NCG e os políticos galegos

Teñen razón PSdeG, BNG e AGE na condena ao inxustificábel adianto da poxa de NCG Banco. A UE esixía a súa venda antes da fin de 2017 e o proceso adiantouse tres anos. Velaí que só se recuperarán 1000 M€ dos 9600 públicos investidos, cando de aproveitar os tempos sinalados NCG acadaríase unha recuperación multiplicada. Malia que a inmisión do FROB na xestión do día a día do Banco galego estaba xa a eivar unha xestión racional e coherente.
AGE e BNG non foron quen de transcender da defensa das esencias para adoptar unha decisión política a respecto do concreto proceso de poxa. Comezado este, haberíanlle explicar á opinión pública que cumpría defender NCG como banco público galego (opción que era moi razoábel), mais que no curto prazo e como mal menor cumpría defender o mantemento do emprego, da rede (fulcral para evitar a exclusión financeira do noso rural), dos centros de decisión na Galicia e a supervivencia dunha opción bancaria distinta da grande banca estatal na concorrencia de servizos financeiros.
AGE e BNG (malia a reacción positiva do Xavier Vence das últimas semanas) demostraron non usar información de calidade neste proceso e enrocarse en posicións maximalistas que non resolvían os problemas urxentes do emprego, da oferta bancaria e dos centros de decisión. Das forzas galeguistas, só Compromiso x Galicia (CXG) soubo distinguir os seus obxectivos a longo prazo da necesidade de facer política no curto. Sendo os únicos que, criticando os abusos e privilexios do proceso, souberon dar apoio e cobertura á solución menos mala.
Besteiro non foi quen de modificar de vez a deriva dun PSdeG, solidario coa idea de Xosé Blanco e Fernández Ordóñez a prol da absorción de NCG por un grande Banco estatal (Blanco e Pachi Vázquez teñen dito que a súa opción era Caixabank). E Feijóo soubo xogar habilmente as súas cartas, consciente de que a desaparición de NCG nunha rede bancaria estatal íase apuntar, sen apelación, no seu debe como liquidador do sistema financeiro galego. Malia que nunca saberemos se o seu indubidábel suceso a curto prazo foi, en grande medida, xerado pola ruindade das ofertas españolas e pola chapuceira xestión dos tempos e regras por parte do FROB, que activou as alarmas da sociedade civil galega.

España non representa os intereses galegos

A eventual declaración de incompatibilidade co Dereito da UE do chamado “tax lease”, canda a prohibición para construir barcos a Navantia-Fene, que Aznar pactou coa UE para salvar Navantia das perdas xeradas pola ineficiencia andaluza e cartaxeneira, reflicten que España nunca entendeu a importancia da construción naval galega. Tampouco entendeu nunca a importancia da nosa industria conserveira, da nosa pesca e, en xeral, do carácter fulcral e estratéxico do noso sistema produtivo mar-industria.
Do mesmo xeito, a axenda española cara a negociación da Política Agraria Común (PAC) centrouse só nas producións mediterráneas (olivas, laranxas) e nos intereses das rexións latifundistas, arrumbando os intereses das nosas producións cárnicas e lácteas. Outro tanto cómpre dicir dos nosos intereses do sistema monte-madeira-industria. Mentres, tentouse impoñer dende Madrid un sistema aeroportuario dependente dese xigante que é Madrid-T4, retendo as competencias sobre uns portos que remanecen desconexos e pequenos. Cando estes, xestionados a xeito, haberían ser o grande “hub” europeo cara América no horizonte da nova canle panameña, no 2015.
Certo é que a nosa produción por habitante chega só a pouco máis do 90% da nosa renda dispoñíbel. Mais, de existirmos con voz propia na Europa, ao xeito de Estados da nosa fasquía poboacional (Irlanda, Eslovenia, os países bálticos) semella que o noso PIB tería medrado substancialmente, pois que case todos os nosos sectores empresariais nos que presentamos vantaxes comparativas foron e son sometidos a acoso e soidade. E non precisaríamos daquela ningunha caste de subsidio.
O mapa complétase co desprezo da esquerda e dereita española polas nosas Institucións de autogoberno. Velaí o rexeitamento de Fernández Ordóñez e da montorista Marta Fernández Currás a compareceren diante do Parlamento deste País. Quizais tamén para non ter que recoñecer que, canda a mala xestión dos seus dirixentes galegos, a inviabilidade da fusión das Caixas tivo algo a ver coa proa do PP e PSOE estatais a respecto da pervivencia de toda entidade financeira galega.
O peor de todo é que, cun 5% do PIB e cun 6% da poboación estatal, isto non vai mellorar. Velaí que sexan o autogoberno e o dereito á diferenza as mellores armas para sermos economicamente viábeis.

A ARRINCADEIRA: Yes Scotland
Escocia camiña cara ao seu referendo de autodeterminación de 2014. Moitos escoceses levan gravado a lume que o Goberno de Westminster informara de que Escocia era un país pobre e subsidiado, contabilizando os ingresos do petróleo do Mar do Norte como xerados por un novo territorio chamado “plataforma continental” e distinto de Escocia. Até a lei de transparencia os escoceses non puideron saber do engano do Goberno británico.

A CRTVG é un servizo público

Os representantes do pobo galego crearon por unanimidade, no 1984, a CRTVG como instrumento fundamental para a normalización lingüística, cultural e informativa deste País. No 1999, outro Parlamento, tamén unanimemente, encargoulle a función de axente mobilizador do sector audiovisual e das industrias culturais, que xeran un 2,5% do PIB galego.
Nestes máis de 25 anos, canda moita luz e novidades, existiron sen dúbida sombras e despropósitos na xestión da Radio e TV públicas de Galicia. Mais a CRTVG non se atopa na creba técnica do Canal Sur andaluz ou do Canal Nou valenciano. Nin resposta ao exclusivo desexo de contar cun altofalante gobernamental, como a Telemadrid que goberna a ultradereitista Esperanza Aguirre.
Xa que logo, a reforma lexislativa que promove o Goberno do Estado, que obrigará ao equilibrio orzamentario das TV autonómicas que continúen en réxime de xestión directa, non se lle debería aplicar á nosa Radio e TV públicas. Pero, asemade, constitúe unha violación inconstitucional das competencias autonómicas. Porque crear unha radio e TV publicas é unha competencia exclusiva de Galicia, recoñecida no Estatuto.
E, nese marco, temos dereito a definirmos se pagamos a nosa Radio e TV públicas con publicidade, a medio dunha contribución publica (de certo ponderada ao que esixan as circunstancias económicas) ou mesmo a unha taxa ou canon polo seu uso, ao xeito do Reino Unido.
Velaí como o PP estatal e, en xeral, a opinión madrileña amosan que non entenden a pluralidade do Estado e as singularidades galega, catala e vasca. Métanlle man ás TV de Madrid ou Murcia e deixen que os galegos gobernemos na RTVG.

A ARRINCADEIRA: MAFO CONTRA NG BANCO
NG Banco e o seu plan de recapitalización parcial teñen dous grandes inimigos: o gobernador Fernández Ordoñez e o ministro De Guindos. Semella que MAFO quere regalarlle o noso Banco ao BBVA antes de marchar do cargo, en maio. E De Guindos quere activar a poxa de NG Banco o mes vindeiro. Castellano precisa de tempo para que desapareza Mafo da escena e Rajoy controle ao seu Ministro. Terá Rajoy o valor e sentido común a facelo? Se a totalidade do NG Banco vai á pública poxa o grande responsábel será Mariano Rajoy.