A axenda galega: as infraestruturas ferroviarias

Cómpre continuarmos a debullar a fenda de oportunidade que a conxuntura política actual xerou a prol da axenda galega. Falamos xa de financiamento autonómico e de autogoberno e agora correspóndelle a quenda ás infraestruturas ferroviarias. Velaí as prioridades:
1.- A conexión galega co Corredor europeo atlántico de mercadorías.
Ten dito Ana Pontón (BNG), xefa galega da oposición, que “quen non estea nas redes europeas de transporte será un cero á esquerda”. Porque en verdade quen non estea conectado á rede transeuropea de transportes, que integra nove corredores para o transporte de mercadorías e persoas, non existirá. É dicir, os portos da Coruña, Ferrol ou Vigo non existirán na Europa, malia o esforzo investidor das últimas décadas, se non acadamos este fulcral obxectivo conectando con León a medio do hub de Monforte de Lemos. A UE esixe o largo de vía europeo e máis o sistema europeo de seguranza ERTMS (que tería evitado o accidente de Compostela no 2013). Galicia pode contar aquí coa alianza con Euskadi, Aquitania, Bretaña, Asturies e Cantabria nunha aposta esencial polo noso futuro.
2.- A alta velocidade con Portugal.
Portugal desbota a conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid e prioriza a liña Lisboa-Porto-Braga-Valença-Galicia, que quere rematar cara o 2030. Até de agora Pedro Sánchez, sen desbotar frontalmente esta opción, defendía, canda o Madrid económico e demais elementos do deep state, a conexión Lisboa-Madrid. O Estado español ten de facer moi pouco nestes seis ou sete anos. Só 25 kms da saída sur de Vigo e 2,5 kms da parte que lle cómpre da nova ponte sobre o Miño. Arestora seica xa se está a redactar polos seus adxudicatarios o estudo informativo da devandita saída sur.
O espazo urbano entre Ferrolterra-Ortegal e Sétubal, con máis de dez millóns de habitantes, é dos tres máis poboados do Estado, canda o mediterráneo e o da rexión de Madrid. A integración deste espazo a medio da alta velocidade e a conexión dos portos da súa longa costa racharán o seu actual carácter semiperiférico no contexto europeo.
3.- Eixo Ourense-Monforte-Lugo.
A conexión ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo é moi importante para garantir a vertebración da Galicia interior tanto no que atinxe ás persoas viaxeiras canto ás mercadorías. Constitúe, ademais, unha infraestrutura complementaria e totalmente compatíbel co corredor europeo atlántico.
4.- Conexión A Coruña-Betanzos-Ferrol e liña Ferrol-Ribadeo
A área urbana de Ferrol precisa da súa conexión á alta velocidade que remata na Coruña e o seu porto da súa integración co Corredor atlántico europeo. Canto á conexión ferroviaria da costa norte (Ferrol-Ribadeo, actualmente incomunicada de feito pola catástrofe do servizo de FEVE) constitúe unha aposta de futuro esixida polo dinamismo da economía destas bisbarras e a súa vocación transcantábrica.

Priorizarmos o eixo atlántico

Nin é a primeira nin ha ser a derradeira vez que se expoña a prioridade do eixo Ferrolterra/Ortegal-Coruña-Compostela-Arousa-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa-Setúbal para vertebrar o noso futuro económico. Porque a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunta 6 millóns de habitantes e algúns dos principais portos de toda a fachada atlántica europea, privilexiados hubs do tránsito marítimo entre a Canle de Panamá e a América atlántica coa Europa atlántica.
Mais as potencialidades do eixo atlántico non rematan para nós, con ser tan importantes, no peirao de Leixões, nos cais de Porto e Vila Nova de Gaia ou no aeroporto Sá Carneiro portuense, senón que acadan os esteiros do Tejo e máis do Sado, as áreas urbanas de Lisboa e de Setúbal, nunha conurbación de 10 millóns de habitantes que fai parte das primeiras corenta megarrexións urbanas do mundo, como vén de nos aprender o grande economista galego Joám Lopes Facal.
Velaí por que haxa que priorizar a vertebración ferroviaria deste eixo atlántico, nomeadamente o treito Porto-Vigo no canto de obras faraónicas pouco rendíbeis, como é a conexión directa da liña de alta velocidade de Vigo con Madrid, cando conectando por Compostela o atraso será só de 15’. A conexión da alta velocidade coa Meseta é un proxecto case rematado malia que non é a nosa principal prioridade, moito máis nunha nova andaina europea moito máis industrial que turística. Mais perdamos os mínimos esforzos neste proxecto que vai funcionar moito máis en termos de baleiramento peninsular a prol do centro radial de Madrid que en ningunha outra chave.
Evidentemente Galicia precisa inrcoporar o interior galego a esta estratexia, nomeadamente potenciando os eixos Lugo-Ourense e Lugo-Compostela, ao tempo que vai vertebrando ese grande corredor cantábrico polo que nin Madrid nin as outras autonomías do Norte semellan apostar.
O alcalde do Porto, Rui Moreira, vén de defender a conexión ferroviaria urxente Porto-Vigo, xusto unhas semanas despois da ferreña defensa desta liña que fixo o Goberno portugués fronte ao Goberno do Estado PSOE-UP que prioriza a liña directa Lisboa-Madrid, que para nada interesa aos portugueses. Vén de defender tamén unha colaboración directa con Compostela, mesmo na vertebración aeroportuaria da eurorexión. E denuncia o isolacionismo de Abel Caballero (recreante da pailá cidade-estado coruñesa de Paco Vázquez dos 80-90 do século pasado), cando Vigo habería ser a peza fulcral do mecano de colaboración galego-portuguesa.
Madrid amoreou case o 45% do investimento estatal entre 1988 e 2018 e vai camiño de baleirar todo o interior español, como xa baleirou a Meseta agás núcleos como Valladolid ou Burgos. A vacina para sobrevivirmos é priorizarmos o eixo atlántico e, canda ela, a focaxe portuaria e europeo-americana e o reactivamento industrial desde as nosas vantaxes comparativas enerxéticas, tecnolóxicas e e capital humano.
Na focaxe radial madrileñocéntrica Galicia está condenada á irrelevancia e á dependencia. Priorizando os eixos atlántico e cantábrico Galicia daralle oportunidades aos seus recursos portuarios e industriais e terá futuro de seu.

Un bo trato para Galicia

Artigo publicado en Luzes o 15 de xaneiro de 2020. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Dicía Lord Palmerston que os países non teñen amigos nin inimigos, senón intereses. Galicia como vello país europeo non constitúe ningunha excepción exótica. Na negociación do pacto de investidura do socialista Sánchez Pérez-Castejón o BNG tivo dous acertos importantes:
1. Primeiro amosar unha rapidez de reflexos pouco común na historia recente dunha organización moitas veces pexada pola falla de capacidade para decidir coa inmediatez que esixen uns nosos tempos máis gasosos que líquidos. O venres 3 de xaneiro coñecíase o veto dos cántabros do PRC e a posibilidade certa do voto en contra da deputada canaria Ana Oramas (CC). O BNG acadou ese serán uns acordos sobre unha axenda moi mallada xa nas negociacións de semanas anteriores, malia que até o tremor de pernas socialista desa sexta feira había moitas propostas galegas pouco asumidas aínda polos de Ferraz.
2. Despois, priorizar unha axenda galega de intereses nacionais absolutamente nacional e interclasista. No informativo Bos días da TVG, o mércores 8, tanto o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) como o secretario xeral nacional de CC.OO.-Galicia coincidiron nas súas prioridades sociais e estas eran as pactadas polo BNG para investir a Sánchez o venres 3. O BNG priorizou os intereses nacionais (tamén das maiorías sociais) sobre os de clase, e amosou un fondo coñecemento dos problemas sectoriais do país para efectivizar as medidas precisas para a posta en marcha da axenda.
Malia estas positivas realidades, a complexidade da formación das maiorías, os distintos intereses territoriais e sociais en xogo e a demostrada falla de sentido común (nomeadamente agravada dende as eleccións de 2015 até de agora) das esquerdas españolas coaligadas no novo Goberno, poñen en risco o cumprimento minimamente satisfactorio desta axenda e esíxelle ao BNG unha actitude vixiante e externa («eéste non é o noso Goberno» dixo no debate de investidura o deputado do BNG Néstor Rego), ben afastada das adhesións de partidos que non partillan no novo Goberno, como Más País, Compromís e mesmo Nueva Canarias.

Ampliarmos o autogoberno
No eido dos acordos concretos o pacto dispón transferir a totalidade de competencias pendentes no Estatuto (sic; o que cómpre transferir son os medios e servizos adscritos, pois a competencia perténcelle a Galicia dende a aprobación do Estatuto) e mais as competencias estatais reclamadas consensuadamente polo Parlamento no pasado.
Poucas cousas ilustrarán máis a lóxica trampulleira do unionismo que a constatación desta realidade: España leva incumprindo a lei con Galicia 39 anos!! Sectores da actividade pública atribuídos ao poder galego en virtude do Estatuto de 1981 están aínda retidos polo Estado. Son, basicamente, as materias acordadas polo vicepresidente Anxo Quintana co Goberno do Estado na Comisión Mixta de Transferencias I(CMT) de decembro de 2008, e que foron inmediatamente arrumbadas no esquecemento por Núñez Feijóo e o responsábel sectorial Rueda Valenzuela. Nomeadamente museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados autonomicamente), xestión de bolsas de estudo e Inspección de Traballo.
Mais tamén se reflicte a transferencia de competencias estatais que foran obxecto no pasado de reivindicación consensuada dende o Parlamento de Galicia. Esta cláusula é susceptíbel de activar a transferencia ou delegación estatal, vía lei orgánica, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución, de competencias moi importantes. Dende logo, o tráfico e seguranza viaria (coa atribución da Policía de Tránsito) e a xestión da AP9, porque estas foron obxecto de cadansúa proposición de lei, aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Rexeitada polo Congreso, no caso do tráfico, e caducada nesa cámara no caso da AP9. Mais na CMT deseñada no noso Estatuto, partillan cadansúa representación dos grupos parlamentarios todos do Pazo do Hórreo. Velaí que toda proposta de Galicia no pasado en sede de CMT (conselleiro Pita co ministro Sevilla (2004), vicepresidente Quintana co ministro Sevilla (2006), vicepresidente Quintana coa ministra Salgado (2007 e 2008) poida interpretarse, para os efectos do pacto de investidura, como «competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego». Son os supostos do salvamento marítimo, o ordenamento do litoral e xestión do dominio público marítimo-terrestre e da bacia Miño-Sil, a ordenación do sector pesqueiro en augas exteriores, a meteoroloxía e os institutos estatais de investigación mariña na Galicia.
En calquera caso, pactouse que sexa na bilateralidade da CMT onde se concreten os procesos correspondentes, prevéndose convocar este órgano no actual primeiro trimestre de 2020. Todo isto no horizonte do pulo «…ás reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza…», garantíndolle a Galicia o mesmo status que Catalunya e Euskadi, no suposto de calquera modificación futura da estrutura territorial do Estado.

Infraestruturas básicas, ambientais e produtivas
Canda a transferencia prevista para o 2020 da AP-9, e mais a gratuidade do treito Vigo-Redondela, prevé garantírselles aos usuarios un mínimo do 100% da peaxe de retorno no caso de usuarios (tanto consumidores como profesionais) recorrentes. Subvención que habería fornecer a Administración do Estado tras a aprobación dos Orzamentos de 2020.
No eido das infraestruturas ferroviarias está prevista a modernización dos treitos A Coruña-Ferrol, Vigo-Raia portuguesa, FEVE Ferrol-Xixón e Ourense-Lugo, a conexión ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña e a garantía orzamentaria para a ampliación do Corredor Atlántico europeo co itinerario A Coruña e Vigo-Ourense-León.
Tamén se contempla o reactivamento da dragaxe e recuperación da ría coruñesa do Burgo, a reversión e ulterior recuperación dos terreos de ELNOSA en Pontevedra e mais o traslado da planta de ENCE.
Capítulo importante é o da compatibilización da transición enerxética coas necesarias compensacións sociais e territoriais. Albíscase a incorporación das centrais térmicas das Pontes e Meirama-Cerceda ás estratexias de reindustrialización das rexións mineiras, en igualdade de trato cos procesos até o de agora privilexiados de Aragón, Asturies e Castela e León. E infírese a participación dos sindicatos máis representativos do país nos órganos de supervisión da transición enerxética.
Así mesmo, ocupa un lugar privilexiado no acordo de investidura o Estatuto de Empresas Electrointensivas, coa finalidade de diminuír a factura eléctrica destas coa esixencia correlativa de investimentos destinados ás empresas para reducir o impacto ambiental e ampliar o emprego directo. Garántese tamén aquí a participación dos sindicatos máis representativos de Galicia. E recóllese o estudo dunha futura compensación tarifaria para todos os consumidores dos países produtores de enerxía, como Galicia.
Cómpre salientar tamén os compromisos dunha axenda reindustrializadora, con nomeada atención á industria naval, a participación do Estado no 50% dos custos do sistema de dependencia (prevista legalmente dende 2006 e nunca cumprida) e mais a creación de Xulgados de Violencia contra a Muller en Compostela, Lugo e Ourense.

Un bo trato
Tendo en conta as circunstancias da negociación, e o único voto que achegaba o BNG a avaliación do pacto ha ser positiva. Sen dúbida ningunha é un bo trato.
Mais é sabido que as persoas máis semellantes aos españois de dereitas son os españois de esquerdas. O PSOE, nomeadamente, ten unha dinámica moi característica de atender cando precisa dun e esquecer os seus compromisos cando xa non lle cómpre. Os compromisos adquiridos precisarán da súa execución, actualización e seguemento, nomeadamente na negociación da lei de Orzamentos de 2020 e posteriores. Para isto precísase dun BNG inequivocamente na oposición construtiva, representando intereses nacionais e interclasistas e alleo á dinámica dunha coalición progresista de goberno que constitúe, simplemente, un mal menor. Moito menor, si. Mais, de todos os xeitos, un mal menor.