Eurorrexión e eixo atlántico

Nuns días chegará a alta velocidade ferroviaria desde Madrid até Ourense e, nuns meses máis, até Compostela e A Coruña. Isto xerará novas oportunidades de negocio para as actividades turísticas galegas, malia que a falla de encaixe do transporte de mercadorías no esquema do AVE limitará substancialmente as súas vantaxes a respecto doutras actividades económicas do País que, por outra banda, tenderá a se debruzar máis cara á complementariedade (turismo e lecer) co hub madrileño (tamén furado negro que baleirou a Meseta toda), que é o grande beneficiario dun AVE radial que quita recursos para outros eixos ferroviarios máis importantes para Galicia, como o corredor atlántico que leve as nosas mercadorías cara Europa ou a propia conexión de pasaxeiros e mercadorías con Porto e Lisboa, que reivindica o Goberno portugués como prioritaria a respecto da conexión Lisboa-Madrid.
Porque, como vén de explicar moi a xeito Antón Baamonde (Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, 2021) Portugal rexeita construír as súas infraestruturas a medio dun esquema radial con centro en Madrid e iso constitúe unha grande oportunidade de futuro para Galicia. O Eixo Atlántico ferroviario A Coruña-Compostela-Vigo-Porto vertebraría unha eurorrexión de 6,5 millóns de habitantes, cun sistema portuario integrado co corredor ferroviario europeo atlántico de mercadorías que, xa que logo, podería competir na liga internacional do transporte marítimo, tendo en conta a nosa privilexiada posición xeográfica entre a Canle de Panamá e os portos do litoral atlántico europeo e do Mar do Norte. Un eixo atlántico que, polo seu carácter de integración europea interestatal, podería contar con abondos recursos da Unión Europea.
Galicia non é un país pobre nin despoboado, malia ter problemas de despoboamento e desequilibrio demográfico no interior do País. Na Galicia atlántica vive xa o 70% da poboación galega e, como escribiu hai poucos meses o economista Joám Lopes Facal, o percorrido urbano entre Ferrol e Setúbal constitúe un espazo fulcral da actividade económica e poboamento humano, quer no nível ibérico, quer no nível tamén europeo.
Semella chocante, pois, a baixa presenza na axenda galega deste debate, tanto a respecto da nosa integración na Eurorrexión como da conexión das nosas cidades e portos con Portugal e Europa, agás excepcións como as dos autores sinalados ou iniciativas como a empresarial da Rede Mundo Atlántico que empresarios galegos e portugueses fundaron hai poucos meses.
Arestora na beira portuguesa temos políticos tan a prol desta tarefa como o primeiro ministro portugués António Costa ou o alcalde portuense, Rui Moreira, promotor da Iberolux. Velaí que a oportunidade sexa única. Non haberá xa moitas máis.

Priorizarmos o eixo atlántico

Nin é a primeira nin ha ser a derradeira vez que se expoña a prioridade do eixo Ferrolterra/Ortegal-Coruña-Compostela-Arousa-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa-Setúbal para vertebrar o noso futuro económico. Porque a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunta 6 millóns de habitantes e algúns dos principais portos de toda a fachada atlántica europea, privilexiados hubs do tránsito marítimo entre a Canle de Panamá e a América atlántica coa Europa atlántica.
Mais as potencialidades do eixo atlántico non rematan para nós, con ser tan importantes, no peirao de Leixões, nos cais de Porto e Vila Nova de Gaia ou no aeroporto Sá Carneiro portuense, senón que acadan os esteiros do Tejo e máis do Sado, as áreas urbanas de Lisboa e de Setúbal, nunha conurbación de 10 millóns de habitantes que fai parte das primeiras corenta megarrexións urbanas do mundo, como vén de nos aprender o grande economista galego Joám Lopes Facal.
Velaí por que haxa que priorizar a vertebración ferroviaria deste eixo atlántico, nomeadamente o treito Porto-Vigo no canto de obras faraónicas pouco rendíbeis, como é a conexión directa da liña de alta velocidade de Vigo con Madrid, cando conectando por Compostela o atraso será só de 15’. A conexión da alta velocidade coa Meseta é un proxecto case rematado malia que non é a nosa principal prioridade, moito máis nunha nova andaina europea moito máis industrial que turística. Mais perdamos os mínimos esforzos neste proxecto que vai funcionar moito máis en termos de baleiramento peninsular a prol do centro radial de Madrid que en ningunha outra chave.
Evidentemente Galicia precisa inrcoporar o interior galego a esta estratexia, nomeadamente potenciando os eixos Lugo-Ourense e Lugo-Compostela, ao tempo que vai vertebrando ese grande corredor cantábrico polo que nin Madrid nin as outras autonomías do Norte semellan apostar.
O alcalde do Porto, Rui Moreira, vén de defender a conexión ferroviaria urxente Porto-Vigo, xusto unhas semanas despois da ferreña defensa desta liña que fixo o Goberno portugués fronte ao Goberno do Estado PSOE-UP que prioriza a liña directa Lisboa-Madrid, que para nada interesa aos portugueses. Vén de defender tamén unha colaboración directa con Compostela, mesmo na vertebración aeroportuaria da eurorexión. E denuncia o isolacionismo de Abel Caballero (recreante da pailá cidade-estado coruñesa de Paco Vázquez dos 80-90 do século pasado), cando Vigo habería ser a peza fulcral do mecano de colaboración galego-portuguesa.
Madrid amoreou case o 45% do investimento estatal entre 1988 e 2018 e vai camiño de baleirar todo o interior español, como xa baleirou a Meseta agás núcleos como Valladolid ou Burgos. A vacina para sobrevivirmos é priorizarmos o eixo atlántico e, canda ela, a focaxe portuaria e europeo-americana e o reactivamento industrial desde as nosas vantaxes comparativas enerxéticas, tecnolóxicas e e capital humano.
Na focaxe radial madrileñocéntrica Galicia está condenada á irrelevancia e á dependencia. Priorizando os eixos atlántico e cantábrico Galicia daralle oportunidades aos seus recursos portuarios e industriais e terá futuro de seu.