Fiscalidade regresiva

Entre o 2007 e o 2017 equiparáronse o PIB e a recadación fiscal, despois da Grande Recesión. Fronte aos 200.000 M€ do 2007 o Estado español recadará algo máis de 198.000 M€ no 2017. Mais a distribución dos ingresos fiscais é moi diferente. No IRPF a recadacion subirá até case 77.000 M€ dende os 72.614 M€ do 2007. No IVE subirá dos 57.850 M€ do 2007 até os case 66.900 M€ do 2017. A fiscalidade sobre as familias medrou do 73,8% do 2007 até o case 87,3% do 2017.
Mentres, o Imposto de Sociedades (IS) non sobardará os 23.500 M€, ben lonxe dos 44.823 M€ do 2007. É dicir, o Estado español aínda non recuperou case a metade dos impostos (máis de 21.000 M€; uns 500 € por residente) que percebiu das empresas españolas no 2007, cando neste tempo incrementou nun 11,5% a súa recadación ás familias por impostos directos ou indirectos. Con este déficit polo IS cubriríase o custo todo das prestacións por desemprego no 2017 (18.300 M€, aproximadamente) e aínda abondarían 3.000 M€ para mellorar as pensións. Ou pagaríanse nun 70% os xuros anuais da débeda pública española, que acadan os 30.000 M€. O que quere dicir que estes 21.000 M€ poderían darlle unha reviravolta á atención sanitaria, educativa, da dependencia e dos servizos sociais. É dicir, poderían mellorar substancialmente as cousas importantes.
É certo que as empresas poden compensar fiscalmente bases impoñíbeis negativas dos últimos catro anos, mais no 2017 e 2018 xa haberíamos ver case todas estas bases compensadas. Porén, o que resulta moi rechamante é que, cun tipo fiscal do 25% sobre os beneficios, as pemes paguen un 12,2 % do seu beneficio neto contábel fronte ao 7,3% das grandes empresas. Mentres, os traballadores pagan o 14,9% dos seus ingresos netos.
Xa que logo, cómpre revisar a fiscalidade corporativa para axeitar a xeración do beneficio á recadación fiscal. Porque, no Estado español, hoxe en día, o sistema fiscal corporativo vulnera o principio constitucional que establece que ha achegar máis quen máis gañe.

A ARRINCADEIRA: Pepe Miñones
O Concello coruñés vén de homenaxear Pepe Miñones Bernárdez, republicano de centro corcubionés asasinado legalmente polo franquismo en decembro de 1936. Creou a Electra Popular Gallega, que logo mercaría de saldo Barrié para Fenosa. A traxedia de Miñones expresa dun xeito singular o xorne violento e represivo do réxime nado no 1936.

It’s about my pension, stupid!

As pensións constitúen un dos alicerces fundamentais do Estado moderno do Benestar. No Estado español hai case dez millóns de retirados pensionistas que constitúen o principal celeiro de votos da dereita. Mais semella que existen centos de milleiros deste colectivo que xa non acreditan nos contos e mentiras dos políticos que adoitaban obter os seus votos.
O Reino de España inviste só o 11% do seu PIB nas pensións, fronte á media do 13-14% da meirande parte dos Estados da UE. Coa baixa ratio de cobertura entre cotizantes e pensionistas actual e a peor evolución demográfica futura, aínda así calcúlase que non sería até o 2050 cando precisaríamos botar man do 14% do PIB para garantir o poder adquisitivo das pensións. Ruído de máis, pero moitos tentan amedoñarnos coas pensións. A sra. Villalobos, presidenta da comisión parlamentaria pluripartidista que mira polo sistema público de pensións (o Pacto de Toledo) di que hai que se retirar case con 75 anos porque vivimos de máis. A ministra Báñez e o presidente Rajoy quérenlle abrir a porta aos sistemas privados de capitalización, que adoito amosaron o seu fracaso no mundo ao longo dos últimos 80 anos.
Rajoy baleirou a caixa de aforros das pensións deseñando, ao tempo, unha devaluación salarial que impide que poidamos cubrir o déficit actual de cotización mesmo con millóns de novos empregos, porque estes son cativos en soldos e nin permiten saír de pobres nin axudan a encher a caixa da Seguridade Social (SS). Mais cómpre dicir que dende esta reforma laboral do 2012 e dende a reforma das pensións do 2013 (subas do 0,25% e grave rebaixa de pensións aos que se retiren despois do 01.01.2019) o goberno do PP segue a cargar no sistema de pensións gastos que tiñan que ser cubertos cos Orzamentos xerais das Administracións Públicas, como as bonificacións e exencións parciais á cotización da SS, as pensións non contributivas de orfandade e viuvez ou as de retiro de réximes deficitarios, como o de empregados de fogar e autónomos.
A nosa economía é quen de fornecer un sistema público que cubra os dereitos actuais e futuros mantendo o poder adquisitivo de cadansúas pensións. Seica teremos que destinar a esta tarefa parte dos nosos tributos, como fixemos no seu día coa sanidade pública. O que non é admisíbel -e os nosos maiores seica comezan a se decatar- é deconstruír o sistema público de pensións para lle abrir o negocio aos amiguiños.

Non dá para aforrar, Sr. Rajoy

Mariano Rajoy vén de lle recomendar á cidadanía que aproveite o bo estado da economía para “aforrar” pensando nas necesidades familiares futuras de pensións e educación.
A mensaxe é ben desaquelada. O noso sistema de pensións é público e fornécese con cotizacións sociais de empresas e traballadores. Os impostos financian o sistema público de educación e as bolsas para os estudos universitarios. Coa súa chamada ao aforro para pensións e educación privada Rajoy manifesta a vontade política do PP de desmontar ou polo menos reducir a cobertura pública das pensións e da educación, piares fundamentais do estado do benestar.
Os problemas do sistema público de pensións teñen máis que ver coa grave deterioración do mercado de traballo. Cun PIB estatal equivalente ao do 2008 os números da ocupación e, sobre todo, das remuneracións salariais e cotizacións sociais, son substancialmente máis baixos. Dúas xeracións que cotizaron abondosamente na súa vida laboral verán dramaticamente reducida a súa pensión por mor do desemprego e subemprego da Grande Recesión. Este é o principal problema das pensións no curto prazo e non a sostibilidade do sistema a longo prazo, sempre completábel vía impostos. Por outra banda, os sistemas privados de pensións amosáronse moito menos rendíbeis e seguros, en xeral, que os públicos
Mais as verbas de Rajoy amosan que vive unha realidade paralela. Cos níveis actuais de desemprego e, sobre todo, de traballadores pobres, cos millóns de fogares onde entran ingresos inferiores ao salario mínimo (735,90 €/mes) á maioría social nin lle dá para aforrar porque non lle dá para chegar á fin de mes. As melloras macroeconómicas e nos níveis de ocupación non chegaron á cidadanía porque a distribución da renda mudou substancialmente. Velaí porque o Estado español é o segundo máis desigual da Unión Europea. Sen contar que a chamada ao aforro desincentiva o consumo interno, que é o que mobiliza os mercados locais e garante a supervivencia da meirande parte das pemes galegas, españolas e europeas.
Eis outra mostra da empatía de Mariano Rajoy, que non quere discutir de igualdade salarial entre homes e mulleres e non comprende por que a rúa pontevedresa do almirante franquista -sospeitoso de crimes de guerra- Salvador Moreno, mudou a Rosalía de Castro.

O conto da Galicia dependente

As prioridades económicas do Estado español nunca son as galegas. E isto non é porque nos teñan mala lei, senón porque somos poucos (o 6 % da poboación e o 5,5 % do PIB estatais) e porque os nosos alicerces produtivos son para o Estado totalmente prescindíbeis. Velaí a necesidade dun amplo autogoberno e o prexudicial que é para este país a dependencia.
Nese contexto da dependencia, tivo un grandísimo suceso o mito de que somos un país subsidiado, de que vivimos da solidariedade do resto do Estado. E isto é un conto. No 2015 recadáronse neste País 12.750 M€ entre impostos estatais e cedidos á Xunta. O orzamento da Xunta só acadou os 8.436 M€. É verdade que o Estado tamén presta servizos en Galicia (policía, prestacións de desemprego…) pero estes non valen a diferenza. Por outra banda, só percibimos o 3,1 % dos fondos locais no canto do 6 % que nos cumpriría por poboación, xa que a lexislación de facendas locais española prioriza os concellos de máis poboación. Perdemos aquí uns 550 M€ todos os anos.
Polos teóricos do dependentismo recoñécense implícitamente estes números, mais sempre se opón a cuestión das pensións, dicindo que se non fose pola caixa única, Galicia non podería pagar as pensións. Mais no noso sistema o dereito a percibir unha pensión depende dos anos de cotización e das bases da mesma. Moitísimas persoas en Galicia perciben pensións devengadas en Suíza, Alemaña ou Catalunya, ás que teñen dereito polo traballo desenvolvido neses países. A cuestión das pensións é individual de cada persoa. A dos impostos é territorial.
E logo está o espolio enerxético. Somos produtores netos de enerxía e non podemos recadar impostos pola súa xeración nin beneficiarnos dos custos ambientais que sufrimos xerando a electricidade. A tarifa enerxética penaliza á produción e á industria e beneficia o consumo doméstico e terciario das macrópoles non produtoras, como Madrid.
Tamén as infraestruturas se conciben a prol de Madrid como grande exportador de servizos que recentralizan financeira e empresarialmente o Estado. Billóns de euros investidos na radialidade, mentres os nosos portos carecen de conexión ferroviaria e non temos tren de proximidade.
Mal negocio o da dependencia.

A ruptura do pacto social

O Banco de España non foi quen de cumprir a súa función supervisando a estabilidade do sistema bancario, mais semella que ten vagar para propor contratar por baixo do salario mínimo profesional. A Comisión do Mercado de Valores considera que a meirande parte das entidades bancarias comercializaron a xeito as preferentes e subordinadas, descoñecendo as evidencias que demostran a súa neglixencia e mesmo complicidade no perverso financiamento de boa parte do saneamento bancario polos aforradores das clases medias e traballadoras. A Comisión de expertos nomeada “ad hoc” por Rajoy propón graves recortes nas pensións públicas a devengarmos no futuro, beneficiando nidiamente ao sector asegurador privado ao que pertence a maioría destes expertos.
Os europeos acadamos a mediados do século XX un pacto social: o mercado sería corrixido por mecanismos de inclusión e cohesión social que garantirían a todos uns níveis de subsistencia digna, unha pensión pública, quer contributiva, quer asistencial, e unha sanidade e educación universais e gratuítas, nun marco equilibrado de relacións sociais que evitaría a loita de clases. Este é o pacto social que definiu o noso sistema político e socioeconómico baseado na libre empresa, na intervención correctora pública e nun Estado de benestar alicerzado na provisión duns servizos públicos de calidade.
Velaí, xa que logo, o perigo que deriva da ruptura dos pactos ou convencións que garantían este equilibrio mixto da cohesión e inclusión social. Porque a ditadura do capitalismo financeiro é tan allea a este sistema como as solucións da extrema esquerda dogmática. Tensar tanto a corda pode xerar unha reacción cidadá que mesmo imposibilite a rexeneración democrática dende as bases que coñecemos. Ou, dito doutro xeito, que uns antisistema lle abran a porta aos outros.