Atila en Galicia

É evidente que o réxime franquista foi ilexítimo, en canto que naceu dunha rebelión militar contra o lexítimo Goberno da República. Esta orixe determina o seu carácter de réxime de facto, privado da lexitimidade do Dereito. Velaí a case unánime censura internacional de 1946 (vetando o acceso do réxime á ONU e os seus organismos sectoriais), logo atenuada pola guerra fría.
Peor foi a ilexitimidade no exercicio. Na Galicia non houbo guerra nin máis violencia ca a dos sublevados. Malia esta circunstancia, Nomes e Voces calculou en 4.699 as persoas asasinadas, entre elas Alexandre Bóveda, Pepe Miñones, os catro gobernadores civís e os alcaldes da Coruña, Compostela, Ferrol e Vigo canda outros vinte e dous dos principais concellos galegos. Tamén os principais mandos militares: o almirante Azarola e os xenerais Salcedo e Caridad. A represión económica foi brutal. 15.000 persoas foron sancionadas economicamente polas súas ideas, milleiros encarcerados e depurados do seus empregos.
Outros milleiros apartados da sociedade, da Universidade e do emprego público, mortos en vida, como o caso do avogado compostelán Rajoy Leloup.
Galicia vivira un moi importante desenvolvemento económico, social e cultural entre 1900 e 1936. Despois da guerra sofriu a fame en todo o seu rigor. As cidades perden poboación e dase un fenómeno de reruralización. Só a emigración dende os primeiros 50 salvou ducias de milleiros da miseria. Os níveis de vida e industriais de 1936 tardaron trinta anos en se recuperar, por mor da neglixente actuación do franquismo nas súas políticas económicas, nomeadamente as da autarquia (1939-1957).
As mulleres, en claro proceso de emancipación na II República, foron recluídas outravolta no fogar e vetada en xeral a súa incorporación á vida económica, cultural e educativa até moi entrados os anos 60 do século XX. A personalidade nacional de Galicia, a súa lingua e a súa cultura foron severamente reprimidas ou esquecidas na longa noite de pedra que cantou o poeta nacional Celso Emilio Ferreiro. Por outra banda, a política de promoción educativa da II República foi desmontada e centos de mestres depurados.
Os holandeses tamén pasaron fame no inverno de 1945. Mais moi axiña o país estaba recuperado económica e socialmente. Porén, isto non pasou na Galicia. Para Galicia o franquismo foi un tsunami catastrófico.

Fiscalidade regresiva

Entre o 2007 e o 2017 equiparáronse o PIB e a recadación fiscal, despois da Grande Recesión. Fronte aos 200.000 M€ do 2007 o Estado español recadará algo máis de 198.000 M€ no 2017. Mais a distribución dos ingresos fiscais é moi diferente. No IRPF a recadacion subirá até case 77.000 M€ dende os 72.614 M€ do 2007. No IVE subirá dos 57.850 M€ do 2007 até os case 66.900 M€ do 2017. A fiscalidade sobre as familias medrou do 73,8% do 2007 até o case 87,3% do 2017.
Mentres, o Imposto de Sociedades (IS) non sobardará os 23.500 M€, ben lonxe dos 44.823 M€ do 2007. É dicir, o Estado español aínda non recuperou case a metade dos impostos (máis de 21.000 M€; uns 500 € por residente) que percebiu das empresas españolas no 2007, cando neste tempo incrementou nun 11,5% a súa recadación ás familias por impostos directos ou indirectos. Con este déficit polo IS cubriríase o custo todo das prestacións por desemprego no 2017 (18.300 M€, aproximadamente) e aínda abondarían 3.000 M€ para mellorar as pensións. Ou pagaríanse nun 70% os xuros anuais da débeda pública española, que acadan os 30.000 M€. O que quere dicir que estes 21.000 M€ poderían darlle unha reviravolta á atención sanitaria, educativa, da dependencia e dos servizos sociais. É dicir, poderían mellorar substancialmente as cousas importantes.
É certo que as empresas poden compensar fiscalmente bases impoñíbeis negativas dos últimos catro anos, mais no 2017 e 2018 xa haberíamos ver case todas estas bases compensadas. Porén, o que resulta moi rechamante é que, cun tipo fiscal do 25% sobre os beneficios, as pemes paguen un 12,2 % do seu beneficio neto contábel fronte ao 7,3% das grandes empresas. Mentres, os traballadores pagan o 14,9% dos seus ingresos netos.
Xa que logo, cómpre revisar a fiscalidade corporativa para axeitar a xeración do beneficio á recadación fiscal. Porque, no Estado español, hoxe en día, o sistema fiscal corporativo vulnera o principio constitucional que establece que ha achegar máis quen máis gañe.

A ARRINCADEIRA: Pepe Miñones
O Concello coruñés vén de homenaxear Pepe Miñones Bernárdez, republicano de centro corcubionés asasinado legalmente polo franquismo en decembro de 1936. Creou a Electra Popular Gallega, que logo mercaría de saldo Barrié para Fenosa. A traxedia de Miñones expresa dun xeito singular o xorne violento e represivo do réxime nado no 1936.