Eurorrexión e eixo atlántico

Nuns días chegará a alta velocidade ferroviaria desde Madrid até Ourense e, nuns meses máis, até Compostela e A Coruña. Isto xerará novas oportunidades de negocio para as actividades turísticas galegas, malia que a falla de encaixe do transporte de mercadorías no esquema do AVE limitará substancialmente as súas vantaxes a respecto doutras actividades económicas do País que, por outra banda, tenderá a se debruzar máis cara á complementariedade (turismo e lecer) co hub madrileño (tamén furado negro que baleirou a Meseta toda), que é o grande beneficiario dun AVE radial que quita recursos para outros eixos ferroviarios máis importantes para Galicia, como o corredor atlántico que leve as nosas mercadorías cara Europa ou a propia conexión de pasaxeiros e mercadorías con Porto e Lisboa, que reivindica o Goberno portugués como prioritaria a respecto da conexión Lisboa-Madrid.
Porque, como vén de explicar moi a xeito Antón Baamonde (Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, 2021) Portugal rexeita construír as súas infraestruturas a medio dun esquema radial con centro en Madrid e iso constitúe unha grande oportunidade de futuro para Galicia. O Eixo Atlántico ferroviario A Coruña-Compostela-Vigo-Porto vertebraría unha eurorrexión de 6,5 millóns de habitantes, cun sistema portuario integrado co corredor ferroviario europeo atlántico de mercadorías que, xa que logo, podería competir na liga internacional do transporte marítimo, tendo en conta a nosa privilexiada posición xeográfica entre a Canle de Panamá e os portos do litoral atlántico europeo e do Mar do Norte. Un eixo atlántico que, polo seu carácter de integración europea interestatal, podería contar con abondos recursos da Unión Europea.
Galicia non é un país pobre nin despoboado, malia ter problemas de despoboamento e desequilibrio demográfico no interior do País. Na Galicia atlántica vive xa o 70% da poboación galega e, como escribiu hai poucos meses o economista Joám Lopes Facal, o percorrido urbano entre Ferrol e Setúbal constitúe un espazo fulcral da actividade económica e poboamento humano, quer no nível ibérico, quer no nível tamén europeo.
Semella chocante, pois, a baixa presenza na axenda galega deste debate, tanto a respecto da nosa integración na Eurorrexión como da conexión das nosas cidades e portos con Portugal e Europa, agás excepcións como as dos autores sinalados ou iniciativas como a empresarial da Rede Mundo Atlántico que empresarios galegos e portugueses fundaron hai poucos meses.
Arestora na beira portuguesa temos políticos tan a prol desta tarefa como o primeiro ministro portugués António Costa ou o alcalde portuense, Rui Moreira, promotor da Iberolux. Velaí que a oportunidade sexa única. Non haberá xa moitas máis.

A nosa vocación atlántica

Galicia carece de política exterior desde que goberna Feijóo e isto fainos máis periféricos e máis irrelevantes, pois que a España do réxime de 1978 alicérzase nun grande hub financeiro, institucional e político na rexión madrileña que baleirou a Meseta e vai camiño de baleirar as periferias peninulares. Madrid desfruta das vantaxes todas do efecto capital, de grandes investimentos públicos e do poder rexional para facer dumping fiscal.
Portugal refugou da rexionalización no 1998, mais arestora o bo facer municipal e institucional do Porto está a compensar parcialmente o centralismo lisboeta-lusitanista, facendo da cidade portuense un emerxente empresarial. Mentres, o país exerce unha gobernanza que abre Portugal aos investimentos empresariais e mellora as prestacións sociais e a calidade da democracia portuguesa. Portugal non quere apostar polo eixo ferroviario Lisboa-Madrid, senón polo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, que constitúe o primeiro repto para as infraestruturas dunha Eurorrexión, que con seis millóns de habitantes amosa unha dimensión acaída para a atracción do coñecemento e do investimento, arredor da área portuense, desde logo, mais apuntando cara a unha área Miño-Vigo que xoga a carreira da nova automoción e á área coruñesa que está a xerar un grande desenvolvemento das TIC desde a dixitalización do Grupo Inditex e outras novas iniciativas TIC das que haberemos falar polo miúdo.
Mais a nosa vocación atlántica non remata na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nin na grande Portugaliza. Euskadi, Bretaña, Poitou, Aquitaine e Castela-León veñen de reclamar a necesidade da conexión dos territorios atlánticos todos ao Corredor europeo de mercadorías como acceso ao conxunto da Unión Europea. Un Corredor que viabilizaría a conversión dos nosos portos no grande hub do Occidente europeo entre Mar do Norte-Canle da Mancha e a nova Canle de Panamá.
Cómpre ollarmos máis cara Portugal e os territorios atlánticos europeos e menos cara Madrid e o seu centripetismo. Velaí, pois, a importancia de iniciativas como a da Rede Mundo Atlántico que vén de nacer, con sede na Coruña, Vigo e o Porto, partillando partenariado coa Associaçâo Empresarial Portuense (AEP), a primeira organización económica de Portugal e cunha tripla vocación: horizontalidade dixital en rede fronte á burocratización xerárquica, independencia dos Poderes políticos e creación de valor.
Precisamos de máis Rede e de máis integración con Portugal e o mundo atlántico e de menos sistemas de Poder nos que un só cerebro sabe e goberna todo.

Precisamos marcos mentais propios

No primeiro semestre do 2020 a rebaixa do valor das mercadorías nos cinco portos galegos de interese xeral abaneou entre o case 7% de Vigo e o case 15% de Ferrol. Estes portos seguen a ser xestionados polo Estado, cun único réxime xurídico e tarifario que impide o desenvolvemento das potencialidades portuarias galegas, porque somos centrais xeograficamente e haberíamos ser o grande “hub” portuario entre a Canle de Panamá e o Leste americano cos portos europeos do Mar do Norte. Velaí que precisemos dun novo marco mental, que mire Galicia como central e non periférica. E dun novo marco institucional, que pase pola transferencia da competencia á Xunta e pola conexión ferroviaria co Eixo Atlántico con Portugal e co Corredor Europeo de Mercadorías.
Tamén precisamos un marco mental de noso no que atinxe ás comunicacións ferroviarias. Portugal vén de dicir que non lle interesa conectar por alta velocidade Lisboa con Madrid, senón que prioriza o eixo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-Coruña-Ferrol. Velaquí o futuro, canda a conexión co Corredor de Mercadorías cara Europa, aproveitando o porto seco de Monforte.
Precisamos tamén un novo marco mental para o turismo galego, que habería transformarse substancialmente para a revolución postcovid que ha vivir o sector. Unha revolución que require da transferencia dos aeroportos ao Poder Galego para evitarmos competencias entre ananos. Este novo marco mental habería definir unha oferta de turismo deportivo, monumental, gastronómico e ecolóxico, facendo Marca-País e aproveitando todos os recursos turísticos que o turismo-masa do Xacobeo non entende.
Precisamos tamén marcos mentais de noso na esixencia dun regulamento enerxético que nos compense tarifariamente pola nosa vitalidade produtora, permitindo atraermos nova industria e compensarmos ás comunidades locais prexudicadas polos custos ambientais e paisaxísticos xerados pola produción enerxética.
Precisamos dun novo relato fiscal, que entenda que somos superavitarios na nosa achega impositiva o Estado e que precisamos da capacidade de regularmos, recadarmos e xestionarmos os nosos tributos. E dun novo marco financeiro, que reinvista no noso País o excedente de aforro que producimos desde 2012 por mor da substancial liquidación do noso subsistema financeiro.
Precisamos, en último de contas, de marcos mentais que rachen coas actitudes dependentistas a respecto do Estado centralista. Tamén na reivindicación da lingua e cultura como centrais nunha Galicia moderna e dunha historia -a nosa real- propia, que nos fai merecentes dun lugar de noso no concerto das nacións europeas

Conectarmos co corredor ferroviario europeo

A normativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixões e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e tortícole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, quen petase na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmasen a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión. Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas vantaxes xeoestratéxicas. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.