O castelán non precisa defensa ningunha

Cando Núñez Feijóo acadou outra maioría absoluta este verán, moitas das análises de fóra da Galicia, mesmo non poucas de medios cataláns e vascos, sinalaban como unha das chaves a suposta priorización do país sobre a sinaléctica PP (“Galicia, Galicia, Galicia”) e máis unha mensaxe aparentemente afastada do mainstream españolista do PP madrileño, de Vox e de Cs, verbalizando sen maiores compromisos reais un esvaído discurso de aceptación do galego como parte do patrimonio da galeguidade. Velaí que estrañase, desde esa caste de enfoques, a chocante agresividade do presidente galego fronte á solución lexislativa pactada no Congreso que permite a cada Administración autonómica a escolla da súa lingua vehicular, suprimindo a obriga do castelán para todo o Estado que impuxera a Lei Wert, aprobada só cos votos do PP na lexislatura 2012-2016.
Analisada no contexto político actual, a actitude de Feijóo é chocante. A emenda aprobada no Congreso non lle impón á Administración galega ningunha solución. O que lle da é máis marxe de manobra. Pode ir cara a un sistema de inmersión lingüística, mais tamén pode seguir co fracasado modelo actual. Por outra banda, o castelán é omnipresente e non precisa de protección ningunha, fronte ao galego, que se atopa nunha grave situación de minorización, xerada en boa parte polas restricións normativas estatais e autonómicas ao seu pleno status de oficialidade. De feito, o Consello de Europa ten denunciado o incumprimento da legalidade europea (“Carta Europea das Linguas”) por parte da Xunta, que veta na práctica o galego no ensino infantil e prohíbe dar aulas de matemáticas, física e química en galego.
Xa que logo, neste contexto, a actitude de Núñez Feijóo afástao dos políticos moderados e útiles, que tentan xerar inclusión e cohesión social, como Urkullu ou os mesmos populares Pedro Puy e Xesús Palmou, e achégao aos políticos dos excesos verbais, que xeran división social e non achegan solucións, como Abascal, Rosa Díaz ou Toni Cantó.
A actitude contra o galego de Feijóo enténdese, porén, en clave de distraer a atención da xestión sanitaria que está a desenvolver a Xunta. Porque nesta segunda ondada da pandemia, Galicia ten ampla autonomía para desenvolver as súas solucións e botarlle as culpas ao Goberno do Estado xa non é a solución válida para todas as situacións. A evolución epidemiolóxica de Galicia non evolúe ben e soubemos esta semana que a Xunta faltara á verdade cando proclamara contar con 6.000 persoas rastrexadoras; só eran 700. O resto é persoal de atención primaria do SERGAS, totalmente ultrapasado na súa capacidade de resposta. Núñez Feijóo sabe que arestora é el quen está á fronte e que a resposta preventiva ten moitas eivas, nomeadamente nos centros de ensino e nas residencias da terceira idade.
O máis grave desta desaquelada opinión presidencial é que achega o PPdeG ao extremismo lingüístico de Vox, Cs e do PP de Madrid. E envían a clara mensaxe de que o Goberno galego non está nin polo uso nin pola promoción da única lingua que require de políticas de defensa e promoción neste país.

Os que rachan a convivencia

O extremismo marca a axenda política que quere impor o tripartito da Santa Alianza (PP, Cs e Vox). Tamén nas súas obsesións contra o galego, lingua propia de Galicia e, aínda, da maioría de nós. Despois das falsidades de Toni Cantó (Cs) e máis de Ortega Smith (Vox) sobre unha inexistente discriminación do castelán no noso País agora foi Casado quen reivindicou o dereito á ignorancia, recramando que non se esixa o galego para posto ningún no emprego público.
É verdade que a inmensa maioría das persoas galegas non acreditan nestas falsidades nin defenden rachar de tal xeito a convivencia. Mais sempre advertiremos que este é un discurso que representa posición amplamente partilladas na megacapital madrileña e nas rexións de raigame castelá. Son desgrazadamente centos de milleiros os que pensan que falamos galego por atraso, por amolar ou por nos distinguir dos demais. Ademais, facer de todo o Estado un territorio monolingüe, co galego esmorecente na vida privada de cada vez menos xente, serve aos intereses recentralizadores: máis concesións e contratas a empresas de fóra do País, máis emprego público para persoas de fóra de Galicia, menos riqueza económica e cultural para o que alcuman periferias.
A profesora da USC Alba Nogueira vén de escrebir que o galego é cuestión de dereitos. Ten razón. Para que poidamos vivir na nosa lingua cómpre esixirlle competencia lingüística aos empregados públicos. Para garantir os dereitos dos galegos os nosos médicos, mestres, servidores civís, traballadores sociais e xuíces han coñecer amplamente o galego. Máis aínda, a interpretación do Tribunal Constitucional vedando que o galego poida equiparase ao castelán canto ao deber de coñecemento é un atranco para as mesmas liberdades constitucionais e esixe unha modificación que recoñeza a igualdade entre as linguas para que o galego sexa tan lingua A coma o castelán. Mais o galego é tamén unha cuestión de convivencia. Porque sendo a nosa lingua propia require que a cidadanía toda a coñeza en profundidade para mantermos os caracteres de inclusión e cohesión propios das democracias. Velaí a necesidade da inmersión lingüística, do uso maioritario do galego como lingua vehicular no ensino, único xeito de superarmos o “gap” do absoluto predominio social e mediático do castelán que vivimos arestora.
Contra os que queren rachar a convivencia, cómpre afirmarmos a centralidade do galego como cuestión de dereitos, de democracia e de sentidiño.

Democracia fronte ao supremacismo

Vai facer agora 10 anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. Unha manifestación baseada na mentira de que o Goberno galego de coalición BNG-PSOE quería impor o galego, cando simplesmente determinaba un mínimo do 50 % de uso da nosa lingua a medio dun Decreto que de primeiras aprobou o PPdeG. Un PPdeG que despois refugou del para sumar moi poucos milleiros de votos que, porén, foron esenciais para acadaren os definitivos deputados nas circunscricións d´A Coruña e Pontevedra nas eleccións nacionais do 01.03.2009.
Rechamante foi a participación nesa manifestación da antecedente directa do nacionalismo extremista español de Vox e Cs (Rosa Díez, líder da UPD). Unha Rosa Díez que moi axiña faría desprezo da nacionalidade galega por mor da nosa capacidade para non nos definir, sen advertir que as persoas galegas non xogamos ás definicións cando non nos interesa o marco conceptual que se nos quere impor coas mesmas.
A organización daquela protesta, que dicía ser bilingüe, hoxe esixe falarmos español, na liña daquel franquista “Hable bien. Sea patriota” dos anos 50 do século pasado. E, logo de dez anos, algúns dos líderes dese nacionalismo español (Ortega Smith polos extremistas, Toni Cantó polos falsos liberais) menten conscientemente denunciando a falsísima discriminación, cando non risco de persecución do castelán na Galicia.
Estes ataques á nosa lingua, cultura e identidade non son ningunha brincadeira. Fronte ao carácter cívico e de afirmación do galeguismo, o nacionalismo español é ofensivo e supremacista e baséase no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”. Canda este extremismo político vogan os empresarios españois interesados na recentralización económica, para obter da nosa economía o rédito que lle habería de cumprir ás empresas galegas e voga ese freakismo cosmopailanista, moi minoritario, mais con voceiros abondo, presente nas nosas cidades e vilas.
Fronte a este supremacismo habemos opor as cualidades da democracia: a inclusión e cohesión social que só se dan nas sociedades xustas que partillan un mesmo sistema educativo, as liberdades que esixen non sermos discriminados no noso País por falarmos e vivirmos na nosa lingua e o sentidiño de non substituír o noso pola voracidade extractiva dos que queren empobrecer e someter este País.