Ferrocarrís, axenda galega e investidura

Outorgada xa a confianza parlamentaria ao candidato socialista como Presidente do Goberno do Estado co voto, entre outros do BNG, comeza a conta atrás para o cumprimento dos acordos do pacto de investidura BNG-PSOE. Hoxe analisamos os compromisos canto á mellora da rede e dos servizos ferroviarios, artellados nun potente Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria de Galicia que, antes da fin desta lexislatura:
i) Implantará un servizo de tren de proximidade (“cercanías”) polo menos nos treitos A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.
ii) Conectará o eixo atlántico A Coruña-Vigo co tren Lisboa-Porto-Valença do Minho a medio da saída sur de Vigo para garantir a operatividade da alta velocidade no eixo ferroviario Galicia-Portugal na contorna de 2030, consonte co proxecto portugués que programa para ese horizonte o remate da liña no seu territorio. Mentres, melloraríase o material e incrementaríanse os servizos na actual liña Vigo-Porto.
iii) Pulará polo Corredor europeo Atlántico de mercadorías,
iv) Modernizará a liña Guillarei-Ourense e do treito Betanzos-Lugo, da liña FEVE Ferrol-Ribadeo, e máis da liña A Coruña-Ferrol, garantindo o comezo das obras de execución do by-pass de Betanzos antes da fin da lexislatura.
v) Recuperará o nível de servizos prepandemia e estudará a necesidade do seu incremento no futuro.
Malia o cobizoso deste Plan, a experiencia histórica aconsella sermos escépticos diante dos compromisos que con Galicia asumen as forzas do bipartidismo dinástico PP-PSOE. É de xeral coñecemento que o PSOE é moi áxil para negociar e asinar acordos e, pola contra, adoita ir moi amodiño para cumprilos. Que este pacto de investidura constitúa unha excepción exitosa vai depender de dous factores que mesmo poderían actuar conxunta e acumulativamente.
O primeiro destes factores será a dinámica especial desta lexislatura. No pacto devandito prevese unha Comisión de Seguimento BNG-PSOE que haberá de se reunir cada cuadrimestre ou cando calquera dos partidos o requira para avaliar os progresos na execución do pactado. A esta garantía engádeselle a moi probábel necesidade do concurso dos votos todos do pacto de investidura para a aprobación dos vindeiros e sucesivos Orzamentos Xerais do Estado, onde se terán de concretar cadanseus asignamentos de recursos para pór en vigor este Plan galego de Modernización ferroviaria. O PSOE, desta vez, non pode recuar para tentar o apoio do PP e precisa respectar os pactos asinados cos seus socios de investidura.
O segundo factor é a decisión certa do PSOE de apostar por unha remuda á fronte da Xunta de Galicia logo das nosas eleccións nacionais de 2024. Desde as eleccións nacionais de 2005 a dirección federal do PSOE e a feble organización galega do PSdeG non coincidían tanto nun candidato viábel como na necesidade do concurso dual e cooperativo de BNG e PSOE (semella que con certa preeminencia dos soberanistas) para que agrome, por fin, a alternancia en San Caetano logo de 15 anos de goberno da dereita.

Galegofalantes nas Asturies

É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.
Velaí que a Real Academia Galega (RAG) cumprise coa súa obriga cando se dirixiu ás autoridades do Principado para que o galego fose recoñecido como lingua oficial na vindeira reforma do Estatuto asturiano, canda á llingua asturiana, falada no resto do Principado, no norte da provincia de León e na vila portuguesa de Miranda do Douro. Propuña a RAG o modelo da lingua occitana en Catalunya, chamada aranés no val de Arán. Na área territorial do val de Arán o occitano é oficial canda o castelán e o catalán, que son oficiais no resto do territorio. Mais as persoas falantes do aranés teñen dereito a se dirixir na devandita lingua ás autoridades da Generalitat, mesmo que estean fóra do val de Arán, por exemplo en Barcelona.
Contra toda evidencia científica, o discurso de determinados elementos asturianistas é negar a galeguidade da lingua falada no occidente astur, que no canto dunha variedade dialectal do galego sería unha fala de transición (eonaviego) hoxe e mañá, a pouco que aprofunden nesa ladaíña acientífica, unha fala máis ou menos conectada coa llingua asturiana. Unha teima semellante -e conexa- á de chamar ría del Eo á que sempre foi na cartografía internacional ría de Ribadeo. Esa galega vila de Ribadeo que constitúe o centro comercial e urbano de referencia para as xentes do Occidente astur, contribuíndo non pouco ao mantemento do galego nese territorio.
Ogallá a cidadanía astur sexa quen de introducir a oficialidade da súa llingua no seu Estatuto. Mais ogallá que as entidades que defenden a llingua deprendan a defendela en cooperación e nunca competición coa lingua galega. Señoras e señores asturianistas, non se trabuquen vostedes de inimigo.
Por certo, que Xunta ten competencias e responsabilidades canto á promoción e ensino do galego na Galicia exterior, consonte cos artigos 35 do noso Estatuto e 21.2 da Lei de Normalización Lingüística. Sabemos que estas competencias se exerceron no Berzo, mais nunca en Asturies. Que fixo ao respecto a Secretaría Xeral de Política Lingüística? É certo que os gobernos do Principado todos rexeitaron introducir o ensino do galego no Occidente astur?

As súas ideas non son benvidas

Na nosa Galicia somos en xeral respectuosos coas ideas dos demais, co seu xeito de vida, coas súas lexítimas opcións políticas, ideolóxicas, relixiosas, sexuais… No noso País as nais solteiras equipáranse en número ás casadas, mentres só o 27% da poboación escolle a opción do financiamento á Igrexa Católica na declaración anual do IRPF, o que facemos compatíbel cunha riqueza cultura de fonda raigame cristiá e precristiá.
Somos o país do sentidiño e da acollida, o que adoptou o bretón Maeloc como bispo na Mariña, o que fundou Compostela sobre o eixo dunha basílica e dunha rúa de negocios rexentada por francos. O que modernamente integrou milleiros de latinoamericanos (moitos con sangue galego) e caboverdianos como cidadáns tan galegos como os de orixe, demostrando que a cor ou o nacemento non determinan a galeguidade, senón a vontade de vivir e traballar na Galicia.
Existíamos como reino desde o século V, cando os reis suevos formaron o primeiro “regnum” da Europa. Falamos unha lingua de noso desde o século X. Fixemos a Catedral, cocreamos a Europa moderna desde o Camiño de Santiago, abrimos o noso País ás civilizacións marítimas desde os nosos portos de Viveiro, Ribadeo, Noia, Baiona, Vigo, Muros, Coruña ou Ferrol. Construímos a nosa epopea da Galicia exterior, cando os nosos emigrantes, fillos do pobo, recrearon a nosa identidade nacional alén mar e pagaron as fontes, camiños e escolas que o inxusto centralismo español nos negaba.
Logo dun primeiro terzo do século XX que desenvolveu este país equiparándoo coa Europa que contribuímos a facer, desde 1936 a ideoloxía extremista do odio matou, roubou e reprimiu, sometendo o País a unha longa noite de pedra onde se suprimiron as liberdades políticas, lingüísticas e culturais, a igualdade da muller ou o dereito á diferenza sexual. Foron tempos de tiranía e negación.
Despois de moitos anos, as vaguedades dunha transición limitada e contraditoria permitiron abrollar outravolta unha forza ultradereitista que visitará Galicia nas próximas horas. Unha forza aliada coas outras dúas ponlas da dereita tripartita arredor dunha axenda imposta polos radicais extremistas de Abascal e acriticamente repenicada por Casado, Álvarez de Toledo, Girauta ou Rivera.
Respectemos as persoas, mais non branqueemos nin normalicemos unha ideoloxía allea ao noso xorne, aos nosos valores liberais e democráticos, ao noso País. Cómpre tomar a serio a ameaza dun partido que non xoga no taboleiro democrático. E loitar ferreñamente contra estes que veñen desde os valores de paz, tolerancia e liberdade cívica, mais tamén desde os valores da nosa cidadanía e da nosa identidade nacional galega.
Porque as súas ideas extremistas non son benvidas nesta nosa Terra.