90 anos do recoñecemento da Galicia como nación europea

O 18 deste mes cúmprense 90 anos do recoñecemento da Galicia como nación europea polo IX Congreso das Nacionalidades Europeas, organismo adscrito á Liga das Nacións (SDN), precedente da actual ONU. A delegación galega estaba integrada por Plácido Castro, secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista (PG) e presentou a súa candidatura considerando que “…Galicia é unha nación ben definida que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España..” e afirmando “…o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo”.
Cómpre recoñecermos que a asunción pola Liga das Nacións desta nosa cualidade nacional baseouse no intelixente traballo de relacións internacionais desenvolvido polo PG e por Plácido Castro, sendo o primeiro froito obtido pola colaboración estratéxica de Galicia, Euskadi e Catalunya desenvolvida por Galeuzca, pacto asinado en Compostela o Día da Patria dese mesmo 1933 no local do Seminario de Estudos Galegos (que este 2023 celebra tamén o seu centenario) entre o PG, Ultreya, PNV, ERC, os soberanistas vascos de centro-esquerda da ANV, os democristiáns cataláns da UDC, a Acciò Catalana Republicana (ACR) e a organización cívica catalá Palestra. A axuda de vascos e cataláns, neste senso, foi fulcral para o rápido recoñecemento nacional de Galicia pola SDN.
O precedente deste primeiro Galeuzca é a Tripla Alianza, que cumprirá tamén cen anos na vindeira Diada do 11-S, reivindicadora da plena soberanía das tres nacións (fronte á ampla autonomía no marco da Constitución republicana de 1931 reivindicada pola Galeuzca de 1933) e que tivo unha moi curta vida por mor do golpe de Estado de Primo de Rivera do 13-S daquel 1923.
A seguinte xeira de Galeuzca (1943-1946) vai facer posíbel un traballo conxunto que permitirá a constitución do Consello de Galiza presidido por Castelao (novembro 1944), como órgano fiduciario da vontade da cidadanía galega manifestada na elección parlamentaria de febreiro de 1936 e na amplísima aprobación estatutaria no plebiscito do 28-X de 1936. Unha actuación que determinará a aprobación daquel Estatuto de Galicia nas Cortes de México (1945) e máis a incorporación de Castelao como ministro representante da Galicia (e non só do PG) ao Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
Esta decisión plebiscitaria de 1936, o recoñecemento europeo e máis a hábil acción política do galeguismo político deses anos explica que a Disposición Transitoria Segunda da Constitución de 1978 facilitase o acceso inmediato ao máximo nível de autogoberno de Galicia, canda Euskadi e Catalunya e a súa definición como nacionalidade no vixente Estatuto. Mais tamén facilita, cara ao presente e próximo futuro, a apelación que vén de facer o lehendakari Urkullu ao noso dereito de decidir, como comunidade nacional previa á Constitución, na aplicación do principio democrático.

“O que máis mira é o que menos ve”. A identidade e o autogoberno galegos no pensamento de Salvador de Madariaga

Artigo publicado no número 2 da segunda época da Revista do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, correspondente ao 2021. Pode descargarse aquí, ou lerse a continuación:

Os dereitos das minorías nacionais

Hai agora 87 anos, o 18 de setembro de 1933, Galicia foi recoñecida como nación polo IX Congreso de Nacións sen Estado e Minorías Nacionais da Liga das Nacións (SDN), precedente da ONU. Foi fulcral a intervención de Plácido Castro, secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista (PG) e o apoio das entidades políticas e sociais catalás e vascas que xa partillaban, desde os primeiros anos 20 do século XX, este Grupo de Traballo da SDN. Este organismo da SDN tendía nomeadamente a recoñecer o dereito ao autogoberno, á plena igualdade de dereitos civís e políticos e á xusta representación política destas nacións sen Estado e minorías nacionais, definindo amplos acordos que fixesen posíbel a convivencia plurinacional en varios Estados europeos.
Hai poucos días, o xoves 17-S, o avogado Gonzalo Boye apelou á consideración de Catalunya como minoría nacional para alicerzar o seu recurso de casación perante o Tribunal Supremo contra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) que condenou o seu cliente, o president Torra a unha pena de inhabilitación para o seu cargo por non ter cumprido o mandato da Xunta Electoral Central (XEC) de tirar da fachada do Pazo da Generalitat unha lazada amarela, expresión de solidariedade cos presos políticos soberanistas cataláns, nos días da campaña das eleccións estatais de abril de 2019.
A apelación ao concepto de minoría nacional é bastante novidosa a respecto da tradición dos nacionalismos catalán, vasco e galego, sempre defensores dun concepto de nación (respectando a pluralidade interna) con dereito á súa libre determinación, consonte co Dereito Internacional (artigo 1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos), a doutrina da ONU e da SDN. Mais é moi eficiente en termos do Dereito Internacional e do Dereito da Unión Europea, nomeadamente no eido dos dereitos fundamentais. O artigo 2 do Tratado da Unión Europea alicerza esta no respecto dos dereitos das persoas, mais tamén nos das minorías.
No caso de Catalunya o seu president foi condenado por incumprir unha orde arbitraria da Administración electoral, pois que a lazada amarela non constituía ningunha violación do principio de neutralidade institucional, senón un simple exercicio da liberdade de expresión de propostas humanitarias (a liberdade dos presos políticos). Os presos políticos sofriron un proceso cheo de irregularidades, mesmo desenvolvido por un Tribunal incompetente por razón do foro persoal dos atinxidos. Ao president Puigdemont e outros dous eurodeputados de JuntsxCat, elixidos polos votos da minoría nacional catalá, foilles impedido temporalmente polo Estado español o acceso ao Parlamento Europeo.
A apelación aos dereitos das minorías nacionais mesmo constitúe un grande reforzo do dereito a decidir de Catalunya, do seu dereito de libre decisión. Porque, consonte coa doutrina da ONU e coa expresada pola Unión Europea no 1991 (a respecto da declaración de independencia das repúblicas bálticas), os pobos non suxeitos a colonización tamén son titulares deste dereito a decidir. E, diante dunha vulneración repetida dos dereitos fundamentais de grupos ou sectores sociais e políticos da minoría nacional, mesmo o exercicio deste dereito habería ser titoriado pola mesma UE e pola mesma ONU, dacordo coa doutrina que teñen decidido e ratificado até a data.