Tarefas urxentes para o galego. Reflexións desde a pandemia do 2020

Esta foi a achega ao libro colectivo Falando do Dereito, publicado por Galeguizar Galicia, publicado dixitalmente en agosto de 2020. O libro completo pode descargarse en formato .pdf aquí: Falando do Dereito, ou verse a continuación:

A importancia do autoaprezo

O PP de Baiona vén de amosar o seu rexeitamento á actuación de Quico Cadaval en galego facendo parte do programa cultural de verán do concello onde chegou no 1493 a nova do descubrimento de América. De primeiras os populares miñoráns mesmo alcumaron o galego de dialecto (despois rectificarían diante da enxurrada de críticas recibidas), considerando que a nosa lingua é axeitada para outras épocas do ano, mais non para o verán porque -disque- hai moitas segundas residencias na área ocupadas por persoas do resto do Estado.
Quico Cadaval é un artista monolingüe en galego nas súas actuacións na Galicia. Baiona é un concello de Galicia e o galego é a lingua propia do mesmo, como tamén do País todo. Moitas persoas galegas, portuguesas ou doutros Estados, residen en Baiona na época das ferias estivais. Canto ás persoas do resto do Estado que residen nesta época do ano, suponse que están vencelladas á vila e ao concello por vínculos de empatía e afección. É dicir, residen recorrentemente en Baiona todos os veráns porque gostan da contorna, da paisaxe e do clima. Porque gostan da xente de Baiona e da súa gastronomía. Porque gostan da nosa cultura, o que supón gostar (ou polo menos respectar) a nosa lingua. Unha lingua que, ademais, é medianamente comprensíbel para calquera persoa castelanfalante.
O turismo é unha actividade económica fulcral na economía galega, de Baiona e de toda a bisbarra miñorá. Mais Baiona non é un parque temático. O turismo intégrase aquí a medio de políticas que poñen en valor os seus recursos ambientais, paisaxísticos e culturais. Quen adoita residir en Baiona nos veráns entende e valora a nosa lingua e a nosa cultura, como o facía Gonzalo Torrente Ballester parolando nos seus faladoiros de mañá con Carlos Casares ou con D. Paco Fernández del Riego.
A actitude do PP de Baiona ten, na nosa lingua, un rechamante adxectivo que a cualifica. Eu sonlles máis de suxeito, verbo e predicado que de adxectivos e velaí que me limite a dicir que unha tal actitude proxecta un grandísimo complexo de inferioridade e unha moi potente falla de autoaprezo. Porque co galego estamos no mundo. Co galego somos quen a describir calquera proceso ou concepto científico ou técnico e a crear calquera produto cultural.
Ocorre que o PP, deste xeito, despreza centos de milleiros dos seus electores que naceron e se desenvolveron en galego. Despreza o ADN da galeguidade que disque reivindican. Desprezan, como ben cantou Celso Emilio Ferreiro, a fala nai, a fala dos avós que temos mortos.

Atila en Galicia

É evidente que o réxime franquista foi ilexítimo, en canto que naceu dunha rebelión militar contra o lexítimo Goberno da República. Esta orixe determina o seu carácter de réxime de facto, privado da lexitimidade do Dereito. Velaí a case unánime censura internacional de 1946 (vetando o acceso do réxime á ONU e os seus organismos sectoriais), logo atenuada pola guerra fría.
Peor foi a ilexitimidade no exercicio. Na Galicia non houbo guerra nin máis violencia ca a dos sublevados. Malia esta circunstancia, Nomes e Voces calculou en 4.699 as persoas asasinadas, entre elas Alexandre Bóveda, Pepe Miñones, os catro gobernadores civís e os alcaldes da Coruña, Compostela, Ferrol e Vigo canda outros vinte e dous dos principais concellos galegos. Tamén os principais mandos militares: o almirante Azarola e os xenerais Salcedo e Caridad. A represión económica foi brutal. 15.000 persoas foron sancionadas economicamente polas súas ideas, milleiros encarcerados e depurados do seus empregos.
Outros milleiros apartados da sociedade, da Universidade e do emprego público, mortos en vida, como o caso do avogado compostelán Rajoy Leloup.
Galicia vivira un moi importante desenvolvemento económico, social e cultural entre 1900 e 1936. Despois da guerra sofriu a fame en todo o seu rigor. As cidades perden poboación e dase un fenómeno de reruralización. Só a emigración dende os primeiros 50 salvou ducias de milleiros da miseria. Os níveis de vida e industriais de 1936 tardaron trinta anos en se recuperar, por mor da neglixente actuación do franquismo nas súas políticas económicas, nomeadamente as da autarquia (1939-1957).
As mulleres, en claro proceso de emancipación na II República, foron recluídas outravolta no fogar e vetada en xeral a súa incorporación á vida económica, cultural e educativa até moi entrados os anos 60 do século XX. A personalidade nacional de Galicia, a súa lingua e a súa cultura foron severamente reprimidas ou esquecidas na longa noite de pedra que cantou o poeta nacional Celso Emilio Ferreiro. Por outra banda, a política de promoción educativa da II República foi desmontada e centos de mestres depurados.
Os holandeses tamén pasaron fame no inverno de 1945. Mais moi axiña o país estaba recuperado económica e socialmente. Porén, isto non pasou na Galicia. Para Galicia o franquismo foi un tsunami catastrófico.