A Santa Alianza unionista

Confésolles o meu absoluto abraio. Eu pensaba que nestes tempos de pandemia o importante era a saúde individual e colectiva, como único vieiro posíbel cara a reconstrución económica. Pensaba tamén que sen garantir o dereito á saúde non se podía garantir o dereito de voto e de participación política. O Decreto do Govern suspendendo as eleccións do 14-F tiña como precedentes os Decretos da Xunta de Galicia e do Goberno vasco suspendendo cadansúas eleccións nacionais e, malia ser inédito -como tantas cousas- na historia electoral, constituía a única ferramenta para garantir os dereitos fundamentais á vida e á saúde e o dereito de participación política.
Mais estáballes trabucado, porque non había tal. O importante seica é a unidade de España, dogma teolóxico ao que todos os partidos unionistas e elementos do Deep State supeditan os dereitos dos cidadáns á saúde, a votar e, xa que logo, a votar con garantías sanitarias. Velaí que fose obrigado suspender o Decreto do Govern porque o Tribunal Superior de Catalunya (como teño dito, unha peza do sistema xudicial español, non integrada no Poder autonómo catalán) considera que votar o 14-F presenta un interese estatal “intenso”. Eleccións si ou si, polo civil e polo militar. E se non queres caldo dúas cuncas.
O meu erro chegaba tamén a pensar que non era lóxica en plena pandemia a demisión do Ministro de Sanidade para se presentar ás eleccións, cando o vacinamento está a se desenvolver con problemas e só o Estado ten voz e voto na Unión Europea que merca as nosas vacinas. Mais seica non era así, porque Salvador Illa era o candidato elixido non só polo PSC e os Comúns, senón pola propia Vox, que xa anunciara polo seu voceiro estatal o seu voto por Illa cando aínda non se emitira nin o primeiro voto por correo. Velaí outro erro meu, pensaba que a esquerda estatal que dirixe o Goberno do Estado era incompatíbel coa dereita estatal por ese mantra que tantas veces repiten dicindo que o importante é o social. Pois non, todos a votar Illa como todos votaron Colau no seu intre. E saben por que? Porque o importante para as forzas unionistas non é nin o social, nin a saúde nin a calidade democrática do sufraxio. O importante é a unidade de España, dogma teolóxico unionista a xeito do dogma católico da Santísima Trindade.
Esta Santa Alianza unionista arredor da solución Illa é posíbel na teoría porque o Goberno do Estado non fixo absolutamente nada nin por achegar unha solución á radical inxustiza da existencia dos presos políticos cataláns. Nin baseada no dereito de graza nin baseada na despenalización do delicto de sedición, inexistente nos Códigos penais das democracias europeas. Velaí que nin Garriga nin Abascal, nin Alejandro Fernández nin Casado, nin Carrizosa nin Arrimadas teñan ningún problema, se se lles dá a oportunidade, en elixir cos votos dos deputados a Salvador Illa, o candidato do PSOE de Sánchez, que é quen manda de verdade no PSC.
Se a cidadanía catalá, malia todo, rexeita esta Santa Alianza unionista o 14-F cal será a seguinte xogada do Deep State? Seguirá a ser a esquerda española o lado convexo do lado cóncavo da dereita española?

A resposta galega

Analisábamos hai poucos días a absoluta irresponsabilidade e falla de utilidade da esquerda española. Velaí a maioría progresista dende decembro de 2015 que non foi quen nin de derrogar a lei “mordaza”, nin a grave restrición da autonomía local da Lei de modernización dos gobernos locais nin a recentralizacion e xentrificación da educación da Lei Wert.
Arestora ficou claro dabondo. Como cantaban os nosos veciños asturianos Los Berrones, a esquerda española (PSOE e UP, que na Galicia se presenta baixo a bifronte fórmula Tone Gómez-Reino/Yolanda Díaz como Galicia en Común) nin sabe, nin vale, nin quere. Como vén de escribir o noso notábel economista e literato Marcelino Fernández Mallo, a inoperante esquerda española emite a mensaxe da súa incapacidade de acordo para gobernar, amosando que esta función no Estado só a pode desenvolver o bloque da dereita tripartita. Unha dereita tripartita hoxe en día minoritaria na contaxe dos votos estatais por mor da súa relativa derrota na Galicia, Euskadi, Nafarroa, Catalunya, País Valencià, Illes Balears ou Canarias, mais que podería gañar en novembro no conxunto do Estado dacabalo da previsíbel desmobilización do electorado progresista e da xa evidente desaceleración económica.
No contexto moi probábel da volta ás urnas, a inutilidade e irresponsabilidade da esquerda española e máis a desmobilización do seu electorado abriríanlle unha pequena fiestra de oportunidade ao galeguismo para se presentar como a alternativa útil e recuperar a súa presenza no Congreso estatal. Para iso precisa de unidade, de intelixencia e de xenerosidade. Os resultados electorais do 28-A definiron neste eido unha nidia hexemonía do BNG e, ao mellor, deixaron fóra de xogo aquela coalición nacional á corsa que constituía a solución acaída para gañar a representación na última primavera. Mais, de calquera xeito, a fronte soberanista habería de se decatar que precisa da achega dos milleiros de soberanistas que habitan alén dos seus muros. E eses milleiros nos que, polo menos para concorrer ás eleccións estatais, o BNG ha xogar un rol central, malia que non exclusivo nin excluínte.
Para poder acadar os votos precisos, ilusionando onde a esquerda española desilusionou, o soberanismo habería definir unha mensaxe clara e sinxela, que fose quen de sumar e seducir ducias de milleiros. Mensaxe alicerzada na defensa dos intereses económicos galegos e das políticas sociais a prol das maiorías, na restauración das liberdades e mellora da calidade democrática e institucional e na reversión da recentralización para acadarmos máis autogoberno, máis e mellor financiamento autonómico e, xa que logo, máis benestar.

Votar axenda galega

A axenda galega está desaparecida da campaña, cando o que precisamos é poñela de diante, como van facer os vascos do PNV ou os valencianos de Compromís cos intereses de cadanseus países.
Galicia non ten nin tivo nunca Gobernos amigos. Galicia ten intereses. Cómpre, pois, defendelos aos partidos soberanos galegos. Porque tanto o tripartito da Santa Alianza como PSOE e Unidas Podemos atenden outros intereses, nunca os dun país que só representa pouco máis do 5 % dos votos e do PIB estatal.
Enténdanme ben. Non quero ser equidistante entre o moi malo e o simplesmente ruín. O PP de Casado e os seus dous socios do tripartito de extrema dereita queren botar fóra a lingua galega da vida pública e ameazan directamente o noso autogoberno cunha agresiva recentralización. Unha recentralización que só nos empobrecerá, porque Galicia ten alicerces económicos que para o Estado son prescindìbeis. Ten intereses moi propios e determinados que só dende un alto grao de autogoberno e de capacidade de condicionar as decisións do Estado poden ser defendidos. Para máis, xa me contarán o que nos interesan neste país os debates da tauromaquia, da caza maior ou do muro de Ceuta.
Mais tamén o PSOE e Unidas Podemos (UP) xa nos demostraron o que lles importa este país, pactando os peores Orzamentos para Galicia dos últimos dezaseis anos. O PSOE demostra aberto desleixo a respecto de cuestións esenciais da nosa axenda galega, como as axudas á industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica, Megasa…) ou a transferencia da AP-9. Non, a esquerda estatal de Pedro S. e Pablo I. non amaña nada. Nen sequera saben tecer alianzas coas forzas territoriais para frear o tripartito da extrema dereita.
Esta era a ocasión de enxergar con perspectiva, converxendo electoralmente BNG e En Marea na roga que lles ofertou CXG. Unha necesidade que tamén observou a antiga deputada Alexandra Fernández. Mais non puido ser e foi erro de todos. Malia que non era doado, tendo en conta as feridas do próximo pasado e tamén a propia diverxencia dos actores políticos sobre o alcance e natureza dunha tal converxencia. Agora xa está. Deus nos libre dun xa foi. Despois deste ciclo electoral cumprirá construír o que é preciso e urxente.
Porén, a falla desta unidade galega non nos impide o voto máis útil para nós e os nosos. Votar polas cousas importantes, polas cousas de comer. Votar axenda galega, votando a opción das que deciden dende aquí máis acaída á nosa escolla.

A utilidade e centralidade do PNV

Artigo publicado na Revista Luzes o 13 de abril de 2019. A versión orixinal pode verse aquí.

Montouse un bo balbordo en Madrid (en Madrid montan seguido balbordo por toda idea ou acción política distinta do máis pechado centralismo) a conta do apoio do PNV e EH-Bildu, na Deputación Permanente do Congreso, aos Decretos-Leis aprobados polo Goberno do Estado o penúltimo venres. Non sei que mal terá o apoio dunha coalición como EH-Bildu (que, porén, contribuíu causar a caída do Goberno Sánchez por votar canda o PP e Cs e moitos outros contra o proxecto de Orzamentos estatais para 2019), plenamente legal e cinguida ao uso de medios democráticos e da que fan parte partidos tan ferreños historicamente na súa loita contra o terrorismo como Eusko Alkartasuna ou Aralar. Euskadi hoxe en día vive en paz, mais semella que algúns persoeiros da dereita española botan faltar o tempo da violencia.
Canto ao PNV, cómpre darlle os parabéns pola súa alongada traxectoria de utilidade e centralidade para Euskadi. Porque é un dos partidos europeos (canda o Scottish National Party escocés) que opera dende o interclasismo e a centralidade tanto defendendo os intereses dos empresarios como os dos traballadores (a central sindical ELA-STV defínese independente, mais partilla ideoloxía cos nacionalistas jeltzales), o que por certo lle xera importantes tensións que adoita ser quen a resolver. Porque non ten outro norte ca a defensa dos intereses do seu País. Por exemplo, despois do apoio de mediados de maio de 2018 aos Orzamentos do PP, é público e notorio como o lehendakari Urkullu e máis o voceiro no Congreso, Aitor Esteban, canda outros sectores máis vencellados ao mundo empresarial, dubidaban a respecto do voto fronte á moción de censura do PSOE. A decisión foi, como todas, adoptada no máximo órgano entre Asembleas, o Euskadi Buru Batzar, non certamente en Ajuria Enea, nin nos despachos da Gran Vía bilbaína ou nas casas de Neguri. A decisión a prol da moción de censura xurdiu das bases do partido, das xuntas locais, que lle manifestaban aos seus dirixentes da sede bilbaitarra de Sabín Etxea que non poderían presentarse diante de cadansúas veciñanzas se non aproveitaban a ocasión para mandar o corrupto PP á casa.
Neste senso, é ben chocante o esforzo da prensa madrileña por lle atribuír ao PNV un suposto xorne dereitista. O PNV é a día de hoxe un partido con dúas almas, a centrista e a socialdemócrata, ben afastado da súa antiga tradición demócrata cristiá para se definir no marco dun humanismo plenamente leigo. Un partido que goberna Euskadi dende 1979 (agás a paréntese de 2009-2012) e que achega para un 4% da poboación estatal máis do 20% das prestacións estatais en rendas de emerxencia e para a inclusión social.
Os que tivemos ocasión de representar este país nunha negociación co Estado sabemos a dificultade desta caste de negociacións. Para avanzar na afirmación dos intereses galegos ou vascos cómpre coller aos representantes do Estado coa garda baixa, como colleu Anxo Quintana a Zapatero en novembro de 2007 e no verán-outono de 2008. A historia da transición, dende a aprobación dos Estatutos de Autonomía das nacións do Galeuscat é a historia da continua recentralización, agás os pequenos períodos nos que o Goberno do Estado precisa os teus votos. Períodos que posibilitaron avances tan importantes (e non só para cataláns, vascos ou galegos) como a supresión dos Gobernos Civís, a supresión da mili ou avances substanciais no recoñecemento dos dereitos dos traballadores autónomos.
O PNV defende os intereses vascos, mais tamén defende o cumprimento da Constitución e do bloque de constitucionalidade, do que fai parte o Estatuto de Autonomía de Euskadi, como o galego. Estatutos ambos os dous incumpridos polo Estado dende cadansúa aprobación, hai hoxe 40 e 38 anos, pois que o Estado retén os medios financeiros, técnicos e humanos precisos para exercer competencias estatutariamente autonómicas. Medios que haberían estar traspasados hai tempo. Proben a dicirlle a un cidadán de Escocia ou California que en Madrid os partidos da Santa Alianza tripartita de extrema dereita renegan do PNV por obter no marco dunha negociación política o simple cumprimento da legalidade constitucional. I definitely don´t understand anything, dirá.
Tamén é verdade que o PNV obtivo en só seis meses outra caste de avances importantes tanto do Goberno Rajoy canto do Goberno Sánchez. Velaí a moi vantaxosa liquidación quinquenal da cota que lle ten que pagar ao Goberno do Estado polos servizos que este lle segue a prestar á cidadanía vasca, así como a garantía dos investimentos da V vasca da alta velocidade ferroviaria e, sobre todo, a exclusión da rede de alta tensión de 35 kv de Iberdrola da tarifa b2, aplicábel por normativa ditada ad hoc polo Goberno de Sánchez no último outubro só para as instalacións de menos de 36 kv (de primeiras pensábase para as instalación de máis de 30 kv). Axuda para a competitividade da industria vasca que lle valeu a esta 120 M€.
Mentres, Galicia vive con anguria o desleixo das cinco forzas estatais na defensa dos intereses propios: a transferencia da AP-9 (mentres Euskadi obtivo a da AP-68, como noutrora a da A-1), os 90 M€ que precisa a nosa industria electrointensiva para ser viábel, a transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral ou a viabilización do noso sector lácteo.
Precisamos dunha ferramenta útil e transversal como o PNV e non a temos. A coalición nacional galega para o 28-A non foi posíbel. Agardemos que, despois desa data, os líderes de En Marea, BNG e CXG escoiten á cidadanía e enxerguen antes ca nada os intereses do País. Un País que non ha mirar por Gobernos amigos nin inimigos, senón polos seus intereses, como expresión do dereito ao benestar da súa cidadanía.
Mais outra volta perdemos unha oportunidade. Agora os políticos galegos teñen que crear outra, non sabemos se aínda en condicións peores.

A España do NODO

A demostración deste domingo en Madrid, organizada polo tripartito da Santa Alianza das dereitas, xuntou ben menos xente da prevista polos seus organizadores, moita menos que a acadada polo PP contra a lei do aborto ou o matrimonio homosexual no 2004-2006. A Delegación do Goberno falou de 45.000. Moita xente, mais moita menos da precisa para deslexitimar un Goberno ou unha política.
Moitas máis persoas, en comparanza (Galicia achega só un 5% da poboación estatal) xuntaron as organizacións en defensa da sanidade pública galega na demostración que á mesma hora decorreu as rúas compostelás co apoio das forzas parlamentarias da oposición galega: En Marea, PSdeG e BNG. O presidente Feijoo amosou o seu absoluto desnortamento modificando a súa axenda para ir quitar a Madrid unha foto cos da Falanxe e Vox no canto de enfrontar á emenda á totalidade que a Galicia do progreso e da cohesión social lle estaba a facer entre a Alameda e a Quintana da capital do noso país.
O que vimos en Madrid foi a España reaccionaria, a que quere voltar á idea dunha nación única, dun único matrimonio heterosexual, das mulleres sometidas e dos homosexuais perseguidos. Axenda á que se lle incorpora á persecución dos migrantes e da cidadanía que cuestione esa España da nación, lingua e cultura únicas, a España do “a por ellos”. Unha España que reaxiu co discurso parcial e desaquelado do Xefe do Estado do 3-Ou de 2017.
Porén, faría mal a Galicia plural da alternativa en desprezar os efectos da demostración madrileña por mor do seu limitado apoio popular. Porque esta é unha enxurrada con moitos apoios mediáticos e de sectores ben abastados económicamente, que fai parte dunha ondada reaccionaria xurdida en Hungría, Polonia, USA e, agora, Brasil e Italia, e que tenta que ollemos máis ao dedo da inmigración, do soberanismo ou dos diferentes que á lúa das desigualdades sociais e dos recortes.
Pedro Sánchez amosou estes días que a esquerda española sempre lle merca o relato territorial da España unha, grande e libre á dereita. Mais agora, poucos días antes do debate de totalidade dos Orzamentos estatais, xa sabe da limitada forza da dereita extrema tripartita e do reactivamento que esta enxurrada reaccionaria da España do NODO xerou nas nacionalidades e territorios periféricos e está a xerar nalgúns sectores da esquerda española.

Vantaxes da mediación

A cidadanía coruñesa vén de coñecer de xeito moi directo as vantaxes da mediación. No 1997 o Goberno local de Paco Vázquez outorgoulle a Fadesa unha licenza para construír un edificio na antiga sede da eléctrica galega. A licenza era ilegal e así foi declarado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Executar a sentenza determinaba derrubar o edificio todo e botar á rúa centos de familias. O Concello coruñés ofreceulle ao recorrente e á Comunidade de Propietarios do edificio unha mediación, que desenvolveu o antigo Presidente do Tribunal Supremo, Pascual Sala. Derrubar custaría en indemnizacións e custos materiais uns 60 M€, que arruinarían o concello. A mediación garantiu a vivenda das familias atinxidas e un novo edificio de 50 vivendas de protección autonómica que será promovido polo concello. Velaí solucións a problemas que evitan o dano que xera a aplicación rigorosísima da lei. Agora o que cómpre é pedirlle responsabilidades económicas ás persoas responsábeis da licenza ilegal de 1997.
Pola súa banda, a mediación política soluciona conflitos porque é quen de enfrontalos sen apriorismos nin prexuízos, recoñecendo o terreo para determinaren as posicións, pretensións e posibilidades de cada unha das partes, avanzar explorando as posicións comúns e avaliando as diferenzas, para aproximar as partes cara a solucións imaxinativas que supoñan vantaxes para cada unha das mesmas.
Houbo mediación para acadar os acordos do Venres Santo de 1998 que pacificaron Irlanda. Aznar e González usaron da mediación para tentar pór remate á violencia de ETA e Zapatero usouna para acadar a fin da mesma. Rajoy e Puigdemont relacionáronse a través do lehendakari Urkullu como mediador despois do referéndum catalán do 1-O.
Velaí que hoxe máis ca nunca a cuestión catalá precisa dunha mediación, mellor ben afastada das partes en litixio, como o estaba Pascual Sala dos actores do conflito coruñés. No caso catalán, refugar a mediación é optar, como fai a extremista Santa Alianza da dereita tripartita española, polo conflito, pola represión e polo cárcere.
Pedro Sánchez adoptou a peor decisión. Despois de alporizar ao nacionalismo extremista español, amosoulle ao conxunto de forzas progresistas e soberanistas o seu medo fronte a esa Santa Alianza, rachando un diálogo ao que está constitucional e politicamente obrigado e suprimindo a posibilidade de mediación no conflito catalán.

Autogoberno fronte á recentralización

O Parlamento do país vén de aprobar por unanimidade unha resolución proposta polo BNG para lle reclamar ao Estado a convocatoria da Comisión mixta de transferencias que aprobe o traspaso a Galicia dos medios e servizos precisos para completar o teito competencial do Estatuto.
Calquera persoa canadiana, suíza ou australiana ficaría pampa se lle contasen que o Parlamento dun país reclame (36 anos despois!) que se cumpra o Estatuto, que fai parte esencial da normativa constitucional do Estado. E máis pampa ficaría se lle contasen que Núñez Feijóo leva gobernando dez anos sen que reclamase as competencias estatutarias pendentes de transferir. Máis aínda cando o pasado vicepresidente Anxo Quintana entregoulle en abril de 2009 practicamente pechados os traspasos dos museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados pola Xunta), inspección de traballo e bolsas e axudas ao estudo, así como a creación dun órgano paritario na Comisión Bilateral Xunta-Estado para controlar dende Galicia a efectiva execución dos investimentos consignados nos Orzamentos estatais.
Mais na política cómpre sermos pragmáticos. E, cando o PP de Casado pide recentralizar as competencias de sanidade, educación, xustiza e seguridade cidadá, seguindo o ronsel da extrema dereita española, que o PPdeG defenda o limitado autogoberno acadado no Estatuto ten unha importancia fulcral. De certo que Núñez Feijóo tivo en conta a heteroxeneidade da súa base electoral e as enquisas que todos os anos demostran que as propostas pola supresión das autonomías ou pola recentralización amputadora do autogoberno son absolutamente minoritarias na Galicia.
Desculparán os meus lectores cotiáns que repita os argumentos, mais cómpre mallar nesta verdade fáctica: este país achega menos do 6% do PIB e poboación estatais e depende de alicerces económicos que son para España prescindíbeis, polo que a única ferramenta que garante o noso benestar é o autogoberno. Velaí que este acordo parlamentario habería constituír un fito referencial para desenvolver unha e outra vez unha pedagoxía social e cívica que demostre e comunique que para Galicia, para as nosas familias, veciños e amizades, as propostas recentralizadoras do tripartito da Santa Alianza da dereita extrema só achegarán máis dependencia, máis emigración, máis desigualdade, menos benestar, menos liberdade e máis pobreza.

A Santa Alianza

Despois da era napoleónica, hai uns 200 anos, as monarquías absolutas de Francia, Austria-Hungría, Rusia e Prusia formaron a Santa Alianza para reprimir calquera revolución liberal e democrática na Europa, como fixeron coa española de 1820-1823. Hoxe en día, PP, Cs e Vox, tres partidos distintos nun único Aznar verdadeiro, veñen de amosar o seu concerto extremodereitista na axenda política na Andalucía. Antón Losada, brillante como adoito, vén de bautizar esta unión como a Santa Alianza. Os que queren voltar “a lo que siempre fue España”, a un suposto ponto cero anterior ás limitadas cesións a prol dos dereitos fundamentais das persoas e dos dereitos nacionais de Galicia que se artellaron a medio do proceso de xénese, adopción e desenvolvemento posterior da Constitución de 1978 e do Estatuto de Galicia de 1981. Voltarmos, cando mellor, ao tardofranquismo.
Unha recente enquisa amosa que a Santa Alianza podería acadar por maioría absoluta os concellos todos das capitais de provincia españolas, agás os cataláns, vasconavarros, galegos e canarios, canda algunha outra. Albíscase, entón, que as cousas no noso país poden ser distintas ás do resto do Estado. Un consolo temporal e limitado, tendo en conta o poder real que desenvolve España sobre Galicia, multiplicado pola mutación constitucional recentralizadora no social, económico e político desenvolvida nestes últimos anos. Ademais da xa perceptíbel presenza do discurso de Vox en sectores minoritarios da burguesía máis tradicional da Coruña e Vigo.
Repenicará Núñez Feijóo a axenda recentralizadora, antiinmigración, antifeminista e eurófoba da Santa Alianza? As primarias do PP no pasado verán manifestaron unha clara maioría de votos nas circunscricións de Lugo e Ourense contra Casado. Por outra banda, malia que Núñez Feijóo liquidou grande parte dos sinais de galeguidade do PPdeG de Xosé Cuíña, segue a existir unha corrente, quizais xa minoritaria, no PPdeG que entende Galicia dende níveis de afecto e singularidade.
Veremos, na vindeira convención estatal do PP, se Alberto Núñez Feijóo se adhire á Santa Alianza. Sería unha moi mala nova. Mais activará, de seguro, procesos de traslación de voto cara a opcións que entendan a galeguidade. Porque a axenda contra o autogoberno galego de Vox e Cs que agora asume Casado só traería máis pobreza, máis dependencia e moito menos benestar e crecemento para Galicia.