O PP, canda Vox

O nidio trunfo do PP de Díaz Ayuso e Vox nas autonómicas madrileñas de maio xeraron de vez unha onda pro maioría dual das dúas dereitas nas enquisas para as vindeiras estatais, de xeito que case todas anuncian que Cs morre e PP e Vox obteñen unha maioría absoluta curta. Substancialmente trátase dun reasignamento de escanos, nomeadamente nas pequenas circunscricións (3, 4 ou 5 deputados) da España baleira, mais tamén hai un chisco de aliñamento coa nova mensaxe PP-Vox en determinados ámbitos do Estado español, de xeito principal na rexión madrileña e nas capitais castelás e andaluzas, sen que sexa polo de agora albiscábel este fenómeno noutras nacionalidades e sen prexuízo de que esta onda poida chegar tamén aos nosos barrios e que, mesmo sen se modificar de xeito substancial o asignamento de escanos da Galicia nunhas estatais, abonde con estas rexións, cidades e circunscricións para garantir unha maioría absoluta da dereita e da extrema dereita no Estado. O afundimento de Cs coa lei D´Hondt é unha bomba adiada.
Velaí que Casado deixase de pór os marcos que sinalou no outono de 2020 con Vox (canda o debate da moción de censura que presentaron os extremistas) e organizase unha convención itinerante para lle comunicar ao electorado que o PP de hoxe en día afástase do centro político e achégase á extrema dereita de Vox, dotándose dun discurso supremacista español e duns valores propios da guerra cultural do trumpismo USA. Neste contexto, Vargas Llosa manifestou que o importante non é votar en liberdade, senón “votar ben” e Aznar dixo que España non é “nin plurinacional, nin multinivel nin a nai que a pariu”, amosando que o seu son os valores do pluralismo político e territorial e o xorne liberal e democrático. Mentres, Vidal-Quadras certificaba o fracaso do Estado autonómico e máis a necesidade dunha remuda institucional na gobernanza territorial do Estado.
O problema é que estas diagnoses enchoupan as estruturas do Deep State (altos cargos militares, policiais e dos corpos de elite da Administración do Estado, directivos do Ibex 35 e das media madrileñas, opinadores da capital do Estado) e reforzan as tendencias recentralizadoras no político e no económico, ameazando directamente calquera política a prol do autogoberno e do desenvolvemento social e económico de Galicia e do benestar e calidade de vida da cidadanía galega.
Nestas circunstancias… que pensan Núñez Feijóo e o PPdeG desta enxurrada extremista, supremacista e autoritaria? Como cren que incidirá este binomio PP-Vox no futuro de Galicia? Que grao de adhesión e comprensión manteñen cun partido, o PP, botado ao monte do extremismo e do supremacismo?

Seica tolearon

Hai quen opina que os soberanistas cataláns de JuntsxCat e ERC trabucáronse ao non elixir como senador a Miquel Iceta para permitirlle acceder á Presidencia do Senado estatal que lle foi asignada dixitalmente por Pedro Sánchez. Xa saben, é a ladaíña á que están afeitos os soberanistas das nacións todas do Estado: tede conta, rapaces, non vos portar mal co PSOE que se non veñen os malos malísimos das tres dereitas.
Os soberanistas cataláns rexeitan, para o seu mal, unha moi boa proposta. Ficar fóra, con 22/350 deputados, da Mesa do Congreso. Pór todas as cambadelas habidas e por haber a que Puigdemont sexa candidato nas europeas e a que el e Junqueras poidan participar no debate electoral de TV3. Prohibir as lazadas amarelas -sinal de reivindicación democrática da cidadanía catalá- por consideralas mostras electoralistas da política partidista. Asistir silentes á querela da Fiscalía Provincial de Barcelona por organización criminal!!! contra cadansúas direccións de Catalunya Ràdio e TV3.
Porque Miquel Iceta (PSC) representou sempre, de certo, a terceira vía das persoas asisadas. Velaí a súa absoluta falla de vergoña allea para partillar, canda Vargas Llosa e máis a extrema dereita española, a demostración unionista do 8-Ou de 2017. E quixeron polo á fronte do Senado: un President para todos. O home da man aberta ao soberanismo catalán. Pois si.
Pensei que este PSOE de Sánchez, afeito ás labazadas de Felipe González, Alfonso Guerra, Susana Díaz et alter, mudara na obsesión en lle mercar o mapa territorial da España uninacional á dereita española. Mais vexo que estou a me trabucar. Porque Pedro Sánchez viaxa “del coro al caño” sen ser quen, malia o vento de popa que aínda recebe, a facer política.
Mentres, como ben di o galego Suso de Toro, grande parte da cidadanía catalá rachou xa (ela si de verdade) coa vella política e piden da gobernanza solucións e plans de futuro que vaian aló do regate en curto, do vaidoso amosamento e dun vitimismo que non lles encaixa na vivencia cotiá duns seus dirixentes políticos botados ao cárcere ou ao exilio.
E aínda queren que voten por Iceta. Seica tolearon.

Galicia na España aparente

Por primeira vez, quizais dende a aprobación da Constitución, dende Madrid un conxunto de líderes de opinión vencellados á Universidade, ao xornalismo, á avogacía, á política e á creación cultural (Elías Díaz, Nicolás Sartorius, José Antonio Zarzalejos, Ignacio Escolar ou Ángel Gabilondo) ven de defender “Unha España federal nunha Europa federal”, asumindo como precisa unha reforma constitucional que limite as competencias do Estado blindando as autonómicas, aposte pola unidade federal europea, garanta un financiamento autonómico xusto e equilibrado e recoñeza a identidade plural do Estado.
Das poucas sinais de lucidez da “España aparente”. Os asinantes decátanse que non se fala galego nin catalán por amolar, que o financiamento autonómico e as políticas económicas non son neutrais cos territorios e xeran graves desequilibrios entre eles ou que a recentralización prexudica a unidade europea e a gobernanza aquelada.
O problema é que estes persoeiros tiveron moita menos repercusión en Madrid ca o simultáneo manifesto centralista de Boadella e Vargas Llosa, para o que non hai problema territorial ningún, apenas a axitación do separatismo e doutras xentes de mal pensar e mal vivir. Un manifesto que sintetiza como poucos a cegueira deses superficiais inmobilistas aos que Castelao chamara hai setenta anos como “separadores”.
A reforma constitucional virá máis tarde ca cedo e os galegos teremos que pensar se queremos partillar este inmobilismo político ou aproveitarmos a oportunidade para situar os nosos intereses no centro do debate político. E resolvermos cuestións fulcrais para o noso futuro como as inxustas tarifas enerxéticas, un financiamento autonómico que asfixia á nosa sanidade e aos nosos servizos públicos ao non ponderar o espallamento e o avellentamento da nosa poboación, ou a falla de competencias para gobernar os nosos portos, aeroportos e infraestruturas e para impulsar a nosa economía.
Que Galicia poida contar. E decidir o seu encaixe no Estado e na Europa. Ou iso ou sermos Murcia ou a Rioxa.