ENCE e o Estado de Dereito

O Tribunal Supremo (TS) non é unha segunda ou terceira instancia, senón o órgano xudicial que, na orde contencioso-administrativa, unifica a interpretación xurisprudencial do Dereito Administrativo estatal. Xa que logo, só admite para trámite os recursos que teñan un interese casacional, é decir, os que requiran unificar esa xurisprudencia para acadarmos a seguranza xurídica que esixe o Estado de Dereito. Neste sentido, é moi reiterada a doutrina do TS limitando a admisión da casación só para resolver problemas xerais vencellados con esa seguranza xurídica e non pretensións particulares, por máis que estas sexan lexítimas e poidan atinxir a moitas persoas.
Non coñecemos aínda nin o texto da sentenza que estimou determinados recursos de casación contra as sentenzas da chamada “Audiencia Nacional” que anularon a prórroga que o Goberno Rajoy outorgara a ENCE estando en funcións para seguir a ocupar dominio público marítimo-terrestre na ría pontevedresa nin o do voto particular que anunciou contra dela a maxistrada Ángeles Huet de Sande. Mais si podemos criticar xa algúns elementos da mesma.
Para comezarmos pola propia admisión para trámite, acordada en febreiro de 2022, onde se xustifica esta admisión na trascendencia económica e social da prórroga da concesión obxecto de recurso que “genera empleos directos e indirectos a más de cinco mil personas…”. Mais o TS tennos dito ducias de veces que a afectación de intereses persoais non determina un interese casacional que só se atopa na necesidade de unificar por mor da seguranza xurídica a aplicación da lei. Como na Animal Farm de George Orwell, todos somos iguais, mais algúns sonlles más iguais ca outros. Os empregos directos na factoría de Lourizán non chegan a 200. Canto ao emprego nas oficinas xerais terían que se manter onde queira que se translade a actividade industrial, por se desenvolver a respecto da xestión da cadea produtiva o mesmo que o emprego indirecto (transporte, explotación forestal, etc.).
Por outra banda, o artigo 32.1 da Lei de Costas só autoriza a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación. E resulta que a de Lourizán é a única celulosa no Estado ubicada nesta clase de dominio público, polo que non require desa ubicación por natureza e pode ser transladada a calquera lugar con auga dispoñíbel abonda e dotado de liñas de alta tensión.
Velaí que a confianza no Estado de Dereito sufra con esta clase de decisións. Seguiremos, pois, debullando esta análise nas vindeiras semanas.

1984

Un lapsus de Núñez Feijóo vén de nos lembrar que hai agora 74 anos o escritor inglés George Orwell apuraba a escrita da súa novela 1984 na illa escocesa de Jura, pois que prometera ao seu editor entregalo para o prelo antes de que rematase 1948. Nesta distopía o británico afondaba no seu compromiso coa liberdade e contra o totalitarismo, nunha Europa que saía aos poucos da fame de postguerra e da terríbel experiencia do nazismo. Unha Europa medoñenta diante da ameaza nuclear e sometida na súa metade oriental a ese stalinismo que el xa denunciara nas súas obras Animal Farm (1945) e Homage to Catalonia (1938). Unha Galicia que padecía fame e represión vivía daquela a longa noite de pedra do franquismo, mentres Castelao partillaba no nome do noso País un Goberno republicano no exilio que aínda confiaba que o bloqueo internacional ao Estado español, só rachado entón pola axuda peronista, habería traer de volta a República traizoada polos militares golpistas do 1936.
Chegou 1984. Por sorte o mundo non estaba controlado polo Big Brother orwelliano. O réxime soviético amosaba evidentes sinais de esgotamento. Margaret Thatcher e Ronald Reagan, alicerzados nas desaqueladas teorías económicas de Milton Friedman, rachaban o compromiso da dereita democrática coa xustiza social, encetando un camiño de desigualdade e desregulación financeira que levou a Europa á Grande Depresión do 2008. Na Galicia aprobábanse por aqueles tempos nun clima de consenso leis fulcrais, como as da creación da CRTVG e a de Normalización Lingüística, inserindo nela un deber de coñecer o galego que sería eliminado despois por ese árbitro caseiro chamado Tribunal Constitucional. 200 alcaldes asinaban un compromiso a prol da normalización do galego nos concellos e a chegada dos restos mortais de Castelao era protestada por milleiros, no decurso dun serán no que salientou unha represión policial máis propia do franquismo que dunha democracia.
Mais no 2022 que vivimos semella que o Big Brother está máis preto que nunca na historia da humanidade. A privacidade persoal é descoñecida por gobernos e grandes empresas. A CIA recoñeceu que gravan millóns de persoas e o sistema de espionaxe Pegasus espiou, seica ilegalmente, ducias de cidadáns de Catalunya, entre eles avogados no exercicio da súa función de defensa legal. Milleiros defenden recortes nas liberdades a prol da seguranza.
A distopía 1984 escrita por Orwell no 1948 é, por desgraza, moi real no 2022. As nosas liberdades están ameazadas polo control que queren os poderes políticos e económicos. Nunca como arestora tan preciso foi reivindicar o control cívico destes poderes, as garantías xurídicas dos dereitos humanos e máis o equilibrio entre liberdade e seguranza.

Unhas son máis iguais ca outras

Na Animal Farm de George Orwell os porcos reitores da revolución animal que botara fóra o granxeiro foron desnaturalizando, co paso do tempo, a igualdade proclamada ao comezo (“todos os animais son iguais”) para xustificar os seus propios privilexios, chegando a lexislar “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”.
Da lectura da sentenza do caso Noos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas máis iguais que as outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delicto fiscal (condenada só como responsábel civil a devolver o diñeiro do que o Tribunal entendeu se beneficiara del) por considerar o Tribunal que, malia ser socia, non era administradora de feito nin de dereito da sociedade AIZOON, S.L.
AIZOON, S.L. era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Noos, asociación teoricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha Directiva na que Urdangarín era presidente, o funcionario da Coroa, Gª Revenga, Tesoureiro e a Borbón vogal. A AIZOON, S.L. cargábanselle gastos persoais en grande contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarín. E Cristina de Borbón non se enteiraba. Sen dúbida, unha respectábel interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.
Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O Tribunal decidiu condenalo polos delictos continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delicto de malversación de fondos públicos. Mais o Tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais os autores non directos (Urdangarín era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutíbel ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarín depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante aplicóuselle ao delicto de fraude á Administracion balear polo que tamén foi condenado.
Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo Emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais que as outras.

Votos de primeira e de segunda

A escolla dos candidatos electorais a medio de primarias abertas á cidadanía constitúe, de lonxe, o sistema máis democrático e que máis implica aos electores. Resolvendo, deste xeito, o problema dos candidatos vencellados de xeito excesivo a cadanseus aparellos dos partidos, e promocionando no seu canto a perfís máis abertos e conectados coa cidadanía.
Cando as opcións políticas respostan a unha grande pluralidade interna (como lle pasou historicamente ao PP, PSOE e BNG e agora ás novas iniciativas municipalistas -Mareas e análogas-) non é inusual que se tente substituír a competición entre candidatos por esquemas cooperativos ou de consenso. Tenta representarse á pluralidade para pactar entre as distintas sensibilidades. O sistema carece da forza democrática da elección, mais a dinámica colaborativa ou consensuada pode respostar mellor á cohesión e equilibrio interno de cadansúa opción política.
Mais cando se decide una dinámica competitiva para a escolla das persoas que han ser candidatas e se aproban para o efecto unhas regras de xogo cómpre estar indefectibelmente ás súas resultas.
A opción municipalista “Ourense en Común” celebrou a pasada fin de semana as súas primarias, que gañou con claridade Xosé Mosquera, afiliado a Compromiso por Galicia, ficando segunda Ana Bande, pertencente tamén a esta organización política. Mais algúns dos candidatos derrotados e dos seus seareiros pediron xa a remoción de Mosquera da candidatura, coma se os seus votos fosen distintos ou menos valiosos ca os dos demais. Coma se, ao xeito da “Animal Farm” de George Orwell, todos fosemos iguais, pero algúns máis iguais ca os outros.
Velaí como, na nosa Galicia -probabelmente tamén noutros países- aínda existen persoas que, considerándose a si proprias da “esquerda rupturista” e propagando “urbi et orbi” a súa total lealdade á “vontade popular”, tentan rachar as regras de xogo cando o partido xa rematou e o marcador non cadrou ao seu xeito.