Ferrocarrís, axenda galega e investidura

Outorgada xa a confianza parlamentaria ao candidato socialista como Presidente do Goberno do Estado co voto, entre outros do BNG, comeza a conta atrás para o cumprimento dos acordos do pacto de investidura BNG-PSOE. Hoxe analisamos os compromisos canto á mellora da rede e dos servizos ferroviarios, artellados nun potente Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria de Galicia que, antes da fin desta lexislatura:
i) Implantará un servizo de tren de proximidade (“cercanías”) polo menos nos treitos A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.
ii) Conectará o eixo atlántico A Coruña-Vigo co tren Lisboa-Porto-Valença do Minho a medio da saída sur de Vigo para garantir a operatividade da alta velocidade no eixo ferroviario Galicia-Portugal na contorna de 2030, consonte co proxecto portugués que programa para ese horizonte o remate da liña no seu territorio. Mentres, melloraríase o material e incrementaríanse os servizos na actual liña Vigo-Porto.
iii) Pulará polo Corredor europeo Atlántico de mercadorías,
iv) Modernizará a liña Guillarei-Ourense e do treito Betanzos-Lugo, da liña FEVE Ferrol-Ribadeo, e máis da liña A Coruña-Ferrol, garantindo o comezo das obras de execución do by-pass de Betanzos antes da fin da lexislatura.
v) Recuperará o nível de servizos prepandemia e estudará a necesidade do seu incremento no futuro.
Malia o cobizoso deste Plan, a experiencia histórica aconsella sermos escépticos diante dos compromisos que con Galicia asumen as forzas do bipartidismo dinástico PP-PSOE. É de xeral coñecemento que o PSOE é moi áxil para negociar e asinar acordos e, pola contra, adoita ir moi amodiño para cumprilos. Que este pacto de investidura constitúa unha excepción exitosa vai depender de dous factores que mesmo poderían actuar conxunta e acumulativamente.
O primeiro destes factores será a dinámica especial desta lexislatura. No pacto devandito prevese unha Comisión de Seguimento BNG-PSOE que haberá de se reunir cada cuadrimestre ou cando calquera dos partidos o requira para avaliar os progresos na execución do pactado. A esta garantía engádeselle a moi probábel necesidade do concurso dos votos todos do pacto de investidura para a aprobación dos vindeiros e sucesivos Orzamentos Xerais do Estado, onde se terán de concretar cadanseus asignamentos de recursos para pór en vigor este Plan galego de Modernización ferroviaria. O PSOE, desta vez, non pode recuar para tentar o apoio do PP e precisa respectar os pactos asinados cos seus socios de investidura.
O segundo factor é a decisión certa do PSOE de apostar por unha remuda á fronte da Xunta de Galicia logo das nosas eleccións nacionais de 2024. Desde as eleccións nacionais de 2005 a dirección federal do PSOE e a feble organización galega do PSdeG non coincidían tanto nun candidato viábel como na necesidade do concurso dual e cooperativo de BNG e PSOE (semella que con certa preeminencia dos soberanistas) para que agrome, por fin, a alternancia en San Caetano logo de 15 anos de goberno da dereita.

A axenda galega: as infraestruturas ferroviarias

Cómpre continuarmos a debullar a fenda de oportunidade que a conxuntura política actual xerou a prol da axenda galega. Falamos xa de financiamento autonómico e de autogoberno e agora correspóndelle a quenda ás infraestruturas ferroviarias. Velaí as prioridades:
1.- A conexión galega co Corredor europeo atlántico de mercadorías.
Ten dito Ana Pontón (BNG), xefa galega da oposición, que “quen non estea nas redes europeas de transporte será un cero á esquerda”. Porque en verdade quen non estea conectado á rede transeuropea de transportes, que integra nove corredores para o transporte de mercadorías e persoas, non existirá. É dicir, os portos da Coruña, Ferrol ou Vigo non existirán na Europa, malia o esforzo investidor das últimas décadas, se non acadamos este fulcral obxectivo conectando con León a medio do hub de Monforte de Lemos. A UE esixe o largo de vía europeo e máis o sistema europeo de seguranza ERTMS (que tería evitado o accidente de Compostela no 2013). Galicia pode contar aquí coa alianza con Euskadi, Aquitania, Bretaña, Asturies e Cantabria nunha aposta esencial polo noso futuro.
2.- A alta velocidade con Portugal.
Portugal desbota a conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid e prioriza a liña Lisboa-Porto-Braga-Valença-Galicia, que quere rematar cara o 2030. Até de agora Pedro Sánchez, sen desbotar frontalmente esta opción, defendía, canda o Madrid económico e demais elementos do deep state, a conexión Lisboa-Madrid. O Estado español ten de facer moi pouco nestes seis ou sete anos. Só 25 kms da saída sur de Vigo e 2,5 kms da parte que lle cómpre da nova ponte sobre o Miño. Arestora seica xa se está a redactar polos seus adxudicatarios o estudo informativo da devandita saída sur.
O espazo urbano entre Ferrolterra-Ortegal e Sétubal, con máis de dez millóns de habitantes, é dos tres máis poboados do Estado, canda o mediterráneo e o da rexión de Madrid. A integración deste espazo a medio da alta velocidade e a conexión dos portos da súa longa costa racharán o seu actual carácter semiperiférico no contexto europeo.
3.- Eixo Ourense-Monforte-Lugo.
A conexión ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo é moi importante para garantir a vertebración da Galicia interior tanto no que atinxe ás persoas viaxeiras canto ás mercadorías. Constitúe, ademais, unha infraestrutura complementaria e totalmente compatíbel co corredor europeo atlántico.
4.- Conexión A Coruña-Betanzos-Ferrol e liña Ferrol-Ribadeo
A área urbana de Ferrol precisa da súa conexión á alta velocidade que remata na Coruña e o seu porto da súa integración co Corredor atlántico europeo. Canto á conexión ferroviaria da costa norte (Ferrol-Ribadeo, actualmente incomunicada de feito pola catástrofe do servizo de FEVE) constitúe unha aposta de futuro esixida polo dinamismo da economía destas bisbarras e a súa vocación transcantábrica.