Pagar impostos onde se produce

A liberdade de empresa inclúe a decisión, no marco da legalidade vixente, de onde se quere radicar o investimento empresarial. Mais de xeito ningún existe un dereito das empresas a elixir libremente os seus domicílios social e/ou fiscal. O domicilio social ha estar onde se dirixa a empresa de xeito efectivo ou onde estea a súa principal explotación económica. O domicilio social determina sempre o domicilio fiscal, agás que no mesmo non se dirixa efectivamente a empresa. Nese caso o domicilio fiscal será ese lugar de dirección e administración efectiva da mesma.
Xa que logo, a definición dos domicilios social e fiscal non lle pertence ás empresas, senón que está regulada legalmente. Velaí que unha simple reforma das Leis Xeral Tributaria e de Sociedades de Capital poida vencellar necesariamente os domicilios fiscal e social co territorio onde desenvolva a empresa a súa actividade económica principal. O que obrigaría ENCE, Stellantis España ou Alcoa España (entre bastantes outras) fixar os seus domicilios social e fiscal na Galicia, computándose no noso País as cotas tributarias dos Impostos de Sociedades que se recaden (desde 2027 acadarán polo menos un 15% do resultado de explotación). Un Imposto que podería ser cedido parcialmente a Galicia e outras Administracións autonómicas, como xa foron cedidos o IRPF e o IVE (nun 50%) e máis os Impostos indirectos especiais (nun 58%).
No 2022 foron 185 as empresas galegas que mudaron o seu domicilio social a outros territorios do Estado, mentres que no 2021 foron 91. 4441 empresas con actividade económica neste País pagan os impostos en Madrid. A isto contribúe unha agresiva política fiscal da Comunidade madrileña, que lle permite deducir aos seus residentes o 20% dos seus investimentos no capital de sociedades que accedan ao antigo mercado alternativo bursátil (hoxe em día BME Growth) até un máximo de 50.000 €, sempre que o domicilio social da nova cotizada se fixe na rexión madrileña. É dicir, que se unha residente madrileña inviste 250.000 € nunha destas empresas de nova cotización, deducirá na súa base impoñíbel 50.000 €. Escuso contarlles as presións cotiás dos fondos e outros operadores para trasladar a Madrid os domicilios sociais das empresas que queiran acceder á cotización bursátil do BME Growth.
Velaí as oportunidades que xurden para remudas do marco xurídico-político que benefician tanto o autogoberno como o desenvolvemento económico galegos cando non existen maiorías absolutas unionistas (quer unipartidistas, quer dos bloques estatais de dereita e de esquerda).
E, falando deste mesmo contexto fiscal, cumpriría coñecermos de vez as balanzas fiscais, canda tamén as balanzas ambientais e de intercambios comerciais entre as distintas nacións e territorios do Estado. Máis que nada para irmos coñecendo se Galicia vive da solidariedade estatal ou, máis ben segundo as fontes máis autorizadas, se somos por nós propios un País de futuro.

A axenda galega: o financiamento

A febleza relativa tanto do bloque das esquerdas españolas (PSOE+Sumar=152/350 deputados) como do bloque das dereitas (PP+Vox+UPN=171/350 deputados) abriu unha fenda de oportunidade para que os soberanismos galego, catalán e vasco poidan introducir na axenda estatal importantes cuestións referidas á organización estrutural do Estado. Cada voto é fulcral, non só cara á investidura senón cara todas e cada unha das votacións da lexislatura. É, logo, o tempo da reivindicación da axenda galega. Neste senso, a negociación de JxCat co PSOE pola presidencia do Congreso apréndenos da importancia das ferramentas de convalidamento a respecto do cumprimento dos acordos acadados. Porque é de coñecemento xeral que o PSOE asina acordos moi rápido e para cumprilos incorre nunha preguiceira e fachendosa lentitude.
O financiamento autonómico é unha destas cuestións fundamentais, cun sistema caducado desde 2014 que non é quen de fornecer Galicia (nin territorio ningún común fóra de Ceuta e Melilla) dos recursos precisos para financiar a xeito os nosos servizos públicos, malia achegar no 2021 5.082 M€ máis dos que recibimos do Estado (recadamos 13.974 e só percibimos 8.892). Porque a centralización do ingreso nos territorios autonómicos de réxime común (todos agás Euskadi e Nafarroa) determina que o Estado conte cun excedente financeiro para os servizos da súa competencia, mentres que os principais servizos públicos (sanidade, educación, servizos sociais e cofinanciamento da dependencia), de prestación autonómica, son condenados a un delongado infrafinanciamento, que fana gravisimamente tanto unha gobernanza acaída canto un autogoberno real.
Certo é que, nestas circunstancias, Galicia precisaría reivindicar o sistema de cota (“cupo” no castelán) proposto, hoxe polo BNG, onte polo BNPG, EG e polo vicepresidente Carlos Mella no 1984 (Goberno Albor de AP-Independentes) seguindo a nidia e infalíbel lóxica de “primeiro recado e, se cómpre, despois pregunto”. Porque a centralización do ingreso é a chave do xogo de caloteiros que, no prexuízo da prestación dos servizos públicos galegos, adoita desenvolver o Goberno do Estado.
Malia esta verdade verdadeira é probábel que cumpra contar cun plan B neste eido, que só pode transitar polo afondamento na nosa autonomía financeira, incrementando substancialmente o 50% de cesión da recadación do IRPF e IVE e o 58% dos impostos especiais. E, nomeadamente, engadindo ao conxunto dos impostos cedidos o Imposto (directo) de Sociedades (IS), de xeito que o domicilio social (adoito madrileño) sexa substituído canto ao criterio para a imputación do beneficio fiscal polo do lugar de xeración do mesmo. De certo determinarmos o tal non ha ser automático, mais axiña contaremos con modelos matemáticos acaídos para saber que parte (90%, 94%…) do beneficio fiscal liquidábel no IS de ENCE, REPSOL e STELLANTIS se devindica no noso País.

PSOE e Unidas Podemos contra o autogoberno galego

O Congreso dos Deputados vén de aprobar o proxecto de lei contra a fraude fiscal que penaliza no IRPF as vendas dos bens que recebimos dos nosos ascendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios (de mellora ou apartación) se as facemos antes da morte das persoas que nolos transmitiron. Deste xeito haberíamos pagar como incremento patrimonial no IRPF pola diferenza entre o prezo polo que vendemos e polo que adquiriu o noso pai ou avó, no canto de facelo polo valor consignado no pacto sucesorio.
A reforma atenta contra un principio básico da propia lei do IRPF: que non sexan gravados no IRPF feitos impoñíbeis xa gravados noutro Imposto, como neste caso o de Sucesións. Porque someter a unha dupla imposición (IRPF e Sucesións) este suposto incremento patrimonial, ademais de atentar contra este principio esencial do IRPF, vulnera o artigo 31 da Constitución, en canto trata diferente a quen adquire por negocio xurídico sucesorio entre vivos (pactos sucesorios) e a quen adquire por causa de morte, contra o que dispón o Dereito Civil galego, que é quen determina os feitos impoñíbeis para os efectos fiscais.
Até hai poucos anos a Axencia Tributaria Estatal obrigaba tributar por incremento patrimonial no IRPF ás persoas que transmitían os seus bens ás descendentes ou cónxuxes a medio de pactos sucesorios, aplicando a norma das doazóns e descoñecendo a plena aplicabilidade do Dereito galego, que recoñece a posibilidade de transmitir bens en vida (descoñecida no Dereito Civil estatal) e suxeita esta transmisión sob a norma fiscal da sucesión no canto da norma fiscal da doazón. O traballo do Despacho que dirixo, en coordinación coa Asesoría Bieito de Ourense, foi determinante para que, primeiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, despois, a decisiva sentenza do Tribunal Supremo de 09.02.2016, determinasen que os pactos sucesorios non eran doazóns e, xa que logo, que as persoas transmitentes dos bens obxecto de mellora ou apartación non pagarían por incremento patrimonial no IRPF.
Mais agora, partindo dunha desaquelada presunción de fraude, preténdese facer pagar por incremento patrimonial no IRPF a quen venda un ben en vida da persoa que llelo transmitiu por pacto sucesorio, o que supón unha emenda á totalidade á autonomía lexislativa do noso país. Porque temos autogoberno abondo para definir as consecuencias xurídicas do noso Dereito Civil e máis a súa fiscalidade sucesoria.
A agresión ao autogoberno galego é moi grave, porque na práctica trátase de inviabilizar o dereito que temos de recebir a nosa herdanza en vida e actuar como donos desde o primeiro momento. Latexa ese espirito xacobino da esquerda española, que desconfía da pluralidade lexislativa das distintas nacións que compoñen a irresolta plurinacionalidade española.
Rematamos preguntándonos, canda Julio Iglesias, esgrevio xurista e alcalde de Ares: u-la opinión do PSdeG?

O imperio español e as súas elites extractivas

España nunca foi nación nin unión estábel e voluntaria de países e cidadáns.

Algo de historia
Castela sempre xogou ser un Imperio. Ben o saben os cataláns, que loitaron até a morte no 1714 sabedores da que lles viña enriba. Tamén os fillos da Euskal Herria defensores do equilibrio social das leis vellas, sobre todo na guerra de 1833-1840. Ou os portugueses cando recuperaron a súa independencia no 1640, xusto cando andaluces e cataláns revolvíanse tamén en defensa das asúas liberdades. En canto a Galicia axiña entendeu que a unión persoal do reino de Galicia co de Castela na persoa de Fernando III (II de Galicia) no 1230 ía supor a asimilación… Velaí as revoltas galegas de 1369 e 1474, cando amplos sectores da aristocracia e da burguesía vilega galegas defenderon a reunificación galego-portuguesa e o noso afastamento de Castela. Velaí a revolta cívico-militar galega de 1846, que quixo restaurar as liberdades galegas e a xustiza social fronte á ditadura borbónica de Narváez.
A Coroa de Castela exportou ás Indias as institucións propias do vicerreinado concibidas para a opresión do reino de Galicia: Adiantados Maiores ou Gobernadores e Capitanías. E, despois do setembro a lume e ferro de 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns, deseñou unha España peninsular gobernada desde a mentalidade do Imperio.
E, como dicía o castelán Nebrija, siempre fue la lengua compañera del Imperio. A imposición do castelán non foi un invento de Franco. Porque xa os Borbóns do XVIII consagraron a exclusividade da lingua castelá nas escolas públicas e privadas. En 1896 a lei impuxo a prohibición do catalán, euskera, galego e asturiano nas comunicacións telefónicas.

A radialidade das comunicación peninsulares
O primeiro Borbón, Felipe V, despois de derrogar as liberdades catalás, valencianas, mallorquinas e aragonesas, aplicouse á tarefa de definir unha rede de estradas penisular radial, con centro na entón pequena vila de Madrid, malia constituír (daquela e hoxe en día) os eixos atlántico (galego-portugués), cantábrico, mediterráneo e o do val do Ebro os vectores que conectaban os territorios produtivos.
O Estado liberal do século XIX trasladou esta radialidade á rede ferroviaria, até chegarmos ao AVE actual, que penaliza o transporte de mercadorías a respecto do de pasaxeiros e prioriza até o absurdo o hub madrileño. Lembremos os 6.200 M€ (máis dun billón -con “b” de burro- das vellas pesetas) que os fondos europeos destinados ao reequilibrio territorial soterraron no novo aeroporto de Madrid-Barajas. Ou o resgate das “súas” autoestradas madrileñas.
A teimosía do Imperio en manter a radialidade chega ao absurdo de pretender que o eixo mediterráneo pase por Madrid ou pola recente priorización da alta velocidade ferroviaria Lisboa-Madrid na cimeira luso-española do último outubro, priorización decididamente rexeitada por un Goberno portugués que sabe que a súa prioridade, canda as da cooperación transfronteiriza europea, é o eixo Compostela-Vigo-Porto-Lisboa.

Recentralización económica e dumping fiscal
Foi, pois, un proxecto imperial e non inclusivo o que empoderou Madrid como capital política e centro do sistema de infraestruturas do Estado. Como vén de lembrar Ferran Martínez en Valencia Plaza, desde mediados do século XX (engadiríamos nosoutros que, nomeadamente, dende a involución territorial de 1981-82) estas foron as pancas para converter Madrid no centro neurálxico das finanzas, a sede das grandes empresas españolas (fenómeno radicalizado ad infinitum despois da ondada privatizadora das empresas públicas da SEPI nos últimos anos de goberno de Felipe González e primeiros do aznarato). Hoxe en día Madrid é a sede de máis da metade das principais 1.000 empresas españolas. O 60% das licitacións publicas son adxudicadas a empresas con sede en Madrid. Case o 30% dos funcionarios públicos e o 21% dos empregados máis cualificados traballan na rexión madrileña. Malia ter só 1,6% do territorio amorea un 19,2% do PIB estatal e absorbeu o 85,2% do investimento directo exterior. A súa renda per cápita anual está por riba dos 35.000 €, un 36% por riba da estatal e un 16% por riba da europea. E todos estes números cunha participación industrial no PIB madrileño de só un 10%.
O Estado das Autonomías ofreceulle a Madrid, ademais, a posibilidade de se converter nunha comunidade autónoma con competencias fiscais equiparábeis a calquera outro territorio, cando o efecto-sede da súa cualidade de capital política e centro neurálxico aconsellaba: i) reducir o devandito efecto-sede descentralizando institucións e servizos públicos ou favorecendo a especialización doutras cidades, como ocorre nos sistemas federais alemán, australiano ou canadiano, e ii) definir Madrid como distrito federal ou como parte de Castela, evitando a posibilidade do actual dumping fiscal.
Porque a inducida retroalimentación da economía madrileña xerada polo efecto sede, xunto cos amplos investimentos públicos dos que se beneficia e unha política económica que privatiza servizos e afonda nas desigualdades, mesmo intramadrileñas (moitos soldos nos sectores de coidados e hostalería son verdadeiramente baixos) atraeron a Madrid a residentes doutros territorios de grandes rendas e patrimonios, para desfrutar do seu marco fiscal favorábel ás grandes fortunas, quer no IRPF e Patrimonio, quer no Imposto de Sucesións.
Das resultas do proceso de recentralización económica, potenciación do efecto sede e hub de toda caste de infraestruturas de transporte e dumping fiscal Madrid baleirou a Meseta e está a piques de baleirar o propio Estado español, nun continuo efecto aspirador.
Convén precisar que este proceso, como xa vimos, ten raiceiras na antiga Coroa de Castela, continuou cos Borbóns, afondou co Estado liberal, a Restauración e o franquismo e presidiu a xestión dos gobernos do PP e do PSOE durante toda a transición, sen que a esquerda española fixese a menor autocrítica a este proceso, agás puntuais críticas do último goberno socialista andaluz.
Certo é nos últimos cinco anos xurdiu unha potente crítica desde a Generalitat valenciana, gobernada polo PSPV e Compromis, alicerzada polos estudos do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas. Unha crítica que, por primeira vez desde posicións socialistas, relaciona o efecto sede ou aspiradora co dumping fiscal, sen analizar illadamente este.
Cando isto escrebo recebín unha mensaxe de whatsapp vía un persoeiro da Federación Socialista madrileña que denuncia que a deterioración dos servizos públicos madrileños só é posíbel pola recadación inducida polo efecto-sede, mais considera que Madrid constitúe o laboratorio da dereita española para todo o Estado desa deterioración como vía á súa redución e privatización. Benvidos á realidade.

As solucións políticas
Sen o PSOE, pola súa posición fulcral no taboleiro político, non será posíbel unha solución político-territorial a este problema. Neste senso, esa concienciación da periferia socialista é positiva, mais non é abondo, nin serve para achegarmos unha solución. Non mentres sexa tabú a Institución monárquica, chave de bóveda do sistema do palco do Bernabeu e a descentralización real do Poder político e económico.
Como vén de escribir no seu blog Iñaki Anasagasti (aloxado no xornal vasco Deia) Madrid constitúe a sede das elites extractivas do Estado: a Casa Real, o corpus político, moreas de altos funcionarios, cimeira xudicial e militar, consellos de administración e principais asesores das maiores empresas… Unha poboación que non produce, mais que precisa de moreas de recursos. Unhas elites que manteñen o poder económico e político (goberne quen goberne na praxe, vid. caso Pérez de los Cobos), que manexan o Deep State e que, como di Anasagasti “…no conciben un modelo territorial que no rodee la Puerta del Sol, pero además han sido capaces de generar un proyecto de Estado que aglutine a los que ellos llaman la periferia que cada vez más, es aquello más allá de la M-30”.
Estas elites abusan da xente e mesmo traizoan á propia cidadanía do Estado, como ten escrito recentemente Paul Preston, mais foron quen a partillar cosmovisión con sectores populares previamente encirrados contra os soberanismos catalán, vasco, valenciano ou galego, os sectores do “a por ellos”, que son os que máis sofren do absurdo deste Estado dominado por esas elites extractivas do palco do Bernabeu. Mais este consenso entre moitos dos de embaixo cos de enriba só é posíbel porque España non construíu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un Imperio de súbditos.
Se a esquerda española entendese que a chave do progreso económico, da liberdade e da xustiza social pasa pola reformulación dos Poderes políticos e económicos do Estado en chave federal ou confederal (e sempre plurinacional) habería unha oportunidade para esa transformación. Mais, despois do camiño que adoptou o PSOE despois do discurso real do 3-Ou, despois do seu apoio ao 155 e da súa defensa da irresponsabilidade e corrupción monárquicas, os soberanistas periféricos temos dereito a ser desconfiados.
Estou con Iñaki Anasagasti cando di que España estará máis perto dunha reorganización en chave federal e plurinacional que viabilice mesmo a súa economía e a súa débeda se Catalunya acada de vez a súa independencia. Porque, como dixo o político do PNV “…si el 20% del PIB estatal desaparece España tendrá que cambiar de modelo de gestión, sí o sí”.

Madrid: doping & dumping

O profesor Xavier Vence (USC) apréndenos o fondo proceso de recentralización económica sofrido polo Estado a prol da rexión madrileña, alicerzado desde os anos 80 do ano pasado sobre tres procesos: i) a privatización das empresas públicas do antigo INI durante grande parte da época de Felipe González e do aznarato (1986-2000), ii) a progresiva centralización das sedes operativas de bancos, construtoras e distribuidoras eléctricas en Madrid (lembremos a derrota do capital galego fronte a Florentino Pérez -axudado por Botín- no 2006) e iii) a concentración de todos os aparellos centrais de Estado en Madrid.
Segundo o Institut Valencià d`Investigacions Econòmiques a rexión de Madrid acadou o 44,5% do total dos investimentos estatais entre 1988 e 2018, cando só representa o 15% da poboación e o 19% do PIB estatais. Na rexión viven o 29% dos funcionarios públicos do Estado. Un 100% máis do que lle cumpriría ao seu peso demográfico.
Madrid é unha aspiradora que depreda seguido os titulados superiores do resto do Estado, beneficiándose dos investimentos en formación dos gobernos autonómicos periféricos e da absurda radialidade das redes de estradas e ferrocarrís estatais. Velaí o caso da conexión de alta velocidade con Lisboa, que Portugal quere con Galicia, como nos tamén precisamos e Madrid arela pola Meseta, convertendo Lisboa nunha nova estación término do seu sistema tentacular.
Madrid xa baleirou case toda a Meseta e vai camiño de baleirar a Península ibérica toda. Porque, ademais de ir dopada de investimentos e recursos, exerce un claro dumping fiscal, a medio de rebaixas substanciais de impostos que os outros territorios non se poden permitir. Mesmo nin os que desfrutan de réxime foral.
Cómpre aquí fiar fino. A autonomía financeira é consubstancial ao autogoberno. Galicia precisa acadar a plena transferencia da xestión, inspección e recadación de todos os tributos. A competencia entre xurisdicións fiscais territoriais é boa.
Mais é boa cunhas regras comúns de xogo que o Goberno rexional de Madrid non cumpre dende hai vinte anos. Porque a substancial rebaixa do IRPF autonómico (que pesa o 50% do imposto) atrae ducias de milleiros de residentes que desfrutan de rendas moi altas. O que non tería máis importancia se non fose porque estes cidadáns seguen consumindo os servizos públicos (nomeadamente sanitarios) dos seus lugares de residencia efectiva.
Doping & dumping. Reverter a recentralización económica é fulcral para a viabilidade da maioría dos territorios do Estado.

Análise crítica das medidas económicas (e III)

Nesta terceira xeira analisamos as medidas para autónomos e pemes.

A) Medidas para autónomos canto ás cotas de hipotecas e axudas por fin de actividade.
Permítese aos autónomos (quer persoas físicas, quer societarios) aprazar até tres meses de cotas do financiamento con garantía hipotecaria sobre o local onde desenvolva a actividade. Mais suxéitase esta opción a requisitos de complexo trámite: cesamento de actividade por mor da alerta sanitaria ou perda de vendas nun 75%, ingresos/unidade familiar dun máximo de 1.612 €/mes (increméntabeis por menores, maiores ou dependentes ao cargo) e outros. Ao tempo, axudarase aos mesmos autónomos que cesasen na súa actividade pola mesma alerta ou diminuísen a súa facturación nun 75% a respecto do semestre ou campaña anteriores, na contía do 70% da base de cotización, durante o tempo que dure o estado de “alarma”.
Falla esta normativa na complexidade de redacción, dúbidas interpretativas e xestión burocrática dunhas axudas que requiren extrema celeridade no seu outorgamento. E que esta medida non abranga, tamén, ás mutualidades de avogados, procuradores, arquitectos e arquitectos técnicos, alternativas ao réxime de autónomos.

B) Aprazamento de cotas tributarias e da SS.
Os autónomos e pemes poderán aprazar até seis meses as cotas tributarias (mesmo retencións do IRPF dos traballadores) e de SS dun trimestre. Tres meses sen xuros e os restantes ao 0,5%/ano (SS) e 1,875%/ano (tributos).
É unha medida moi cativeira. Cumpriría suspender a obriga de declarar o IVE 1T 2020 e o IRPF 2019 até últimos do verán e demorar o financiamento sen xuros un mínimo dun ano. O paquete de 540.000 M€ do Eurogrupo, a suspensión das regras do déficit e a prima de risco actual fan posíbeis estas medidas.

C) Liñas de préstamos ICO e IGAPE para autónomos e pemes.
O Goberno do Estado aprobou unha primeira liña de 20.000 M€: 10.000 M€ para avalar nun 80% préstamos bancarios a pemes e outros 10.000 M€ para avalar eses préstamos nun 70% para grandes empresas. Os Bancos non poderían reestruturar ou compensar pasivo anterior nin vender cruzadamente seguros ou produtos financeiros. A finalidade é cubrir, en liñas xerais, o 25% dos gastos xerais anuais (ou o 50% da facturación/ano se fose inferior) das empresas prestatarias en operacións-tipo dun TAE anual do 2% a 5 anos.
O economista eumés Yáñez Brage xa nos advertiu, hai algúns anos, do grave problema do racionamento do crédito ás microempresas e autónomos. Porque o instrumento actual está pensado para que o monopolicen as grandes empresas e as medianas máis importantes. Malia todo, fican pendentes 80.000 M€ aprobados para esta liña de avais polo Goberno do Estado, pendentes de ser activados. As seguintes achegas haberían ir rigorosamente para as pemes, que constitúen o 99% do tecido empresarial galego. Doutro xeito, a falla de liquidez pode afogar no noso País milleiros de autónomos e pemes.
Mellor deseñada é a liña de avais da Xunta, pola que o IGAPE cubrirá os xuros e garantirá os avais de AFIGAL e SOGARPO por 250 M€ para un financiamento semellante a 4 anos, mais só para pemes. Mágoa que o Goberno de Núñez Feijóo non acreditase na potencialidade do autogoberno para facer política empresarial, facendo medrar substancialmente esta liña, como fai o ICF da Generalitat de Catalunya ou o Goberno vasco. E para facer do IGAPE a banca pública galega que a vindeira Recesión vai precisar.

Análise crítica das medidas económicas (I)

I) Administracións Públicas: a Unión Europea (UE) suspendeu as limitacións ao déficit público, mais o Estado non lle trasladou esta medida ás Administracións autonómicas e locais, sendo como é fulcral para a atención aos máis vulnerábeis e para salvarmos o recido produtivo. Só se flexibilizou a norma no senso de lle permitir aos concellos investir o superávit 2019 en gastos sociais.

II) Medidas fiscais e de SS: o Goberno do Estado mantén a obriga de autoliquidar en cadansúas datas o IRPF 2019 e o 1T do IVE 2020, cando milleiros de microempresas e autónomos e millóns de consumidores carecen do grao de dixitalización preciso. As liquidacións poden ser aprazadas sen xuros durante tres meses e outros tres cos xuros do 5%. Suspéndese o pagamento dos pagos xa aprazados anteriormente, mais en principio só até o 30 de abril e 20 de maio.
Son, por xunto, medidas curtas e cativeiras. Ademais, a cota empresarial da SS continúa sendo plenamente esixíbel, sen que poida ser aprazada sen recarga do 10%. E a de Autónomos (REA) tamén.
Varias Administracións autonómicas, pola contra, aplicaron medidas xemeralizadas de suspensión das autoliquidacións por tributos propios e cedidos.

III) Regulacións temporais de emprego (ERTES): a ferramenta fundamenta da política de protección das empresas e rendas laborais é a nova regulación do ERTE. No caso que a emerxencia sanitaria (forza maior) atinxa directa ou substancialmente a actividade dunha empresa, esta poderá suspender ou reducir xornada a respecto dos seus contratos laborais se a Xunta de Galicia lle valida esa forza maior. O Estado págalle ás persoas traballadoras un 70% da súa base reguladora dos últimos seis meses e a empresa non pagaría cota empresarial da SS neste tempo. Se a afectación non é directa ou substancial, mais xera causas económicas, produtivas ou organizativas, a Empresa poderá adoptar unha decisión análoga sen contar co validamento da Xunta, mais precisará negociar cos representantes de persoal antes. Neste caso a cota empresarial da SS vai por conta da empresa.
Un problema fulcral é a existencia de actividades económicas zombies, teoricamente autorizadas, mais na práctica economicamente pouco viábeis nesta conxuntura. O confinamento total, agás actividades esenciais, permitirá esta caste de actividades zombies para poder autoregularse a medio destes ERTES.
Durante o tempo da emerxencia foicou prohibido o despedimento obxectivo por causas económicas ou produtivas. A sanción será considerar improcedente o despedimento.

IV. CONCLUSIÓN DESTA 1ª PARTE: Cómpre esixir dos lexisladores a mínima burocracia posíbel para facermos efectivas todas estas ferramentas.
Na semana vindeira voltaremos con máis análise crítica.

A nosa Renda, en galego

Vivimos nun país con lingua propia de noso, que ademais é a oficial, canda o castelán como lingua oficial do Estado. Mais a Axencia Tributaria estatal descoñece seguido os nosos dereitos lingüísticos. O dereito que temos vostede e máis eu de facermos a declaración anual do IRPF, de declararmos calquera tributo, na nosa lingua. O dereito constitucional e estatutario de vivirmos en galego.
A agresión lingüística da Administración do Estado non é explícita e frontal, senón que se basea en toda unha rede de decisións intencionais ou accións ou omisións neglixentes que dificultan, cando non imposibilitan de facto, o uso da nosa lingua. A versión en galego que ofrece a AEAT para a declaración do IRPF é unha vergoña, chea de erros gramaticais e ortográficos, por se tratar dunha tradución automática sen revisar. Sería admisíbel unha versión en castelán chea de erros paifocos? As queixas dos xornais e TV madrileños ouviríanse até no Xapón.
Por outra banda, é imposíbel comunicarmos en galego coa AEAT. Respostan en castelán ás solicitudes de información en galego, vulnerando o status de oficialidade da nosa lingua. Vulnerando a Constitución da que tanto falan.
O propio Defensor del Pueblo estatal define o réxime de cooficialidade non como unha opción para a Administración do Estado, senón como unha suxeición, unha grave obriga, para a devandita Administración. Di o Alto Comisionado das Cortes Xerais que non é admisíbel que despois de tantos anos de cooficialidade a Axencia Tributaria non entenda a natureza da cuestión. Porque non se trata de comprender ou traducir, senón de que o galego é acredor dun especial respecto e comprensión, dacordo co artigo 3 da Constitución. O uso do galego, para os galegoutentes, atinxe o cerne da nosa dignidade como persoas e ao exercicio dos nosos dereitos fundamentais. Atinxe, pois, aos alicerces da orde xurídica e da paz social, segundo o artigo 10.2 da Constitución.
A Administración do Estado abusa do castelán e non recoñece a oficialidade total e completa do galego na Galicia. Crea, deste xeito, unha desigualdade entre os utentes do castelán, recoñecidos na integridade dos seus dereitos e da súa dignidade como persoas e os que somos utentes do galego, tratados como cidadáns de segunda, como repunantiños, cando non como elementos dignos de desconfianza e prevención.
Eu, como adoito, farei a miña declaración do IRPF en galego malia as dificultades que me pon o Estado ao que lle pago os meus impostos. Porque é o meu dereito. Porque, ademais, é o normal e o lóxico.

Fiscalidade regresiva

Entre o 2007 e o 2017 equiparáronse o PIB e a recadación fiscal, despois da Grande Recesión. Fronte aos 200.000 M€ do 2007 o Estado español recadará algo máis de 198.000 M€ no 2017. Mais a distribución dos ingresos fiscais é moi diferente. No IRPF a recadacion subirá até case 77.000 M€ dende os 72.614 M€ do 2007. No IVE subirá dos 57.850 M€ do 2007 até os case 66.900 M€ do 2017. A fiscalidade sobre as familias medrou do 73,8% do 2007 até o case 87,3% do 2017.
Mentres, o Imposto de Sociedades (IS) non sobardará os 23.500 M€, ben lonxe dos 44.823 M€ do 2007. É dicir, o Estado español aínda non recuperou case a metade dos impostos (máis de 21.000 M€; uns 500 € por residente) que percebiu das empresas españolas no 2007, cando neste tempo incrementou nun 11,5% a súa recadación ás familias por impostos directos ou indirectos. Con este déficit polo IS cubriríase o custo todo das prestacións por desemprego no 2017 (18.300 M€, aproximadamente) e aínda abondarían 3.000 M€ para mellorar as pensións. Ou pagaríanse nun 70% os xuros anuais da débeda pública española, que acadan os 30.000 M€. O que quere dicir que estes 21.000 M€ poderían darlle unha reviravolta á atención sanitaria, educativa, da dependencia e dos servizos sociais. É dicir, poderían mellorar substancialmente as cousas importantes.
É certo que as empresas poden compensar fiscalmente bases impoñíbeis negativas dos últimos catro anos, mais no 2017 e 2018 xa haberíamos ver case todas estas bases compensadas. Porén, o que resulta moi rechamante é que, cun tipo fiscal do 25% sobre os beneficios, as pemes paguen un 12,2 % do seu beneficio neto contábel fronte ao 7,3% das grandes empresas. Mentres, os traballadores pagan o 14,9% dos seus ingresos netos.
Xa que logo, cómpre revisar a fiscalidade corporativa para axeitar a xeración do beneficio á recadación fiscal. Porque, no Estado español, hoxe en día, o sistema fiscal corporativo vulnera o principio constitucional que establece que ha achegar máis quen máis gañe.

A ARRINCADEIRA: Pepe Miñones
O Concello coruñés vén de homenaxear Pepe Miñones Bernárdez, republicano de centro corcubionés asasinado legalmente polo franquismo en decembro de 1936. Creou a Electra Popular Gallega, que logo mercaría de saldo Barrié para Fenosa. A traxedia de Miñones expresa dun xeito singular o xorne violento e represivo do réxime nado no 1936.

A cidadanía galega non terá que pagar como ganancia patrimonial polas herdanzas entre vivos propias dos pactos sucesorios de Galicia

A Coruña, 11 de febreiro de 2016.Xoán Antón Pérez Lema 2015 As herdanzas recibidas mediante pactos sucesorios entre vivos non tributarán no IRPF como ganancia patrimonial. Así o acaba de dictaminar o Tribunal Supremo ao darlle a razón a un contribuinte que se acollera á modalidade do apartamento, prevista no Dereito Civil de Galicia, para transmitirlle en vida aos seus herdeiros a lexítima que lles correspondería.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) déralle antes a razón ao contribuinte, pero a Administración Tributaria estatal recorreu en casación perante o Supremo, que acaba de confirmar de xeito definitivo a resolución do TSXG que recoñece este dereito especial dos galegos que se acollen a pactos sucesorios como o apartamento ou a mellora.

O Tribunal Supremo aclara de vez que os pactos sucesorios de mellora e apartamento do Dereito Civil de Galicia non tributan no IRPF das persoas (normalmente pais ou avós) que fan a disposición patrimonial, como ata o de agora consideraban tanto a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) como a propia Administración do Estado, descoñecendo o inequívoco sentido do preceptos do Dereito Civil galego. Con esta sentenza péchanse de xeito definitivo os conflitos tributarios xerados pola equivocada cualificación dos pactos sucesorios levada a cabo pola Administración Tributaria, que conducía aos contribuíntes galegos a unha indebida tributación das súas herdanzas no IRPF.

Segundo o letrado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, que representou os intereses do demandante, “esta sentenza dálle moita seguranza xurídica ás institucións sucesorias galegas, moito máis flexíbeis ca as estatais e moito máis conectadas coas modernas tendencias a prol dunha meirande liberdade sucesoria”. Para Pérez-Lema, “Galicia é un bo país para a sucesión”, xa que esta resolución firme do Supremo, “xunto co propio marco fiscal galego para o Imposto de Sucesións, farán moi competitiva a nosa normativa a respecto doutros países e territorios”.

Apartamento e mellora

O apartamento e a mellora están regulados na Lei de Dereito Civil de Galicia e teñen efecto en vida do causante. O primeiro permite acordar a adxudicación en vida de bens da herdanza a quen no momento da celebración do pacto tivese a condición de herdeiro forzoso, a cambio de que este renuncie de xeito irrevogábel a esta condición. Co pacto de mellora poden adxudicárselle bens concretos a un descendente. Este tipo de pactos en vida están prohibidos no Dereito Civil común, que rexe en todo o Estado agás Galicia e os restantes territorios cun dereito civil propio (Euskadi, Navarra, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e Aragón).

A actuación profesional do despacho coruñés Pérez-Lema desenvolveuse en colaboración coa Asesoría Bieito de Ourense, o director do cal, o economista Bieito Seara, representou ao demandante na reclamación administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia.

NOTA 1: pode descargarse aquí a sentenza do Tribunal Supremo: Sentenza do Tribunal Supremo de 09-02-2016.

NOTA 2: o venres 12 de febreiro fun entrevistado en directo no programa “Área pública”, da Televisión de Galicia. Deixo aquí o enlace, onde se comeza a falar deste tema a partir do momento en que se cumpren 1 hora 18 minutos e 30 segundos de emisión.