Indultos? Non, amnistía

Mentres a dereita española, extremista e supremacista, convoca os seus seareiros á Praza de Colón, canda a bandeira da España única e intolerante, o Goberno do Estado prepara os indultos para os presos políticos. Indultos probabelmente parciais, que lles perdoen os anos de cárcere xustos para que saian axiña do seu inxusto prendemento, malia que seica non resolverá nin a súa inhabilitación para desenvolver cargos e funcións públicas, nin a contía da indemnización de responsabilidade civil polo delicto de malbaratamento dos cartos públicos para o que foron condenados o vicepresidente Junqueras, os conselleiros Forn, Turull, Rull, Romeva e máis a conselleira Bassa, que resolverá o “Tribunal de Cuentas”.
Velaí como este indulto non resolve a cuestión. Seica non o resolve nin para os presos políticos. E malia esta cativeza, que amosa a mínima xenerosidade posíbel para reconstruír un tecido social san, a dereita extrema e supremacista, canda a vella garda do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, os presidentes manchego e estremeño, Nicolás Redondo, Joaquín Leguina…) rexeita os indultos malia apoiar, no seu día, os indultos de golpistas como o xeneral Armada ou de convictos de terrorismo como os antigos membros do Goberno González, José Barrionuevo e Rafael Vera.

Os nove indultos ás persoas presas políticas nin resolven o problema nin o axudan a resolver
Ademais do problema xa sinalado (subsistencia quizais de moi onerosas e artificiosas indemnizacións por unha malversación que non existiu e falla de remisión das penas de inhabilitación), os indultos parciais proxectados para as nove persoas presas políticas non resolven os casos das máis de 3.200 persoas investigadas por distintos Tribunais cataláns e estatais (Xulgados de Instrución 1 e 13 de Barcelona, Tribunais varios de Catalunya, Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, Audiencia Nacional…) por feitos de natureza política e fasquía pacífica posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou do 2017. Mais, o que tamén é fulcral, non resolven o problema da acusación e eventual orde de prendemento internacional contra o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e máis a antiga voceira parlamentaria das CUP, Anna Gabriel.
O indulto na Constitución do Estado (CE) é un acto discrecional de Goberno, que só pode beneficiar casos concretos, pois que están prohibidos constitucionalmente os indultos xerais (artigo 62.4 CE). Neste contexto, o indulto ás nove persoas presas políticas remata no seu efecto nelas mesmas. Despois vai continuar a represión xudicial, mentres a dereita acusará ao Goberno do Estado de filoterrorista.

A amnistía é o acaído e, ademais é constitucional
A única saída que abre a porta á concordia que di querer Sánchez é a amnistía. Unha amnistía constitucionalmente posíbel, sempre que se aprobe a medio de lei orgánica que precisa da maioría absoluta do Congreso dos Deputados. A maioría da investidura, precisamente. Saber é querer. Querer é poder.
Os indultos xerais están prohibidos na Constitución, mais non as amnistías, malia que estas requiran a mesma lei orgánica que regula os dereitos fundamentais e crea, modifica e derroga os tipos delictivos do Código Penal. Unha lei orgánica de amnistía podería extinguir todas as responsabilidades criminais e civís derivadas non só para as persoas condenadas por delictos políticos posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou de 2017, senón mesmo das persoas investigadas arestora por estes delictos, ao tempo que pecha de vez calquera instrución ou xuízo futuro por estes feitos. É, pois, a solución para restablecer un clima de concordia cara a un proceso de negociación bilateral que habería rematar nunha solución plebiscitaria pactada que consulte á cidadanía catalá.
De xeito que a amnistía, en realidade, habería ser un prerrequisito, mesmo para o xogo da táboa de negociación GeneralitatGoberno do Estado. Se a esquerda española quere obter o respecto e a confianza negociadora do soberanismo catalán, a amnistía é unha condición previa para enfrontar a negociación.
Poderíaseme respostar que parte substancial do Deep State, a dereita española, a caverna dos vellos rockeiros do PSOE e seica o Xefe do Estado rexeitan radicalmente a amnistía. Mais resulta que todas estas forzas e persoas rexeitan con forza e acenos semellantes os propios indultos parciais, que non resolven o problema.

Moi probabelmente sexa o intre de que os soberanistas vascos, galegos e valencianos e cantas máis voces honestas haxa nos demócratas españois, expoñan esta necesidade e pechen as fileiras cara á treboada cando decargue.
Porque sen dúbida ha descargar, for cos indultos parciais, sexa coa lexítima e constitucional amnistía.

Adolfo Suárez

Dicirmos Adolfo Suárez é dicirmos transición política española. Xa que logo, os que por razóns xeracionais non vivimos conscientemente aquel proceso quizais poidamos xulgalo máis obxectivamente ca os seus protagonistas e coetáneos.
Suárez, fillo dun republicano derrotado na guerra, foi un funcionario do franquismo que chegou á dirección da RTVE e á secretaría xeral do Partido único. Escoller ese camiño non era obrigatorio, como demostran outros coetáneos de Suárez (Pujol, Arzalluz, Nicolás Redondo…) que fixeron política contra o franquismo, sufrindo das resultas graves trastornos na súa vida. O Suárez que forma goberno quere afondar no reformismo e achegarmos un réxime homologábel con Europa. Mais o seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo “da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura.
Este espírito de reforma pactada co Réxime permitiulle que as Cortes franquistas votasen a súa propia morte e legalizar un PCE que, en troques, asumía a Monarquía e a economía social de mercado. E permitiulle aterrar no Centro Democrático que fundara Areilza e usar con parcialidade o amplo aparello do Poder para gañar, sen maioría absoluta, as eleccións xerais de xuño do 1977 ás que non puideron concorrer determinadas forzas republicanas e nacionalistas.
Suárez foi quen de propiciar un amplo pacto político e económico para aprobar a Constitución e os Pactos da Moncloa. Mais tamén impuxo uns Acordos coa Santa Sede que blindaban a xerarquía católica, malia a formal aconfesionalidade estatal e deixou ben claro que o dereito a decidir de galegos, vascos e cataláns e a Monarquía ficaban out of question.
O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que revisa o Estatuto galego da aldraxe para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco. Aquel que enfronta o Rei para non nomear Armada segundo xefe do Exército ou o que fuma displicente en claro desafío á barbarie de Tejero e Milans del Bosch. Aquel que sabe dimitir e dimite.
O Suárez das luces e das sombras. A transición das luces e das sombras.