T 2020 e o IRPF 2019 até últimos do verán e demorar o financiamento sen xuros un mínimo dun ano. O paquete de 540.000 M€ do Eurogrupo, a suspensión das regras do déficit e a prima de risco actual fan posíbeis estas medidas.

C) Liñas de préstamos ICO e IGAPE para autónomos e pemes.
O Goberno do Estado aprobou unha primeira liña de 20.000 M€: 10.000 M€ para avalar nun 80% préstamos bancarios a pemes e outros 10.000 M€ para avalar eses préstamos nun 70% para grandes empresas. Os Bancos non poderían reestruturar ou compensar pasivo anterior nin vender cruzadamente seguros ou produtos financeiros. A finalidade é cubrir, en liñas xerais, o 25% dos gastos xerais anuais (ou o 50% da facturación/ano se fose inferior) das empresas prestatarias en operacións-tipo dun TAE anual do 2% a 5 anos.
O economista eumés Yáñez Brage xa nos advertiu, hai algúns anos, do grave problema do racionamento do crédito ás microempresas e autónomos. Porque o instrumento actual está pensado para que o monopolicen as grandes empresas e as medianas máis importantes. Malia todo, fican pendentes 80.000 M€ aprobados para esta liña de avais polo Goberno do Estado, pendentes de ser activados. As seguintes achegas haberían ir rigorosamente para as pemes, que constitúen o 99% do tecido empresarial galego. Doutro xeito, a falla de liquidez pode afogar no noso País milleiros de autónomos e pemes.
Mellor deseñada é a liña de avais da Xunta, pola que o IGAPE cubrirá os xuros e garantirá os avais de AFIGAL e SOGARPO por 250 M€ para un financiamento semellante a 4 anos, mais só para pemes. Mágoa que o Goberno de Núñez Feijóo non acreditase na potencialidade do autogoberno para facer política empresarial, facendo medrar substancialmente esta liña, como fai o ICF da Generalitat de Catalunya ou o Goberno vasco. E para facer do IGAPE a banca pública galega que a vindeira Recesión vai precisar.

Os bancos pechan a billa aos partidos

Vimos de coñecer que a dupla convocatoria electoral creou graves problemas de tesouraría aos partidos, pois os bancos estarían en xeral por prestar moito menos. O proceso vén de atrás, da concentración bancaria e desaparición das caixas, mais seica foi agravado pola resolución do Popular en xuño de 2017. O Santander, que absorbeu este Banco e á súa filial galega, o Pastor, non estaría polo labor de asumir risco político, quizais risco reputacional (cómpre lembrar que o Santander e La Caixa lle condonaron importantes débedas ao PSOE). A duplicidade da convocatoria electoral e máis a limitación substancial do crédito xeraría problemas tan graves que mesmo fixo que se activase unha liña de crédito oficial estatal do ICO dirixida ao financiamento das campañas políticas desta primavera.
Os partidos son instrumentos fundamentais para a participación política e concorren á formación e manifestación da vontade popular (artigo 6 da Constitución). Quere isto dicir que nunha sociedade democrática o sistema bancario ha financiar a actividade política e a concorrencia electoral. Que o Santander considere prescindíbel o crédito á actividade electoral dos partidos é un sinal nidio da degradación da función representativa, mesmo da soberanía popular, quer no ámbito estatal, quer no ámbito europeo ou galego, nun contexto de globalización corporativa.
Mais tamén é certo que os partidos perden substancialmente a súa independencia no caso de depender do financiamento bancario, moito máis se esta débeda, xerada canda os procesos electorais, non se salda case automaticamente coas distintas subvencións pola obtención de votos e escanos aos partidos que obteñen representación nos Plenos municipais e nos Parlamentos. A débeda estrutural lastra os partidos e ponos perigosamente en mans dos bancos, condicionando a súa actividade política e a súa axenda lexislativa de xeito que non colida coa daqueles, que adoitan tamén ser titulares de participacións importantes nas empresas do Ibex 35 dos lobbies da distribución eléctrica e construtor-concesional. Esta débeda estrutural dos principais partidos (do bipartidismo dinástico PSOE/PP) explica en grande medida por que históricamente o Estado español beneficiou lexislativamente ás grandes empresas bancarias, eléctricas e construtoras-concesionais.
Xa que logo, fan moi ben os partidos que tentan ser independentes da billa do crédito bancario e aquí si que cómpre recoñecer os méritos da nova política. Mais é evidente que precisamos un crédito público que supla as carencias de financiamento para moi varias actividades sociais, económicas e políticas. Carencias xeradas pola concentración bancaria en réxime de oligopolio e que son máis graves aínda nos ámbitos rural e local.
O que demostra, unha vez máis a necesidade dun crédito público e, nomeadamente, dun crédito público galego.