Pandemia e gobernanza territorial. A disfuncionalidade e a ineficacia do Mando Único

Artigo publicado en Luzes e no blog do Instituto Cornide. A versión orixinal pode verse e descargarse aquí: Pandemia e gobernanza territorial. A disfuncionalidade do Mando Único estatal.

Centralismo e militarización

Os días 11-M e 12-M, con menos de 2.200 casos en todo o Estado, o Goberno central habería ter decretado o estado de “alarma”, pechando a rexión de Madrid. Unha rexión que actuou nas semanas seguintes como auténtica centrifugadora de contaxios. Tampouco blindou Galicia nin lle permitiu á Generalitat pechar Catalunya.
O estado de “alarma” non chegou até a noite do sábado 14-M e baseouse nun Mando Único estatal (pedido polo PP estatal o 13-M). Mais o Ministerio de Sanidade estaba falto de medios persoais despois de máis de 25 anos sen desenvolver xestión (1.200 empregados vs 500.000 autonómicos) e non tiña experiencia ningunha canto a provedores e canles de comercialización e loxística. Catro días despois o Ministerio permitiu de feito que as CC.AA. e outros operadores seguisen a mercar material de protección individual (EPI’s) e respiradores, mais o dano xa estaba feito, porque as canles de fornecemento estaban xa ateigadas de pedimentos internacionais.
Seguiu o conto coa desaquelada (e tamén revogada) prohibición de tests para casos leves e coa entrega directa de máscaras aos concellos e cidadáns, no canto de facelo a medio das CC.AA, que son as que coñecen as necesidades. E agora coa oposición do Goberno do Estado a que sexan os Gobernos nacionais e autonómicos os que dirixan a fase de volta á normalidade, cando son os que coñecen territorio, poboación, actitudes e costumes sociais.
Pasou o que pasou e non é casualidade, senón que resposta a unha concepción centralista dos problemas, necesidades e solucións, quer na normalidade, quer na emerxencia, que partillan PSOE, PP, Cs e IU-Podemos. Partidos que teiman en impor a tradicional radialidade española (reactivada no económico nos últimos vinte anos). Desprezando por periféricas as opinións de científicos moi ben recoñecidos na Europa e máis vencellados á divulgación científica en cadanseus países, como o galego Jorge Mira ou o catalán Oriol Mitjà. A ciencia verdadeira só pode estar en Madrid, segundo os unionistas.
Diante da falla de estrutura humana dos Ministerios, que adoitan non ter quen lles escreba, Pedro Sánchez optou polos militares e policías estatais como aparello estatal, desprezando as Administracións autonómicas e locais. Na Europa toda non hai mandos militares comunicando nas roldas de prensa, só hai políticos e científicos. Nos Estados federais europeos (Alemaña, Suíza, Austria…) as decisións adóptanse coordinadamente e execútanse de xeito diferente en cada territorio polos seus Gobernos autónomos. Mais Spain is different.
As FF.AA. están para defender militarmente, non para facer de policías, profesión que require dunha formación teórico-práctica moi específica. E tampouco para facer de protección civil. A Unidade Militar de Emerxencias (UME), como os Plans estatais plurianuais de vivenda, son expresións da recentralización estatal de recursos que haberían estar transferidos ás CC.AA., lexítimas titulares da competencia. No canto de termos un grupo en León para lle dar servizo a 8 millóns de persoas, teríamos un amplo servizo no noso país duns 150-180 profesionais a coordinar pola Axencia Galega de Emerxencias cos axentes forestais, vixiantes ambientais, bombeiros e servizos de extinción de lumes.

Relato de País

Algúns lectores fixéronme chegar as súas achegas a respecto do artigo da semana pasada sobre a Marca-Galicia. E unha delas, dunha cidadá da Mariña luguesa, resume aqueladamente o sentido xeral destas: “Xoán, está ben facermos unha Marca-País, pero eche ben máis importante termos un Relato de País”.
E si, á sociedade galega cúmprelle un relato para respostar as preguntas “quen somos?” e “onde imos?” de xeito que unha ampla maioría da cidadanía galega poida reflectirse nel. E teño para min que un tal relato habería pensar máis en ofrecer propostas en positivo ca resistencialismos ou definicións “en contra”. Tamén por proxectar os nosos valores de modernidade e os nosos campións científicos, empresariais e tecnolóxicos. Galicia é o País onde remata o camiño, principal itinerario cultural europeo. É o País dos cientificos Ángel Carracedo e Jorge Mira, dos deportistas Raña, Gómez Noya ou Verónica Boquete. E de Inditex, coas súas luces e, tamén, coas súas sombras.
Este relato habería ser inclusivo: Galicia é plural e un tal relato habería integrar e interpretar esta pluralidade. O que esixe unha grande cordialidade e apertura a respecto de España e dos demais países europeos e iberoamericanos. Mais tamén por copiar dos modelos que interesan. E eses non pasan hoxe, de certo, por ollar cara Madrid, senón por aprender democracia directa e participación cidadá dos suízos e californianos, de explotacións forestais dos suecos, do fomento das exportacións dos vascos, de ordenar o territorio e potenciar o turismo dos escoceses ou de explotar os portos de flamengos e holandeses.
Este relato habería apostar pola cohesión social. A educación e sanidade públicas e os servizos sociais de calidade son conquistas que definen un modelo de sociedade orientada á convivencia e ao equilibrio. Un tal relato habería apostar polo equilibrio e declarar á exclusión social como o maior inimigo público.
Este relato apostaría, en fin, por unha Galicia con vocación de concorrencia no mundo con voz propia, como país de noso e non como provincia ou rexión. O que obrigaría a definir os instrumentos políticos de integración do País na Unión Europea e no Estado, como mínimo dende esquemas de soberanía partillada. Esixíndoos dende a firmeza máis cordial.