As trampas do FROB

A -suposta- concorrencia competitiva para a adxudicación de NGB BANCO leva camiño de se converter no proceso máis amañado e menos transparente da historia bancaria europea. Ao comezo, ficou abondo claro que só a opción dirixida polo Fondo Guggenheim era quen de manter unha oferta de banca minorista dende o noso País e respectuosa co domicilio social, a rede, a marca, o emprego e a vocación galega. E, por outra banda, os bancos estatais licitadores (BBVA, Santander e Caixabank) axiña decatáronse da sua desavantaxe fronte a unha opción que, por lóxica, ía ser mellor en prezo pola súa falla de rede. Fondos que mesmo a fins do 2012 non contaban para os argallantes do FROB e do Banco de España.
Velaí que os tres mosqueteiros tirasen de cadansúa espada para rachar as regras a metade de partido, que é o que adoitan facer as autoridades económicas españolas en prexuízo dos intereses galegos. Primeiro foi a imposición aos fondos dun depósito para participar de 800 M€, esixencia que non se lle impuxo aos bancos estatais. Semellaba clara a xogada para neutralizar o Plan Castellano.
Despois, manifestouse que o mantemento da rede, do emprego e da oferta financeira non ía ser avaliada, só o prezo. Mais este non habería computar só pola oferta, senón pola capacidade de que o gañador percebise créditos fiscais, dun máximo de 2.000 M€ no caso de gañar os fondos e de 4.500M€ no caso dos bancos estatais. Semellaba que esta diferenza de 2.500 M€ habería incrementar a oferta dos Fondos, pois que estes créditos fiscais son deducíbeis dos beneficios futuros na súa totalidade ao longo dos exercicios 2014 ao 2017. Mais seica o FROB voltou rachar as regras ao comezo da segunda parte e agora manifesta que estes 2.500 M€ de perda para o Estado non computarán no prezo a considerar. Toda unha indicación de que o proceso está trucado e non paga a pena que os fondos sigan.
De se consumar esta falcatruada consumarase o espolio dunha parte substancial do aforro galego e demostrarase o pouco poder do noso presidente e do noso Goberno. Velaí que os silencios, nesta altura, sexan culpábeis, cando non dolorosa expresión de impotencia.

NCG e a exclusión financeira

The Economist vén de nos advertir da intensidade do proceso de concentración financeira na Europa periférica. Dende finais do 2009 as 53 bancos e caixas españolas ficaron reducidas a 12 entidades e Italia enfronta un proceso semellante. Os pequenos e medianos sofren graves problemas de capitalización a respecto do BBVA e Santander que, ao tempo, medran en depósitos repregándose do negocio minorista e, xa que logo, restrinxindo aínda máis o crédito ás pequenas e medianas empresas.
O oligopolio financeiro leva indefectibelmente á exclusión financeira das familias e das empresas. No 2011 o tipo de xuro medio na banca española para operacións de crédito superiores a 1M€ acadou o 2,8%, fronte ao case 6% das operacións de contías inferiores. A concentración financeira atende só os intereses da grande empresa e afoga ás pemes.
Velaí que a salvación da marca, rede e xestión autónoma de NCG sexa un asunto fulcral, tendo en conta o carácter sistémico de Nova Galicia no noso País, cun 40% dos créditos e depósitos. E, co proceso de venda encetado, só hai dúas alternativas. A primeira, que conlevaría a desaparición da entidade e a supresión de centos de empregos, é a venda ao BBVA, Santander ou “La Caixa”. A segunda, o chamado “Plan Castellano” que permitiría estabilizar a entidade como Banco minorista xestionado dende Galicia, é a venda aos Fondos internacionais dirixidos polo Guggenheim. Esta opción sería, tamén, a que achegase máis recursos, devolvendo unha parte do investido no saneamento. E a que facilitaría unha oferta de crédito centrada só nas pemes e fornecida por persoas coñecedoras do País e da súa estrutura empresarial.
Galicia non é unánime apoiando esta única opción viábel. Por mor do dano reputacional xerado pola comercialización de preferentes e subordinadas e agravado pola novidosa e insólita decisión de NCG de recorrer xudicialmente todas as sentenzas desfavorábeis, pola incapacidade da Xunta para construir un consenso neste asunto esencial, pola cativeza de miras dos socialistas e polo exceso de dogmatismo e falla de realismo de AGE e BNG.
Nun proceso transparente e obxectivo BBVA, Santander e La Caixa non terían, na altura, posibilidades reais. Mais os inimigos da subsistencia de Nova Galicia son fortes no Ministerio de Economía e no Banco de España.

A ruptura do pacto social

O Banco de España non foi quen de cumprir a súa función supervisando a estabilidade do sistema bancario, mais semella que ten vagar para propor contratar por baixo do salario mínimo profesional. A Comisión do Mercado de Valores considera que a meirande parte das entidades bancarias comercializaron a xeito as preferentes e subordinadas, descoñecendo as evidencias que demostran a súa neglixencia e mesmo complicidade no perverso financiamento de boa parte do saneamento bancario polos aforradores das clases medias e traballadoras. A Comisión de expertos nomeada “ad hoc” por Rajoy propón graves recortes nas pensións públicas a devengarmos no futuro, beneficiando nidiamente ao sector asegurador privado ao que pertence a maioría destes expertos.
Os europeos acadamos a mediados do século XX un pacto social: o mercado sería corrixido por mecanismos de inclusión e cohesión social que garantirían a todos uns níveis de subsistencia digna, unha pensión pública, quer contributiva, quer asistencial, e unha sanidade e educación universais e gratuítas, nun marco equilibrado de relacións sociais que evitaría a loita de clases. Este é o pacto social que definiu o noso sistema político e socioeconómico baseado na libre empresa, na intervención correctora pública e nun Estado de benestar alicerzado na provisión duns servizos públicos de calidade.
Velaí, xa que logo, o perigo que deriva da ruptura dos pactos ou convencións que garantían este equilibrio mixto da cohesión e inclusión social. Porque a ditadura do capitalismo financeiro é tan allea a este sistema como as solucións da extrema esquerda dogmática. Tensar tanto a corda pode xerar unha reacción cidadá que mesmo imposibilite a rexeneración democrática dende as bases que coñecemos. Ou, dito doutro xeito, que uns antisistema lle abran a porta aos outros.

Novagalicia: Hai solución

NG BANCO ven de aprobar as contas anuais do 2011 (cunhas perdas consolidadas de 168,7 M€, malia que acadase un EBIDTA positivo) e de lle remitir ao Banco de España o plan de recapitalización que lle esixe o R.D.L. 2/2012, promulgado por Rajoy. Plan que recolle a posibilidade dunha poxa ao xeito Unnim ou Catalunya Caixa (que beneficiaría, eventualmente ao Santander, Caixabank ou mesmo Bankia) ou a achega de socios privados nun 20% do capital, garantidos por un esquema de protección de activos. A primeira fórmula non é, evidentemente, a alternativa de Castellano e González-Bueno, presidente e conselleiro-delegado de NG Banco. A súa formulación documental respostaría, máis ben, a presenza de conselleiros do FROB na entidade galega, que esixirían un documento neutral.
Galicia xógase moitísimo nesta andaina. Mais tamén o interese xeral estatal, a xeito de devolución parcial dos recursos públicos investidos polo FROB. A poxa determinaríá a absorción de NG Banco, a liquidación do sistema financeiro galego, a perda de milleiros de emprego e máis  a exclusión financeira de milleiros de familias e pemes galegas. Mais, tamén, a perda de moitos dos recursos estatais inxectados. Pola contra, o alleamento dun 20% a investidores internacionais determinará unha real recuperación de recursos estatais e máis o mantemento da galeguidade da sede do Banco líder no noso País en canto captación de pasivos e concesión de préstamos. Galicia e o conxunto do Estado gañarían coa inxección de recursos exteriores. E, nuns meses, os capitais minoristas galegos poderían completar o núcleo fulcral do capital a medio dunha saída, polo menos parcialmente minorista, á Bolsa.
A decisión será política. Só Rajoy podería impedir que agromase a solución de posibilitar a continuidade de NG Banco como entidade autónoma de seu. E semella que, se elixe escoitar a un parcial De Guindos (de quen o xornalista José Luis Gómez ven de lembrar a súa pasada aposta pola absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid), sería quen a facelo.

A ARRINCADEIRA
Foi unha semana negra no humanitario e no ambiental por mor desta terríbel vaga de anticipados lumes. Como sempre sería inxusto responsabilizar en exclusiva á Xunta. Mais boa parte da responsabilidade, polo menos indirecta, hase residenciar na falla de medios e previsión da Consellaría de Medio Rural. Os recurtes aforran recursos, mais moitas veces -esta vez- nos deixan -nos deixaron- indefensos fronte un dano e empobrecemento moito maior.