Portugal xa decidiu

O primeiro ministro portugués, António Costa (PS), vén de presentar a alta velocidade ferroviaria que unirá Lisboa co Porto, Braga e Valença do Minho, proxecto que se vai desenvolver entre 2026 e 2030. Deste xeito Portugal prioriza a súa conexión atlántica co noso País por riba da súa conexión con Madrid, que é o proxecto polo que optou o Goberno do Estado de Pedro Sánchez no cumio luso-español de outubro de 2020.
Portugal xa decidiu elixir a complementariedade económica e cultural coa Galicia para potenciar ese grande eixo Ferrol-Sétubal, que calquera observador dende a altura pode albiscar como unha das principais concentracións humanas non só da península ibérica, senón do propio oeste europeo. Ten moi claro que iso é o que lle cómpre e non potenciar a radialidade española a prol do hipertrofiado Madrid, porque non quere que Portugal se convirta no burato negro no que se converteu a Meseta castelá nin outros territorios da periferia española.
Semella que nesta andaina tanto o goberno como todas as forzas políticas e axentes sociais, sindicais e empresariais do noso País concordamos co proxecto dos nosos irmáns portugueses. Mais temos de ser conscientes da frialdade e mesmo oposición do Madrid político, empresarial, mediático, profesional e vencellado ao deep state que inclúe aos grandes corpos funcionariais do Estado.
Galicia terá que desenvolver unha grande campaña de información, unha ampla operación de lobby (tamén perante unha Comisión Europea que aposta por e financia aqueladamente esta caste de proxectos de integración interestatal) e unha potente, teimuda e sostida mobilización cidadá que esixa a programación e execución da saída sur de Vigo e dos menos de 30 kms que o Estado ha garantir para a conexión galego-portuguesa da alta velocidade ferroviaria.
Unha simple rolda de chamadas entre persoas con responsabilidades empresariais e políticas en Madrid e o enxergamento dos comentarios nas redes sociais achéganos a idea de que este proxecto non gosta ao centralismo madrileño, a esa España uninacional e radial que defenden, si, Abascal, Aznar e Díaz Ayuso, mais tamén Villar Mir ou Florentino Pérez. Velaí a importancia de amosar proactividade e unidade de País. Porque os proxectos comúns á Galicia toda (como adoita dicir Anxo Quintana) son case sempre imparábeis.

A desfeita do bipartidismo

PP e PSOE tiveron o peor resultado dos últimos 25 anos en Galicia e no Estado. O PP baixa ao 35% na Galicia, perdendo quince puntos a respecto do 50% obtido no 2009 e o PSOE ao 21% fronte ao 35% que tiña hai cinco anos. No Estado o PP perde 8 escanos (de 24 baixa a 16), cun 26% e o PSOE 9 (de 23 a 14). Izquierda Unida e aliados (AGE na Galicia) foi terceira forza política, mentres que Podemos, con 5 escanos constituíu a sorpresa da xornada, acadando a cuarta posición na Galicia e no Estado. O BNG baixa do 9 ao 8%, mais a súa coalición con EH-Bildu retén un escano, mentres a Coalición por Europa, partillada por CompromisoxGalicia con CiU, PNV e CC, obtivo 3. Porén, o subsistema electoral galego perde identidade, asemellándose ao esquema estatal non só nos grandes partidos, senón ás súas alternativas na esquerda e na dereita. Sen dúbida que o galeguismo ten moito a reflexionar cara as municipais do 2015, onde se xoga unha posición real de alternativa ao bipartidismo que está a se esfarelar.
Nos resultados estatais cómpre salientar a elevada participación catalá, onde ERC acadou o “sorpasso” a respecto de CiU e onde as eleccións interpretáronse en clave de apoio ao chamado dereito a decidir. Catalunya constituíu a cara a respecto da cruz galega canto ao apoio a forzas nacionais, demostrando que o seu sistema político está totalmente independizado do español, co PP e o PSC a niveis moi minoritarios. Canto a Euskadi gañou o PNV, malia que EH Bildu gañase en Guipúscoa e Álava.
Na Europa salienta o trunfo dos socialistas en Portugal, dos nacionalistas do Scottish National Party (SNP) na Escocia (ás portas do referendo de setembro), o da Front Nationale de Marie le Pen na Francia, a da esquerda radical de Syriza na Grecia, a das forzas da grande coalición de goberno alemá e a do eurófobo UKIP (Partido da Independencia) en Inglaterra. Baixa o PP europeo, soben os non adscritos e euroescépticos da dereita radical, manténdose demócratas e liberais, verdes e socialistas. Juncker será Presidente da Comisión Europea, mais socialdemócratas, liberais e demócratas e verdes e nacionalistas terán unha importante presenza no Parlamento Europeo. E influirán decisivamente na gobernanza, á vista da corrección á baixa do PP europeo.