Pandemia e gobernanza territorial. A disfuncionalidade e a ineficacia do Mando Único

Artigo publicado en Luzes e no blog do Instituto Cornide. A versión orixinal pode verse e descargarse aquí: Pandemia e gobernanza territorial. A disfuncionalidade do Mando Único estatal.

Coordinación, non Mando Único

Fronte a esta pandemia cómpre colaborar globalmente asumindo as directrices da autoridade científica da Organización Mundial da Saúde (OMS). Precisamos tamén dunha actuación coordinada moi potente desde a Unión Europea e dunha cooperación e coordinación en tempo real en todo o Estado.
Mais coordinación non implica Mando Único. A asunción deste desde o 15-M polo Ministerio de Sanidade (MS) non achegou vantaxes, senón graves pexas. Fracasou a centralización da merca de equipas de protección (EPI), respiradores mecánicos e outro material sanitario. En toda a semana o MS non foi quen de fornecer este material, curtando as vías de subministración antes abertas polas Administracións sanitarias autonómicas. Incautáronse máscaras nas empresas destinadas ás Administracións sanitarias catalá e andaluza, mentres a Xunta denunciaba non ter recebido máis que 10.000 en nove días. A mediados da semana o MS devolveulle ás Administracións autonómicas a capacidade de mercar este material.
O mesmo pasou cos tests dos positivos. O 15-M o MS prohibiu facerlle estas testaxes a doentes leves, desautorizando os Gobernos autonómicos. A OMS recomendou “test, test, test” e arestora decidiuse facer todos os posíbeis, como xa seguiron facendo algunhas autonomías.
A eficacia require, pola contra, de incrementar a marxe de autonomía das equipas directivas e médicas das Áreas Sanitarias e Hospitais. Porque xa dixo Jaume Padròs, Presidente do Colexio Médico de Barcelona, que o MS descoñecía os recursos e necesidades de cada territorio.
Canto á actuación de control cidadán, adoptáronse linguaxes e decisións absurdamente militaristas, cando quen coñece mellor o territorio e á poboación son as policías de proximidade e os seus Mandos orgánicos e políticos. A Unidade Militar de Emerxencias ten unha operatividade técnica, mais as forzas militares como substitutos da policía non teñen sentido.
O problema é de eficacia operativa, si, mais nace dos prexuízos ideolóxicos centralistas dos altos cargos da Administración do Estado. No canto de aproveitar as vantaxes do Estado autonómico, de facer coordinación en rede, aplícase a teoría dun único cerebro que coñece todo e decide todo. É a mesma mentalidade que lles impediu confinar en tempo Madrid ou permitir que os distintos territorios gradúen as súas respostas en función das necesidades locais, como están a facer Alemaña e Suíza.
De certo que o estado de alerta precisa da prórroga que propón o Goberno do Estado. Mais ben faría Sánchez en lle propor ao Congreso estatal a reforma da lexislación excepcional devolvendo as competencias autonómicas e mesmo reforzándoas, atribuíndolle aos Gobernos territoriais a autoridade delegada para agravar e, no seu caso, modular as medidas de confinamento.