Racharmos co dependentismo

O grave problema de votar por forzas unionistas (PP, PSOE, Sumar/Podemos…), de obediencia extragalega non só é a súa falla de compromiso cos dereitos e intereses da Galicia, senón, o que é máis grave, a súa falla de confianza nas nosas potencialidades e máis o descoñecemento relativo das nosas necesidades.
Das resultas desta falla de cosmovisión galega abrollou un enfoque dependentista nestas forzas unionistas a respecto da gobernanza. Na escolla da promoción de sectores produtivos concretos asúmense como positivas decisións que levan consigo unha especialización (máis ben un sacrificio) do noso territorio en actividades puramente extractivas a respecto dos nosos recursos (produción de enerxía eólica e hidráulica, minaría, eucaliptización do territorio para produción de pasta de papel), sen continuidade de ciclo en canto á fixación neste país de actividades industriais de alto valor engadido.
No financiamento autonómico confíase nun modelo tamén dependentista onde o Estado recada e a Xunta, infrafinanciada, gasta, refugando o sistema de cota (“cupo” en castelán) propio de Euskadi e Nafarroa, proposto xa polo vicepresidente Carlos Mella (gobernando AP!!) hai 40 anos, e que garante que Galicia recade todos os seus tributos pagando a cota polos servizos estatais prestados no nosso territorio que nos cumpra por poboación (uns 1815-1820 M €, se atendemos proporcionalmente ao pactado con Euskadi para o lustro 2022-2026), evitando deste xeito o déficit xerado para Galicia polo sistema actual (4562M€ no 2019, pois a Axencia Tributaria estatal recadou na Galicia 13.222 M€ e o Estado só achegou de volta 8.650 M€). Fronte a esta realidade os Presidentes Núñez Feijóo e Rueda propuxeron e propoñen máis multilateralidade, partillando obxectivos con Asturies, Cantabria, Estremadura e Castela e León e a Rioxa, sen se decatar que o financiamento público por habitante na Galicia (2.846 €/ano) é nidiamente inferior ao de todos e cada un deses seis territorios.
Galicia haberá de construír a súa relación co Estado desde a conciencia da súa singularidade. Singularidade nacional na língua, cultura e identidade, mais tamén singularidade social e económica, alicerzada na necesidade de priorizar as actividades económicas nas que somos competitivos e que para o Estado moitas veces son prescindíbeis (construción naval, complexo mar-industria, produción agroalimentaria vencellada ao vacún, transformación forestal e agroalimentaria) e defender os valores ambientais e produtivos do noso territorio fronte as actividades extractivas “de sacrifício” que xeran recursos para empresas de fóra e desertizan o noso rural.
Neste contexto, apostar por alianzas multilaterais con territorios carentes das devanditas singularidades nacional e socioeconómica ou facer apelacións xenéricas á igualdade de todos é como nos pegar un tiro no pé, porque nos non podemos xogar na liga cuantitativa co noso PIB (5,6% do estatal) e poboación (5,2%), senón na cualitativa da especificidade, do particular. E da bilateralidade.
Velaí a necesidade de racharmos co dependentismo.

A chave da nosa caixa

O sistema de concerto económico no que Galicia recadaría os seus tributos todos e, xa que logo, tería a “a chave da nosa caixa”, como acaidamente definiu Ana Pontón (BNG) no recente debate do estado da nación, constitúe unha proposta que sería quen de garantir níveis acaídos para o funcionamento regular dos servizos públicos e, deste xeito, o benestar da cidadanía galega.
No outono de 1983, con níveis ben máis baixos de renda por habitante, servizos públicos e infraestrutura social básica, o vicepresidente económico da Xunta no segundo goberno de Albor, o independente Carlos Mella, propuxo unha reforma do Estatuto de Galicia para introducir este sistema, de xeito que recadásemos os tributos todos para despois lle pagar ao Estado unha cota polos servizos desenvolvidos directamente no noso País (policía, defensa, desemprego, xuros da débeda estatal…). Cómpre dicir que Carlos Mella, na altura, xa fora director xeral de Política Económica do Goberno do Estado, profesor de Economía Política da Universidade Complutense de Madrid e alto funcionario en París da OCDE. Ben sabía do que falaba.
Desde os partidos, persoeiros e entidades dependentistas é cotiá a crítica a este sistema dicindo que imos acabar por pedir polas portas, porque seica precisamos da solidariedade do Estado para nos manter. Malia que resulte que, segundo as contas do economista Xosé Díaz, no 2019 recadamos 13.222 M € e só nos devolveron 8.650 M€, xerándonos un déficit de 4.562 M€. Se a cota ou cupo a lle pagar ao Estado se fixase en termos de poboación (somos un 5,4% da estatal) pagaríamos uns 1360 M€ e os galegos gañaríamos para financiar os nosos servizos 3.200 M € (uns 1.183 €/ano por persoa) co que obteríamos un 40 % máis que os actuais 2.846 €/ano, por certo ben inferior ás demais autonomías do Oeste- Asturies, Cantabria, A Rioxa, Estremadura e Castela-León-, coas que seica partilla a Xunta do PP estratexias cara ao financiamento autonómico.
Outra crítica é que -seica- precisamos da caixa de solidariedade do estado para pagar as nosas prestacións contributivas de xubilación e incapacidade. Mais esquecen estes xenios das finanzas que os tributos son cuestión territorial e as pensións cuestión persoal. As prestacións contributivas dependen do que como persoas traballadoras coticemos e as empresas coticen por nós. Sexa na Galicia, for na Alemaña, Suíza, Catalunya ou Euskadi.
Pense vostede que a comunidade de propietarios do seu edificio partille coas doutros oito edificios veciños unha mancomunidade para mercar o gasóleo da calefacción e xestionar espazos comúns a eses edificios. Prefire que a súa comunidade recade as cotas dos seus comuneiros e máis as rendas dos paneis solares do tellado ou que o faga esa mancomunidade?

Vox entra nos gobernos

Núñez Feijóo foi proclamado candidato único á presidencia estatal do PP. E este feito coincidiu no tempo co pacto de goberno entre o PP e Vox para gobernar Castela e León. Con 13 deputados sobre os 44 da maioría absoluta que ambos os dous partidos achegan Vox acadará, da man do PP, a vicepresidencia do goberno rexional e tres das dez consellarías, ademais da presidencia das Cortes (o Parlamento territorial).O pacto foi moi mal recebido polo presidente do PP europeo, Donald Tusk, pois que considera que os extremistas son aliados da francesa Marie Le Pen e do primeiro ministro húngaro Viktor Orban, tradicionais amigos de Vladimir Putin.
O pacto foi acordado polo propio Abascal con Mañueco, presidente popular castelán, polo que Núñez Feijóo non é responsábel no eido xurídico, ao non ser aínda Presidente do PP estatal. Mais todos sabemos que desde o mércores 3-M non se move unha palla na rúa Xénova sen que o aprobe Núñez Feijóo. Xa que logo, é evidente que este pacto tivo de ser aprobado implicitamente polo aínda presidente galego. Mal comezo para un presidente estatal do PP que racha o cordón sanitario que defende o PP europeo para evitar que a extrema dereita continental (tradicional amiga de Putin) marque aínda máis do que xa o fai, a axenda pública nos Estados da Unión Europea. En xeral de calquera botándolle a culpa aos outros. Neste caso ao PSOE por non investir incondicionalmente a Mañueco. Tamén amosou, no seu último debate parlamentario no pazo compostelán do Hórreo, outra destas cualidades (facerlle oposición á oposición), culpando Ana Pontón (BNG) dunha falla de consenso institucional da que só o PPdeG e o PSdeG foron responsábeis, ao substituíren a condea da agresión rusa asumida polos mesmos partidos e o BNG por unanimidade na Deputación coruñesa (ou o acordo unánime do Congreso dos Deputados) por un apoio expreso á NATO inédito nas outras declaracións institucionais das diferentes institucións e Parlamentos europeos.
Coincide a progresiva retirada de Núñez Feijóo das responsabilidades de goberno na Galicia cun prezo da enerxía eléctrica inviábel para a nosa industria, agricultura e gandería. E tamén imposíbel para as economías familiares galegas. Evidentemente Núñez Feijóo non é responsábel nin da guerra de Ucraína nin do desaquelado sistema marxinalista tarifario europeo, mais é certo tamén que nos seus trece anos de goberno sempre desbotou reformas tarifarias tanto deste sistema marxinalista como calquera outra no beneficio da Galicia. Porque cubrimos o 76% das nosas necesidades con enerxías renovábeis e exportamos máis dun terzo da enerxía que producimos sen poder subvencionarmos o consumo das nosas familias e empresas, que pagamos igual ou máis que os consumidores non produtores de Madrid. Asumindo, nós exclusivamente, os custos ambientais e económicos desta sobreprodución.

Galegofalantes nas Asturies

É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.
Velaí que a Real Academia Galega (RAG) cumprise coa súa obriga cando se dirixiu ás autoridades do Principado para que o galego fose recoñecido como lingua oficial na vindeira reforma do Estatuto asturiano, canda á llingua asturiana, falada no resto do Principado, no norte da provincia de León e na vila portuguesa de Miranda do Douro. Propuña a RAG o modelo da lingua occitana en Catalunya, chamada aranés no val de Arán. Na área territorial do val de Arán o occitano é oficial canda o castelán e o catalán, que son oficiais no resto do territorio. Mais as persoas falantes do aranés teñen dereito a se dirixir na devandita lingua ás autoridades da Generalitat, mesmo que estean fóra do val de Arán, por exemplo en Barcelona.
Contra toda evidencia científica, o discurso de determinados elementos asturianistas é negar a galeguidade da lingua falada no occidente astur, que no canto dunha variedade dialectal do galego sería unha fala de transición (eonaviego) hoxe e mañá, a pouco que aprofunden nesa ladaíña acientífica, unha fala máis ou menos conectada coa llingua asturiana. Unha teima semellante -e conexa- á de chamar ría del Eo á que sempre foi na cartografía internacional ría de Ribadeo. Esa galega vila de Ribadeo que constitúe o centro comercial e urbano de referencia para as xentes do Occidente astur, contribuíndo non pouco ao mantemento do galego nese territorio.
Ogallá a cidadanía astur sexa quen de introducir a oficialidade da súa llingua no seu Estatuto. Mais ogallá que as entidades que defenden a llingua deprendan a defendela en cooperación e nunca competición coa lingua galega. Señoras e señores asturianistas, non se trabuquen vostedes de inimigo.
Por certo, que Xunta ten competencias e responsabilidades canto á promoción e ensino do galego na Galicia exterior, consonte cos artigos 35 do noso Estatuto e 21.2 da Lei de Normalización Lingüística. Sabemos que estas competencias se exerceron no Berzo, mais nunca en Asturies. Que fixo ao respecto a Secretaría Xeral de Política Lingüística? É certo que os gobernos do Principado todos rexeitaron introducir o ensino do galego no Occidente astur?

O roubo da luz

A suba xeneralizada a nível do Estado do prezo da electricidade, por mor da nova tarifa no mercado regulado desde o 1 de xuño deste ano, o feito de producirmos na Galicia un 31% de enerxía superavitaria (descontando xa a queda enerxética das térmicas de Meirama-Cerceda (Naturgy) e As Pontes (Endesa)), que exportamos ao resto do sistema estatal sen nos aproveitar de beneficio ningún e maila enxurrada de proxectos eólicos que non compensan nin ao País, nin aos propietarios nin ás comunidades locais polos seus custos ambientais, paisaxísticos e económicos (a produción eólica degrada e ás veces imposibilita a produción agrogandeira na súa área de proximidade) xeraron na Galicia a respecto da electricidade a treboada perfecta.
Velaí que cumpra entender o veto do martes 14-S do PPdeG e do PSdeG á proposta do BNG no Parlamento de Galicia para unha tarifa eléctrica galega que posibilite rebaixar a luz ás nosas persoas consumidoras e empresas (resolvendo o problema gravísimo das nosas industrias electrointensivas) como proba dunha servidume absoluta aos intereses dos aparellos centrais de ambos os dous polos do bipartidismo unionista-dinástico, sinalados polas portas xiratorias de ducias de ex presidentes e ministros do Goberno do Estado que accederon a importantes cargos de administración, xestión ou consultoría das empresas do oligopolio eléctrico. Moito máis chocante se ollamos aos Presidentes castelán-leonés Alfonso F. Mañueco (PP) e aragonés Javier Lambán (PSOE) propor unha tarifa eléctrica que rebaixase a conta da luz para cadansúas rexións como territorios produtores. U-la dignidade política e o patriotismo de Alberto Núñez Feijóo e Gonzalo Caballero?
Mais con ser fulcral para o noso País rematar con esta usurpación económica (facernos producir enerxía asumindo graves custos ambientais e económicos e consumila ao mesmo prezo que os territorios consumidores como Madrid), son esenciais tamén mecanismos fundamentais de reforma do mercado eléctrico, como o control dos prezos das enerxías hidroeléctrica ou nuclear, crear un operador eléctrico público galego ou (como adoita afirmar o presidente de ACOUGA, Manuel Pérez Arias) potenciar a xeración aló onde se consome, para ir reducindo o custo da rede do transporte eléctrico, o input non fiscal máis importante.
As medidas fiscais (rebaixa do 5,1% ao 0,5% do imposto sobre a electricidade, do 21% ao 10% do IVE e a suspensión do imposto de xeración eléctrica) do Goberno do Estado non son abondas. Precisamos dunha reforma global que remate coa pobreza enerxética e permita que Galicia poida desfrutar dunha electricidade máis barata para as nosas familias e empresas.

A nosa vocación atlántica

Galicia carece de política exterior desde que goberna Feijóo e isto fainos máis periféricos e máis irrelevantes, pois que a España do réxime de 1978 alicérzase nun grande hub financeiro, institucional e político na rexión madrileña que baleirou a Meseta e vai camiño de baleirar as periferias peninulares. Madrid desfruta das vantaxes todas do efecto capital, de grandes investimentos públicos e do poder rexional para facer dumping fiscal.
Portugal refugou da rexionalización no 1998, mais arestora o bo facer municipal e institucional do Porto está a compensar parcialmente o centralismo lisboeta-lusitanista, facendo da cidade portuense un emerxente empresarial. Mentres, o país exerce unha gobernanza que abre Portugal aos investimentos empresariais e mellora as prestacións sociais e a calidade da democracia portuguesa. Portugal non quere apostar polo eixo ferroviario Lisboa-Madrid, senón polo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, que constitúe o primeiro repto para as infraestruturas dunha Eurorrexión, que con seis millóns de habitantes amosa unha dimensión acaída para a atracción do coñecemento e do investimento, arredor da área portuense, desde logo, mais apuntando cara a unha área Miño-Vigo que xoga a carreira da nova automoción e á área coruñesa que está a xerar un grande desenvolvemento das TIC desde a dixitalización do Grupo Inditex e outras novas iniciativas TIC das que haberemos falar polo miúdo.
Mais a nosa vocación atlántica non remata na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nin na grande Portugaliza. Euskadi, Bretaña, Poitou, Aquitaine e Castela-León veñen de reclamar a necesidade da conexión dos territorios atlánticos todos ao Corredor europeo de mercadorías como acceso ao conxunto da Unión Europea. Un Corredor que viabilizaría a conversión dos nosos portos no grande hub do Occidente europeo entre Mar do Norte-Canle da Mancha e a nova Canle de Panamá.
Cómpre ollarmos máis cara Portugal e os territorios atlánticos europeos e menos cara Madrid e o seu centripetismo. Velaí, pois, a importancia de iniciativas como a da Rede Mundo Atlántico que vén de nacer, con sede na Coruña, Vigo e o Porto, partillando partenariado coa Associaçâo Empresarial Portuense (AEP), a primeira organización económica de Portugal e cunha tripla vocación: horizontalidade dixital en rede fronte á burocratización xerárquica, independencia dos Poderes políticos e creación de valor.
Precisamos de máis Rede e de máis integración con Portugal e o mundo atlántico e de menos sistemas de Poder nos que un só cerebro sabe e goberna todo.

O mito da Galicia conservadora

Nas eleccións estatais de 1977 o centro-dereita de UCD e AP (precedente do PP) obtivo case un 67% dos votos, reducidos no 1979 ao 62,37%. No 1982 o PSOE obtivo un resultado histórico no Estado (202 sobre 350 deputados, con máis do 48% dos votos), mais na Galicia obtivo o 32,83%, semellante ao 32,17% do 28-A. Nesta conxuntura histórica Galicia marcou toda unha excepción, xa que UCD, AP e CDS achegaban aínda case o 58% dos votos.
A cousa mudou, cos seus altos e baixos, máis ou menos dende as xerais de 2004 e autonómicas do 2005, nas que xa se acadou unha maioría progresista. Marcou un fito nesta evolución continua, neste senso, a crise do Prestige e o fenómeno de mobilización de Nunca Máis.
Nas eleccións estatais deste 28-A os votos das opcións progresistas acadaron no noso País un 54,75 %, fronte o 43,8% dos votos do tripartito de dereitas. Os votos a Vox acadaron só o 5,2%, a porcentaxe máis baixa de todo o Estado logo das de Catalunya, Euskadi e Nafarroa. Mais en Madrid as tres dereitas sobardan o 53,46% (case o 14% para Vox), en Castela e León son o 57,25%, en Castela a Mancha o 55,45% (destes Vox acada o 15,3%),en Aragón o 51,67%, na Estremadura o 50,54%, en Murcia o 61,62% (con Vox a rentes do 19%). Andalucía e o País Valenciano, próximos ao 48,5% dos votos tripartitos ou as Illes Balears e Asturies, cun 45,6% manteñen un voto de dereitas ben máis alto ca o galego, só diminuído nos catro territorios de clara presenza soberanista ou territorial: outravolta Catalunya Euskadi e Nafarroa e máis as Canarias.
Canto á achega do galeguismo político, é indubidábel que os seus 113.500 votos (case 94 mil o BNG, case 18 mil En Marea e uns 2.700 CXG) explican tanto os baixos resultados da extrema dereita como o meirande predominio progresista en comparanza con outros territorios. Mais tamén chama a atención sobre a relevancia relativa acadada polos partidos de esquerda estatal (PSOE e UP). Certo é que a conxuntura do 28-A non será a das autonómicas ou municipais. Mais o galeguismo haberá actualizar a súa mensaxe e alargar a súa base social para lle amosar á cidadanía a súa utilidade para garantir o seu benestar. Será entón cando poida recoller, de xeito estábel no futuro, boa parte dese voto emigrado á esquerda estatal.

Menos mal que nos queda Portugal

A pouco máis de cen kms da raia húmida do Miño, na Gallaecia histórica, a cidade de Porto enfronta un cobizoso programa de desenvolvemento empresarial e anovamento urbano, dirixido por Rui Moreira. Un alcalde que cre na cidade e que soubo alicerzar a súa xestión en apoios amplos e transversais.
Porto constitúe unha contorna atractiva para as empresas tecnolóxicas. Vén de recibir o prestixiado World Excellence Award para a cidade europea máis amiga das startups, é dicir as novas empresas, normalmente do sector das tecnoloxías da información e coñecemento (TIC) que teñen un amplo horizonte de desenvolvemento. Un instrumento fundamental para esta contorna “business friendly” é Scaleup Porto, instrumento público nado no concello que asesora e facilita as xestións aos novos proxectos emprendedores tecnolóxicos, mentres que InvestPorto é o eficaz instrumento de atención aos investimentos inmobiliarios e os que priorizan a base física.
O banco de investimento francés Natixis vén de inagurar o seu centro de competencias tecnolóxicas e da información na cidade irmá, empregando máis de 300 persoas de elevada cualificación, que serán o duplo á fin do 2018. Os franceses fixáronse no Porto polo clima aberto ao investimento e pola existencia de xente nova ben cualificada.
Mentres, na nosa Galicia, Feijóo e o PP promoven reformas lexislativas para facilitar investimentos puramente extractivos de grandes empresas, nomeadamente na minaría, no canto de atraer investimentos tecnolóxicos e de promover as startups. E promoven Asturies e Castela e León como parceiros exteriores no canto de mirar por unha meirande integración na grande Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un espazo de seis millóns de persoas que habería repenicar o pulo expansivo do Porto.
En realidade, ocorre que o alcalde Rui Moreira considera Porto o centro do mundo e o foco da súa atención, mentres é moi dubidoso que o presidente Núñez Feijóo pense o mesmo do país que lle encargou tres veces o seu goberno.
Como adoita dicir o catedrático da USC Rubén Lois, que dirixiu a Administración turística galega entre 2005 e 2009, “no contexto internacional a xente mira para os países e non para as provincias”.