O cativo balance de Núñez Feijoo

Rematou abril coa demisión do presidente da Xunta, que racha deste xeito o compromiso asumido perante a cidadanía galega no verán electoral de 2020, naquela campaña sen siglas do PP, a do “Galicia, Galicia, Galicia”. Foron trece anos e algúns días e deixa tras del catro maiorías absolutas, mais tamén unha Galicia máis dependente, menos equitativa e máis pobre.
Núñez Feijóo, como xa teño escrito, asistiu pasivo desde o 2009 ao proceso de deconstrución do subsistema financeiro galego, composto na altura por Caixa Galicia, Caixanova, Caixa Rural Galega e polos Bancos Gallego, Pastor, Galicia e Etcheverría. Asistiu pasivo á merca do Pastor polo Popular e á merca do Gallego polo Sabadell. Non foi quen de evitar a destrución das Caixas e mesmo fixo posíbel unha malfadada fusión que contribuíu en parte ao imparábel proceso de exclusión financeira das nosas empresas e consumidores, que nace do crecente oligopolio bancario e recentralización das decisións de financiamento en Madrid e ao que o Presidente galego asiste desde a total pasividade.
Malia sermos menos galegos, por mor da falla de resposta reindustrializadora, hoxe hai máis pobres que no 2009. O 25,7% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión no 2020. Desde 2017 a pobreza medra no noso país máis que no conxunto do Estado. No 2008, gobernando PSdeG e BNG, acadamos o índice de desigualdade máis baixo da historia (0,284 no índice de Gini), mentres que no 2020 este índice era do 0,42. É dicir, durante o tempo de goberno de Núñez Feijóo e malia a redución da poboación en termos absolutos, medrou a desigualdade case nun 50%.
Como tamén escrebín na pasada campaña electoral de 2020, o mito do bo xestor non se ten de pé. Mil camas menos na sanidade galega desde 2009. No 2019 eramos o terceiro territorio do Estado con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes), sendo a nosa ratio de camas UVI de 5,88/100.000 habitantes, fronte as máis de 13 de Alemaña e 8,2 do conxunto do Estado. Nos servizos sociais non se creou unha soa praza pública de residencias da terceira idade, abandonando o coidado dos nosos maiores dependentes en multinacionais orientadas ao beneficio económico.
O noso índice de investimento en I+D+i é dos máis baixos da Europa (0,84% PIB). Non existiu política industrial nin existiu crédito público orientado ás nosas empresas nestes trece anos. IGAPE e XESGALICIA foron claramente infrautilizados, mentres entre 2009 e 2014 perdíamos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008.
Núñez Feijóo actuou máis como contábel ou como presidente dunha comunidade de veciños (como vén de escrebir Antón Losada) que a xeito de Presidente dun país. Iso si, amosou ser o mellor facéndolle oposición á oposición e botándolle as culpas aos demais.

Precisamos dun banco público galego

Nunha recente palestra na Fundación Luzes, o profesor da USC Edelmiro López Iglesias advertía do grande gap que a liquidación do subsistema financeiro galego (absorción de Caixa Galicia e Caixanova e dos Bancos Gallego, Galicia, Pastor e Etcheverría) posterior ao 2012-2014 tiña xerado á economía galega, avaliando nuns 21.000 M€ (3.000 M€/ano) o excedente de aforro galego que agora financiaba investimentos doutras economías. Un gap financeiro esmagador que mesmo sería superior se non mantivese Abanca a cota de liderado en activos que mantén. O obxectivo número un de calquera Goberno nunha tal conxuntura habería ser intermediar ese excedente de aforro cara á economía produtiva, cara á empresa galega.
Os Bancos Pastor e Galego facían unha banca de empresas achegada ao territorio e boa coñecedora das pemes galegas. Caixa Galicia e Caixanova, con todos os seus problemas de xestión, mantiñan investimentos absolutamente estratéxicos en cadanseus sectores industriais. A liquidación a prezo de saldo dos investimentos empresariais das Caixas deixou ao pairo, a mercede dos grandes Fondos internacionais, empresas estratéxicas. A concentración bancaria fanou de vez as posibilidades de acceso recorrente ao crédito por parte de moitas empresas galegas. Mesmo para empresas potentes do punxente sector conserveiro os Fondos internacionais constitúen ás veces o principal recurso de financiamiento alleo.
As elites extractivas do palco do Bernabeu que manexan o Deep State español e os seus voceiros mediáticos adoitan dicir que a Banca pública non encaixa no sistema económico de mercado. Mais, como en tantas outras cuestión, menten. Na Europa son 31 os Estados os que manteñen banca pública. As caixas de aforro e rurais francesas operan a medio do Credit Agricole. As caixas de aforro alemás danlle canle ao aforro das familias destinándoas ás necesidades de financiamiento das pemes e do sector público de cadanseu Länder, mentres o banco público de desenvolvemento KFW desenvolve a función e grande banco de desenvolvemento no nivel federal.
O Banco Público galego habería cumprir, xa que logo, a función fundamental de lle dar canle a ese aforro que agora emigra. O que permitirá ofrecer condicións comerciais que superen a exclusión financeira de centos de milleiros galegos e reduzan as comisións e condicións desvantaxosas que lles impón a banca comercial. A captación en condicións máis acaídas deste aforro permitiría enfrontar as necesidades de financiamiento da nosa empresa, nomeadamente das start up, das medianas empresas en proceso de crecemento e da ampla e estratéxica economía de propiedade cooperativa.
A Xunta de Galicia xa ten na man os instrumentos institucionais iniciais para construír este Banco: Instituto de Crédito (IGAPE), fondo de capital risco (XESGALICIA) e sociedades de afianzamento recíproco (AFIGAL e SOGARPO). Nestas institucións xa traballan persoas que coñecen ben a economía galega e as súas necesidades de financiamento.
Darlle canle ao excedente de aforro galego cara ao investimento no noso país a medio dunha Banca Pública galega é a clave para o noso desenvolvemento.

Rescatarmos a hostalaría galega

Desde o sábado 7-N a Xunta pechou a hostalaría toda por un mínimo dun mes en 60 concellos, que acadan por xunto máis do 60% da poboación deste País. Esta restrición xúntase coa sofrida na primavera, coas grandes restricións de capacidade do verán e outono e cos investimentos en protección e seguranza aos que foron obrigadas as empresas hostaleiras.
O Goberno Feijóo enfronta esta realidade con esmolas, pondo só riba da mesa entre 14 e 17 M€ para fornecer de axudas entre 2.000 € e 7.000 €. Para que se fagan unha idea, a Deputación da Coruña pon riba da mesa 3 M€ e a Rexión de Murcia, con pouco máis da metade da poboación galega, 38 M€. Francia e Alemaña achegan como axuda entre o 70-75% da diferenza entre o facturado no 2019 e neste 2020. Outravolta Feijóo (tamén Sánchez e Iglesias, que veñen de rescatar Air Europa sen se preocupar das pemes hostaleiras) evade a súa responsabilidade política de líder deste País e amosa respostas propias dun presidente de Deputación, que non chegan a nada.
A hostalaría galega precisa dun Plan global de rescate potente, liderado pola Xunta de Galicia coa participación das organizacións representativas do sector e as Deputacións e concellos, esixindo simultaneamente do Goberno do Estado as medidas fiscais e financeiras que cumpran para acadar un todo coordinado.
Velaí as medidas fulcrais que habería ter este Plan:
a. Prórroga por un mínimo de 16-24 meses do prazo de carencia para a amortización dos préstamos ICO e IGAPE. Programa de reestruturación do pagamento de xuros en función da perda do negocio.
b. Normativa temporal que estableza reducións substanciais do prezo dos arrendamentos dos locais pechados ou atinxidos por redución de capacidade, segundo o ronsel do Decreto-Lei 34/2020 da Generalitat catalá, que rebaixou o 50% destes. Esta normativa completaríase cun grande pacto cos concellos e Deputacións (FEGAMP) para aquelar conxuntamente todos os recursos de fomento e para reducir temporal e substancialmente os pagamentos por IBI aos propietarios.
c. Destino conxunto dos recursos aquelados pola Xunta, concellos e Deputacións para axudas directas vencelladas proporcionalmente ás perdas do periodo 15 marzo-7 novembro 2020.
d. Programa de xubilacións anticipadas das persoas autónomas da hostalaría que cumpran determinada idade e periodo de cotización, como vector dunha reestruturación do sector aos níveis e requisitos da demanda posteriores á crise pandémica.
e. Acadar do Goberno do Estado moratoria xeral do pagamento de tributos estatais sen xuros nin recargas.
Estas medidas non haberían de se cinguir aos negocios pechados por se situar nos 60 concellos confinados, senón a todos os de Galicia que puidesen xustificar unha redución substancial de marxes do negocio vencelladas á crise pandémica. E, desde logo, non escusan unha intervención do Goberno do Estado no eido fiscal e financiero que, polo de agora, está moi lonxe de se albiscar no horizonte.

A urxente expropiación de Alcoa

Alcoa decidiu despedir o venres 9-Ou a 524 dos traballadores adscritos á fábrica de aluminio primario de San Cibrao e comezar a hibernación das cubas de electrolise da fábrica, o que faría moi difícil a continuidade da factoría no próximo futuro. Velaí a necesidade e absoluta urxencia da súa intervención pública.
O profesor Carlos Aymerich (UDC) apréndenos a absoluta conformidade desta intervención pública co Dereito estatal, autonómico e europeo cando o requira o interese xeral. Sen dúbida, existe este interese xeral diante do peche da única fábrica de aluminio primario da Península Ibérica que, ao tempo, é fulcral para á actividade económica e o emprego da Mariña. De se producir a intervención estatal, a Xunta tería dereito a partillar na administración da empresa pública, consonte co Estatuto de Galicia.
A intervención estatal podería desenvolverse a medio dun Decreto-Lei, por mor da extraordinaria urxencia do caso. Ese Decreto-Lei podería acordar a expropiación da fábrica, suxeita en calquera caso ao pagamento a Alcoa dun xusto prezo. Mais tanto a Xunta como o Goberno do Estado poden incorporar a fábrica ao patrimonio público, quer a medio dunha norma con rango de lei específica, quer acordando a urxente ocupación dos bens a expropiar consonte coa lexislación de expropiación forzosa.
É verdade que o Dereito da Unión Europea ten sido refractario á intervención pública de empresas para evitar as distorsións á libre concorrencia. Mais isto mudou de vez coas reformas normativas aprobadas pola Comisión Europea en abril e maio deste ano, que liberalizan a intervención pública para salvar empresas e recursos esenciais nesta distópica época que estamos a vivir. Estas reformas foron aproveitadas por Alemaña para intervir Lufthansa e por Italia para nacionalizar Alitalia.
A determinación do xusto prezo non sería eiva para a inmediata ocupación da fábrica e das súas instalacións, mais é evidente a dificultade de que o Estado e a Xunta (que poderían actuar a medio de cadansúas axencias como o SEPI e o IGAPE) desinvistan (probabelmente a prol da empresa angloindia Liberty) antes de saber canto ten que recebir Alcoa como xusto prezo. Este non habería ser moi superior ao euro que xa a propia Alcoa recoñeceulle a Liberty como prezo de venda en troques de que o adquirente asumise as obrigas laborais, fiscais (incluída a responsabilidade por devolución de axudas públicas no caso de peche ou despedimentos) e ambientais da fábrica.
Expropiada a fábrica de aluminio, porén, ficaría unha cuestión esencial: garantirlle no tempo a subministración da alúmina que seguirá a fabricar Alcoa na factoría veciña. Mais, como ten sinalado o xornalista José Luis Gómez, a Xunta e o Goberno do Estado teñen dúas poderosas armas para condicionar a decisión de Alcoa: a súa responsabilidade ambiental pola perigosa e case chea balsa de lodos produto do refinamento da alúmina e a súa dependencia do porto e da estrada públicas que usa en exclusividade na súa rendíbel actividade de produción de alúmina.

O mito do bo xestor

Despois de máis de once anos de mal goberno Alberto Núñez Feijóo aínda é percebido por unha importante minoría de galegos -por sorte minguante, malia o moi circunstancial reactivamento da súa imaxe na conxuntura pandémica- como un bo xestor.
Como ben coñece -ou polo menos intúe- a maioría social deste País, non hai tal. Desde que chegou ao Goberno (abril de 2009), ate o comezo da pandemia Feijóo pechou arredor de mil camas hospitalarias, reducindo a nosa ratio de prazas UCI/100.000 habitantes a 5,88, fronte ás 8,20 estatais ou as máis de 13 da Alemaña. No 2019 o noso país era o terceiro territorio do Estado -só a rastras de Andalucía e Estremadura- con menos camas hospitalarias (3,14/1000 residentes, fronte ás máis de 4 de Catalunya e Aragón). Mais xa dicía o noso conselleiro de Sanidade en xuño de 2016 que as camas “importan nos hoteis e non tanto nos hospitais”. Medre a boa gobernanza!
Na área dos coidados temos a actual catástrofe dos servizos sociais e da dependencia, logo de deconstruír o potente esquema prestacional público e social do BNG de Anxo Quintana no Goberno de coalición 2005-2009. En once anos abandonamos o coidado das nosas persoas maiores dependentes a multinacionais que seica contan coa inacción inexplicábel (agás probábel colusión) de altos cargos da Administración autonómica. Doutro xeito non se podería entender o informe do Consello de Contas do 2017 que denunciaba que nos anos 2014, 2015 e 2016 se constataran un grande número de incumprimentos da mínima ratio de 0,35 traballadores/residentes dependentes sen ningunha sanción posterior.
A catástrofe xerencial segue coa continua redución e precarización dos cadros de persoal dos nosos servizos sanitarios, educativos e sociais. Segue coa falla de política industrial (entre 2009 e 2014 perdemos todo o emprego industrial creado entre 2000 e 2008). Coa cativeza do noso investimento en Investigación e Innovación (I+D+i), onde presentamos os índices (0,84% PIB) menores da Europa toda, cunha Axencia de Innovación que só sabe pedir papeis e atrasar as axudas, por certo moi a carón da xestión autonómica da RISGA, renda que non foi quen de amortecer nin un chisco os nosos altos níveis de pobreza extrema.
Xunten vostedes, ao longo destes longos once anos, a deconstrución -sen alternativa- da política industrial e de fomento empresarial do Goberno de coalición (2005-2009), a desmontaxe dos instrumentos financeiros públicos galegos (IGAPE e XESGALICIA), a preguiza dos xestores e a falla de confianza dos que dirixen este País no instrumento do autogoberno e nun financiamento ao xeito.

“Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”, entrevista en Diario de Ferrol

Entrevista en Diario de Ferrol, publicada o 28 de maio de 2020. A versión orixinal pode verse aquí.

“Xoán Antón Pérez-Lema cre que os empregados da banca non foron debidamente formados para tramitar estas solicitudes e informar aos clientes.
Os datos indican que só se está aprobando o 20% das moratorias solicitadas…
Os requisitos son enleados: hai que estar en desemprego ou ser autónomo cunha baixa de facturación de máis do 40%, que sexa vivenda habitual –para persoas consumidoras– e mais os requisitos de vulnerabilidade: ingresos de até tres Iprem –agora é 543 euros–, máis incrementos por fillos menores, persoas maiores, dependentes, etc. Ademais, a cota hipotecaria xunto cos gastos en subministracións básicas (electricidade, auga…) serán do 35% dos ingresos e que a cota medre un 30% sobre a súa participación nos gastos da unidade familiar. É dicir, nun contexto de confinamento, con millóns de persoas con baixa formación dixital e baixa comunicabilidade –Quen ten megas a todo filispín na wifi? Quen ten datos ilimitados?–, o Goberno do Estado optou por un sistema enleado. De todos os xeitos, cómpre dicir que o banco non pode rexeitar a solicitude se cumpres os requisitos. E se o fai, existe un procedemento xudicial sumario que se pode facer valer.
– Diario de Ferrol (DF): As condicións que recolle o real decreto son demasiado esixentes?
– Xoán Antón Pérez Lema (XAPL): Son condicións confusas e non doadas de interpretar para a xente do común. Velaí a necesidade de acudir ás asociacións de consumidores (en Acouga temos o email acouga@acouga.net para resolver estas cuestións) ou aos despachos da avogacía para coñecer ben os dereitos. Hai que dicir que, fóra das condicións de desemprego, rebaixa dos ingresos de autónomos, empadroamento e convivintes na unidade familiar, o resto dos requisitos poden ser excepcionados cunha declaración responsábel que di sinxelamente que nós mesmos aseguramos cumprilos. Ollo, no mes posterior a rematarmos o estado de alarma haberá que xustificar documentalmente o manifestado nesta declaración responsábel. Penso que o persoal das oficinas nin coñece ben os dereitos dos seus clientes neste eido nin recibe formación das entidades. A grave limitación dos contactos presenciais cos empregados bancarios tampouco axuda, nomeadamente a xente maior e os sectores sociais con menos formación dixital e medios para operar en internet. Mais cómpre dicir tamén que saír a facer esta caste de xestións á túa oficina bancaria está permitido pola lexislación que regula o estado de alarma.
– DF: Cre que a banca está a ser proactiva nesta crise?
– XAPL: Proactividade, dende logo, non. O que contrasta coa que se ve a respecto dos préstamos ICO ou Igape para pemes e autónomos. Quizais é por falla de formación dos empregados comerciais. Ditouse unha enxurrada lexislativa e isto require unha actualización diaria, como facemos os avogados. Se as entidades non forman os seus empregados comerciais, estes non poden asesorar os clientes. Velaí que aconselle a todas as persoas que podan ser titulares de novos dereitos derivados da lexislación excepcional promulgada nas últimas semanas contra as consecuencias económicas da Covid-19 –prórroga de cotas hipotecarias e alugueiros, prestación para empregadas de fogar e contratos temporais, Igape para pemes e autónomos, suspensión de pagamento de subministración eléctrica e de telecomunicacións, etc– porse en contacto con Acouga ou cun despacho de avogacía para obter a información precisa. Porque, sen información, non seremos quen nin de coñecer nin de exercer os nosos dereitos como consumidores.”

A inacción financeira de Núñez Feijoo

A Xunta de Galicia foi quen de equiparar as axudas aos autónomos (persoas físicas ou societarias) afiliados ao Réxime de Autónomos (RETA) da Seguridade Social (SS) coas persoas asociadas ás Mutualidades alternativas á SS (avogacía e procura, enxeñarías e arquitecturas superior e técnica, medicina e química). Financia e financiará con nada (0,00 €) ás persoas autónomas afiliadas a unha ou á outra das devanditas modalidades protectoras. Unha moi aquelada igualdade de trato -por abaixo-, que se engade á deficiente cobertura financeira duns servizos da quenda de oficio dos avogados galegos que foi conxelada (aproximadamente) en 10 M €/ano dende 2010 malia o grande incremento da litixiosidade xurídica.
A 50 días das eleccións nacionais do 12-X, a achega orzamentada do Goberno galego á reconstrución ecoómica do País non sobarda os 40 M €: 30 M€ para unha liña do IGAPE de subvencións de xuros de préstamos para pemes (que complementaba as insuficiencias do Goberno central, sempre atento ás grandes empresas españolas) e outros 10 M€ da sociedade pública galega xestora de fondos de capital-risco, XESGALICIA. Unha cativeza.
Coinciden estas circunstancias preelectorais, xa que logo, coa absoluta inutilidade das ferramentas económicas, financeiras e tecnolóxicas do Goberno galego, na dupla consideración do que non fixeron dende a asunción do Goberno polo PP de Núñez Feijóo en abril de 2009 e o que non fan desde que se declarou o estado de emerxencia sanitaria galega o 12-13 M 2020. O IGAPE, malia a capacidade técnica do seu cadro de persoal, non é quen de estruturar unha resposta propia dunha Banca Pública galega, mesmo dun Instituto Galego de Financiamento, a esta xeira destrutiva. XESGALICIA semella que só atende proxectos escollidos dende o criterio parcial e partidista. E a Axencia Galega de Innovación (AGAIN), no canto de acompañar as nosas empresas tecnolóxicas, afógaas nun mar de papel e burocracia.
No entanto, Catalunya, Euskadi, o País Valencià, Madrid, as Illas Canarias, Nafarroa e Castela A Mancha decidiron axudas directas a estas persoas autónomas, a grande maioría ampliadas tamén ás autónomas societarias e ás mutualistas alternativas ao RETA da SS.
Autónomas e pemes na Galicia enfrontamos a crise económica derivada da Covid-19 sen complicidade ningunha dun Goberno que é merecente do alcume de dependentista e nunca mereceu chamarse autónomo. Nos once anos do Goberno Feijóo e na súa inacción actual na crise pandémica, autónomos e pemes na Galicia nin tivemos nin temos quen nos valla.

Núñez Feijoo fronte á pandemia

As mellores decisións do Presidente da Xunta fronte á pandemia foron as inspiradas pola responsabilidade política de dirixir un país: a suspensión das aulas do 12-M, o Decreto de emerxencia sanitaria do 13-M que pechou comercio e hostalería (por certo promulgado ao abeiro da Lei de emerxencias de Galicia do goberno de coalición BNG-PSdeG, aprobada no 2007), ou a continuidade de testar positivos despois do 16-M malia a desaquelada orde do Mando Único naquela primeira fin de semana do peche de só testar doentes graves.
Pola contra, o Presidente galego fallou cando concordou na noite do sábado 14-M co concepto do Mando Único estatal que viña de impor sen consulta ningunha aos Gobernos autonómicos o Goberno central. Núñez Feijóo leva gobernando Galicia once anos e foi director do Insalud outros tres. Sabía abondo que o Ministerio de Sanidade non tiña experiencia nin medios persoais e materiais, nun Estado plural, para exercer ese imposíbel Mando Único. Tampouco foi quen de xuntar o valor abondo para reclamar, naqueles fulcrais días 11 a 16-M, a blindaxe de Galicia e o peche de Madrid.
Para alén das decisións destas semanas, o Goberno galego do PP haberá responder da súa política social, sanitaria e educativa nestes 11 anos. Velaí a desproporcionadísima cantidade de contaxios nas residencias de maiores privadas ou públicas de xestión privada (en comparanza coas 18 residencias de xestión pública que tiñan só 25 por xunto o 17 de abril), os case 15 M€ (+30%) achegados polo sector público adicionalmente ao privado neste sector entre 2010 e 2015, a porcentaxe de mortos en residencias nos últimos días (case o 60% na Galicia na semana do 4 ao 11 de abril) e máis o desleixo histórico por parte da Xunta nos seus labores de inspección e control das residencias xestionadas polo sector privado.
Non hai tampouco apoio real nesta andaina ás persoas autónomas e pemes galegas, en comparanza con Catalunya, Euskadi, Nafarroa ou Andalucía. Grave eiva que se xunta ao cativeiro apoio que lles ofrece o Goberno central. É verdade que a liña de avais por 250 M€ do IGAPE para estes destinatarios é aquelada, mais absolutamente insuficiente. O que non fai senón seguir o ronsel dun Goberno galego do PP que leva 11 anos sen desenvolver políticas eficientes de promoción empresarial. Tampouco hai solucións para a comunidade educativa, alén de lle botar a culpa ao Goberno Central.
Para non falar de que as deficiencias dos nosos servizos públicos sanitarios, educativos e sociais están intimamente vencelladas con estes 11 anos de retalladas. Nun servizo como o sanitario, onde o principal investimento é o cadro de persoal, entre o 2009 e o 2011 o recorte foi de máis dun 12 %, case 1000 M€. Até o 2016 non se acadou o orzamento sanitario de 2009. Traduzamos estes números á capacidade de resposta contra a COVID-19 e habemos entender mellor o cadro.

Análise crítica das medidas económicas (e III)

Nesta terceira xeira analisamos as medidas para autónomos e pemes.

A) Medidas para autónomos canto ás cotas de hipotecas e axudas por fin de actividade.
Permítese aos autónomos (quer persoas físicas, quer societarios) aprazar até tres meses de cotas do financiamento con garantía hipotecaria sobre o local onde desenvolva a actividade. Mais suxéitase esta opción a requisitos de complexo trámite: cesamento de actividade por mor da alerta sanitaria ou perda de vendas nun 75%, ingresos/unidade familiar dun máximo de 1.612 €/mes (increméntabeis por menores, maiores ou dependentes ao cargo) e outros. Ao tempo, axudarase aos mesmos autónomos que cesasen na súa actividade pola mesma alerta ou diminuísen a súa facturación nun 75% a respecto do semestre ou campaña anteriores, na contía do 70% da base de cotización, durante o tempo que dure o estado de “alarma”.
Falla esta normativa na complexidade de redacción, dúbidas interpretativas e xestión burocrática dunhas axudas que requiren extrema celeridade no seu outorgamento. E que esta medida non abranga, tamén, ás mutualidades de avogados, procuradores, arquitectos e arquitectos técnicos, alternativas ao réxime de autónomos.

B) Aprazamento de cotas tributarias e da SS.
Os autónomos e pemes poderán aprazar até seis meses as cotas tributarias (mesmo retencións do IRPF dos traballadores) e de SS dun trimestre. Tres meses sen xuros e os restantes ao 0,5%/ano (SS) e 1,875%/ano (tributos).
É unha medida moi cativeira. Cumpriría suspender a obriga de declarar o IVE 1T 2020 e o IRPF 2019 até últimos do verán e demorar o financiamento sen xuros un mínimo dun ano. O paquete de 540.000 M€ do Eurogrupo, a suspensión das regras do déficit e a prima de risco actual fan posíbeis estas medidas.

C) Liñas de préstamos ICO e IGAPE para autónomos e pemes.
O Goberno do Estado aprobou unha primeira liña de 20.000 M€: 10.000 M€ para avalar nun 80% préstamos bancarios a pemes e outros 10.000 M€ para avalar eses préstamos nun 70% para grandes empresas. Os Bancos non poderían reestruturar ou compensar pasivo anterior nin vender cruzadamente seguros ou produtos financeiros. A finalidade é cubrir, en liñas xerais, o 25% dos gastos xerais anuais (ou o 50% da facturación/ano se fose inferior) das empresas prestatarias en operacións-tipo dun TAE anual do 2% a 5 anos.
O economista eumés Yáñez Brage xa nos advertiu, hai algúns anos, do grave problema do racionamento do crédito ás microempresas e autónomos. Porque o instrumento actual está pensado para que o monopolicen as grandes empresas e as medianas máis importantes. Malia todo, fican pendentes 80.000 M€ aprobados para esta liña de avais polo Goberno do Estado, pendentes de ser activados. As seguintes achegas haberían ir rigorosamente para as pemes, que constitúen o 99% do tecido empresarial galego. Doutro xeito, a falla de liquidez pode afogar no noso País milleiros de autónomos e pemes.
Mellor deseñada é a liña de avais da Xunta, pola que o IGAPE cubrirá os xuros e garantirá os avais de AFIGAL e SOGARPO por 250 M€ para un financiamento semellante a 4 anos, mais só para pemes. Mágoa que o Goberno de Núñez Feijóo non acreditase na potencialidade do autogoberno para facer política empresarial, facendo medrar substancialmente esta liña, como fai o ICF da Generalitat de Catalunya ou o Goberno vasco. E para facer do IGAPE a banca pública galega que a vindeira Recesión vai precisar.

Galicia sen pulo

O xeito de gobernar o país de Núñez Feijóo ten tres características fundamentais: I) a total subordinación a respecto do Goberno Rajoy e das elites mediáticas e financeiras do capitalismo de amiguiños do BOE, II) a ineficacia burocrática na xestión e III) a falla dun modelo de País e de ideas cara ao seu futuro.
A subordinación dependentista é evidente. Coa única maioría absoluta do PP no Estado, Núñez Feijóo renunciou á transferencia do noso primeiro eixo vertebrador, a AP-9 e mesmo non foi quen de evitar a suba das peaxes. Renunciou á conexión dos nosos portos co corredor atlántico de mercadorías, a esixir a transferencia dos portos e aeroportos todos e a obter compensación tarifaria polo 40 por cento de electricidade que exportamos sen nos beneficiar. Nas recentes reformas das normativas sanitaria e de promoción empresarial e na súa praxe de contratación pública sempre favorece as macrocorporacións construtoras e concesionais con sede en Madrid, en claro prexuízo das empresas galegas. A irrelevancia da Xunta en Madrid reflíctese na desinformación na que o Goberno central a tiña a respecto da supresión do laboratorio de moluscos da UE en maio último.
A ineficacia xestora e máis a falla de modelo de País e de ideas para o futuro é evidente na falla de políticas exteriores e de promoción económica: Galicia, con toda a súa potencialidade portuaria, enerxética, forestal ou alimentaria non existe no mundo como ecosistema favorábel para os investimentos. O Igape non cumpre a súa función de acompañamento financeiro ás medianas empresas e o Goberno galego non ten opinión nin accións a respecto do crecente oligopolio bancario. A vaga de lumes de outubro e máis a seca que sofrimos atoparon á nosa Administración paralisada e sen plans alternativos.
Nesta altura é evidente que o País precisa dun Goberno merecente dese nome. E comeza ser grave responsabilidade das forzas de oposición (nomeadamente En Marea e BNG que partillan espazo político) arrumbar o xogo miope de ser cabeza de rato para ofrecerlle á sociedade as solucións de entendemento plural e de apertura ás maiorías que precisamos para recuperarmos o pulo.