A nosa vocación atlántica

Galicia carece de política exterior desde que goberna Feijóo e isto fainos máis periféricos e máis irrelevantes, pois que a España do réxime de 1978 alicérzase nun grande hub financeiro, institucional e político na rexión madrileña que baleirou a Meseta e vai camiño de baleirar as periferias peninulares. Madrid desfruta das vantaxes todas do efecto capital, de grandes investimentos públicos e do poder rexional para facer dumping fiscal.
Portugal refugou da rexionalización no 1998, mais arestora o bo facer municipal e institucional do Porto está a compensar parcialmente o centralismo lisboeta-lusitanista, facendo da cidade portuense un emerxente empresarial. Mentres, o país exerce unha gobernanza que abre Portugal aos investimentos empresariais e mellora as prestacións sociais e a calidade da democracia portuguesa. Portugal non quere apostar polo eixo ferroviario Lisboa-Madrid, senón polo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, que constitúe o primeiro repto para as infraestruturas dunha Eurorrexión, que con seis millóns de habitantes amosa unha dimensión acaída para a atracción do coñecemento e do investimento, arredor da área portuense, desde logo, mais apuntando cara a unha área Miño-Vigo que xoga a carreira da nova automoción e á área coruñesa que está a xerar un grande desenvolvemento das TIC desde a dixitalización do Grupo Inditex e outras novas iniciativas TIC das que haberemos falar polo miúdo.
Mais a nosa vocación atlántica non remata na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nin na grande Portugaliza. Euskadi, Bretaña, Poitou, Aquitaine e Castela-León veñen de reclamar a necesidade da conexión dos territorios atlánticos todos ao Corredor europeo de mercadorías como acceso ao conxunto da Unión Europea. Un Corredor que viabilizaría a conversión dos nosos portos no grande hub do Occidente europeo entre Mar do Norte-Canle da Mancha e a nova Canle de Panamá.
Cómpre ollarmos máis cara Portugal e os territorios atlánticos europeos e menos cara Madrid e o seu centripetismo. Velaí, pois, a importancia de iniciativas como a da Rede Mundo Atlántico que vén de nacer, con sede na Coruña, Vigo e o Porto, partillando partenariado coa Associaçâo Empresarial Portuense (AEP), a primeira organización económica de Portugal e cunha tripla vocación: horizontalidade dixital en rede fronte á burocratización xerárquica, independencia dos Poderes políticos e creación de valor.
Precisamos de máis Rede e de máis integración con Portugal e o mundo atlántico e de menos sistemas de Poder nos que un só cerebro sabe e goberna todo.

Priorizarmos o eixo atlántico

Nin é a primeira nin ha ser a derradeira vez que se expoña a prioridade do eixo Ferrolterra/Ortegal-Coruña-Compostela-Arousa-Pontevedra-Vigo-Porto-Lisboa-Setúbal para vertebrar o noso futuro económico. Porque a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunta 6 millóns de habitantes e algúns dos principais portos de toda a fachada atlántica europea, privilexiados hubs do tránsito marítimo entre a Canle de Panamá e a América atlántica coa Europa atlántica.
Mais as potencialidades do eixo atlántico non rematan para nós, con ser tan importantes, no peirao de Leixões, nos cais de Porto e Vila Nova de Gaia ou no aeroporto Sá Carneiro portuense, senón que acadan os esteiros do Tejo e máis do Sado, as áreas urbanas de Lisboa e de Setúbal, nunha conurbación de 10 millóns de habitantes que fai parte das primeiras corenta megarrexións urbanas do mundo, como vén de nos aprender o grande economista galego Joám Lopes Facal.
Velaí por que haxa que priorizar a vertebración ferroviaria deste eixo atlántico, nomeadamente o treito Porto-Vigo no canto de obras faraónicas pouco rendíbeis, como é a conexión directa da liña de alta velocidade de Vigo con Madrid, cando conectando por Compostela o atraso será só de 15’. A conexión da alta velocidade coa Meseta é un proxecto case rematado malia que non é a nosa principal prioridade, moito máis nunha nova andaina europea moito máis industrial que turística. Mais perdamos os mínimos esforzos neste proxecto que vai funcionar moito máis en termos de baleiramento peninsular a prol do centro radial de Madrid que en ningunha outra chave.
Evidentemente Galicia precisa inrcoporar o interior galego a esta estratexia, nomeadamente potenciando os eixos Lugo-Ourense e Lugo-Compostela, ao tempo que vai vertebrando ese grande corredor cantábrico polo que nin Madrid nin as outras autonomías do Norte semellan apostar.
O alcalde do Porto, Rui Moreira, vén de defender a conexión ferroviaria urxente Porto-Vigo, xusto unhas semanas despois da ferreña defensa desta liña que fixo o Goberno portugués fronte ao Goberno do Estado PSOE-UP que prioriza a liña directa Lisboa-Madrid, que para nada interesa aos portugueses. Vén de defender tamén unha colaboración directa con Compostela, mesmo na vertebración aeroportuaria da eurorexión. E denuncia o isolacionismo de Abel Caballero (recreante da pailá cidade-estado coruñesa de Paco Vázquez dos 80-90 do século pasado), cando Vigo habería ser a peza fulcral do mecano de colaboración galego-portuguesa.
Madrid amoreou case o 45% do investimento estatal entre 1988 e 2018 e vai camiño de baleirar todo o interior español, como xa baleirou a Meseta agás núcleos como Valladolid ou Burgos. A vacina para sobrevivirmos é priorizarmos o eixo atlántico e, canda ela, a focaxe portuaria e europeo-americana e o reactivamento industrial desde as nosas vantaxes comparativas enerxéticas, tecnolóxicas e e capital humano.
Na focaxe radial madrileñocéntrica Galicia está condenada á irrelevancia e á dependencia. Priorizando os eixos atlántico e cantábrico Galicia daralle oportunidades aos seus recursos portuarios e industriais e terá futuro de seu.

Menos mal que nos queda Portugal

A pouco máis de cen kms da raia húmida do Miño, na Gallaecia histórica, a cidade de Porto enfronta un cobizoso programa de desenvolvemento empresarial e anovamento urbano, dirixido por Rui Moreira. Un alcalde que cre na cidade e que soubo alicerzar a súa xestión en apoios amplos e transversais.
Porto constitúe unha contorna atractiva para as empresas tecnolóxicas. Vén de recibir o prestixiado World Excellence Award para a cidade europea máis amiga das startups, é dicir as novas empresas, normalmente do sector das tecnoloxías da información e coñecemento (TIC) que teñen un amplo horizonte de desenvolvemento. Un instrumento fundamental para esta contorna “business friendly” é Scaleup Porto, instrumento público nado no concello que asesora e facilita as xestións aos novos proxectos emprendedores tecnolóxicos, mentres que InvestPorto é o eficaz instrumento de atención aos investimentos inmobiliarios e os que priorizan a base física.
O banco de investimento francés Natixis vén de inagurar o seu centro de competencias tecnolóxicas e da información na cidade irmá, empregando máis de 300 persoas de elevada cualificación, que serán o duplo á fin do 2018. Os franceses fixáronse no Porto polo clima aberto ao investimento e pola existencia de xente nova ben cualificada.
Mentres, na nosa Galicia, Feijóo e o PP promoven reformas lexislativas para facilitar investimentos puramente extractivos de grandes empresas, nomeadamente na minaría, no canto de atraer investimentos tecnolóxicos e de promover as startups. E promoven Asturies e Castela e León como parceiros exteriores no canto de mirar por unha meirande integración na grande Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Un espazo de seis millóns de persoas que habería repenicar o pulo expansivo do Porto.
En realidade, ocorre que o alcalde Rui Moreira considera Porto o centro do mundo e o foco da súa atención, mentres é moi dubidoso que o presidente Núñez Feijóo pense o mesmo do país que lle encargou tres veces o seu goberno.
Como adoita dicir o catedrático da USC Rubén Lois, que dirixiu a Administración turística galega entre 2005 e 2009, “no contexto internacional a xente mira para os países e non para as provincias”.